Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 30 de maio de 2000 Páx. 8.405

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2000, da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, pola que se constitúe un couto de pesca sen morte no encoro de Pontillón de Castro, na parroquia de Berducido (municipio de Pontevedra).

Á vista da proposta que formula o Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural da provincia de Pontevedra, de creación dun couto de pesca sen morte no encoro de Pontillón, municipio de Pontevedra, e en atención ós seguintes,

Antecedentes de feito

Primeiro.-Nos últimos anos recibíronse no Servicio Provincial de MAN, numerosas solicitudes no sentido de habilitar un couto de pesca sen morte con orientación ás actividades das escolas de pesca.

Segundo.-A constitución dun couto destas características, segundo o informe do Servicio Provincial de MAN, nesa provincia, ten como principais virtualidades as de potencia-lo aspecto conservacionista da práctica deportiva, ó tempo que descarga un tanto a presión da práctica da pesca, sobre outras zonas máis sensibles, sobre todo se se considera, entre outras limitacións, o carácter artificial do encoro, as grandes dificultades de rexeneración natural das poboacións piscícolas e a súa escasa heteroxeneidade.

Terceiro.-A constitución dun couto de pesca sen morte neste lugar goza do necesario apoio social, por xerar un recurso nun lugar que aparecía descartado para a pesca deportiva e ademais por servir, coa axuda das medidas restauradoras que se poden poñer en marcha, para rexenera-lo hábitat fluvial.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A competencia para a ordenación dos recursos piscícolas en augas continentais corresponde á Xunta de Galicia, tal como lle recoñece o Estatuto de autonomía no seu artigo 27.15º. A dita competencia recibiuna da Administración do Estado, en razón dos reais decretos de transferencia 167/1981, 1234/1983 y 1535/1984 e que o Decreto 482/1997, do 30 de decembro, encomendou posteriormente á Consellería de Medio Ambiente.

Segundo.-O artigo 15 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, que desenvolve a vixente Lei de pesca fluvial, Lei 7/1992, do 24 de xullo, establece as condicións e procedemento a seguir para a creación de coutos. As indicacións deste precepto seguíronse escrupulosamente na instrucción do expediente de creación do couto sen morte de que se fixo mérito, non atopándose oposición ningunha para que tal decisión puidera adoptarse.

Advertidas as condicións de idoneidade xurídicas, o informe favorable do Servicio Provincial de MAN

e cantas circunstancias constan no expediente e cumpridas as esixencias procesuais de aplicación,

RESOLVO:

Constituír un couto de pesca sen morte no encoro de Pontillón de Castro, na parroquia de Berducido, municipio de Pontevedra. A extensión do couto comprenderá toda a superficie do encoro ata a desembocadura do río Cortés e do regato do seu mesmo nome, nunha distancia estimada, desde o muro do encoro, na súa parte inferior, duns dous mil metros ata a desembocadura do río Cortés, na súa parte superior.

Complementariamente, declárase a veda absoluta en todo o río Cortés, desde o seu nacemento ata a súa desembocadura no encoro.

Contra a presente resolución, poderán os interesados interpor recurso potestativo de reposición ante este mesmo órgano administrativo no prazo dun mes, contado a partir da data de publicación dela ou alternativamente interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal de Xustiza de Galicia, do modo en que se dispón nos artigos da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e da Lei de xurisdicción contencioso-administrativa , respectivamente.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2000.

Tomás Fernández-Couto Juanas

Director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural