Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 26 de maio de 2000 Páx. 8.226

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 15 de maio de 2000 pola que se establecen axudas económicas para o fomento da riqueza cinexética.

O artigo 148.1º.11 da Constitución, así como o artigo 27.15º do Estatuto de

A Lei de caza 4/1997, do 25 de xuño, atribúelle a titularidade do dereito de caza ós propietarios ou, se é o caso, ós titulares doutros dereitos reais ou persoais que leven consigo o uso e desfrute do aproveitamento da caza.

O Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, e o Decreto 122/1999, que o modifica, atribúen á citada consellería, dentro de súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

A Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, modifica o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; que regula a concesión de axudas e subvencións

que se outorguen con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Por outra banda, o progresivo cambio na utilización do solo e a existencia dunha importante e crecente actividade cinexética, ademais doutros factores inherentes a unha sociedade en desenvolvemento, deron lugar a que importantes zonas da nosa autonomía presenten na actualidade unha regresión das poboacións cinexéticas.

Como consecuencia, cómpre fomenta-la riqueza cinexética e procurar un incremento das poboacións de caza menor, evitanto así a progresiva deterioración das nosas especies cazables, mellorando os seus hábitats naturais e ordenando o seu racional aproveitamento.

Neste sentido díctase a presente orde, pola que se establecen axudas coa finalidade de incentiva-los titulares de coutos de caza, zonas de caza controlada e asociacións que teñan como principais, de entre os seus fins estatutarios, o de fomenta-la riqueza cinexética e o de executar accións que comporten a mellora da nosa fauna cinexética e dos seus hábitats; e fomentando o asociacionismo entre os titulares dos coutos privados de caza para lograr unhas maiores unidades de xestión cinexética, indispensables na concepción moderna do aproveitamento cinexético.

En virtude do anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Coa finalidade de favorece-la restauración das poboacións cinexéticas, ordena-los aproveitamentos destes recursos e facilita-la actividade de caza, establécese un sistema de axudas ás entidades colaboradoras ás que se fai referencia no artigo 51 da Lei de caza de Galicia do 25 de xuño de 1997, ós titulares dos terreos cinexéticos de réxime especial e asociacións e federacións de cazadores para a realización de plans de ordenación cinexética.

Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, concurrencia competitiva e obxectividade e someteranse en tódolos seus extremos ó previsto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e de actuación administrativa.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as sociedades administradoras de zonas de caza controlada, os titulares individuais ou agrupados de coutos de caza ou «tecores», e as asociacións que teñan entre os seus fins estatutarios, como principal, o fomento da riqueza cinexética, sempre que a súa finalidade non sexa industrial ou comercial.

No caso de que dous ou máis titulares de coutos de caza se agrupen co obxecto de solicita-la subvención, a agrupación deberá formalizarse por escrito e por un período mínimo de cinco anos, coa conformidade da asemblea xeral.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

Serán subvencionables os traballos de redacción de proxectos de ordenación cinexética.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

A contía da subvención consistirá nunha porcentaxe dos honorarios corespondentes á redacción dos proxectos aprobados pola Administración.

Os importes máximos subvencionables e as porcentaxes máximas de subvención para cada proxecto, serán as seguintes:

1. Redacción de proxectos de ordenación cinexética.

Investimento máximo subvencionable (pesetas): 1.000.0000.

% máximo de subvención: 60%.

Artigo 5º.-Criterios obxectivos para a adxudicación das axudas.

A orde de prelación para a concesión de subvencións basearase na puntuación que se lle conceda a cada solicitude, de acordo coas seguintes prioridades:

-Superficie do couto ou agrupación de coutos: ata 1 pto. por cada 2.000 hectáreas.

-Agrupación de titulares de coutos de caza: ata 7 puntos.

-Actividades acordes cos obxectivos establecidos pola Administración realizadas anteriormente: ata 5 puntos.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes de subvención irán dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente e serán presentadas nas correspondentes delegacións provinciais, directamente ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Xunto coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, presentarase a seguinte documentación por duplicado:

-Fotocopia do CIF/NIF do solicitante destinatario da subvención, ou persoa que o represente.

-Certificación bancaria de ter aberta unha conta a nome do destinatario.

-Declaración xurada do solicitante de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de non ter pendente débeda adquirida coa Administración da Comunidade Autónoma.

-Acreditación da titularidade do terreo cinexético en réxime especial.

-Se o titular fose unha sociedade, asociación ou similar, acordo do órgano competente desta polo que se aproban as accións solicitadas e os compromisos

correspondentes, e no que deberá figurar, así mesmo, a persoa designada como representante daquela para os efectos da solicitude (anexo I).

-Se o solicitante da subvención fose unha agrupación de titulares de coutos de caza, acreditación documental da súa formalización por un período mínimo de 5 anos, segundo o modelo do anexo II, sen prexuízo do establecido no punto anterior.

-Anteproxecto realizado por un técnico competente en caza, incluíndo memoria detallada, na que se sinalen claramente os obxectivos cinexéticos que se perseguen, a aceptación destes obxectivos polos propietarios dos predios afectados, medicións aproximadas e orzamentos estimados para realización das obras ou actuacións.

-Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 7º.- Mellora e corrección das solicitudes.

Iniciado o procedemento, examinaranse as solicitudes e documentos anexos presentados. No caso de que se atopasen faltas ou omisións, requirirase o interesado para que sexan emendadas ou completadas no prazo de 10 días hábiles, con indicación de que se así non o fixese, terase por desistido na súa petición; arquivándose o expediente sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xuridico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 8º.-Tramitación e concesión.

No prazo de seis meses a partir da publicación no DOG da presente convocatoria, e por proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente, a Consellería de Medio Ambiente resolverá conceder ou denega-las axudas solicitadas en función das dispoñibilidades orzamentarias, denegando aquelas solicitudes para as que non exista crédito dispoñible.

Artigo 9ª.-Notificación e aceptación das axudas.

Unha vez aprobada a subvención e recibida a notificación da concesión da axuda, o solicitante disporá dun prazo de vinte días hábiles para notificarlle á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural a aceptación das condicións da subvención. Se no prazo establecido non se comunica esta aceptación, entenderase por non aceptada a subvención.

Se o solicitante fose unha agrupación de titulares de coutos de caza, o acordo de aceptación corresponderalle ó titular ou órgano designado como representante daquela.

A aceptación da subvención polos beneficiarios supón a aceptación de todas e cada unha das obrigas e demais condicións derivadas da aplicación dos artigos 6 e 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, nos que se modifica o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñe-lo o recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da recepción da notificación. Tamén se poderá interpoñer directamente un recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de xusticia de Galicia, no plazo de dous meses a partir do día seguinte ó da recepción da notificación.

Artigo 10º.-Prazo de execución.

Antes do 30 de setembro os proxectos deberán estar rematados e presentados perante o Servicio provincial de Medio Ambiente Natural corrrespondente, quen remitirá informe favorable á Dirección Xeral no prazo de quince días naturais ou devolverá o proxecto o interesado para que sea emendado ou completado, sendo de aplicación neste caso o establecido no artigo 6 desta orde.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural remitirá proposta de aprobación á Consellería de Medio Ambiente, que dictará resolución aprobatoria ou denegatoria antes do 30 de outubro de 2000.

Artigo 11º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

Recibida a notificación da aprobación do proxecto, o beneficiario presentará, no prazo de 10 días hábiles, á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural a siguinte documentación:

-Solicitude de cobramento da subvención.

-Orixinal ou fotocopias cotexadas das facturas oficiales dos honorarios do técnico redactor do proxecto.

-Certificación orixinal ou cotexada, que acredite que o beneficiario se atopa ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, ata o momento do pagamento da subvención e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo se recolle no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, excepto nos casos recollidos no artigo 37.3º da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para este mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Vista a documentación presentada e o informe do Servicio Provincial, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural remitirá, xunto á documentación sinalada, a correspondente proposta, co fin de proceder ó pagamento efectivo da subvención.

En ningún caso procederán aboamentos a conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 12º-Disposicións comúns.

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. No caso de minoración dos investimentos mantendo os obxectivos iniciais, a subvención concedida veríase diminuída na contía proporcional correspondente, sempre que o conxunto do investimento cumpla os fins previstos inicialmente.

3. Os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que deban efectua-los servicios da Consellería de Medio Ambiente, así como a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. O importe da axuda concedida nunca poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do proxecto de ordenación cinexética, ou se é o caso, a porcentaxe máxima subvencionable.

5. Os beneficiarios quedan obrigados ó reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 13º.-Financiamento.

As accións previstas na presente orde financiaranse por parte da Consellería de Medio Ambiente con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342 A. 780.2, código de proxecto 15.00.705, por importe de 12.500.000 ptas.

Disposicións derradeiras

1. Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar tódalas disposicións complementarias co obxectivo de desenvolve-la presente orde.

2. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicacións no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2000.

Carlos del Alamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente