Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Venres, 09 de xuño de 2000 Páx. 8.950

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se aproba o proxecto de execución ramal a Ordes, promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Área Central, 31-I, 15703 Santiago de Compostela, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Por Orde do 25 de setembro de 1998 a Consellería de Industria e Comercio outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a concesión administrativa para a prestación de servicio público de subministración de gas natural para usos industriais no termo municipal de Ordes, provincia da Coruña, concesión que deveu en autorización conforme establece a disposición adicional sexta da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

Segundo.-Con data 25 de marzo de 1999, a referida empresa solicitou, ó amparo do establecido nos artigos 89.3º e 104 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, a aprobación do proxecto de instalacións ramal a Ordes, así como a declaración de utilidade pública das mencionadas instalacións, xuntándolle á dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións, que foi redactado conforme o esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

O trazado afecta ó termo municipal de Ordes, e as características das instalacións serán as seguintes:

Tendido dunha conducción de polietileno a media presión B (MPB), desde a posición I-017 do gasoducto Vilalba-Tui, propiedade de Enagás ata o P.E.G.N. situado no Parque Empresarial de Ordes. Instalación dunha válvula final de liña no P.E.G.N. en Ordes. Tendido de conductos de polietileno (tritubo) con idéntico trazado ó da conducción de gas descrita no proxecto para a instalación, no seu momento, dunha rede de telecomunicacións por fibra óptica.

A lonxitude total do ramal é de 6.180 m.

O orzamento ascende a 69.816.354 ptas.

Terceiro.-Esta dirección xeral someteu a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, mediante Resolución do 3 de maio de 1999, publicada no Diario Oficial de Galicia do 29 de xullo, no BOP da Coruña do 9 de agosto, no diario El Correo Gallego do 18 de

maio de 1999 e no taboleiro de anuncios do Concello de Ordes.

Cuarto.-Durante o período legalmente establecido recibíronse as seguintes alegacións ó proxecto:

-Concepción Gil Veiras, propietaria do predio identificado co nº C-OD-56, manifesta que na relación de bens e dereitos afectados aparecía o predio mencionado, na súa totalidade, a nome de Andrés Sánchez Calvo, cando en realidade só lle corresponde unha parte del, solicitando, de acordo coa documentación que xunta, se lle recoñeza o seu dereito de propiedade na parte que lle corresponde.

-José Gende Lagares, propietario do predio identificado co nº C-OD-144, expón que no trazado tal e como se pretende realizar, é gravemente lesivo para os seus intereses posto que a parcela quede totalmente inservible para o seu destino. Así mesmo, alega que sería imposible edificar nela, debido ás distancias que deberán garda-las construccións desde o eixe do encanamento, polo que propón un trazado alternativo segundo plano que xunta.

-Concepción Veiras Veiras, propietaria dos predios identificados cos nº C-OD-112 e C-OD-115, manifesta o prexuízo que lle causará a conducción ó atravesa-los seus predios, posto que estas teñen unhas boas perspectivas urbanísticas debido á súa privilexiada situación.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria.

Quinto.-Así mesmo, solicitouse informe dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servicios que resultan afectados pola mencionada conducción de gas natural.

Sexto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos decretos 2913/1973, do 26 de outubro e 1775/1967, do 22 de xuño.

Segundo.-O proxecto cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así coma as normas ou regulamentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa Gas Galicia SDG, S.A. e o resto da documentación que obra no expediente, queda de manifesto que:

-En canto a alegación feita por Concepción Gil Veiras, procederase á rectificación da relación de bens e dereitos afectados, sen embargo, durante o procedemento de levantamento de actas previas á ocupación, á que será debidamente notificada, deberá presenta-la documentación que xustifique a titularidade do predio.

Con respecto á alegación presentada por José Gende Lagares, non se pode acepta-la variante proposta posto que suporía a afección a novos propietarios non incluídos no procedemento expropiatorio, que poderían manifestarse no mesmo sentido. Non obstante, inverterase a pista de traballo na parte que afecta á súa propiedade, de forma que o trazado discorra paralelo ós lindes do predio, revestindo ese tramo da conducción cun reforzo de formigón en masa.

-Non se pode acepta-la alegación presentada por Concepción Veiras Veiras, xa que o trazado discorre en paralelo á estrada existente para causa-lo menor prexuízo ás propiedades colindantes, incluída a de referencia, e a variación de trazado proposta afectaría a novos propietarios non incluídos no expediente.

Cuarto.-Gas Galicia procederá igualmente a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados, se é o caso, pendentes de realizar.

Por todo o anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. e, por conseguinte, proceder a aproba-lo proxecto de execución de referencia nos tramos reflectidos no punto segundo dos antecedentes, correspondentes ó termo municipal de Ordes.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

-Aprobar a Gas Galicia SDG, S.A. o proxecto de execución das instalacións que se recollen no ramal a Ordes.

-Declara-la utilidade pública das instalacións que se autorizan, para os efectos previstos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Esta autorización administrativa outórgase conforme as condicións xerais previstas na Lei 34/1998, do 7 de outubro, o Decreto 2613/1973, do 26 de outubro e o Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e baixo as condicións especiais seguintes:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto que se aproba.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten ós datos básicos do proxecto será necesario a autorización desa Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial

de Industria e Comercio da Coruña poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Terceira.-En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

Cuarta.-Os materiais e instalacións eléctricas deberán cumpri-lo disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así coma a norma UNE 20.322-86: clasificación de lugares con riscos de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. A localización de canalizacións deberá realizarse segundo o establecido na norma UNE 60-302 as zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, debendo así mesmo establecerse dispositivos que limiten a presión nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de seis meses contados a partir da data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, podendo solicitar prórroga, en caso necesario, previa á oportuna xustificación.

Sexta.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña deberá realizar durante as obras e unha vez rematadas estas, as comprobacións e probas que considere necesarias en relación co cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Sétima.-O peticionario manterá informada á Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña de calquera incidencia que se poida producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización das probas e controis regulamentarios, todo iso con antelación suficiente, acreditando posteriormente ante a citada delegación provincial que os ensaios previstos realizáronse por entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

Ó remata-las obras remitirase a dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/ou, se é o caso, ás modificacións autorizadas, xuntando as actas e certificacións das probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo de informe do técnico designado pola dita delegación redactará, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Décima.-Para a seguridade das instalacións a que se refire a presente resolución establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Un. A expropiación forzosa dos terreos sobre os que se construirán as instalacións fixas en superficie.

Dous. Para as canalizacións:

A) Imposición de servidume permanente de paso, nunha franxa de terreo de dous (2) metros de largo, un a cada lado do eixe, ó longo do gasoducto, por onde discorrerá soterrada o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas e que estará suxeita ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así coma de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a dous (2) metros a contar do eixe do encanamento.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras ou efectuar algún acto que puidera danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a cinco (5) metros do eixe do trazado, a un e outro lado del. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que, en cada caso, fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

4. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación e os encanamentos de ventilación, así coma de realiza-las obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B) Ocupación temporal, coma necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación. Nesta zona farase desaparecer, temporalmente, todo obstáculo e se realizarán as obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando os traballos ou operacións precisas ós ditos fins.

Tres. Para o paso de liñas, equipos de telecomunicación e elementos dispersores de protección catódica:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun (1) metro de largo, por

onde discorrerán soterrados os cables de conexión. Para os leitos dispersores de protección catódica, a franxa de terreo, onde se establece a imposición de servidume permanente de paso, terá como largo, a correspondente á da instalación máis un (1) metro a cada lado. Estas franxas estarán suxeitas ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así coma de plantar árbores ou arbustos e realizar todo tipo de obra, construcción ou edificación a unha distancia inferior a un metro e medio (1,5), a cada lado do cable de conexión ou do límite da instalación soterrada dos leitos dispersores, podendo exerce-lo dereito a cortar ou arrinca-las árbores ou arbustos que houbera a distancia inferior á indicada.

2. Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

B) Ocupación temporal, coma necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se fará desaparecer todo obstáculo, así coma realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas ós ditos fins.

Décimo primeira.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se atopan as canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de emerxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de emerxencia. Así mesmo deberá facilitar ós servicios de bombeiros, concello e organismos con competencias en materia de protección civil, copia dos planos de situación das canalizacións e características destas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía operadora durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimo segunda.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décimo terceira.-A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización polas causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 20 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria