Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 26 de maio de 2000 Páx. 8.220

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 117/2000, do 11 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto 294 Plan Operativo Local 1999 Foz-estrada provincial Ver-Vilaxuane (acceso a San Martiño) punto quilométrico 0,000 ó 3,400.

A Deputación Provincial de Lugo, con data do 2 de novembro de 1999, aprobou o proxecto 294 Plan Operativo Local 1999 Foz-estrada provincial Ver-Vilaxuane (acceso a San Martiño) punto quilométrico 0,000 ó 3,400 e na sesión do 24 de marzo de 2000, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 3 de maio de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque as obras de referencia figuran nun programa de cooperación económica local e os terreos son necesarios para a iniciación das obras dentro dos prazos sinalados pola normativa ó respecto.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do once de maio de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto 294 Plan Operativo Local 1999 Foz-estrada provincial Ver-Vilaxuane (acceso a San Martiño) punto quilométrico 0,000 ó 3,400.

Santiago de Compostela, once de maio de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais