Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 07 de xuño de 2000 Páx. 8.738

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

CORRECCIÓN de erros.-Resolución do 13 de abril de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para o sector da construcción de Ourense e a súa acta de ratificación.

Advertida a omisión da acta á que se fai referencia na publicación do dito convenio no Diario Oficial de Galicia número 105, do pasado mércores 31 de maio de 2000, cómpre publicala a seguir:

«En Ourense, sendo as vinte horas do luns 3 de abril de 2000, reúnense nos locais da ACO os abaixo asinantes, membros integrantes da comisión paritaria convencional, autorizados expresamente e para o efecto polas partes asinantes do convenio, previamente convocados, co obxecto de cumpri-lo requirimento remitido pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, adoptando, logo de deliberación, exame e debate, e posterior votación, os seguintes acordos por unanimidade:

Acordo primeiro (forma e condicións da denuncia do convenio, así como o prazo de preaviso).

As partes, de común acordo, aproban por unanimidade, adicionarlle ó artigo 4º -duración- do convenio o seguinte texto:

«...A denuncia será sempre expresa e por escrito, e cunha antelación mínima dun mes á data do seu vencemento ou de calquera das súas prórrogas, se é o caso».

Acordo segundo.-Que tal e como se deduce do teor literal das actas asinadas polos negociadores, as partes que o subscribiron foron o Fecoma-CC.OO. e o MCA-UGT pola parte social e a ACO pola económico-empresarial, polo que por unanimidade acordan ratifica-la dita sinatura, pacto e convenio.

E lido por tódolos interviñentes e encontrándoo totalmente conforme, asínano en doce exemplares, e para un só efecto, no lugar e data mencionados no encabezamento».

Seguen tres rúbricas e tres selos.