Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 02 de xuño de 2000 Páx. 8.545

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 22 de maio de 2000 pola que se regula o procedemento para o outorgamento de prórroga do permiso de actividade a establecementos de cultivos mariños e auxiliares na zona terrestre.

O artigo 4 do Decreto 193/1997, do 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade ós establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre, sinala que o citado permiso se outorgará por un prazo máximo de dez anos, prorrogables por períodos máximos doutros dez.

Xa que o outorgamento do permiso de actividade se regula pola Orde do 27 de marzo de 2000, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, procede agora desenvolve-las condicións para a tramitación dos expedientes administrativos de prórroga do citado permiso.

Por todo isto, e tendo en conta a disposición final primeira do Decreto 193/1997, do 5 de xuño,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Solicitude.

As solicitudes de prórroga do permiso de actividade dos establementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre presentaranse dentro dos sesenta días anteriores ó remate da vixencia, conforme o modelo do anexo I da presente orde.

As peticións, xunto coa correspondente documentación poderán presentarse:

a) No rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou nas súas delegacións territoriais e comarcais.

b) En calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-Documentación.

As solicitudes irán acompañadas do orixinal ou fotocopia cotexada da seguinte documentación:

a) Acreditación do solicitante:

1. Persoa física: documento nacional de identidade.

2. Persoa xurídica: DNI do representante e acreditación da representación coa que actúa.

b) Xustificante de ter realizada a liquidación da correspondente taxa administrativa por tramitación.

c) Se o establecemento ocupa terreos de dominio público, petición do titular solicitando a correspondente prórroga da concesión (modelo anexo II). A solicitude dirixirase expresamente ó órgano titular do dominio e presentarase diante da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 3º.-Tramitación.

1. Se a solicitude de iniciación non reunise os requisitos esixidos, a delegación correspondente á localiza

ción do establecemento, requirirá o interesado para que no prazo de dez días emende a falta ou remita os documentos preceptivos, con indicación expresa de que se así non o fixese, será considerado desistido na súa petición, logo de resolución, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, citada.

2. Completada a documentación, a delegación procederá a solicita-lo correspondente informe técnico-biolóxico sobre as carácterísticas e funcionamento do establecemento e, de se-lo caso, a tramita-la prórroga da concesión do dominio público ocupado. Estes documentos teñen o carácter de preceptivos e determinantes do contido da resolución segundo o artigo 42.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 4º.-Resolución.

1. O prazo máximo para notifica-la resolución expresa será de seis meses.

2. Aínda que o vencemento do prazo sin notifica-la resolución expresa non exime a Administración da obriga de resolver, de non producirse esta no citado prazo, poderase entender estimada por silencio administrativo, salvo aquelas das que a estimación tivera como consecuencia que se transfiran ó solicitante ou a terceiros facultades relativas ó dominio público, caso no que o silencio terá efecto desestimatorio.

3. A decisión sobre a solicitude de outorgamento da prórroga comunicarase ó interesado mediante resolución da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Contra da resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados en ámbolos dous casos desde o día seguinte ó da notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no artigo 46 e seguintes da Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 13 de xullo de 1998.

4. A resolución de outorgamento de prórroga conterá como mínimo os seguintes datos:

a) Data da resolución inicial de outorgamento e da súa publicación.

b) Data do remate da vixencia do período anterior.

c) Período de prórroga outorgado, con indicación expresa da data da súa finalización.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las normas complementarias a que o cumprimento desta disposición poida dar lugar.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura