Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 08 de xuño de 2000 Páx. 8.862

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CELANOVA

EDICTO.

Cumprindo acordo da Comisión de Goberno do 31 de maio de 2000, convócase concurso para a subministración: fabricación, instalación, adaptación á caixa actual exterior e posta en funcionamento para o seu uso, do órgano da Igrexa de San Rosendo de Celanova, de acordo co prego de cláusulas administrativas que a seguir se transcriben en extracto.

As devanditas cláusulas completas, así como o prego de prescricións técnicas, están no concello á disposición dos interesados.

A. Obxecto da subministración: fabricación, instalación, adaptación á caixa actual exterior e posta en funcionamento para o seu uso, do órgano da Igrexa de San Rosendo de Celanova, de acordo coas características peculiares fixadas polo Concello de Celanova e recollidas no prego de prescricións técnicas que, xunto con este prego, rexen na contratación.

B. Orzamento de contrata: 51.446.000 ptas., IVE incluído.

O orzamento de contrata inclúe a construcción, fabricación do órgano, transporte, montaxe na caixa artística actual do coro da igrexa, harmonización, afinación e calquera outra cuestión para a súa definitiva posta a punto para o seu uso.

C. Revisión de prezos: dada a natureza do contrato, non terá lugar a revisión de prezos.

D. Réxime de financiamento:

Consta consignación adecuada e específica na partida 451 633 00 do orzamento de gastos de 2000; desagrégase o financiamento da seguinte forma:

-Concello de Celanova: 26.284.175 pesetas.

-Leader II: 25.161.825 ptas.

E. Garantías:

-Provisional: o 2% do orzamento inicial do proxecto.

-Definitiva: o 4% do importe de adxudicación.

F. Documentación técnica que debe achegar:

a) Documento escrito que nos seus diversos puntos reflicta:

-A antigüidade e tradición da firma organeira.

-Relación do persoal e a súa especialización.

-Recursos materiais cos que conta a firma organeira.

-O coñecemento por parte da firma organeira da escola nor-centroeuropea de construcción de órganos do período do barroco tardío de transición.

b) Documentación gráfica dos traballos realizados en órganos de nova construcción e grande envergadura, con especial incidencia nos últimos 15 anos. A devandita documentación deberá ir xunto con cantos textos se consideren precisos para a súa maior comprensión.

c) Documento que reflicta o prazo de execución proposto pola firma organeira, entendéndose que, se non se achega, se supón que o licitador acepta o de 11 meses contido neste prego.

G. Criterios de adxudicación: cun total de 110 puntos repartidos de acordo cos seguintes conceptos:

1. Experiencia e traballos realizados en órganos de nova construcción e grande envergadura do período do barroco tardío de transición, con especial incidencia nos últimos 15 anos: de 0 a 25 puntos.

2. Capacidade e recursos humanos e estructurais da firma organeira, coa finalidade de garanti-la realización, os prazos e a entrega do traballo: de 0 a 20 puntos.

3. Experiencia do constructor e calidade e seguridade das partes técnicas: de 0 a 18 puntos.

4. Calidade artística da harmonización do instrumento: de 0 a 15 puntos.

5. Garantía de longa duración e seguridade sobre a estabilidade do funcionamento: de 0 a 14 puntos.

6. Tradición, antigüidade e hábito da firma organeira: de 0 a 10 puntos.

7. Mellor oferta económica: de 0 a 8 puntos.

A adxudicación efectuarase ó concursante que teña a maior puntuación trala suma de todos e cada un dos epígrafes anteriores.

H. Prazo de entrega: será de 11 meses, contados desde o día seguinte ó da sinatura do contrato. O devandito prazo inclúe:

-A construcción do órgano.

-O transporte e a montaxe na caixa actual do coro da Igrexa de San Rosendo.

-Harmonización.

-Afinación.

-Calquera outra cuestión precisa para a súa definitiva posta en funcionamento.

Lugar de entrega do ben contratado: de conformidade co establecido no punto 3 do prego de prescricións técnicas, o órgano fabricado deberá ser montado na caixa artística actual do coro alto, situado sobre a entrada principal na nave central da Igrexa de San Rosendo de Celanova.

I. Período de garantía: será dun ano, contado desde a recepción do órgano polo Concello de Celanova. A devandita garantía inclúe a revisión completa e posta en funcionamento de todas e cada unha das partes do órgano.

J. Tramitación: urxente.

K. Presentación de proposicións: deberán ser entregadas en sobre pechado no rexistro xeral do concello, ou enviadas por correo, dentro do prazo de 13 días naturais contados a partir do primeiro día seguinte ó da última publicación do anuncio de licitación no BOP de Ourense ou no Diario Oficial de Galicia.

Celanova, 1 de xuño de 2000.

O alcalde

Rubricado