Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 29 de maio de 2000 Páx. 8.328

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que se describe. (Expediente IN407A 98/247-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se detalla:

Solicitante: Unión Fenosa, S.A.

Domicilio social: Avda. García Barbón, 38, 36201 Vigo.

Denominación: L.M.T., C.T. e R.B.T. Arrufana.

Situación: Mos.

Descricións técnicas: L.M.T. aérea núa, a 15 kV, de 215 m de lonxitude, con conductor tipo LA-56, sobre apoios de formigón, desde o apoio 77 da L.M.T. ATI 26 O Porriño-Redondela, rematando no C.T. que se proxecta en Arrufana, concello de Mos. C.T. de 100 kVA, relación de transformación 15 kV-380/220 V. R.B.T., aérea, de 1.000 m de lonxitude, con conductor tipo R.Z., sobre apoios de formigón.

Realizada a información pública e a notificación individual a cada un dos propietarios afectados, presentan alegacións os propietarios dos predios 2, 12 e15, e a Asociación de Veciños de San Salvador de Louredo (Mos).

A propietaria dos predios 2 e 15 pon de manifesto que no 15 pretende construír unha vivenda e propón que se modifique o trazado da liña. No Concello de Mos preséntase unha alegación que consideremos que se refire ós predios 2 e 15, dicindo que nun dos predios teñen previsto a construcción dun taller, polo que debe modificarse o trazado da liña.

A propietaria do predio número 12 manifesta que ten previsto construír unha vivenda, polo que propón que se varíe o trazado da liña e, que isto non é posible, que pasen a liña polo costado do predio. Fai súas as alegacións presentadas pola Asociación de Veciños de Louredo.

A Asociación de Veciños de Louredo solicita que se realice o trazado da liña a través de montes privados e que varíen a situación do C.T.

Trasladadas as alegacións á empresa eléctrica, esta contesta que non é posible cambia-la situación do C.T. porque afectaría á calidade da subministración, que para poder varía-lo trazado da liña terá que presentar, o interesado, a conformidade previa dos novos propietarios afectados, e que a servidume de paso de enerxía eléctrica non lle impide ó dono do predio servinte cercalo, plantar ou edificar nel, deixando a salvo a dita servidume.

Tendo en conta que os afectados pola liña fan alegacións individuais e, polo tanto, a Asociación de Veciños de San Salvador de Louredo e as persoas que asinan o seu escrito non o son e, polo tanto, en principio non poden considerarse interesados, e por outro lado non especifican a variante que pretenden.

Considerando que a propietaria do predio número 12 indica ter tramitada no Concello de Mos a autorización para unha vivenda unifamiliar, pero non xunta xustificación ningunha e que a variación do trazado, necesaria para levala polo lindeiro, e a lonxitude do predio afectado suporía novas afeccións e unha lonxitude e custo superior o 10% que marca o artigo 26 do Decreto 2619/1966.

Considerando respecto á alegación da propietaria do predio número 15 que a liña pasa polo lindeiro entre os predios 14 e 15 e que non se xustificou a autorización do concello para a construcción industrial indicada.

Vistos e cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, e nos capítulos III e IV dos decretos 2617 e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre autorización e expropiación forzosa das instalacións eléctricas, esta delegación provincial,

RESOLVE:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das devanditas instalacións, nas que as características se axustarán en tódalas súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan nos expedientes.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución; tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ó seu dereito.

Pontevedra, 12 de abril de 2000.

Carmen Bianchi Valcarce

Delegada provincial de Pontevedra