Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2000 Páx. 7.418

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2000 pola que se convocan as I Xornadas sobre o pacto local.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e coa Área de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, as I Xornadas sobre o pacto local; convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Estas xornadas pretenden iniciar unha reflexión académica sobre os importantes problemas técnicos que presenta o desenvolvemento do chamado pacto local; reflexión que intenta servir de axuda a tódolos interesados en tan importante temática, singularmente ós responsables institucionais chamados a negociaren os distintos aspectos do citado pacto e ós membros das corporacións locais en xeral, ademais da innegable vocación formativa destas xornadas para os funcionarios autonómicos e locais.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Cláusula xeral de competencia municipal e pacto local.

-Goberno local e pacto local.

-O problema da facenda urbana: especial consideración do caso galego.

-Relacións interadministrativas e pacto local.

-Organización e pacto local.

-A defensa da autonomía local ante o Tribunal Constitucional.

-Servicios públicos e pacto local.

-Libre competencia e pacto local.

-Espacio local e pacto local.

-Turismo cultural e pacto local.

3. Destinatarios.

Alcaldes e presidentes das entidades locais galegas e demais membros destas corporacións, así como o persoal ó servicio da Administración local e da Xunta de Galicia e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da EGAP os días 24 e 25 de maio de 2000.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 22 de maio de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de

Madrid, 2-4 - 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando, o día 23 de maio, por teléfono, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública