Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2000 Páx. 7.427

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación da planta de coxeración de enerxía eléctrica Club del Mar (San Amaro) ó Concello da Coruña, se aproba o seu proxecto de execución e se inclúe no réxime especial de producción de enerxía eléctrica. (Expediente 99/148-1).

Examinado o expediente instruído por instancia do Concello da Coruña, con enderezo para efectos de notificacións na praza de María Pita nº 1, 15000 A Coruña, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data do 22 de abril de 1999, a citada corporación local solicitou a autorización administrativa, o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica creado polo R.D. 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, actualmente vixente, e a aprobación do proxecto de execución da súa planta de coxeración.

Segundo.-As características básicas da dita planta serán as seguintes: un grupo motor-alternador, modelo GUASCOR FGL 360/55, alimentado con gas natural, con motor de 500 kW, acoplado a xerador de 600 kVA, a 480 V de tensión e transformador de 630 kVA e tensións de 0,4/15-20 kV.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña dictou Resolución do 1 de xuño de 1999 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 6-10-1999 e no BOP da Coruña do 28-6-1999, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Cuarto.-O proxecto está informado favorablemente pola Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña e cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e coas demais que lle son de aplicación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Autoriza-la instalación da planta de coxeración do Club del Mar (San Amaro) ó Concello da Coruña.

Aproba-lo proxecto de execución da citada planta de coxeración.

-Recoñecerlle á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D. 2818/1998, e incluíla no grupo a.1 do artigo 2 do dito real decreto.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria