Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 26 de maio de 2000 Páx. 8.215

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 22 de maio de 2000 pola que se fan públicas bases de diversos concursos oficiais de viños da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ten encomendadas, entre outras funcións, as actividades relacionadas coa política alimentaria dentro das que se enmarcan a defensa e a promoción dos productos agroalimentarios con distintivo de calidade.

Nos últimos anos os concursos de viños experimentaron un auxe importante na súa difusión, o que sen dúbida contribúe á promoción e prestixio destes productos entre o consumidor, así como os positivos efectos producidos tanto na mellora tecnolóxica da vitivinicultura como na calidade final do producto.

O Real decreto 1679/1999, do 29 de outubro, establece as normas básicas reguladoras dos concursos

de viños oficiais e oficialmente recoñecidos que se realicen no territorio do Estado español así como as distincións outorgadas ás partidas ou lotes de viños que resulten premiados en tales concursos e a súa posterior utilización.

A orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 21 de decembro de 1999 publicou o calendario de concursos de viños que se celebrarán durante o ano 2000 no territorio nacional, entre os que figuran os recoñecidos para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Recibidas na Dirección Xeral de Industrias e Alimentación as bases dos concursos que se celebrarán en Galicia no ano 2000 e de acordo co establecido no artigo 5.1º do Real decreto 1679/1999, a petición dos consellos reguladores interesados, e de conformidade co artigo 30.1º 3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Publícanse as bases de diversos concursos oficiais de viños que se celebrarán na Comunidade Autónoma de Galicia neste ano 2000 e que figuran a continuación nos seguintes anexos:

ANEXO I

XII CATA DOS VIÑOS DE GALICIA-2000

Os días 20, 21 e 22 de xuño de 2000 celebrarase en Santiago de Compostela a XII Cata dos Viños de Galicia, organizada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, coa colaboración dos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra.

Esta cata constará de dúas fases:

-Precata ou cata de selección, que terá lugar os días 20 e 21.

-Cata final, que terá lugar o día 22.

Bases da cata.

1. Nesta cata poderán participa-los viños elaborados e embotellados polas adegas inscritas nos rexistros de cada unha das denominacións de orixe existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Tódolos viños que se presenten á cata terán que ser da colleita do ano 1999, agás os definidos no número 5 do punto 16 deste anexo (neste caso será imprescindible que se inscriban cando menos seis marcas para concursar), e irán etiquetados segundo a normativa vixente.

3. As marcas presentadas por cada adega non poderán ser máis de dous viños brancos e dous viños tintos. Todas corresponderán a marcas que se estean comercializando. Pódese presentar, a maiores, un viño branco de madeira.

4. As adegas indicarán na súa solicitude de participación o número de botellas da partida, que non

deberá ser inferior a 3.000. As existencias mínimas en adega no momento da recollida serán de 1.000 botellas.

No caso de viños que nas distintas fases da súa elaboración estivesen en contacto con madeira, as esixencias mínimas serán de 500 litros.

5. A recollida de mostras será realizada por unha comisión integrada, cando menos por un representante do consello regulador correspondente, e un funcionario da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de acordo co programa que en colaboración con cada Consello Regulador, se estableza para cada denominación de orixe, levantándose a correspondente acta para cada recollida.

Se a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria contratara o servicio, un representante da empresa adxudicataria acompañará á comisión, proporcionándolle os materiais e medios necesarios (caixas, etiquetas, precintos, etc.).

Para compoñe-la mostra elixiranse ó azar seis botellas de entre o stock. Un representante da comisión e o adegueiro asinarán na etiqueta de cada unha das botellas.

Unha das botellas da mostra quedará na adega e as cinco restantes, unha vez envoltas en material opaco, introduciranse en caixas anónimas, que se precintarán e selarán co selo da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación.

No exterior da caixa figurará unicamente o nome da denominación de orixe, e se o viño é branco, tinto, ou branco en madeira.

As caixas precintadas e rotuladas que conteñan as mostras de cada denominación quedarán depositadas na sede do respectivo consello, que as custodiará e transportará ata o lugar da cata, facendo entrega delas a dous representantes do xurado da cata.

6. Para a supervisión da cata existirá un xurado de cata, presidido por un funcionario da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, actuando como vocais un representante de cada un dos consellos reguladores.

O xurado de cata estará asesorado por un técnico da EVEGA e contará co auxilio dun secretario técnico, e a asistencia dun notario que redactará acta.

7. Para a cualificación dos viños contarase con doce expertos na análise sensorial, procedentes de asociacións científicas, centros tecnolóxicos vitivinícolas, consellos reguladores dos viños, restauración e medios de comunicación especializados, dos que como mínimo un 50% procederá de Galicia.

Para a cata de selección constituiranse dous paneis de seis expertos en análise sensorial.

8. Utilizarase o tipo de fichas oficiais aprobadas pola Subdirección Xeral de Denominacións de Calidade do MAPA.

Para a puntuación de cada viño obterase a media das puntuacións individuais dadas polos catadores que compoñen o panel de cata, despreciando previamente as puntuacións extremas. En caso de empate calcularíase a mediana.

9. O notario comprobará os precintos das caixas almacenadas e numeraraas de forma correlativa por tipo de viño e denominación. A continuación procederá á apertura das caixas, das que se extraerán dúas botellas que se numerarán co mesmo número da caixa. Cada caixa que xa conterá tres botellas será precintada de novo, permanecendo convenientemente custodiada.

Se neste acto de numeración de caixas e botellas aparecese algunha botella que puidera permiti-la identificación do viño ou a caixa tivera algún sinal, a mostra sería anulada.

10. O acto da cata de selección iniciarase o día 20 de xuño de 1999. Iniciarase a cata polos viños brancos, rematando cos tintos.

Os viños cataranse por grupos e por series de dez como máximo, realizándose os descansos precisos, ata a conclusión da análise sensorial das mostras.

O número máximo de viños seleccionados que pasarán á cata final será de seis para cada un dos grupos definidos no punto 16 destas bases.

Establecidos polo xurado de cata os devanditos viños seleccionados, o notario separará as caixas que corresponden a estes viños, procedendo a darlles un novo número correlativo dentro de cada grupo, abríndoas a continuación para extraer dúas das tres botellas que conteñen, as que se numerarán co novo número da caixa correspondente, ata a realización da cata final.

O xurado de cata coidará especialmente que se conserve o anonimato das mostras en todo momento.

11. A cata final realizarase seguindo as normas establecidas para a cata de selección, o día 21 ou 22, segundo o número inicial de viños participantes na cata de selección.

Finalizada a cata, o notario seleccionará e controlará as botellas que conteñan os viños premiados devolvendo as restantes ás caixas orixinais, que serán precintadas e custodiadas ata que unha vez proclamados os premios, se devolvan ós respectivos consellos reguladores.

12. Seguidamente o notario procederá a identifica-las botellas dos viños premiados, en presencia do presidente do xurado de cata, tomando nota por escrito das marcas e adegas premiadas, e introducindo o documento cos citados datos en sobre pechado e lacrado. Este sobre será aberto á hora de entrega dos premios, permanecendo mentres tanto en poder do notario.

13. O destape das botellas, tanto para a cata de selección como para a cata final, levarase a cabo nun local á parte e en presencia do xurado, garan

tindo o anonimato de cada unha das mostras presentadas.

O notario redactará acta de todo o ocorrido durante a celebración da cata.

14. A entrega de premios realizarase nun acto convocado e organizado para tal fin, que terá lugar o día 22 de xuño, ó que dotará da transcendencia e solemnidade axeitadas.

15. Tanto para a cata de selección como para a cata final establécense os grupos seguintes:

Viños brancos:

1. Denominación de orixe Ribeiro.

2. Denominación de orixe Valdeorras.

3. Denominación de orixe Rías Baixas.

4. Denominacións de orixe Monterrei e Ribeira Sacra.

5. Viños que nalgunha fase do seu proceso de elaboración pasaron por barrica de madeira.

Viños tintos:

6. Agrupa os viños tintos das cinco denominacións de orixe de Galicia.

16. Establécense os seguintes premios para cada un dos grupos:

6 diplomas de honra.

1 acio de bronce.

1 acio de prata.

1 acio de ouro.

Entregarase diploma de honra ós viños seleccionados, para o que deberán alcanzar como mínimo, unha puntuación igual ou inferior a 50 puntos.

Os acios serán outorgados ós viños con menor puntuación, correspondéndolle, dentro de cada grupo, os acios de ouro, prata e bronce ós viños que obtivesen a menor puntuación, ordenados de menor a maior respectivamente.

A desición do xurado de cata será inapelable.

17. Tódolos participantes nesta XII Cata dos Viños de Galicia comprométense a acata-las presentes normas.

18. Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dictar cantas disposicións considere necesarias de cara ó correcto desenvolvemento desta XII Cata dos Viños Galegos, se así fose necesario.

ANEXO II

VI MOSTRA DOS VIÑOS DA RIBEIRA SACRA

Os días 27 e 28 de maio de 2000, celebrarase en Monforte de Lemos a Cata da VI Mostra dos Viños da Ribeira Sacra, organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Esta cata constará de dúas fases:

-Precata ou cata de selección, que terá lugar o día 27.

-Cata final, que terá lugar o día 28.

Bases da cata.

1. Nesta cata poderán participa-los viños elaborados e embotellados polas adegas inscritas nos rexistros da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, presentes na VI Mostra, correspondentes á colleita do ano 1999 e que se atopen en fase de comercialización.

2. Só poderán entrar en concurso os viños monovarietais: mencía en tintos, albariño e godello en brancos, podendose presentar á cata, como máximo, dúas marcas por adega. Estas indicarán na súa solicitude de participación o volume da partida, que non deberá ser inferior a 1.000 litros. As existencias mínimas no momento da recollida serán de 500 botellas.

3. A recollida de mostras será realizada polo persoal do consello regulador. Para compoñe-la mostra elexiranse ó azar 6 botellas de entre o stock. O representante do consello regulador e o adegueiro asinaran na etiqueta de cada unha das botellas.

Unha das botellas da mostra quedará na adega e as cinco restantes, unha vez envoltas en material opaco, serán introducidas nunha caixa anónima que se precintará e selará con selo do C.R.D.O. Ribeira Sacra. As caixas precintadas que conteñan as mostras quedarán depositadas na sede do consello regulador, que as custodiará e transportará ata o lugar da cata, facendo entrega delas ó xurado de cata.

En cada proceso de recollida de mostras redactarase a correspondente acta.

4. Para a supervisión da cata existirá un xurado de cata presidido polo director-técnico do consello regulador, actuando como suplente, en caso de ser necesario, o secretario do consello, e un notario que redactará acta de todo o ocorrido durante a celebración da cata.

5. Para a cualificación dos viños contarase con oito expertos en análise sensorial, dos que, como mínimo, o 75% pertencerán á Comunidade Autónoma de Galicia.

Empregaranse as fichas de cata recoñecidas pola Oficina Internacional do Viño (OIV). Para a puntuación de cada viño obterase a media das puntuacións individuais dadas polos catadores que compoñan o panel de cata, despreciando previamente as dúas puntuacións extremas. En caso de empate calcularíase a mediana.

6. O notario comprobará os precintos das caixas almacenadas e numeraraas de forma correlativa por tipo de viño. Procederá á apertura das caixas, das que se extraerán dúas botellas que se numerarán co mesmo número da caixa. Cada caixa que xa conterá tres botellas será precintada de novo, permanecendo convenientemente custodiada.

Se neste acto de numeración de caixas e botellas aparecese algunha botella que puidera permiti-la identificación do viño ou a caixa tivese algún sinal, a mostra sería anulada.

7. O acto da cata de selección realizarase o día 27 de maio. Os viños cataranse por series de dez como máximo, realizándose os descansos precisos, ata a conclusión da análise sensorial das mostras.

Iniciarase a cata polos viños brancos, rematando cos tintos. O número máximo de viños seleccionados que pasarán á cata final será de 10 para cada unha das dúas categorías definidas no punto 12 destas bases.

Establecidos polo xurado de cata os viños seleccionados, o notario separará as caixas que corresponden a estes viños, procedendo a darlles un novo número correlativo dentro de cada categoría, abríndoas a continuación para extraer dúas das tres botellas que conteñen, as que se numerarán co novo número da caixa correspondente para a realización da cata final.

As botellas utilizadas na cata de selección coas demais sobrantes serán introducidas nas respectivas caixas, que serán precintadas e quedarán debidamente custodiadas ata que finalice a cata.

O xurado de cata coidará especialmente que se conserve o anonimato das mostras en todo momento.

8. A cata final realizarase seguindo as normas establecidas para a cata de selección, o día 28, segundo o número inicial de viños participantes na cata de selección.

Finalizada a cata, o notario seleccionará e controlará as botellas que conteñan os viños premiados devolvendo as restantes ás caixas orixinais, que serán precintadas e custodiadas na sede do consello regulador ata que sexan proclamados os premios.

9. Seguidamente o notario procederá a identifica-las botellas dos viños premiados, en presencia do presidente do xurado de cata, tomando nota por escrito das marcas e adegas premiadas, e introducindo o documento cos citados datos en sobre pechado e lacrado. Este sobre será aberto á hora da entrega dos premios, permanecendo mentres tanto en poder do presidente do xurado de cata.

10. O destape das botellas, tanto para a cata de selección como para a cata final, levarase a cabo nun local á parte e en presencia do xurado de cata, garantindo o anonimato de cada unha das mostras presentadas.

11. A entrega de premios realizarase nun acto organizado para tal fin, que terá lugar nas casetas da Mostra dos Viños da Ribeira Sacra, o día 28 de maio.

12. Establécense os seguintes premios para cada categoría:

Viños tintos: medalla de ouro, medalla de prata e medalla de bronce.

Viños brancos: medalla de ouro, medalla de prata e medalla de bronce.

As medallas serán outorgadas ós viños con maior puntuación, correspondéndolle, dentro de cada categoría, as medallas de ouro, prata e bronce ós viños que obtivesen a maior puntuación, ordenados de maior a menor respectivamente.

A decisión do xurado de cata será inapelable.

13. Tódolos participantes nesta cata da VI Mostra dos Viños da Ribeira Sacra comprométense a acata-las presentes normas.

14. Facúltase o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra para dictar cantas disposicións considere necesarias de cara ó correcto desenvolvemento desta cata, se así fose necesario.

ANEXO III

XII CATA CONCURSO DA FESTA DO VIÑO ALBARIÑO

Os días 5 e 6 de agosto de 2000, celebrarase en Cambados XII Cata da Festa do viño Albariño, organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Esta cata constará de dúas fases:

-Precata ou cata de selección, que terá lugar o día 5.

-Cata final, que terá lugar o día 6.

Bases da cata.

1. Nesta cata poderán participa-los viños elaborados e embotellados polas adegas inscritas nos rexistros da Denominación de Orixe Rías Baixas, correspondentes á colleita do ano 1999 e que se atopen en fase de comercialización.

2. Só poderán entrar en concurso os viños albariños. Cada adega presentará á cata unha soa marca, indicando na súa solicitude de participación o volume da partida, que non deberá ser inferior a 1.000 litros ou 1.300 botellas de 0,75 l.

3. A recollida e manipulación das mostras será realizada por persoal do consello regulador, realizándose esta por subzonas en función da cantidade de solicitudes presentadas.

Para compoñe-la mostra elixiranse ó azar, de entre o stock ou dunha partida de viño cualificada, seis botellas. O representante do consello regulador e o adegueiro asinaran na etiqueta de cada unha delas. Unha vez envoltas en material opaco, serán introducidas nunha caixa anónima que se precintará e selará con selo do C.R.D.O. Rías Baixas. As caixas precintadas que conteñan as mostras quedarán depositadas na sede do consello regulador, que as custodiará e transportará ata o lugar da cata, facendo entrega delas ó notario.

En cada proceso de recollida de mostras redactarase a correspondente acta.

4.- Para a supervisión da cata existirá un xurado de cata presidido por un funcionario da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e cando menos, un representante das adegas e unha persoa designada polo consello regulador.

5. Para a cualificación dos viños contarase cun panel de cata formado por expertos en análise sensorial e que terá a seguinte composición: 50% membros do panel de cata do consello regulador, 25% restauración e medios de comunicación e o 25% restante, técnicos alleos á denominación de orixe.

Empregaranse as fichas de cata recoñecidas pola Oficina Internacional do Viño (O.I.V.) e aprobadas pola Subdirección Xeral de Denominacións de Calidade do MAPA. Para a puntuación de cada viño obterase a media das puntuacións individuais dadas polos catadores que compoñan o panel de cata, despreciando previamente as dúas puntuacións extremas. En caso de empate calcularíase a mediana.

6. O notario comprobará os precintos das caixas almacenadas e numeraraas de forma correlativa. Procederá á apertura das caixas, das que se extraerán dúas botellas que se numerarán co mesmo número da caixa. Cada caixa que xa conterá catro botellas será precintada de novo, permanecendo convenientemente custodiada.

Se neste acto de numeración de caixas e botellas aparecese algunha botella que puidera permiti-la identificación do viño ou a caixa tivese algún sinal, a mostra sería anulada.

7. Para a cata de selección poderanse constituír dous paneis. Os viños cataranse por series de dez como máximo, realizándose os descansos precisos, ata a conclusión da análise sensorial das mostras. O número máximo de viños seleccionados que pasarán á cata final será de 12.

Establecidos polo xurado de cata os viños seleccionados, o notario separará as caixas que correspondan a estes viños, procedendo a darlles un novo número correlativo, abríndoas a continuación para extraer tres das catro botellas que conteñen, que se numerarán co novo número da caixa correspondente para realizar a cata final.

8. O destape das botellas, tanto para a cata de selección coma para a cata final, levarase a cabo nun local á parte e en presencia do xurado de cata, garantindo o anonimato de cada unha das mostras presentadas. As botellas utilizadas na cata de selección coas demais sobrantes serán introducidas nas respectivas caixas, que serán precintadas e quedarán debidamente custodiadas ata que finalice a cata.

O xurado de cata coidará especialmente que se conserve o anonimato das mostras en todo momento.

9. A cata final realizarase, para os doce viños seleccionados, seguindo as normas establecidas para a cata de selección e cun só panel de cata. Finalizada a cata, o notario seleccionará e controlará as botellas que conteñan os viños premiados devolvendo as res

tantes ás caixas orixinais, que serán precintadas e custodiadas na sede do consello regulador ata que sexan proclamados os premios.

10. Seguidamente, trala verificación das puntuacións, e na presencia do presidente do xurado de cata, o notario procederá a identifica-las botellas dos viños premiados, que serán desprecintadas no momento de outorgarse os premios do concurso.

11. Os premios serán outorgadas ós viños con menor puntuación, correspondéndolle o primeiro, segundo e terceiro ós viños que obtivesen a menor puntuación, ordenados de menor a maior, respectivamente.

A decisión do xurado de cata será inapelable.

12. Tódolos participantes nesta cata concurso da Festa do Viño Albariño comprométense a acata-las presentes normas.

13. Facúltase o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas para dictar cantas disposicións considere necesarias de cara ó correcto desenvolvemento desta cata, se así fose necesario.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria