Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 05 de xuño de 2000 Páx. 8.597

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para o sector do comercio de alimentación de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector do comercio de alimentación de Ourense (código convenio 3200545), con entrada nesta delegación provincial o día 3-4-2000, subscrito pola parte económica, CEO e da parte social as centrais sindicais UGT, CC.OO., CIG, e Fetico o día 15-3-2000, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e notificación á representación económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 25 de abril de 2000.

José Lage Lage

Delegado Provincial de Ourense

Convenio colectivo do comercio de alimentación da provincia de Ourense 2000.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afecta a tódalas empresas de alimentación da provincia de Ourense, incluíndo nelas maioristas e distribuidores; retallistas; supermercados e autoservicios; economatos; chacinerías, cortadorías e peixerías e en xeral tódalas empresas dos sectores comercio e alimentación e comercio-gandería.

Artigo 2º.-Vixencia.

A duración do presente convenio será de dous anos comezando a rexe-lo 1 de xaneiro de 2000 e terminará o 31 de decembro de 2001.

O convenio prorrogarase por períodos anuais, mentres non sexa modificado por outro que o substitúa, ó non mediar denuncia por calquera dos representantes empresariais ou sindicais que interviñeron na negociación, con dous meses de antelación como mínimo ó remate da vixencia.

Producida a denuncia do convenio nos termos establecidos no parágrafo anterior, as partes comprométense a constituí-la comisión negociadora antes de remata-lo mes de febreiro, e inicia-la negociación efectiva na primeira quincena do mes de marzo.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

As condicións que se establecen neste convenio serán compensables e absorbibles en cómputo anual de acordo coa lexislación vixente, respectando as situacións persoais de igual forma.

Artigo 4º.-Xornada laboral.

A xornada máxima de traballo queda establecida en 1.820 horas ó ano.

Respecto o número de horas anuais de traballo acordadas, cada empresa poderá realizar unha distribución irregular de xornada en períodos de catro meses.

Neste período cuadrimestral a distribución semanal poderá supera-las 40 horas de traballo, co límite de 9 horas diarias. O exceso de horas traballadas compensarase nos períodos de menor traballo. Antes do inicio de cada período de distribución irregular de xornada publicarase, con 15 días de antelación, o calendario correspondente ó dito período.

Artigo 5º.-Vacacións.

O persoal comprendido neste convenio terá un período anual de vacacións de 31 días naturais.

As vacacións poderanse coller no transcurso do ano, sendo obrigatorio para a empresa conceder 16 días naturais durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro de forma rotativa. A empresa, de común acordo co comité de empresa ou delegados de persoal elaborará un calendario de vacacións, debendo quedar confeccionado antes do 31 de marzo do ano que corresponda. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan con dous meses de antelación.

Se antes do período vacacional o traballador sufrise un accidente laboral, non se computarán para efectos de vacacións os días que durase a baixa. Neste suposto, de común acordo entre a empresa e o traballador sinalarase un novo período vacacional equivalente ós días pendentes de desfrute.

A empresa, por solicitude do traballador, está obrigada a entregarlle ó traballador un xustificante con expresión das datas de inicio e terminación delas.

Artigo 6º.-Horas extras.

Terán a consideración de horas extraordinarias cada hora de traballo que se realice sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo.

As horas extraordinarias realizadas retribuiranse con incremento do 75% e as realizadas en domingo e días festivos retribuiranse ó 100%.

O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a 80 por ano. A prestación de traballo en horas extraordinarias será voluntaria.

A realización de horas extraordinarias rexistrarase día a día e totalizaranse semanalmente. Así mesmo, entregaráselle copia deste rexistro ó traballador no parte correspondente, e ó comité de empresa ou, se é o caso, delegado de persoal.

Artigo 7º.-Licencias e permisos.

Todo traballador, avisando con suficiente antelación, e posterior xustificación, terá dereito ós seguintes permisos retribuídos, sen prexuízo dos establecidos na lexislación vixente.

A) Matrimonio civil ou relixioso: 15 días.

B) En caso de nacemento, falecemento ou enfermidade grave ou hospitalización de parentes en primeiro grao de consangüinidade ou afinidade: 3 días. Se mediase desprazamento: 5 días.

C) Por traslado de domicilio habitual: 2 días.

D) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

E) Para realizar funcións sociais ou de representación de persoal nos termos establecidos legal e convencionalmente.

F) No caso de saídas ó médico o tempo empregado cando coincida co horario de traballo.

G) As traballadoras por lactación de fillo menor de 9 meses terán dereito a unha hora de ausencia ó traballo que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, por propia vontade, poderá substituír este dereito pola reducción da xornada en media hora para esta finalidade. Este dereito poderano ter indistintamente o pai ou a nai sempre que os dous traballen.

H) Un día natural en caso de matrimonio de pais, fillos, irmáns e irmáns políticos na data de celebración da cerimonia. Non poderán coincidr máis de dous permisos no mesmo centro de traballo, debendo o traballador que teña dereito ó dito permiso, solicitalo con polo menos 15 días de antelación.

No non previsto rexerá o disposto na Lei 39/1999, do 5 de novembro, de conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras.

Artigo 8º.-Excedencias.

Poderán solicitar excedencia tódolos traballadores da empresa, sempre que leven, como mínimo, un ano de servicio por un prazo non inferior a un ano e non maior de cinco.

Ó remata-la situación de excedencia o traballador terá dereito a ocupa-la primeira vacante de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producise na empresa.

Artigo 9º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal afectado percibirá tres pagas extraordinarias consistentes nunha mensualidade dos salarios base vixentes en cada momento máis a antigüidade correspondente, así mesmo o complemento de permanencia segundo o convido no artigo 11º.

Esta pagas serán aboadas do seguinte xeito:

a) Paga de verán, antes do 20 de xullo.

b) Paga de Nadal, antes do 20 de decembro.

c) Paga de primavera, antes do 21 de marzo.

A paga de primavera devengarase do 1 de xaneiro ó 31 de decembro do ano anterior ó seu aboamento.

Artigo 10º.-Condicións económicas.

O incremento salarial para o ano 2000 será dun 3,6% sobre tódolos conceptos retributivos de 1999.

Para o 2001, o incremento salarial será a porcentaxe que resulte de suma-lo 0,75% ó IPC real resultante o 31 de decembro de 2000 unha vez que este sexa constatado polo INE. Unha vez coñecido o IPC, reunirase a comisión paritaria do convenio para a actualizacións dos complementos, axudas de custo e demais conceptos económicos.

Artigo 11º.-Antigüidade.

O concepto de antigüidade e aumentos periódicos por ano de servicio que se viña aboando por porcentaxes segundo os anos de antigüidade na empresa, queda modificado polo acordo entre as partes

por entender que dificulta a contratación indefinida e permanencia dos traballadores que accedan agora ou o fixesen nos últimos anos, a un posto de traballo.

Por iso, e coa intención de promover e consolida-la contratación indefinida e o emprego no comercio de alimentación, acórdase modifica-lo complemento de antigüidade previsto ata agora no convenio do seguinte xeito:

a) Os traballadores que o 1 de xaneiro de 1998 viñesen percibindo unha cantidade en concepto de antigüidade, seguirana percibindo en concepto de antigüidade consolidada.

b) A esta antigüidade consolidada haberalle que engadir a parte proporcional xerada desde o cumprimento do último cuadrienio ata o 31 de decembro de 1997.

c) Os traballadores que figuren de alta o 1 de xaneiro de 1998 percibirán, durante a vixencia do seu contrato, unha gratificación de permanencia que se establece do seguinte xeito:

-Esta gratificación aboarase a partir do 1 de xaneiro de 1998, desde o día 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de cada ano, e aboarase distribuída entre as tres pagas extraordinarias no ano seguinte da súa aplicación.

-A contía desta obterase de multiplica-lo salario base anual do convenio polo 1,25% (para a súa distribución entre as pagas extraordinarias).

d) Os traballadores contratados con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1998 non terán complemento de antigüidade, dado que o concepto desapareceu como tal do convenio colectivo de comercio de alimentación de Ourense a partir de 1 de xaneiro de 1998.

Artigo 12º.-Axudas de custo.

Terán dereito a elas tódolos traballadores que mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente se vexan obrigados a realizar viaxes ou traballos de carácter profesional por conta e baixo a dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes do centro de traballo e que imposibiliten o seu regreso e sexa preciso efectuar comidas fóra do seu domicilio habitual ou teñan necesidade de desprazarse a localidades onde tamén esixa a misión encomendada unha permanencia que obrigue a tomar aloxamento.

A contía dela será a seguinte:

-Axuda de custos completa: 4.638 ptas.

-Xantar: 1.739 ptas.

-Cea: 1.160 ptas.

-Alomorzo 348 ptas.

Ou ben, por acordo coa empresa, utilizando o sistema de gastos para xustificar.

Artigo 13º.-Quilometraxe.

Cando o traballador teña que realizar por iniciativa da empresa tarefas ou funcións nun centro distinto do habitual, que estando dentro da provincia non pertenza ó núcleo urbano, recibirá sempre que necesite facer uso do vehículo para o desprazamento un complemento de 24 pesetas por quilómetro.

Artigo 14º.-Complemento asistencial en caso de enfermidade ou accidente.

No caso de incapacidade temporal por enfermidade ou accidente, debidamente acreditado pola Seguridade Social, do persoal comprendido no réxime asistencial dela, a empresa complementará o salario ata o importe íntegro das súas retribucións ata o límite dos 12 meses aínda que o traballador fose substituído.

O persoal que, con carácter obrigatorio, non estivese comprendido na Seguridade Social e opte por goza-la cobertura do réxime xeral, percibirá con cargo á empresa os mesmos beneficios económicos que regularmente estean inscritos no dito seguro, isto é, deducirase en calquera caso o importe das prestacións que terían que percibirse da Seguridade Social, no suposto de que voluntariamente se inscribisen.

O persoal que, no caso de enfermidade común ou accidente laboral, non teña cumprido un período de cotización de 180 días dentro dos cinco anos inmediatamente anteriores ó feito causante, a empresa virá obrigada a satisface-la retribución básica ata que sexa cuberto o mencionado período de carencia.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

As empresas estarán obrigadas a lles facilitar ós seus traballadores un mínimo de dúas pezas de roupa de traballo por ano. Ós choferes e repartidores facilitaránselles uniformes de traballo acondicionados ás temperaturas de verán e inverno, así como roupa de auga. O seu uso será obrigatorio.

Artigo 16º.-Traballadores en cámaras de conxelación.

Quen traballe en cámaras de conxelación, con independencia de que sexa dotado de pezas de roupa adecuadas ó seu cometido, percibirá unha gratificación do 20% do seu salario base, sempre e cando traballe máis do 25% da súa xornada nas ditas cámaras.

Artigo 17º.-Servicio militar.

O persoal comprendido no presente convenio ten dereito a que se lle respecte o posto de traballo durante o tempo que dure o servicio militar e dous meses máis.

Artigo 18º.-Retirada do carné de conducir e multas.

No caso de retirada do carné de conducir por causa non imputable ó traballador, a empresa comprometerase a facilitarlle ó traballador afectado un posto de traballo idóneo, de acordo coa súa categoría profesional, sen que con isto lle sexa minguado o seu salario.

A empresa pagará as multas orixinadas por excesos de carga, mal aparcamento, no caso de carga e descarga e número de viaxeiros excesivo, que teñan a condición de ser persoal ó servicio da empresa; así como cando no tacógrafo aparece un exceso do horario autorizado.

Artigo 19º.-Garantía ad personam.

As condicións laborais pactadas neste convenio entenderanse con carácter de mínimas, debendo ser respectadas as condicións de todo tipo que veñan desfrutando os traballadores, en canto sexan máis beneficiosas cás aquí establecidas.

A este respecto aclárase que a denominación de gratificación familiar para aqueles traballadores que o teñan recoñecido en nómina o 31 de maio de 1991, manterán a súa contía actual, deixando de percibilo ou diminuíndo no momento en que desaparezan legalmente as circunstancias da súa aplicación.

Artigo 20º.-Descanso semanal.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a un descanso semanal de día e medio, que como regra xeral comprenda a tarde do sábado ou no seu canto a mañá do luns e o día completo do domingo, salvo que por acordo entre a empresa e os traballadores se acorden outras condicións.

As festas laborais terán carácter retribuído e non recuperable.

Cando coincida o persoal de ruta con festa local, a empresa compensará ese día co descanso do día seguinte, sempre e cando este non sexa festivo, pasando neste caso ó día seguinte.

Artigo 21º.-Gratificación de actividade.

Tódolos traballadores percibirán en concepto de gratificación de actividade a cantidade de 5.950 pesetas mensuais, aplicándose a dita cantidade en 12 mensualidades.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación, vixilancia e cumprimento do pactado por ámbalas partes no presente convenio, créase unha comisión paritaria integrada por tres membros das asociacións empresariais, un de CC.OO., un de Fetico, un de UGT e un da CIG.

Artigo 23º.-Delimitación das funcións do conductor.

Chofer de 1ª: é o traballador que, con coñecementos e permisos necesarios, conduce vehículos dos que para o seu manexo se esixe o permiso de conducir de 1ª especial ou 1ª, coida da conservación deles, cobra a mercadoría de acordo coas instrucción que recibe e debe participar en carga e descarga.

Chofer de 2ª: é o traballador que, con coñecementos e permisos necesarios, conduce vehículos dos que para o manexo se esixe o permiso de conducir de 2ª ou 3ª clase, cobra a mercadoría de acordo coas intruccións que recibe e debe participar na carga e descarga. O conductor de 1ª terá a categoría de oficial de 1ª ou de oficial de 2ª.

Artigo 24º.-Igualdade no traballo.

Respectaranse os principios de igualdade no traballo para tódolos efectos e non se admitirá discriminación por razón de idade, sexo, ideoloxía, raza, minusvalidez, etc.

Artigo 25º.-Dereitos sindicais.

En tódalas empresas afectadas polo presente convenio con máis de 250 traballadores, as centrais sindicais poderán nomear un delegado sindical sempre que teñan representación no comité.

As empresas están obrigadas a entregaren copia básica do contrato á representación legal dos traballadores (comités de empresa, delegados de persoal), que asinará o correspondente recibo para acreditar que se realizou a dita entrega.

Artigo 26º.-Premio por compensación de antigüidade.

Aqueles traballadores que levan polo menos 10 anos na empresa e causen baixa voluntaria nela a partir dos 60 anos e ata os 65 terán dereito a vacacións retribuídas. Se a baixa se produce ós 60 anos, as vacacións terán unha duración de 6 meses, reducíndose un mes por cada ano, ata alcanza-los 65.

Os traballadores que igualmente cesen voluntariamente ós 65 anos percibirán dous meses de vacacións retribuídas. O desfrute destas vacacións farase efectivo coa correspondente antelación ó seu cesamento efectivo, debendo comunicarlle o traballador de modo fidedigno á empresa a súa decisión. A empresa entregaralle ó traballador que solicite o premio de vacacións un certificado acreditativo do seu desfrute, no que constará o número de meses ós que ten dereito. Durante este período percibirá o salario base, antigüidade, gratificación por actividade e gratificación de permanencia.

Considerarase obrigatoria a xubilación ós 65 anos para tódolos traballadores afectados por este convenio.

Artigo 27º.-Recoñecementos médicos.

As empresas velarán polas prácticas de recoñecementos médicos, que inclúan análises de sangue e ourina, tanto iniciais como periódicas, conforme o establecido nas disposicións vixentes e como mínimo unha ó ano.

Por outra banda, os traballadores estarán obrigados a someterse a cantos recoñecementos médicos dispoñan as empresas a cargo delas, tanto en situación activa coma en situación de IT ou semellante.

Os recoñecementos médicos orientaranse preferentemente ás enfermidades máis habituais do sector e faráselle entrega ó traballador do resultado do recoñecemento.

Serán entregados nun prazo máximo de cinco días desde a data do recibo deles.

A comisión mixta velará polo seu cumprimento.

Artigo 28º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto e a intimidade e/ou contra a liberdade das traballadoras e traballadores, conductas de acoso sexual verbais ou físicas serán conceptuadas como faltas moi graves, graves e leves, en función da repercusión do feito (*). Nos supostos nos que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa ou persoas con contrato laboral non indefinido a sanción aplicarase en grao máximo.

O comité de empresa, xunta de persoal, sección sindical ou representante dos traballadores e a dirección da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador afectado, procurando preserva-la súa intimidade cando así fose requirido.

(*) Como normativa de referencia débese ter en conta o acordo de substitución da Ordenanza laboral do comercio.

Artigo 29º.-Período de proba.

Establécese un período de proba para tódolos traballadores contratados durante a vixencia do presente convenio, que será o seguinte:

Grupos de tarifa 1 e 2: 6 meses.

Grupos de tarifa 3 a 8: 3 meses.

Grupos de tarifa 9 e seguintes: 15 días laborables.

Artigo 30º.-Submisión ó AGA.

Perante a importancia que pode ter para a solución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos (AGA), asinado pola Confederación de Empresarios de Galicia e as centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formulados.

Artigo 31º.-Clasificación do persoal.

O persoal ó servicio das empresas afectadas por este convenio colectivo quedará encadrado nalgún dos seguintes grupos profesionais en función das súas titulacións académicas, aptitudes profesionais e contido xeral da prestación laboral requirida.

As definicións contidas en cada grupo profesional non son exhaustivas, senón simplemente enunciativas.

Grupo I. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores que coordinan, dirixen, establecen e crean políticas xerais, prácticas normativas e procedementos amplos, con alto grao de autonomía a partir de directrices xerais. Exercen a supervisión a través de mandos intermedios co fin de consegui-los obxectivos operacionais marcados.

Grupo II. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores que desenvolvan unha actividade baixo especificacións precisas e con certo grao de autonomía, podendo coordina-lo traballo dun equipo e

para o que se requira unha pericia ou habilidade sistemática en actividades e/ou procesos técnicos, comerciais, informáticos ou administrativos que estean ou non estandarizados.

Grupo III. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores en postos que se executan baixo instruccións concretas con dependencia xerárquica e funcional total. Esíxeselle-lo coñecemento total do seu oficio e as funcións poden implicar incomodidade temporal ou esforzo físico.

Artigo 32º.-Modalidades de contratación.

A) Contratos para a formación.

Pódense realizar contratos para a formación con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21 anos.

O salario de contratación será igual ó 90% e 95% do salario base da súa categoría durante o primeiro e o segundo ano, respectivamente, de vixencia do contrato.

B) Contrato en prácticas.

A retribución dos traballadores cun contrato en prácticas será do 85% ou do 95% do salario da súa categoría profesional durante o primeiro e o segundo ano, respectivamente, de vixencia do contrato.

C) Contrato por obra ou servicio determinado (artigo 15.1º a) do Estatuto dos traballadores).

De conformidade co establecido no artigo 15.1º a) do Estatuto dos traballadores, ademais dos contidos xerais establecidos nel, identifícanse como tarefas con substantividade propia, dentro da actividade normal das empresas do sector que poden cubrirse con contratos para a realización de obras ou servicios determinados, os supostos de consolidación comercial nos casos de creación ou ampliación de establecementos comerciais. Nestes casos a duración máxima dos contratos será de tres anos.

D) Contrato por circunstancias do mercado (artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores).

De conformidade co artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, de cara a unha menor precarización do emprego e buscando aproveitar ó máximo as posibilidades de emprego que se derivan do actual ciclo económico, o contrato, debido ás circunstancias de mercado ás que se refire o citado artigo, poderase asinar cunha duración máxima de trece meses e medio nun período de dezaoito meses.

E) Contratación indefinida.

As empresas afectadas por este convenio comprometeranse a converter en indefinidos o 10% dos contratos eventuais que teñan o 31 de decembro de 1997. Esta conversión levarase a cabo durante a vixencia do convenio.

Para efectos do reconto, tanto de número de contratos como de transformacións, computaranse en termos de contratos a xornada completa, de 40 horas

semanais, sumando os contratos a tempo parcial de forma proporcional sobre este mesmo criterio.

De acordo co establecido na letra b) do punto 2º da disposición adicional 1ª da Lei 63/1997, ámbalas partes acordan que durante a vixencia deste convenio (2000-2001) será posible a conversión de tódolos contratos temporais, realizados durante a súa vixencia, en contratos para o fomento da contratación indefinida regulados pola lexislación mencionada.

Artigo 33º.-Indemnización á contratación.

Para aqueles contratos de duración determinada dos que a normativa non ten en conta indemnización ningunha ó seu termo, establécese unha indemnización equivalente a un día por mes traballado. Quedan excluídos do cobro desta indemnización os contratos de interinidade ou substitución sexa cal sexa a causa, e fundamentalmente se se trata de maternidade, vacacións ou incapacidade temporal.

Se o traballador rescindise voluntariamente o contrato antes da súa finalización ou de calquera das súas prórrogas perderá o dereito a percibi-la indemnización prevista neste artigo. Dereito que tamén perderá se, rematado o contrato, o traballador continuase na empresa.

Artigo 34º.-Mobilidade xeográfica.

Desprazamento: as empresas poderán despraza-lo seu persoal a outros centros de traballo distintos daquel no que presten os seus servicios durante calquera período de tempo, fundamentando o citado desprazamento en razóns técnicas, organizativas, de producción ou de contratación.

Traslado: enténdese por traslado o desprazamento a outro centro de traballo que implique cambio de domicilio. Enténdese que un desprazamento implica cambio de domicilio cando o centro de traballo de novo destino diste máis de 40 quilómetros do seu centro de traballo actual ou do seu domicilio actual.

Para os supostos de traslados de persoal polos motivos considerados na lei establécense os seguintes mecanismos:

-Negociación preceptiva coa representación legal dos traballadores.

-Intervención dos mecanismos do AGA no caso de descacordo coa comisión paritaria.

-Recuperación do posto de traballo anterior no caso de laudo ou sentencia favorable.

-Aviso previo de 45 días.

-Prazo de incorporación ó novo centro de traballo de 30 días.

Os traslados non terán unha duración inferior a 12 meses nun período de tres anos.

Se, polo traslado, un dos cónxuxes cambia de residencia, o outro, se fose traballador da mesma empresa, terá dereito ó traslado á mesma localidade.

Os casos de traslado, segundo a definición anterior, darán lugar ó dereito do traballador trasladado dos seguintes conceptos compensatorios:

-Billete para el e os familiares que vivan á súa conta.

-Transporte do mobiliario, roupa e utensilios do seu fogar.

-Indemnización por cambio de vivenda, consistente en dúas veces o salario base mensual da súa categoría profesional nun único pagamento.

-Compensación durante 12 meses da diferencia de custo da vivenda en aluguer (vivenda das mesmas características).

Notificada a decisión de traslado, o traballador poderá optar pola extinción do seu contrato percibindo unha indemnización de 25 días de salario por ano de servicio, rateándose por meses os períodos inferiores a un ano e con máximo de 12 mensualidades.

Artigo 35º.-Maternidade.

De conformidade co artigo 48 do Estatuto dos traballadores, no suposto de parto, a muller ten dereito á suspensión do seu contrato durante un período de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto. En caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou se é o caso do período que quede do período de suspensión.

Non obstante o anterior, no caso de que a nai e o pai traballen, aquela, ó inicia-lo período de descanso por maternidade, poderá optar para que o pai goce de ata catro das últimas semanas de suspensión, sempre que sexan ininterrompidas, e ó final do citado período, salvo no momento da súa efectividade, a incoporación ó traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

No suposto de adopción e acollemento, tanto preadoptivo como permanente de menores de ata seis anos, a suspensión terá unha duración máxima de dezaseis semanas ininterrompidas ampliable no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas a elección do traballador ben a partir da resolución administrativa ou xudicial de acollemento a partir da que se constitúe a adopción.

A empresa definirá os postos de traballo con risco que afecten especificamente á muller embarazado ou ó feto, para o que eleborará unha relación de postos alternativos para ocupar nestas circunstancias.

Se non existise posto de traballo ou función compatible co seu estado, poderase declara-lo paso da traballadora á situación de suspensión do contrato de traballo por risco durante o embarazo.

No non previsto, será de aplicación a Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida laboral e familiar das persoas traballadoras.

Artigo 36º.-Comisión de seguimento da contratación.

Establécese unha comisión de seguimento da contratación que estará formada pola comisión paritaria do convenio sendo os seus compoñentes os mesmos que procederon ó asinamento do convenio.

Artigo 37º.-Vinculación á totalidade.

Este convenio colectivo do comercio de alimentación de Ourense é considerado como un todo, polo que a anulación de calquera artigo deste pola autoridade laboral ou xudicial levará consigo e deixará sen efecto o acordado na negociación de 2000, debendo procederse á renegociación do dito convenio.

Táboas salariais.

Convenio colectivo do comercio de alimentación de Ourense para o 2000; incremento sobre 1999, 3,6%, sobre tódolos conceptos salariais.

Grupo profesional, nivel retributivo, categorías incluídas, salario base, salario anual, valor cuadrienal.

I.A) Director: 118.964-1.784.460.

I.B) Xefe de administración, xefe de vendas, xefe de compras: 111.530-1.672.935.

I.C) Supervisor, coordinador xeral, xefe de centro: 104.093-1.561.395.

II.A) Xefe de almacén, xefe de supermercado, xefe de sección: 98.114-1.472.160.

II.B) Analista, responsable de expedición, recepcionista: 96.771-1.451.865.

II.C) Oficial administrativo, programador:

93.683-1.045.245.

III.A) Mecánico; electricista, oficial 1ª chofer, operador informático, capataz, vixilante: 90.712-1.360.680.

III.B) Dependente, oficial 2ª chofer. Auxiliar de caixa-repoñedor, auxiliar de caixa-dependente, auxiliar de caixa; auxiliar de gravación; auxiliar administrativo, axudante mecánico, axudante electricista, peón de mantemento, mozo especializado: 86.249-1.293.735.

III.C) Telefonista, mozo de reparto, mozo repoñedor, oficial 3ª, axudante, persoal de limpeza: 83.276-1.249.155.

Gratificación por actividade: 5.950.

ANEXO

Partes asinantes: parte empresarial, CEO, e parte sindical: UGT, CC.OO., CIG e Fetico.