Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 29 de maio de 2000 Páx. 8.283

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 18 de maio de 2000 sobre axudas á promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos.

As pequenas e medianas empresas constitúen a maior parte da armazón empresarial galega. O seu escaso tamaño limita o seu acceso a mercados nos que os productos poderían alcanzar prezos máis atractivos que no mercado galego, provocando ademais, de forma indirecta, unha saturación do noso

propio mercado. A consecuencia máis inmediata é a loita pola subsistencia que se afronta con base en estratexias de baixadas indiscriminadas dos prezos que, en consecuencia, limitan grandemente a competitividade destas pequenas e medianas empresas.

Por outra banda, é cada día maior a importancia que a transformación e a comercialización dos productos agroalimentarios teñen no conxunto da economía agroalimentaria galega. Ademais as tendencias actuais de mercado inclínanse cara ó consumo de productos transformados, diferenciados, naturais e con forte imaxe de calidade. Por outra parte, as esixencias do mercado aumentan no que respecta a normalización, presentación comercial e calidade dos productos.

Hai que ter en conta tamén que Galicia é unha autonomía altamente productora de materias primas de excelente e contrastada calidade e de productos elaborados dunha gran aceptación en mercados fóra da nosa Comunidade Autónoma, pero que en moitos casos son exportadas a outras rexións para a súa manipulación ou transformación coas conseguintes perdas de valor engadido.

Por todo esto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-las axudas que vai concede-la Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ós investimentos para a promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos durante o ano 2000.

Artigo 2º.-Actividades subvencionables e beneficiarios.

1. Considéranse subvencionables os investimentos, excluídos impostos recuperables, realizados nas seguintes actividades:

a) Promoción e mellora da comercialización.

As actuacións xenéricas de promoción e mellora da comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos, promovidas por consellos reguladores dos productos con denominación de orixe ou específica, así como por asociacións e agrupacións de productores e/ou empresas agrarias e agroalimentarias cando estean asociadas para colaborar na mellora da calidade dun producto.

Así mesmo, tamén serán subvencionables as campañas e programas de promoción e mellora da comercialización, promovidas conxuntamente por varias empresas do sector non vinculadas accionarialmente. Cando se trate de empresas individuais, unicamente serán subvencionables as actividades de promoción e mellora da comercialización realizadas fóra da Comunidade Autónoma.

b) Feiras e certames comerciais.

-A organización de feiras e certames comerciais do sector agrario e agroalimentario en Galicia, excluídas as concernentes a concursos, exposicións e feiras de gando, e sempre que estean promovidas por consellos reguladores, asociacións e agrupacións de productores e/ou empresas agrarias e agroalimentarias cando estean asociadas para colaborar na mellora da calidade dun producto, así como por corporacións locais e outras entidades sen ánimo de lucro.

-A participación en feiras e certames comerciais de consellos reguladores, empresas agrarias e agroalimentarias galegas así como das agrupacións e asociacións de productores e/ou empresas. Para cada unha das feiras ou certames deberá presentarse un expediente individual coa súa correspondente solicitude, memoria explicativa e orzamento pormenorizado.

c) Estudios, xornadas técnicas, congresos e viaxes de estudio.

Estudios de viabilidade, de investigación e prospección de mercados, así como de mellora nos procesos de comercialización dos productos agrarios e agroalimentarios galegos. Incluiranse tamén os estudios de conxuntura, análise das perspectivas e evolución dos mercados, sempre que poidan ter unha incidencia directa na mellora dos procesos de comercialización.

Poderán ser tamén incluídos os estudios sobre novas liñas de distribución, así como os deseños de etiquetas e formas de presentación e todos aqueles que favorezan a mellora na distribución e a presentación ó consumidor dos productos agrarios e agroalimentarios galegos.

Así mesmo, inclúense tamén os estudios destinados á preparación de solicitudes de recoñecemento de denominacións de calidade.

Subvencionarase tamén a organización e realización de xornadas técnicas, congresos e viaxes de estudio que teñan como obxectivo a mellora da comercialización dos productos agrarios e agroalimentarios galegos.

Admítense como solicitantes os consellos reguladores, e as agrupacións de productores e/ou de empresas agrarias e agroalimentarias cando estean asociadas para colaborar na mellora da calidade dun producto.

d) Programas.

Os que teñan como obxectivo o fomento da normalización, tipificación e mellora e control da calidade do producto e de todo o proceso de elaboración e producción dos productos agrarios e agroalimentarios galegos.

Poderán ser beneficiarios neste punto os consellos reguladores e as agrupacións de productores e/ou empresas agrarias e agroalimentarias cando estean

asociados para colaborar na mellora da calidade dun producto.

Tamén poderán ser subvencionables os gastos necesarios para a introducción de programas de garantía da calidade tipo ISO 9000 ou EN 45011, e de análise de riscos e control de puntos críticos (ARCPC) nos que incorran as empresas agrarias e agroalimentarias, os consellos reguladores, e as agrupacións de productores e/ou empresas agrarias e agroalimentarias cando estean asociados para colaborar na mellora da calidade dun producto. Inclúense como subvencionables as cantidades cobradas polos organismos recoñecidos de certificación polo certificado inicial e os gastos de formación para a aplicación destes programas.

2. As solicitudes serán formuladas independentemente para cada unha das actividades e especificando, en cada caso, as accións previstas e os importes correspondentes.

Artigo 3º.-Contía das axudas.

1. A contía das axudas, que terán o carácter de subvención directa, queda establecida como segue:

a) Promoción e mellora da comercialización.

Establécese unha porcentaxe de axuda básica de ata o 50% do investimento subvencionable. Esta porcentaxe poderá verse incrementada ata nun 25% adicional cando se trate de productos procedentes das pequenas e medianas empresas ou explotacións, podendo complementarse con outro 25% adicional para as accións nas que participen tódolos consellos reguladores de productos con indicativo de calidade de Galicia, conforme o disposto no encadramento das axudas nacionais para publicidade de productos agrarios (DOCE 87/C 302/06).

Para as actividades deste tipo realizadas fóra da Comunidade Autónoma por empresas individuais, establécese unha subvención de ata o 25% dos investimentos subvencionables, cun máximo de 1.000.000 de ptas.

b) Feiras e certames comerciais:

-Organización:

Ata un 50% dos investimentos subvencionables, no caso de consellos reguladores e asociacións e agrupacións de productores e/ou empresas asociadas para a mellora da calidade dun producto, cun máximo de 3.000.000 de ptas.

No caso de eventos organizados por corporacións locais a subvención poderá acada-lo 30% dos investimentos subvencionables, podendo elevarse esta porcentaxe ata o 50% no caso de certames nos que colaboren consellos reguladores ou asociacións ou agrupacións de productores e/ou empresas asociadas para mellora-la calidade dun producto, sen superar en ningún caso o límite de 500.000 ptas.

No resto dos casos ata un 30% cun límite de 500.000 ptas.

-Asistencia:

* En Galicia: ata un 30% dos gastos subvencionables cun máximo de axuda de 250.000 ptas.

* No resto de España: ata un 40% dos gastos subvencionables cun máximo de axuda de 500.000 ptas.

* No estranxeiro: ata un 50% dos gastos subvencionables cun máximo de axuda de 1.000.000 ptas.

Estas porcentaxes poderanse incrementar ata nun 10% no caso de consellos reguladores e agrupacións e asociacións de productores e/ou empresas agrarias e agroalimentarias asociadas para a mellora da calidade dun producto.

Neste punto terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a:

* Gastos de stand (aluguer, decoración, etc.), traslado de productos, actividades e material de promoción complementarios e gastos dun máximo de dúas azafatas, ou se é o caso os gastos de desprazamento e aloxamento dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante.

* No relativo a gastos de persoal desprazado, a cantidade máxima subvencionable será a regulamentariamente establecida para os funcionarios da Comunidade Autónoma (grupo 2º).

c) Estudios, xornadas técnicas, congresos e viaxes de estudio.

Con carácter xeral, ata un 70% dos investimentos subvencionables. No caso de estudios destinados á preparación de solicitudes de recoñecemento de denominacións de calidade, podería chegar ata o 100% dos gastos subvencionables.

d) Programas.

A axuda non superará o 50% dos gastos subvencionables no caso de programas presentados por empresas agrarias e agroalimentarias, podendo chegar ata o 100% no caso dos programas presentados por consellos reguladores ou agrupacións de productores e empresas agrarias e agroalimentarias asociados para colaborar na mellora da calidade dun producto.

2. En todo caso, a contía das axudas axustarase ó establecido na normativa de aplicación xeral vixente, e en particular ó contido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DOCE C28/2, do 1 de febreiro de 2000) e normativa concordante.

Artigo 4º.-Tramitación das solicitudes.

1. Os interesados deberán presentar por duplicado, preferentemente nos servicios centrais e nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a seguinte documentación:

a) Solicitude dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, segundo o

modelo do anexo I que se xunta a esta orde (unha instancia por actividade).

b) Documentación complementaria que se recolle no anexo II desta orde.

A Dirección Xeral de Industrias e Alimentación poderá solicitar calquera outro documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria resolverá as solicitudes por proposta da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación en función das súas dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:

-Productos amparados baixo algún indicativo de calidade.

-Productos elaborados con materias primas producidas en Galicia.

-Programas e/ou accións encamiñadas claramente a unha mellora da calidade da comercialización dos productos.

-Formulacións con base asociativa.

-Accións, campañas e programas de promoción e mellora da comercialización promovidas por asociación de consellos reguladores e/ou grupos de empresas, en número mínimo de tres.

3. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de seis meses contados desde a publicación da presente orde. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderase desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

4. Unha vez recibida a comunicación da concesión de axuda, o beneficiario terá que remitir no prazo de dez días hábiles a súa aceptación das condicións especificadas na resolución de concesión.

5. No caso de que se trate de consellos reguladores, e que dentro dos programas de promoción, degustación etc., se inclúan productos elaborados polas empresas inscritas, os mencionados productos valoraranse a prezos en orixe, podendo ser considerados como parte da porcentaxe de achega-investimento correspondente ós solicitantes.

6. No caso das campañas publicitarias, estas deberán ser supervisadas e aprobadas pola consellería como requisito previo á súa difusión.

Artigo 5º.-Tramitación do pagamento das axudas.

1. Executados os investimentos, o beneficiario presentará por duplicado, preferentemente nos servicios centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e sempre destinada á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación en San Caetano, Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos efectuados: facturas orixinais e fotocopias, cunha relación numerada delas.

No caso de corporacións locais admitirase como xustificante dos investimentos efectuados certificación do secretario (ou interventor de se-lo caso) ó respecto.

b) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos investimentos.

c) Acreditación formal do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como acreditación expedida pola Dirección Xeral do Tesouro de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No caso de empresas conxuntas, as certificacións deberán ser presentadas por cada unha das empresas integrantes.

d) Ademais, e xunto coa documentación relacionada nos anteriores epígrafes, os solicitantes deberán presentar con carácter xeral:

d.1) No caso de campañas de publicidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes na campaña (carteis, folletos, anuncios, etc.).

d.2) No caso de xornadas técnicas e congresos: unha memoria na que se inclúa un resumo dos temas expostos e das conclusións obtidas.

d.3) No caso de estudios: unha copia destes.

d.4) En caso de estudios que inclúan viaxes: memoria descritiva e detallada da viaxe realizada, así como un informe das conclusións obtidas.

d.5) En caso de programas: memoria das actividades realizadas e valoración do desenvolvemento do programa e dos resultados obtidos.

e) Certificación da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome do beneficiario, para o pagamento da subvención.

2. De acordo co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 poderanse efectuar pagamentos parciais á conta da liquidación, tendo en conta que cando a subvención supere a cifra de 5.000.000 de ptas. será obrigatorio presentar como garantía un aval bancario ou de entidade aseguradora que se considere suficiente e por tempo indefinido.

3. Con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da subvención naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos. No caso de que o anticipo non supere o importe de 5.000.000 de ptas. non serán esixibles, de acordo co previsto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000, as garantías que se citan no punto anterior.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días desde a data de entrada en vigor da presente orde.

2. Poderanse solicita-las axudas que se establecen nesta orde para as accións iniciadas durante o ano 2000 e rematadas antes da data límite que se estableza na resolución de concesión para a xustificación dos gastos.

Artigo 7º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante poderase conceder por petición xustificada do interesado realizada antes da finalización do prazo establecido, e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do dito prazo.

3. Calquera modificación que afecte substancialmente á realización dos investimentos e gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación. No caso de reducción da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

4. Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan esixi-los órganos correspondentes da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar estas, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 8º.-Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ó abeiro desta orde, e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos previstos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada polo artigo 6 da

Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, na súa redacción dada polo artigo 7 da Lei 8/1999, antes citados.

Artigo 9º.-Compatibilidade.

As axudas concedidas a través da presente orde poderán ser compatibles con calquera outra, sen que, en ningún caso, a contía total das axudas percibidas supere o custo da actividade subvencionada, nin os límites establecidos nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DOCE C 28/02, do 1 de febreiro de 2000) e normativa concordante.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposición adicional

O pagamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo ós orzamentos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para o ano 2000, nas aplicacións orzamentarias 09.04.714A.760.0, 09.04.714A.770.0 e 09.04.714A.780.0, dotadas inicialmente con 5.000.000, 300.000.000 e 25.000.000 ptas., respectivamente, así como con cargo ós remanentes adicionais que puidesen existir nos mesmos conceptos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria