Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 07 de xuño de 2000 Páx. 8.722

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 24 de maio de 2000 pola que se crea a comisión asesora en materia de oncoloxía.

O Estatuto de autonomía de Galicia outórgalle á Comunidade Autónoma competencias para o desenvolvemento lexislativo en materia de sanidade interior, así como para organizar e administrar tódolos servicios relacionados coa materia antes expresada.

De conformidade co Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, correspóndenlle a esta as competencias en materia de sanidade, asistencia sanitaria e servicios sociais que o Estatuto de Galicia lle atribúe á Xunta de Galicia nos artigos 27.23º, 28.8º e 33.

O Plan de Saúde de Galicia 1998-2001 establece que a intervención sobre o cancro, mediante estratexias dirixidas a mellora-la organización e práctica clínica, debe ser prioritaria para o Servicio Galego de Saúde.

Este problema de saúde, debido ó dano que leva consigo, supón unha importante perda en termos de diminución da calidade de vida, polo que debemos esforzarnos en maximiza-los resultados das intervencións sanitarias. O primeiro tratamento en oncoloxía é o principal determinante do pronóstico futuro do paciente, así como a atención integral dos problemas derivados desta patoloxía e o seu seguimento outorgan maior calidade de vida. Todo iso require que os dispositivos asistenciais e distintos axentes do sistema sanitario manteñan un grao de coordenación elevado, para o que existen diferentes fórmulas organizativas tendentes a integra-la actuación dos distintos niveis de atención sanitaria. Ademais, en caso de progresión da enfermidade, débese ter en conta a configuración de medios dedicados ó control de síntomas e á súa paliación.

Resulta probado que a implantación de procedementos normalizados, desenvolvidos polos profesionais responsables do tratamento do cancro, reduce os intervalos entre a diagnose e o tratamento, e as diferentes fases terapéuticas (cirurxía, quimioterapia, radioterapia), e diminúe, ademais, as intervencións inadecuadas. As decisións clínicas baseadas na evidencia científica, que incorporan o xuízo profesional e a participación do paciente, contribúen á mellora da súa supervivencia e calidade de vida.

O Servicio Galego de Saúde considera necesario o desenvolvemento e implantación destas actuacións en calquera ámbito da atención oncolóxica. A estratexia seleccionada para o logro deste obxectivo consiste en utilizar un grupo de expertos, constituído

por profesionais que participen no deseño, e promovan a incorporación das actuacións establecidas, na práctica de todos aqueles profesionais que presten atención oncolóxica.

En consecuencia, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro de 1983, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a comisión asesora para a avaliación en materia de oncoloxía.

Artigo 2º

A Comisión terá a seguinte composición:

a) Presidente: secretario xeral do Sergas.

b) Vicepresidente: subdirectora xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento.

c) Secretario: subdirector xeral de Coordinación e Avaliación Asistencial.

d) Vocais:

-Subdirectora xeral de Farmacia e Productos Sanitarios.

-Xefa de Servicio de Aseguramento.

-Xefa de Servicio de Desenvolvemento de Sistemas e Avaliación de Tecnoloxías.

-Un máximo de seis vocais nomeados polo secretario xeral do Servicio Galego de Saúde, en representación dos profesionais que prestan servicios no ámbito da atención oncolóxica.

Os facultativos especialistas en hematoloxía e hemoterapia, e oncoloxía médica, que formen parte da Comisión de Farmacia e Terapéutica, estarán representados na Comisión Asesora, co fin establecer unha maior conexión entre os obxectivos da comisión e a protocolización da farmacoterapia.

Artigo 3º

Para o axeitado desenvolvemento das súas funcións, a comisión asesora constituirase en varios grupos de traballo formados polos profesionais que se considere oportuno, con relación ó tema específico de que se trate.

Artigo 4º

Correspóndelle á comisión asesora para a avaliación en materia de oncoloxía:

-Asegurar unha atención integral ó paciente oncolóxico, garantindo a continuidade en cada unha das fases do proceso asistencial.

-Promover e dirixi-la normalización de procedementos terapéuticos en oncoloxía, de acordo coa evidencia científica dispoñible, co fin de asegura-la implantación das indicacións máis axeitadas.

-Establece-los parámetros necesarios que permitan avalia-la seguridade dos procedementos establecidos co propósito de minimizar e reduci-los efectos adversos e complicacións.

-Promove-la implantación de sistemas que faciliten a información sobre os procedementos, para avalia-la súa efectividade, orientada á mellora dos resultados.

-Informar acerca da adecuación dos procedementos, así como do seguimento dos resultados, ós responsables de cada centro onde se desenvolvan actividades relacionadas coa atención ó cancro, así como ó Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia, emitindo se é o caso as recomendacións que procuren a mellora da atención sanitaria.

-Emitir propostas acerca das actividades que se van a incluír no Programa de Formación Continuada do Servicio Galego de Saúde en relación á oncoloxía, así como participar na súa avaliación.

-Prestar asesoramento na elaboración do Plan Oncolóxico de Galicia co fin de propoñe-las medidas específicas acerca de reorientación dos servicios, que redunde na mellora da atención sanitaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral do Servicio Galego de Saúde para adopta-las medidas axeitadas en relación coa execución e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2000.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais