Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 2000 Páx. 7.638

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 19 de abril de 2000 pola que se convocan prestacións económicas de carácter social para afiliados e beneficiarios do réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no seu artigo 33.2º, establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, nos artigos 50 e 52, recolle a posibilidade de conceder de maneira singular prestacións económicas non periódicas a persoas en estado de necesidade.

O Real decreto 373/1999, do 5 de marzo, establece o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios da Seguridade Social en materia de asistencia e servicios sociais encomendados ó Instituto Social da Mariña (ISM).

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 347/1997, do 9 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia en materia de xestión de créditos orzamentarios, e o Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, así como no Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia, modificada, no seu artigo 78 pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, establécense os requisitos xerais para as subvencións que concederá esta Administración autonómica.

Segundo a Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, existe crédito adecuado na aplicación 11.03.212D.485.0, para financia-las prestacións que se establecen no articulado da presente orde e que se concederán, en todo caso, tendo en conta o límite das dispoñibilidades orzamentarias.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ó fin para o que foron establecidos.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das prestacións.

1. O obxecto desta orde é a convocatoria de prestacións económicas de carácter social para afiliados

e beneficiarios da Seguridade Social do Mar, sometidos a este réxime, no ámbito de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, para atender aquelas situacións que por si mesmas non orixinen dereito a prestación regulamentaria ningunha ou se o seu recoñecemento, no caso de dar causa a tal dereito, non supón o aboamento total do importe do gasto ocasionado.

As axudas concederanse en concepto de subvención a fondo perdido, coa finalidade específica para cada tipo de axuda.

2. A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto desta orde axustarase ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Artigo 2º.-Ámbito de actuación.

Esta convocatoria aplicarase con carácter xeral a tódolos traballadores do mar, para atender situacións xerais e de grave necesidade, entendidas por tales as que afecten a aquelas persoas que se encontren en circunstancias derivadas de carencias económicas graves, falta de familiares, enfermidades, deficiencias ou calquera outra causa e que precisan, por iso, atención económica para a súa integración social e normalidade socioeconómica. Son as seguintes:

a) As persoas en estado de necesidade.

b) Os enfermos psíquicos necesitados de atención en réxime hospitalario.

c) A necesidade de tratamento en réxime interno, para toxicómanos e drogodependentes.

d) As axudas de educación especial.

Artigo 3º.-Incompatibilidades das prestacións.

As prestacións recollidas nesta convocatoria serán incompatibles entre si, excepto cando se especifique o contrario.

Estas prestacións serán incompatibles coas que se recoñezan polo mesmo concepto e situación por calquera outro organismo, público ou privado, sempre que o importe recoñecido pola dita institución subvencione o total do importe da situación que hai que protexer. En caso contrario, a contía que hai que recoñecer por estas prestacións en ningún caso poderá supera-la diferencia entre o importe recoñecido pola outra institución e o total do gasto ocasionado.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Serán beneficiarios das prestacións económicas de carácter social os seguintes:

1. Os traballadores do mar, incluídos no campo de aplicación do réxime especial da Seguridade

Social dos traballadores do mar e asimilados, así como os pensionistas do dito réxime. Para os efectos da presente convocatoria, non será relevante que o traballador non estea en situación de alta ou asimilada no devandito réxime.

2. O cónxuxe e os parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción, ata o segundo grao inclusive, que convivan cos incluídos no parágrafo anterior e ó seu cargo, agás que a non convivencia se derive de sentencia xudicial de separación matrimonial ou divorcio.

3. O que, sen se-lo seu cónxuxe, conviva maritalmente cos incluídos no parágrafo anterior e ó seu cargo. Para seren beneficiarios destas prestacións deberán acreditar un ano, como mínimo, de convivencia ininterrompida.

4. Os incluídos nos parágrafos 2 e 3, logo do falecemento do titular do dereito, sempre que se acreditara que convivían co falecido e ás súas expensas, agás que a non convivencia se derivara de sentencia xudicial de separación matrimonial ou divorcio.

Artigo 5º.-Requisitos para o acceso ás prestacións.

Os requisitos que deberán cumpri-los beneficiarios para accederen ás prestacións económicas de carácter social son os seguintes:

1. Careceren os beneficiarios dos recursos suficientes para facer fronte por si mesmos ou polos que conviven con el, unidos por matrimonio, convivencia marital, ou por lazos de parentesco por consanguinidade ou adopción, ata o segundo grao inclusive, ós gastos derivados da situación da que se trate. Tal circunstancia acreditarase co respectivo informe social.

2. Os solicitantes deberán estar ó día das súas obrigas fronte á Seguridade Social. A súa acreditación levarase a cabo de oficio polas direccións provinciais do Instituto Social da Mariña.

3. Que a prestación que hai que protexer non xere dereito a prestación regulamentaria da Seguridade Social nin de ningunha outra institución, pública ou privada, agás cando se especifique o contrario e o importe da prestación recibida non subvencione a totalidade do gasto ocasionado.

4. Reuni-los requisitos específicos que se sinalan en cada caso para acceder á prestación de que se trate.

5. Para que a axuda sexa consolidada polo solicitante, ademais de cumpri-los requisitos sinalados nos parágrafos anteriores, será necesario que obteña unha valoración social favorable, que o sitúe dentro dos créditos asignados para esta finalidade.

Artigo 6º.-Documentación, prazo e forma de presentación de solicitudes.

1. A documentación xeral que deberán achega-los beneficiarios será a seguinte:

a) Instancia, subscrita polo beneficiario ou polo seu representante legal, segundo modelo oficial conforme o anexo da presente orde, que se facilitará nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como en calquera das oficinas de Información Administrativa e Atención ó Cidadán da Xunta de Galicia.

b) Fotocopia do DNI do solicitante ou libreta de inscrición marítima, se é o caso.

c) Documentación da situación familiar do traballador ou outro documento que acredite os beneficiarios ó seu cargo.

d) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, aínda cando sexa negativa.

e) Documentos e xustificantes (orzamentos, facturas, recibos, etc.) que en cada caso procedan, de todo o ano.

f) Para as axudas de internamento, tratamento e educación especial. Especificar tempo de duración deste durante o ano.

2. As solicitudes serán informadas polos traballadores sociais das delegacións da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. Naqueles casos nos que na situación concorran circunstancias de índole sanitaria, engadirase o informe dos servicios médicos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

3. Os perceptores das axudas ou subvencións quedan sometidos ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

4. A solicitude e maila documentación requirida presentaranse, de conformidade cos modelos normalizados, nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ou nos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o 30 de novembro.

Mensualmente atenderanse aquelas solicitudes que tiveran entrada a partir do décimo sexto día do mes anterior e ata o décimo quinto día do mes en curso, agás aquelas que presenten carácter de urxencia.

O prazo máximo para resolver cada un dos procedementos será de seis meses.

As solicitudes de internamento psiquiátrico, tratamento de desahabituación de toxicómanos e dro

gadictos e educación especial, poderanse conceder polo número de meses que precise o tratamento durante o ano.

Artigo 7º.-Valoración de solicitudes.

As delegacións provinciais realizarán mensualmente a valoración e selección das solicitudes presentadas, con base nos datos achegados e facendo as comprobacións que se estimen oportunas.

Para tal efecto constituirase unha comisión de valoración, que estará constituída da maneira seguinte:

a) Presidente: o xefe da Área de Servicios Sociais.

b) Vocais: dous funcionarios da Área de Servicios Sociais, sendo un deles se é posible o xefe do servicio correspondente, e un traballador social. Actuará como secretario un dos vocais da Área de Servicios Sociais.

Ás reunións da comisión poderá asistir un representante designado pola Intervención Territorial, que actuará con voz pero sen voto. Se por calquera causa algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento das axudas, debendo recaer, sempre que fose posible, noutro funcionario do mesmo servicio que o substituído.

Nos expedientes deixarase constancia dos informes das diferentes seccións provinciais, que se especifiquen en cada prestación e mailo informe do traballador social, que valorarán as condicións económicas, sociais e familiares do solicitante, ademais das circunstancias concorrentes no caso.

Os informes das distintas seccións provinciais poderán ser substituídos por documentos mecanizados, sempre que acheguen a información que se necesite.

Nesta valoración deberase ter en conta de modo especial o historial profesional do traballador ou causante e a súa dedicación ó sector marítimo.

As delegacións provinciais elaborarán unha lista mensual das solicitudes, cun resumo económico que indique o importe total das solicitudes presentadas. Á vista deste resumo determinarase o número de solicitudes que poderán ser atendidas en función dos créditos dispoñibles, dando prioridade ás que acadasen, no informe social, unha valoración máis alta e logo efectuarase proposta de resolución definitiva.

No caso de que dúas solicitudes obtiveran a mesma valoración social, terá preferencia a de renda familiar máis baixa.

Para a asignación mensual, as delegacións provinciais dividirán o crédito asignado para este fin nas partes correspondentes ós meses que restan do

presente exercicio. No caso de insuficiencia de crédito para atende-las solicitudes valoradas incorporaranse as solicitudes non atendidas, ó proceso de valoración do mes seguinte.

Se houbera exceso de crédito asignado ó mes correspondente, unha vez atendidas as solicitudes propostas, o exceso reasignarase entre os meses que falten no presente exercicio.

Artígo 8º.-Tramitación.

1. As delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais comprobarán que tódalas solicitudes reúnan os requisitos establecidos nesta orde. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa requirirá o solicitante para que, nun prazo de 10 días, achegue a documentación necesaria ou emende os defectos observados, con indicación de que se non o fixera así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Unha vez corrixidos os erros e achegada, se é o caso, a documentación requirida, remitiráselle á Comisión Provincial de Valoración, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación desta, seguindo os criterios obxectivos recollidos na presente orde e nas demais normas de desenvolvemento.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Delégase nos delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde.

As resolucións seranlles notificadas en tódolos casos ós interesados, motivándose a resolución, respecto das que foran desestimatorias.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

1. No momento da xustificación da execución total do proxecto, e en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. As delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais aboaranlles ós beneficiarios a contía das axudas concedidas, logo da presentación, se é o caso, dos xustificantes requiridos na resolución de concesión das devanditas axudas. Estes xustificantes deberán presentarse antes do 30 de novembro de 2000. No caso das axudas correspondentes ó mes de decembro, que pola peculiar natureza de pagamento (mensual, diario, etc.) non poden ser xustificadas naquela data, disporán de prazo ata o día 30 do devandito mes.

Disposicións adicionais

Primeira.-

O gasto ocasionado pola concesión destas axudas financiarase con cargo á partida orzamentaria 11.03.212D.485.0 por un importe total de 34.000.000 de pesetas.

Segunda.-

Segundo o disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo da súa modificación pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, procederá o reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

-Incumprimento da obriga de xustificación.

-Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

-Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou axuda pública.

Terceira.-

As infraccións en materia de subvencións, así como a súa gradación e prescrición, e as correspondentes sancións, someteranse ó réxime establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo da súa modificación pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Cuarta.-

Os beneficiarios obríganse a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Quinta.-

As resolucións dictadas en relación con estas axudas poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que as dictou ou seren impugnadas directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses desde o día seguinte ó da súa notificación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Autorízase a directora xeral de Servicios Sociais para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2000.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Relación de prestacións, condicións específicas, documentación e contías.

1. Situacións xerais e de grave necesidade.

1.1. Axudas económicas a persoas en estado de necesidade:

1.1.1. As axudas económicas a persoas en estado de necesidade teñen por obxecto palia-la insuficiencia de recursos para atende-las necesidades elementais de subsistencia e aquelas que se derivan de situacións excepcionais imposibles de afrontar cos ingresos correntes, tales como:

1.1.1.1. Paro involuntario ou situación de non apto para traballar dos mariños que se encontren en situación de necesidade e que, tendo traballado en barcos estranxeiros, non causaran prestacións na Seguridade Social española, nin na de ningún dos países nos que traballaron, nin estean en condicións de obtelas.

1.1.1.2. Paro forzoso non debido a paro estacional por falta de costeira ou anormal estado do mar.

1.1.1.3. Necesidade de próteses indispensables para o desenvolvemento da vida normal, non facilitadas pola Seguridade Social ou outras institucións públicas ou que, aínda sendo facilitadas, non o foran na súa totalidade.

1.1.1.4. Estado de viuvez sen dereito a prestación da Seguridade Social, nin de ningún outro organismo ou entidade, sen fillos ou familiares que lles presten axuda, nin posibilidade racional de atopar traballo.

1.1.1.5. Gastos extraordinarios de asistencia sanitaria non cubertos pola Seguridade Social.

1.1.1.6. Sucesos extraordinarios, tales como enfermidade, incendio, roubo ou accidente ou outros similares.

1.1.1.7. Atoparse incapacitado para o traballo, sen ter dereito a outras prestacións económicas despois de esgota-los prazos de duración das prestacións regulamentarias.

1.1.1.8. Calquera outra similar ás anteriores que supoña grave necesidade para a familia do traballador.

1.1.2. Para ser beneficiario destas prestacións, ademais dos requisitos indicados no artigo 5º, será requisito indispensable que a subsistencia do solicitante non dependa fundamentalmente doutro tipo de ingresos que os que se derivan do traballo, pensión ou subsidio.

1.1.3. A contía máxima das axudas por estado de necesidade establécese en 200.000 pesetas por situación protexible e ano. As delegacións provinciais poderán establecer -sen supera-lo tope máximo-, a contía que corresponda en cada caso concreto, segundo a gravidade das circunstancias que concorran nel.

1.2. Axudas para internamento psiquiátrico:

1.2.1. As axudas para internamento psiquiátrico teñen por obxecto contribuír á economía familiar, para facer fronte ós gastos que se orixinan pola asistencia psiquiátrica, en réxime de internamento, de calquera dos seus membros.

1.2.2. Para ser beneficiario da axuda por internamento psiquiátrico teranse que reuni-los seguintes requisitos:

1.2.2.1. Estar afectado por enfermidade psíquica, que precise de atención en réxime de internado nun centro hospitalario.

1.2.2.2. Que non sexa posible o internamento gratuíto en centros oficiais.

1.2.3. A contía máxima da axuda por internamento psiquiátrico establécese en 350.000 pesetas ó ano, sen que, en ningún caso, poida exceder do importe das facturas ou do orzamento presentado.

1.2.4. As solicitudes presentaranse e tramitaranse de acordo co establecido no punto 1 do artigo 5º, e deberán ir xunto coa seguinte documentación: informe médico emitido por un médico da Seguridade Social ou dos servicios médicos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais no que conste a enfermidade e o grao que padece o afectado, así como a necesidade de tratamento en réxime de internado.

1.3. Axudas para tratamento de deshabituación de toxicómanos e drogadictos:

1.3.1. Estas axudas teñen por obxecto contribuír ó pagamento dos gastos orixinados polo tratamento curativo e rehabilitador, en réxime de internado, das

persoas afectadas por calquera tipo de drogadicción ou alcoholismo, así como o tratamento anterior e posterior ó internamento, en centros de día.

1.3.2. Para acceder a este tipo de axudas cómpre reuni-los requisitos seguintes:

1.3.2.1. Estar afectado por drogadicción cando a súa curación unicamente poida garantirse en réxime de internado nun centro especializado. Por centro especializado entenderase o que se dedique de xeito fundamental a realizar tratamentos de desintoxicación de drogadictos, sexa cal fose a súa natureza (hospital sanitario, centros especiais, comunidades, etc.).

1.3.2.2. Que non sexa posible o internamento en centros públicos.

1.3.3. As axudas para tratamentos de desintoxicación de drogadictos establécense nas mesmas contías sinaladas para internamentos psiquiátricos.

1.3.4. Para a presentación e tramitación das solicitudes seguirase o mesmo procedemento sinalado no punto 1.2.4 deste anexo.

1.4. Axudas para educación especial.

1.4.1. Estas axudas teñen por obxecto contribuír ó pagamento dos gastos orixinados polo tratamento necesario de atención ou educación especial, que complete a integración social do diminuído, derivada dunha situación clínica e non de atrasos escolares.

1.4.2. Para acceder a este tipo de axudas deben concorre-las seguintes circunstancias:

1.4.2.1. Que se trate dun caso de diminución física, psíquica ou sensorial debidamente declarada.

1.4.2.2. Que, aínda non reunindo os requisitos legais para obter tal declaración, exista necesidade de tratamento especial.

1.4.2.3. Que os servicios médicos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais determinen que o tratamento para o que se solicita a axuda sexa indispensable para o desenvolvemento ou a integración social do diminuído.

1.4.3. Para tratamentos de estimulación precoz, logopedia, recuperación médico-funcional ou tratamentos psicoterapeúticos establécese a contía mensual máxima de 15.000 ptas. Para tratamentos completos en centros especializados establécese unha contía máxima anual de 150.000 ptas.

1.4.4. As solicitudes presentaranse e tramitaranse de acordo co establecido no artigo 5º desta orde, xuntando especificamente a documentación seguinte: declaración de diminución física, psíquica ou sensorial ou, no seu defecto, informe dos servicios médicos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no que se declare o indispensable do tratamento.