Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 05 de xuño de 2000 Páx. 8.611

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2000 pola que se convoca unha xornada sobre infraccións penais e administrativas en materia de urbanismo.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2000, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Universidade da Coruña e a Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente, unha xornada sobre infraccións penais e administrativas en materia de urbanismo, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos:

Aínda que o urbanismo é unha rama xurídico-técnica caracterizada fundamentalmente pola súa grande complexidade de desenvolvemento e de xestión, un aspecto importante deste desemboca no campo das infraccións que, nalgúns casos, non pasan de ser puramente administrativas, pero poden chegar a ser infraccións penais, coa circunstancia agravante de que en gran parte son descoñecidas por cantos interveñen no proceso de xestación urbanística.

Esta xornada pretende despexar este importante campo de acción, ofrecendo unha clara e práctica visión de cáles son estas infraccións, quén son os que poden cometelas e quén os chamados a evitalas.

2. Contido:

Trataranse estes temas:

-Protección administrativa da legalidade urbanística.

-Principios de política criminal moderna na delincuencia urbanística e directrices político-criminais no Código Penal de 1995.

-Infraccións administrativas en materia de urbanismo.

-Figuras delictuosas relativas á ordenación do territorio e responsabilidade penal dos funcionarios en materia urbanística.

3. Destinatarios:

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento:

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: a xornada convocada desenvolverase no Paraninfo da Universidade da Coruña (r/ Maestranza, s/n, da citada cidade) o día 14 de xuño de 2000.

5. Inscrición:

-Prazo: remata o luns, día 12 de xuño de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 - 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando, o día 13 de junio, por teléfono, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións:

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir

no desenvolvemento da xornada, así como a de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia:

Entregaráselles, ó remate desta xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ela, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85%

das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública