Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 07 de xuño de 2000 Páx. 8.778

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE OLEIROS

XIX Edición do Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor.

Organizado este ano 2000 polo Concello de Oleiros (A Coruña).

Primeira.-O premio está dotado coa cantidade de dous millóns de pesetas.

Segunda.-Poderán participar nel tódolos autores de calquera nacionalidade que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega na normativa oficial.

Terceira.-As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados por unha cara e a dous espacios.

Cuarta.-As obras enviaranse por correo, sen remite e baixo o lema, ó Concello de Oleiros. Fundación Municipal de Cultura. Praza de Galicia, 1. 15173 Oleiros (A Coruña), coa indicación no sobre Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor. En sobre adxunto, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora. De cada obra remitiranse cinco copias.

Quinta.-As obras presentadas terán que ser inéditas.

Sexta.-O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 30 de xullo de 2000. O dictame darase a coñecer no mes de setembro, en xuntanza que se celebrará na Casa da Cultura de Oleiros-Casa Charry.

Sétima.-A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada. As obras non premiadas seranlles devoltas ós autores que o soliciten, no prazo dun mes contado desde o día do veredicto.

Oitava.-A entrega do premio terá lugar no mes de decembro nun acto público no que se tentará a difusión da novela gañadora.

Novena.-O premio poderá quedar deserto de non existiren obras de calidade ó xuízo do xurado. Neste caso o importe do premio destinarase a divulga-la obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.

Décima.-O feito de concorreren a este premio presupón que os autores aceptan as súas bases.

Décimo primeira.-O xurado do premio, nomeado nesta ocasión polo Concello de Oleiros, estará composto por cinco membros que deberán ser escritores ou críticos literarios da literatura galega.

Décimo segunda.-O xurado fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.

Oleiros, maio 2000.

Fernando A. Pico Eiroa

Ponente de Cultura, Ensino, Deportes, Formación,

Emprego e Xuventude