Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 24 de maio de 2000 Páx. 8.072

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 115/2000, do 11 de maio, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

A Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, no seu título IV, crea o Rexistro de Establecementos Industriais e, en desenvolvemento do disposto no artigo 27 da citada lei polo Real decreto 697/1995, do 28 de abril, apróbase o Regulamento do Rexistro de Establecementos Industriais de ámbito estatal, con preceptos que teñen o carácter de básicos ó abeiro do establecido no artigo 149.1.1º e 13º da Constitución, a teor do disposto na disposición derradeira primeira do citado decreto, sen prexuízo das competencias das comunidades autónomas para

estableceren rexistros industriais nos seus respectivos territorios.

De conformidade co anterior, e ó abeiro do establecido no artigo 30 do Estatuto de autonomía da Comunidade Autónoma de Galicia, que atribúe a competencia exclusiva en materia de industria a esta Comunidade Autónoma, este decreto crea o Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, dependente da consellería competente en materia de industria, e regula o réxime de inscrición baixo os principios de liberdade de establecemento e de simplificación dos procedementos administrativos.

Garántese así o cumprimento das disposicións de seguridade das instalacións, equipos, actividades e productos industriais, coa obrigatoriedade de que estes, para o seu uso e funcionamento, se axusten ós requisitos regulamentarios dentro do réxime de liberalización, dando cumprimento ós requirimentos relativos á eficacia no procedemento e a racionalidade no trámite, coa axilización na prestación de servicios e a taxación das responsabilidades dos diferentes axentes implicados, seguindo así a liña de actuación xa iniciada co Decreto 223/1998, do 24 de xullo, de creación das oficinas de tramitación única de industrias.

Por outro lado, a disposición transitoria deste decreto establece o traslado ó Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia de tódolos datos que constan no Rexistro Industrial e rexistros especiais industriais, co obxecto de logra-la correspondente actualización e a necesaria reorientación de tódolos rexistros industriais, co fin de lograr un rexistro moderno e actualizado que sirva para o exercicio das competencias que en materia económica e industrial ten atribuída a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e constitúa o instrumento de publicidade da información sobre a actividade industrial ó servicio dos cidadáns e do sector empresarial, dando satisfacción, en fin, á necesidade de establece-la organización, os procedementos administrativos, os datos, o sistema de acceso á información e as normas de confidencialidade aplicables a cada caso.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de maio de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Regulamento do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia que se xunta como anexo a este decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os datos que constan nos rexistros industriais das delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria trasladaranse ó Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia

no prazo de dezaoito meses, contados desde a entrada en vigor deste decreto.

Segunda.-Os titulares das empresas incluídas dentro do ámbito deste decreto deberán actualizar, no prazo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto, os datos existentes no rexistro actual.

Terceira.-Os titulares de empresas incluídas no ámbito de aplicación deste decreto, que á súa entrada en vigor non consten en ningún rexistro de industrias, deberán dar cumprimento ó establecido no artigo 8 do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, no prazo dun ano a partir da citada entrada en vigor.

No caso de axentes colaboradores das administracións públicas ós que fai referencia o artigo 2 a) do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, o prazo para a comunicación será de tres meses desde a súa entrada en vigor.

Disposición adicional

Única.-A inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia non exime da obrigatoriedade de inscrición en calquera outro rexistro que veña esixido pola lexislación vixente.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 254/1983, do 15 de decembro, de réxime administrativo de instalación, ampliación e traslado de industrias, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de industria, para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de maio de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO

Regulamento do Rexistro de Establecementos

Industriais de Galicia

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-O Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

1. Créase o Rexistro de Establecementos Industriais da Comunidade Autónoma de Galicia, que substitúe o Rexistro Industrial correspondente ó

ámbito territorial das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

2. O Rexistro de Establecementos Industriais depende organicamente da consellería competente en materia de industria e será xestionado polas delegacións provinciais de industria territorialmente competentes, que serán as responsables únicas da introducción, modificación e cancelación de datos no rexistro e de remiti-la información que precisen outros órganos da Administración para o cumprimento das súas funcións.

3. A actuación deste rexistro desenvolverase sen prexuízo das competencias do Rexistro de Establecementos Industriais de ámbito estatal e de acordo cos principios de coordinación, cooperación e asistencia mutua establecidos no artigo 4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-Fins.

O Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia ten os seguintes fins:

a) Dispoñer da información básica sobre as actividades industriais e a súa distribución territorial, así como da relativa ás entidades e organismos de control, laboratorios e outros axentes autorizados para colaborar coa Administración no ámbito da seguridade e calidade industriais que sexa necesaria para o exercicio das competencias atribuídas ás administracións públicas en materia económica e industrial.

b) Constituí-lo instrumento para a publicidade da información sobre a actividade industrial, como un servicio ós cidadáns e, particularmente, ó sector empresarial, sen prexuízo da confidencialidade dos datos establecidos por este decreto e nas disposicións de carácter xeral que sexan de aplicación.

c) Subministrarlles ós servicios competentes da Comunidade Autónoma de Galicia os datos precisos para a elaboración das estatísticas industriais ás que se refire a Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia e Lei 6/1997, pola que se aproba o Plan Galego de Estatística.

d) Servir de instrumento de coordinación das actuacións das distintas consellerías en materia económica e industrial.

Artigo 3º.-Ámbito.

1. O Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia ofrecerá información sobre as seguintes industrias, actividades e instalacións, calquera que sexa a súa dimensión ou forma xurídica:

a) Actividades dirixidas á obtención, reparación, mantemento, transformación ou reutilización de residuos industriais, envasado, embalaxe e aproveitamento, recuperación e eliminación de residuos ou subproductos, calquera que sexa a natureza dos recursos e procesos técnicos utilizados e, se é o caso, as instalacións que estas precisen.

b) As actividades de xeración, distribución e subministración de enerxía e productos enerxéticos.

c) As actividades de investigación, aproveitamento e beneficio dos depósitos minerais e demais recursos xeolóxicos, calquera que sexa a súa orixe e estado físico.

d) As instalacións nucleares e radioactivas.

e) As industrias de fabricación de armas e explosivos e as que se declaren de interese para a defensa.

f) As industrias alimentarias, agrarias, pecuarias, forestais e pesqueiras.

g) As actividades industriais relacionadas co transporte e as telecomunicacións.

h) As actividades industriais relativas ó medicamento e á sanidade.

i) As actividades industriais relativas ó fomento da cultura.

2. Así mesmo, o Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia informará sobre as seguintes empresas de servicios e entidades ou axentes colaboradores:

a) Os servicios de enxeñería, deseño, consultoría tecnolóxica e asistencia técnica de carácter industrial directamente relacionados coas industrias, actividades e instalacións indicadas no punto anterior deste artigo.

b) As entidades de acreditación, organismos de control, laboratorios e outros axentes autorizados para colaborar coas administracións públicas en materia de seguridade e calidade industriais.

3. A consellería competente en materia de industria poderá fixar, por orde, as exclusións do ámbito do rexistro que sexan necesarias.

Artigo 4º.-Contido.

1. O Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia conterá os seguintes datos básicos:

a) Relativos á empresa:

1º Número de identificación fiscal.

2º Razón social ou denominación obxectiva.

3º Domicilio social, teléfono e fax.

4º Capital social e composición.

b) Relativos ó establecemento:

1º Número de identificación, que coincidirá co de inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

2º Denominación ou rótulo.

3º Datos de localización, teléfono e fax.

4º Actividade económica principal e actividades secundarias.

5º Enumeración dos productos utilizados e terminados. De existiren substancias perigosas, susceptibles de producir accidentes graves, sinalarase a súa capacidade.

6º Indicadores dimensionais: potencia eléctrica da instalación, persoal empregado e relación de maquinaria máis significativa.

c) Respecto dos servicios directamente relacionados coa industria e as entidades de acreditación, organismos de control, laboratorios ou outros axentes autorizados para colaborar coas administracións públicas, en materia de seguridade e calidade industrial:

1º Número de identificación fiscal.

2º Razón social ou denominación obxectiva.

3º Domicilio social, teléfono e fax.

4º Capital social e composición.

5º Denominación ou rótulo.

6º Datos de localización da actividade principal na Comunidade Autónoma de Galicia.

7º Ámbito material e territorial de actuación.

8º Descrición do persoal directivo e técnico.

9º Número de traballadores no ámbito territorial de actuación.

10º Número de inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

2. O Rexistro de Establecementos Industriais conterá, ademais, os seguintes datos complementarios:

a) En relación coas empresas e os establecementos industriais:

1º Número de inscrición da empresa na Seguridade Social e código da conta de cotización principal.

2º Valor dos investimentos en inmobilizado material da unidade productiva inscrita.

3º Superficie dos soares e superficie construída correspondente ó establecemento.

4º Capacidade anual de producción da unidade productiva inscrita, expresada en unidades físicas e monetarias.

5º Tipos de enerxía que se utilizan no establecemento .

6º Declaración ambiental validada, no caso de que exista.

7º Instalacións sometidas a regulamentación de seguridade industrial e as revisións delas.

b) Respecto dos servicios e entidades mencionados na letra c) do punto anterior:

1º Descrición dos principais medios materiais cos que contan.

2º Compañía de seguros e capital asegurado para cubri-la responsabilidade civil.

3º Se a actividade é de funcionamento descontinuo ou temporal, no rexistro constará tal circunstancia e maila información necesaria para determina-los cambios de situación.

3. A consellería competente en materia de industria poderá recada-los datos específicos que considere convenientes para o logro dos fins previstos no artigo 2º.

Capítulo II

Organización do rexistro

Artigo 5º.-Divisións.

A información existente no Rexistro de Establecementos Industriais estructurarase nas divisións seguintes:

a) División de industrias, actividades e instalacións industriais, mencionados no artigo 3º.1.

b) División de empresas de servicios e actividade industrial, mencionadas na letra a) do artigo 3º.2.

c) División de axentes autorizados para colaborar coas administracións públicas, mencionados na letra b) do artigo 3º.2.

Artigo 6º.-Seccións.

1. A división de establecementos e actividades industriais organízase en seccións coincidentes coas agrupacións a tres díxitos da clasificación nacional de actividades económicas vixente (CNAE).

2. A división de empresas de servicios á actividade industrial organízase nas seguintes seccións:

a) Empresas consultoras.

b) Empresas de enxeñería.

c) Proxectistas e deseñadores.

d) Instaladores.

e) Conservadores e mantedores.

3. A división de axentes autorizados para colaborar coas administracións públicas organízase nas seccións seguintes:

a) Entidades de acreditación.

b) Organismos de normalización.

c) Organismos de control.

d) Laboratorios de ensaio.

e) Laboratorios de calibración.

f) Entidades de certificación.

g) Entidades auditoras e de inspección.

h) Verificadores ambientais.

i) Outros axentes colaboradores.

4. A estructura das seccións mencionadas nos puntos 2 e 3 deste artigo poderá subdividirse e organizarse de acordo coa clasificación nacional de actividades económicas vixente (CNAE).

5. As instalacións correspondentes á letra b) do artigo 5º poderán dividirse en seccións, de acordo coa normativa en materia de seguridade industrial que lles sexa de aplicación.

Artigo 7º.-Índices.

Cada unha das divisións do rexistro conterá, alomenos, índices provinciais por seccións, que comprenderán os seguintes datos:

a) Identificación do suxeito inscrito.

b) Domicilio.

c) Actividade, que se corresponderá coa división á que pertenza.

Capítulo III

Procedemento de inscrición de datos no rexistro

Artigo 8º.-Procedemento de inscrición. Comunicación de datos.

1. Os titulares das empresas e actividades incluídos no ámbito de aplicación do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia deberán comunicar á Delegación Provincial de Industria competente por razón do territorio, unha vez rematada a instalación e antes de inicia-la actividade, os datos básicos e complementarios indicados no artigo 4º. Así mesmo, deberán comunica-las variacións esenciais (ampliación, reducción, traslado ou cesamento de actividade, cambio de nome), no prazo de tres meses desde que se produza a variación ou cesamento. A dita comunicación realizarase na forma e polos medios que se determinen mediante orde da consellería competente en materia de industria.

2. Se de conformidade co disposto na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, se require autorización administrativa previa para a instalación ou a súa modificación ou a inscrición en calquera outro rexistro específico, a inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia e o outorgamento do correspondente número de rexistro realizarase unha vez obtida a correspondente autorización ou efectuada a correspondente inscrición.

3. Unha vez comprobado, pola delegación provincial correspondente, que a documentación e os datos están completos e xustificado o pagamento das taxas, procederase á inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, outorgándolle o correspondente número de asento.

Sen prexuízo do anterior, cando o órgano territorial competente en materia de industria teña coñecemento da existencia dunha empresa ou actividade que incumpra o establecido neste decreto, requirirá o titular dela para que no prazo de tres meses proceda a inscribila no Rexistro de Establecementos Industriais.

4. A inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia dunha nova actividade ou modificación de datos non suporá, en ningún caso, a aprobación técnica da nova actividade ou modificación da existente por parte da Administración, pero servirá ó interesado de xustificante do cumprimento das súas obrigas administrativas, sen prexuízo da responsabilidade dos autores da documentación técnica e das certificacións expedidas.

5. Os titulares das empresas e actividades inscritas no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia deberán comunicar, alomenos cada cinco anos, as variacións non esenciais que se producisen nos datos rexistrados desde a última comunicación e confirma-los que non sufrisen variación.

Mediante orde da consellería competente en materia de industria poderá establecerse a obriga ós titulares de empresas e actividades inscritas no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, que por razón da súa actividade, formen parte de sectores industriais prioritarios, de actualiza-lo seu rexistro industrial en períodos inferiores ós establecidos no parágrafo anterior.

6. O cumprimento das obrigas contidas neste artigo será condición imprescindible para que as empresas poidan acollerse ós beneficios derivados dos programas de modernización e promoción, así como axudas, subvencións, préstamos e avais que poida establecer ou tramita-la Xunta de Galicia.

Artigo 9º.-Variacións esenciais.

Para os efectos do disposto no punto primeiro do artigo 8º, entenderase que existe unha variación esencial cando se dea algún dos supostos seguintes:

a) No caso das industriais e actividades indicadas no artigo 3º.1:

1º O cambio de titularidade.

2º A variación da actividade principal.

3º O cambio do domicilio social.

4º O traslado do establecemento.

5º As modificacións da potencia instalada, da capacidade de producción anual expresada en unidades físicas e do total de investimentos en capital fixo, que alteren en máis dun vinte por cento os datos existentes.

Excepcionalmente, non será necesario comunica-la variación dos datos do establecemento cando non se alcance, alomenos, un dos seguintes valores absolutos: 20 kW de potencia instalada, 50 millóns de pesetas de capacidade de producción, ou 25 millóns de pesetas de capital fixo.

6º A modificación do cadro de persoal do establecemento, por aumento ou diminución, nun número de dez traballadores.

b) Para as empresas de servicios e axentes colaboradores mencionados no artigo 3º.2:

1º O cambio de titularidade ou de domicilio social.

2º A variación do ámbito material ou territorial de actuación.

3º A modificación da titularidade do capital social.

4º A variación do capital social, do número de traballadores, da cobertura do seguro, do valor económico dos medios materiais ou da capacidade productiva, sempre que alteren en máis do dez por cento os datos inscritos.

Artigo 10º.-Inscrición de baixas.

1. A comunicación do cesamento da empresa ou actividade comportará a inscrición da súa baixa no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

2. A situación de baixa no correspondente réxime da Seguridade Social ou no imposto de actividades económicas será causa suficiente para inscribi-la baixa no Rexistro de Establecementos Industriais.

3. Dentro do primeiro trimestre de cada ano, as empresas subministradoras de auga e electricidade deberán remitir á Delegación Provincial de Industria territorialmente competente unha relación de establecementos industriais que se deron de baixa no ano anterior, así como aquelas que, sen terse dado de baixa, das facturacións destas subministracións se poida deducir que cesaron na súa actividade.

4. A Delegación Provincial de Industria territorialmente competente poderá inscribi-la baixa dunha empresa ou actividade no Rexistro de Establecementos Industriais cando teña coñecemento, directa ou indirectamente, do seu cesamento, logo da oportuna comprobación, se é o caso, polos medios que coide máis oportunos.

Capítulo IV

Acceso á información do rexistro

Artigo 11º.-Publicidade dos datos.

1. Os datos de carácter básico contidos no Rexistro de Establecementos Industriais serán públicos. Tamén ten carácter público a información contida nos índices ós que se refire o artigo 7º, que poderá ser obxecto de publicación total ou parcial.

2. Non obstante o anterior, ós datos de carácter persoal só terán acceso, ademais dos titulares, os terceiros que acrediten un interese lexítimo e directo. Os datos relativos á enumeración de productos utilizados poderán substraerse do coñecemento público, cando así o solicite expresamente o interesado por razóns xustificadas polo secreto comercial ou industrial.

Así mesmo, terán carácter confidencial os datos relativos ás industrias de fabricación de armas e explosivos e os que se declaren de interese para a defensa

3. O resto dos datos incorporados ó Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia e demais datos técnicos que poidan figurar no expediente terán carácter confidencial e só poderán difundirse de maneira agregada tralo seu tratamento informático ou estatístico.

4. A consellería competente en materia de industria poderá publicar periodicamente os datos do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia que sexan de interese para o sector empresarial e os cidadáns en xeral, co obxecto de dar a coñece-los datos da actividade industrial, a súa distribución territorial e a súa evolución.

Artigo 12º.-Acceso os datos.

1. O acceso os datos de carácter público regulados no artigo anterior poderá realizarse logo de petición mediante solicitude por escrito. As solicitudes deberán ser específicas, e delimitar con precisión a información requirida.

As solicitudes que, polo seu carácter xenérico ou pola amplitude da información solicitada, poidan interferir no normal funcionamento do Rexistro de Establecementos Industriais poderán ser denegadas mediante resolución motivada, agás as que se refiran ó contido dos índices.

Así mesmo, poderán ser rexeitadas as solicitudes de información que se refiran a procedementos inconclusos, cando se refiran a deliberacións internas da Administración ou cando sexan manifestamente abusivas.

2. As copias ou certificados de datos que figuren no Rexistro de Establecementos Industriais expediranse ós titulares das empresas ou terceiros, logo de pagamento das taxas correspondentes.

Capítulo V

Réxime sancionador

Artigo 13º.-Infraccións e sancións.

1. O incumprimento das obrigas previstas neste decreto será obxecto de sanción de acordo co establecido para o efecto no título V da Lei 21/1992, do 16 de decembro, de industria.