Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 05 de xuño de 2000 Páx. 8.605

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 24 de maio de 2000 pola que se establecen axudas para o fomento de actuacións destinadas á protección e defensa dos animais domésticos.

A Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade recolle as atencións mínimas que deben recibi-los animais, desde o punto de vista hixiénico-sanitario, e regula a posesión, a venda, o mantemento, a inspección e vixilancia, as obrigas dos seus posuidores, os centros de recollida e as instalacións para o seu mantemento temporal.

O Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve esta lei, crea o Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia, e regúlanse o Rexistro Xeral de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais, o procedemento de declaración de entidades colaboradoras, as obrigas dos posuidores, as condicións para o seu transporte, os condicionantes que afectan ós animais domésticos de compañía, a recollida dos animais abandonados, os concursos e exposicións e os controis sanitarios sobre estes animais.

O Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, atribúe á citada consellería, dentro das súas competencias, a aplicación da normativa sobre protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Á vista da devandita normativa, estímase conveniente fomenta-las actividades, por parte das asociacións de protección e defensa dos animais domésticos e dos concellos, dirixidas á súa difusión e ó cumprimento das súas obrigas e deberes que impón.

Nesta liña, aparece como prioritaria a necesidade de implantar unha rede de centros de recollida de animais domésticos abandonados ou vagabundos e, nunha segunda fase, aborda-la organización dun sistema de identificación definitiva (microchip ou tatuaxe) de animais de compañía, co soporte informático que a sustente, para permiti-lo rexistro e seguimento dos animais e como instrumento útil que axude á súa localización en caso de extravío, abandono, roubo, etc.

O Real decreto 2225/1993 aproba o regulamento estatal de subvencións, establecendo como criterio xeral o réxime de concorrencia competitiva entre os solicitantes, de acordo cos criterios de outorgamento que figuren na norma de convocatoria das axudas. Por outra banda, a Lei de réxime financeiro e orzamentario desta comunidade autónoma, no seu artigo 78.6º, dispón que os criterios de adxudicación das axudas deberán axustarse ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

Por outra banda, a Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, regula no seu artigo 6 o réxime das axudas e subvencións públicas e modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

En virtude de todo iso, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

1. Mellora-la infraestructura dos centros autorizados e rexistrados de recollida de animais abandonados existentes en Galicia, dependentes dos concellos competentes ou das asociacións de protección e defensa dos animais rexistradas no rexistro xeral de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia (punto 2º do artigo 13 da Lei 1/1993, do 13 de abril, e 16 do Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril).

2. Apoia-la responsabilidade municipal en canto ó fomento da creación de centros de recollida de animais abandonados.

Artigo 2º.-Actividades subvencionables.

Serán subvencionables as seguintes actividades:

1. Obras de mellora da infraestructura dos centros de recollida de animais abandonados, autorizados e rexistrados, naqueles aspectos que permitan que os establecementos se axusten ás disposicións establecidas para eles no Decreto 153/1998, do 2 de abril, en particular as recollidas nos seus artigos 29, 36 e 56, e que favorezan o axeitado estado hixiénico-sanitario das instalacións e consecuentemente o satisfactorio estado sanitario e o benestar dos animais albergados.

2. Creación de centros de recollida de animais abandonados dependentes dos concellos, naqueles que non dispoñan dos medios axeitados.

Artigo 3º.-Requisitos que deberán reuni-los beneficiarios.

As asociacións de protección e defensa dos animais, inscritas no rexistro xeral de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia, poderán acollerse ás axudas para mellora de infraestructura dos centros de recollida de animais abandonados, sempre e cando acrediten documentalmente que xestionan un centro de recollida autorizado e rexistrado ou en trámite de autorización e rexistro no Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia (do que a creación se recolle no artigo 33 do Decreto 153/1998, do 2 de abril). Se o centro está en trámite de autorización e rexistro, o outorgamento da subvención subordinarase á súa

autorización e rexistro definitivo. O pagamento final estará condicionado á resolución de inscrición.

Os concellos poderán acollerse ás axudas para a creación de centros de recollida de animais abandonados e ás axudas para a mellora da infraestructura dos centros de recollida de animais abandonados autorizados e rexistrados ou en trámite de autorización e rexistro, subordinándose o outorgamento da subvención á súa autorización e rexistro definitivo. O pagamento final estará condicionado á resolución de inscrición.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

En función das dispoñibilidades orzamentarias, a contía da subvención consistirá nunha porcentaxe do custo total de cada actividade subvencionable, cos límites indicados a seguir:

Actividade subvencionable

Orzamento máximo

subvencionable (ptas.)

% máximo

de subvención

Obras encamiñadas á mellora da infraestructura dos centros de recollida de animais abandonados.4.000.00085%
Obras para a creación de centros de recollida de animais abandonados.6.000.00085%

Artigo 5º.-Actividades non subvencionables.

Non serán subvencionables os seguintes investimentos:

a) Adquisición de terreos.

b) As obras iniciadas sen inspección previa.

Artigo 6º.-Criterios de adxudicación das axudas.

O criterio xeral de adxudicación das axudas será o réxime de concorrencia competitiva, debendo axustarse ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

1. Nas obras encamiñadas á mellora da infraestructura dos centros de recollida de animais abandonados valoraranse as obras orientadas a manter un satisfactorio estado sanitario e un axeitado benestar animal, a antigüidade do centro de recollida, a traxectoria do centro no pasado, o número de entradas de animais abandonados, os tratamentos sanitarios efectuados, as accións realizadas para aumenta-la posibilidade de adopción dos animais, o número de animais cedidos en adopción, e os seguimentos efectuados para valora-lo éxito das adopcións, así como a existencia de convenios de colaboración entre asociacións e concellos.

Os criterios de avaliación valoraranse como segue, entre tódalas solicitudes presentadas e coa documentación completada:

Obras orientadas a manter un satisfactorio estado sanitario e un axeitado benestar animal no centro de recollida: 0-3 puntos.

Antigüidade do centro de recollida e traxectoria no pasado: 0-3 puntos.

Número de entradas de animais vagabundos ou abandonados: 0-3 puntos.

Accións encamiñadas a aumenta-la posibilidade de adopción, número de animais cedidos en adopción e seguimentos efectuados para valora-lo éxito das adopcións: 0-3 puntos.

Existencia de convenios de colaboración entre concellos e asociacións para a protección e defensa dos animais domésticos e salvaxes en catividade: 3 puntos.

2. No referente ós investimentos para a creación de centros de recollida de animais abandonados teranse en conta o número de habitantes do municipio, as actividades realizadas a nivel municipal no pasado, no marco da lexislación vixente de protección de animais, a existencia ou non dun centro de recollida próximo, a asociación con outros concellos veciños, a calidade do proxecto proposto, a adecuación das instalacións e do manexo dos animais así como os aspectos que melloren o benestar animal e a posibilidade de adopción. Prestarase especial atención ó feito de que os cans teñan suficiente espacio nas canceiras e nas zonas de recreo.

Os criterios de adxudicación valoraranse como segue, entre tódalas solicitudes presentadas e coa documentación completada:

Número de habitantes do municipio: 0-3 puntos.

Distancia a un centro de recollida próximo: 0-3 puntos.

Asociación con outros municipios veciños para a construcción e xestión do centro de recollida: 4 puntos.

Calidade do proxecto proposto, adecuación das instalacións, sobre todo no referente ó suficiente espacio nas canceiras e nas zonas de recreo: 0-4 puntos.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1.Os interesados deberán presentar, nas delegacións provinciais ou nos servicios centrais da Consellería de Medio Ambiente, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha copia da seguinte documentación dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente:

-Solicitude orixinal asinada polo representante legal da entidade, acompañada do documento acreditativo da representación, dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente, segundo modelo que figura no anexo I desta orde.

-Fotocopia cotexada do CIF/NIF da entidade destinataria da subvención.

-Certificación bancaria orixinal ou cotexada de ter aberta unha conta a nome do destinatario, segundo modelo que figura no anexo II desta orde.

-Acreditación, se é o caso, orixinal ou cotexada da titularidade do terreo onde se pretendan efectua-las obras de creación de centros de recollida de animais abandonados ou de obras de mellora da infraestructura deles.

-Autorización administrativa municipal, orixinal ou cotexada que, de se-lo caso, permita a realización das obras ou actuacións de acordo coa lexislación vixente aplicable.

-Memoria xustificativa detallada das actividades concretas que se queren emprender, medicións, orzamentos unitarios e xerais detallado que se precisan e porcentaxe de subvención solicitada.

-Nas obras para mellora de infraestructura de centros de recollida ou para e para a construcción de centros de recollida xuntarase copia o proxecto técnico orixinal ou cotexado, asinado por técnico competente.

-Calendario de actividades e final previsto, que deberá ser anterior ó 1 de outubro de 2000, salvo que, excepcionalmente, a natureza da actividade xustificase a concesión dunha prórroga por parte do director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

-Documentación que acredite que o centro de recollida de animais abandonados se encontra inscrito ou en trámite de inscrición no Rexistro de Establecementos. Nas solicitudes para a construcción de novos centros de recollida, xunto co proxecto, remitirase tamén a documentación necesaria para solicita-la inscrición do futuro centro no Rexistro de Establecementos.

-Declaración xurada de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, segundo o establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de novembro de 1999.

2. As asociacións de protección e defensa dos animais domésticos e salvaxes en catividade que queiran acollerse ás axudas previstas nesta orde, ademais da documentación citada no punto 1 deste artigo, deberán achegar:

-Declaración xurada do solicitante de que se encontra ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e que de non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. No caso de que a axuda solicitada non supere as 250.000 ptas. non será necesaria a declaración xurada anteriormente citada, de acordo co punto 3º do artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2000.

-Memorias anuais de actividade dos dous últimos anos, nas que se inclúa a especificación de ingresos e gastos da asociación.

-Xustificación documental de que xestionan o centro de recollida para o que solicitan a subvención. Admitirase como xustificante, ben a documentación que acredite a titularidade ou dispoñibilidade dos terreos, ou ben unha copia cotexada do convenio de colaboración coa entidade municipal competente. Neste último caso as asociacións que soliciten axudas para realizar obras para mellora de infraestructura de centros de recollida de titularidade municipal, presentarán o proxecto técnico orixinal ou cotexado citado no punto 1 deste artigo, co visto e prace do representante legal do concello.

Artigo 8º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación das solicitudes e da documentación sinalada no artigo anterior será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Mellora e corrección da solicitude.

1. Na fase de iniciación do procedemento examinaranse as solicitudes e documentos anexos presentados. No caso de que sexan detectados erros ou omisións, requirirase o interesado para que sexan emendados, ou presente a documentación preceptiva, no prazo de 10 días hábiles, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro.

2. Con respecto ó proxecto técnico presentado para a construcción ou mellora da infraestructura de centros de recollida, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural poderá determinar que se efectúen cambios pertinentes, para a mellora do benestar e da hixiene dos animais albergados, dando un prazo de 15 días hábiles para que o solicitante remita o proxecto modificado, con indicación de que se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro.

3. Con respecto ás obras, recibidas as solicitudes, procederase á inspección previa para comproba-lo non inicio das actividades. Serán denegadas as solicitudes que correspondan a actividades comezadas.

4. Se no transcurso da realización das obras o beneficiario vise a necesidade de introducir modificacións no proxecto orixinal, solicitarase autorización da Consellería de Medio Ambiente, que se acompañará do proxecto oportuno reformado onde

aparecerán especificadas as variacións introducidas e a xustificación escrita delas.

Artigo 10º.-Tramitación e concesión.

1. A Consellería de Medio Ambiente resolverá nun prazo de seis meses a partir da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, por proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, conceder ou denega-las axudas solicitadas, en función das súas dispoñibilidades orzamentarias, denegando aquelas solicitudes para as que non exista crédito dispoñible.

2. Unha vez recibida a notificación da resolución, e en caso de que esta sexa favorable, o beneficiario terá que enviar, no prazo de dez días hábiles, a súa aceptación das condicións especificadas na resolución da concesión, quedando sen efecto no caso contrario. O beneficiario comunicará igualmente a data de iniciación das actividades.

3. En calquera momento, a Consellería de Medio Ambiente, poderá solicitar ó interesado as aclaracións ou xustificacións oportunas con respecto ós datos da documentación presentada e das actividades realizadas.

4. Os solicitantes ós que, unha vez transcorridos seis meses desde a publicación desta orde, non lles fose notificada a correspondente aprobación provisional ou definitiva, entenderase que lles foi denegada a solicitude, non procedendo a súa concesión por silencio administrativo.

5. Contra a resolución pola que se aprobe ou denegue a concesión da axuda, poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes se o acto fose expreso, ou de tres meses se non o fose, ou ben impugnar directamente o acto ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Prazo de execución.

1. As actuacións obxecto das axudas deberán executarse durante o presente exercicio orzamentario, e en calquera caso antes do 1 de outubro de 2000, salvo que, excepcionalmente, se solicite e autorice a correspondente prórroga aludida no artigo 7º desta orde.

2. A finalidade ou función das actuacións encadradas no epígrafe correspondente ás obras encamiñadas á mellora da infraestructura dos centros de recollida de animais abandonados e as obras para a creación de centros de recollida de animais abandonados, deberá manterse durante un prazo mínimo de 10 anos.

3. Excepcionalmente, por petición do beneficiario, poderase conceder prórroga para a realización das actuacións subvencionadas que, no caso de que se estendan ó exercicio orzamentario 2001, a súa concesión estará limitada polo establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 12º.-Xustificación do gasto e procedemento de pagamento.

1. Executados os investimentos de acordo co programa aprobado, o beneficiario terá que xustifica-lo cumprimento da finalidade para a que se concedeu a axuda. Para estes efectos presentará, no prazo de 10 días hábiles despois da inspección final, á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural a seguinte documentación:

-Solicitude de cobramento da subvención.

-Relación ordenada dos investimentos e pagamentos efectuados, que se axustarán en todo caso á memoria, orzamento e proxecto presentados.

-Xustificantes dos investimentos realizados que consistirán, de forma xeral, nas fotocopias cotexadas das facturas oficiais orixinais e, de forma específica:

* Certificado, orixinal ou cotexado, de fin de obra, asinado por un técnico competente no que se reflicta fidedignamente a adaptación das accións realizadas ó proxecto presentado, así como o cumprimento das condicións técnicas e regulamentarias que lle sexan de aplicación. Así mesmo, de se-lo caso, presentarase copia cotexada da licencia municipal de actividade.

* Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. As asociacións de protección e defensa dos animais domésticos e salvaxes en catividade, ademais da documentación citada no punto 1 deste artigo, deberán achegar:

* Certificación orixinal ou cotexada, que acredite que o beneficiario se encontra ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, ata o momento do pagamento da subvención, segundo se recolle no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, excepto nos casos recollidos no punto 3º do artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

3. Vista a documentación presentada e despois das oportunas inspeccións, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural remitirá ó conselleiro de Medio Ambiente, xunto á documentación sinalada, a correspondente proposta de resolución, co fin de proceder ó pagamento efectivo da subvención.

Artigo 13º.-Revogación e obriga de reintegro.

1. Son causas de revogación da concesión das axudas:

a) O incumprimento da obriga de xustifica-los gastos.

b) A obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos.

c) O incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) O incumprimento de calquera das obrigas e condicións impostas ós solicitantes e beneficiarios das axudas, tanto nesta orde como no resto da normativa aplicable.

e) A existencia de modificacións substanciais das actividades previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde e que non fosen autorizadas pola Consellería de Medio Ambiente na forma prevista no artigo 4º desta orde.

f) A ocultación, manipulación ou falseamento de datos e documentos ou o entorpecemento deliberado do labor de inspección e control.

g) A perda de titularidade ou dispoñibilidade dos terreos, naquelas actividades que supoñan a realización de obras sobre os devanditos terreos.

h) A perda da personalidade xurídica das asociacións que poden ser beneficiarias das axudas segundo o establecido nesta orde.

2. En tódolos supostos citados no punto anterior, e por proposta do director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, e despois da correspondente audiencia ó interesado, o conselleiro de Medio Ambiente poderá revogar, total ou parcialmente, as axudas que foron concedidas e declarará a obriga de reintegrar á Xunta de Galicia as cantidades percibidas, así como o aboamento dos intereses de demora na contía e forma establecidos na lei.

3. Nos casos de anulación ou revogación por certificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outros peticionarios de acordo coa orde de solicitantes resultante da aplicación do establecido no artigo 6º desta orde.

4. No caso de que se reducisen os investimentos mantendo os obxectivos iniciais, a revogación parcial da resolución supoñerá a reducción da axuda concedida na contía proporcional correspondente, sempre que o conxunto do investimento cumpra os fins previstos na memoria ou proxecto inicial.

5. Tamén procederá o reintegro do exceso percibido sobre o custo total da actividade nos supostos previstos no punto 1 do artigo 15º desta orde.

Artigo 14º.-Compatibilidades.

As axudas ós investimentos establecidas na presente orde serán compatibles con calquera outra destinada ós mesmos fins. Os solicitantes comunicarán á Consellería de Medio Ambiente, por medio da declaración que se cita no artigo 7º desta orde, a existencia da devandita concorrencia. Os beneficiarios das axudas deberán proceder do mesmo xeito á hora de xustifica-la realización das actividades subvencionadas, por medio da declaración que se cita no artigo 12º desta orde.

Artigo 15º.-Disposicións comúns.

1. O importe da axuda concedida nunca poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

2. Os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectua-la Consellería de Medio Ambiente, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposición adicional

O aboamento das axudas fixadas na presente orde financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342.A.760.20, para os concellos, e con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342.A.780.1 para as asociacións de protección e defensa dos animais, cunha dotación inicial de 60.000.000 de ptas. e de 30.000.000 de ptas., respectivamente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar cantas disposicións complementarias considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2000.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente