Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2000 Páx. 7.416

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 101/2000, do 31 de marzo, polo que se declara monumento natural a Costa de Dexo.

A Costa de Dexo, comprendida entre o cabo de Mera e o porto de Lorbé, na denominada costa ártabra, representa un lugar de grande importancia ecolóxica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe, o que, engadido ó seu actual estado de conservación, o converten nun lugar excepcional que é necesario protexer na salvagarda dos seus valores naturais.

Estes recursos naturais necesitan dunha protección que asegure a súa persistencia e conservación compatible co uso público e desfrute da natureza

neste espacio, tal e como se sinala na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres.

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandato recollido no artigo 45 da vixente Constitución española e unha necesidade para asegura-la pervivencia dos nosos ecosistemas.

A devandita Lei 4/1989, do 27 de marzo, define no seu artigo 16 a figura do monumento natural como aqueles espacios ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial, así como as formacións xeolóxicas, os xacigos paleontolóxicos e demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.

As competencias en materia de protección do ambiente e da paisaxe foron recollidas pola Comunidade Autónoma de Galicia no artigo 27.30º do seu Estatuto de autonomía, e transferidas á Xunta de Galicia polo R.D. 1535/1984, do 20 de xuño.

Por estas razóns, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de marzo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Establécese un réxime xurídico especial para o espacio denominado Costa de Dexo, mediante a súa declaración como monumento natural, de acordo co establecido na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora a fauna silvestres.

Este réxime xurídico especial oriéntase á protección e conservación dos importantes valores naturais que coexisten en canto a singularidade da súa xea, fauna e flora, así como a dos seus propios ecosistemas e hábitats naturais, e beleza das súas paisaxes, presentes ó longo de toda esta orla litoral.

Artigo 2º

O monumento natural da Costa de Dexo abrangue unha extensión de 266,7.624 ha, e está constituído pola área litoral comprendida entre o faro de Mera e o porto de Lorbé, ademais das illas e illotes próximos á costa, situada no termo municipal de Oleiros, na provincia da Coruña. Da súa extensión total, 265,3.868 ha corresponden á zona terrestre, e 1,3.756 ha á zona insular.

Os seus límites xeográficos correspóndense cos do espacio definido na ordenanza 12 de conservación e protección de costas e praias, do plan xeral de ordenación urbana do Concello de Oleiros.

No anexo I figura un plano do espacio cos seus límites.

Artigo 3º

No ámbito do monumento natural da Costa de Dexo establécense as seguintes medidas de protección:

1. O réxime xurídico aplicable ós terreos pertencentes ó dominio público marítimo-terrestre e das súas zonas de servidume virá determinado pola Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e polo seu regulamento de desenvolvemento e execución (R.D. 1471/1989, do 1 de decembro), e as normas urbanísticas aplicables, sen prexuízo das prohibicións que se establecen con carácter xeral para todo o ámbito do monumento natural.

2. Prohíbense en todo o ámbito do monumento natural:

a) Os campamentos e acampadas.

b) Os desmontes e terrapléns.

c) Os vertedoiros e entulleiras.

d) Os vertidos de calquera tipo.

e) As queimas.

f) A colocación de carteis e anuncios publicitarios, agás os que teñan relación coa defensa e sinalización do propio monumentos natural.

g) A extracción de area e o recheo das zonas húmidas.

h) A modificación dos leitos públicos.

i) A instalación de parques eólicos.

j) Os aproveitamentos mineiros da xea presente na área.

k) As edificacións permanentes de calquera tipo.

3. Fóra dos camiños e vías existentes, só se permitirá o estacionamento e circulación de vehículos e maquinaria propios da actividade agrícola ou forestal.

4. As cortas de árbores deberán ser autorizadas polo órgano competente en materia forestal.

5. Quedarán prohibidas, asemade, todas aquelas accións que poidan supoñe-la destrucción ou alteración dos hábitats naturais identificados na área como de especial interese ou prioritarios de acordo co disposto na Directiva Hábitat 92/43/CEE.

6. O acceso ás illas incluídas no espacio natural requirirá autorización expresa da Consellería de Medio Ambiente, que establecerá o réxime de visitas máis conveniente para a defensa das colonias de aves mariñas alí existentes.

Artigo 4º

1. A declaración como monumento natural non impedirá as actividades que non menoscaben os

valores naturais que fundamentan a protección que neste decreto se pretende.

2. Poderán realizarse actividades de explotación de recursos mariños reguladas e autorizadas pola consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Os plans de explotación de recursos mariños na zona, previos a súa aprobación, deberán ser autorizados pola Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 5º

A Consellería de Medio Ambiente instará á suspensión de toda actividade que non dispoña da autorización preceptiva, non se axuste as condicións desta ou incumpra as prescricións do presente decreto.

Artigo 6º

A infracción do réxime de protección establecido para o monumento natural no artigo 3 do presente decreto e nas normas que se deriven dos plans de uso e xestión que o desenvolvan, serán sancionadas de acordo co disposto na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres ou nas normas que, se é o caso, a substitúan e demais disposicións que a teor da natureza de infracción resulten aplicables.

Disposicións adicionais

Primeira.-As actuacións urbanísticas derivadas da lexislación sectorial deberán axustarse ás limitacións establecidas no presente decreto.

Segunda.-Os efectos da declaración como monumento natural entenderanse sempre sen prexuizo dos dereitos privados existentes sobre os terreos incluídos no seu territorio.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións, de igual ou inferior categoría, se opoñan ó disposto no presente decreto, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións necesarias para desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de marzo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente