Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2000 Páx. 7.387

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 28 de abril de 2000 pola que se establece unha liña de axuda para fomenta-lo control integrado dos patóxenos dos cultivos a través de agrupacións para tratamentos integrados en agricultura (ATRIA).

As condicións específicas de climatoloxía e diversidade de cultivos e a estructura que os predios presentan, xeralmente de dimensións pequenas, son factores que inciden en gran medida na problemática que a sanidade vexetal presenta dentro da agricultura galega e que dificulta o labor de control dos fitopatóxenos.

A loita eficaz contra os axentes prexudiciais dos cultivos require a coordinación das accións que se realicen nas zonas afectadas, promocionando a formación de asociacións de agricultores que, mediante o establecemento de redes de seguimento de parasitos, efectúen as oportunas estimacións de risco para a determinación do momento adecuado para levar a cabo as actuacións conxuntas da loita.

A presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó establecido na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2000.

En consecuencia, de acordo co establecido no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxectivo e finalidade.

Establécese unha liña de axudas para fomenta-lo control integrado contra as pragas e enfermidades e a loita en común, mediante a constitución de asociacións para tratamentos integrados en agricultura

(ATRIA) que teñan por finalidade aplicar nun cultivo ou grupo de cultivos asociados, en razón das rotacións anuais da zona, as técnicas de loita integrada.

As actuacións para a aplicación das técnicas de loita integrada oriéntase a estudiar:

-A fenoloxía do cultivo.

-Bioecoloxía das pragas e fauna útil.

-Métodos de tratamento máis rendibles e menos lesivos para o ecosistema.

-Axuste de limiares económicos de tolerancia das pragas e enfermidades.

Artigo 2º.-Condicións.

Para poder acceder ás axudas previstas nesta orde, as ATRIA deberán reuni-los seguintes requisitos:

1. Constituírense dentro do seo de calquera das entidades con personalidade xurídica que poidan ter capacidade de contratación.

2. Deberán ser constituídas por un número mínimo de 10 agricultores, que integren unha superficie mínima suficiente para a mellor eficacia das técnicas de loita que van aplicar, e para que resulte económico o mantemento do técnico e demais equipamento utilizado pola asociación.

3. Os agricultores subscribirán un regulamento de réxime interno, no que se exprese a aceptación das condicións que se establecen para cada cultivo ou grupo de cultivos asociados, e a decisión de constituír unha ATRIA. Así mesmo, indicaranse as superficies de cultivo proporcionadas por cada un dos membros, xunto co ámbito de actuación sinalado por escrito e un mapa que delimite as zonas.

4. Constituirase unha xunta xestora que rexerá a devandita ATRIA, formada, como mínimo, por un presidente un secretario e un tesoureiro.

5. Elaboración dun programa técnico quinquenal, que se desenvolverá anualmente e que conterá como mínimo:

a) Unha memoria na que se recollan os datos xerais da entidade agraria.

b) Un mapa de situación e ámbito de actuación do programa.

c) Cultivos ós que afecta o programa, hectáreas totais, superficie por socio e fitopatóxenos que inciden nos cultivos.

d) Tipo de actuacións que se levarán a cabo para o control dos organismos nocivos, indicando o equipo que se empregará para o seguimento e evolución dos fitopatóxenos.

e) Actividades que se desenvolverán, co obxectivo de capacitar e asesora-los asociados participantes no programa:

-Reunións do grupo e cursos que se impartirán, calendario e número de asistentes.

-Visitas de asesoramento a explotacións: número e calendario.

-Demostracións de novas técnicas e métodos: calendario.

-Programas fitosanitarios experimentais de investigación de interese xeral: obxectivos.

-Publicacións e material divulgativo: títulos e número.

-Actividades que se desenvolverán en colaboración coas estacións de avisos de detección de risco de pragas e enfermidades da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-Outras actividades de interese: descrición e número.

6. Subscribir un contrato laboral co técnico que dirixirá a loita contra as pragas nos cultivos que agrupa a ATRIA. O técnico deberá estar en posesión do título de enxeñeiro agrónomo ou enxeñeiro técnico agrícola. No caso de programas para cultivos forestais, admitiranse as titulacións de enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal.

O técnico seguirá as directrices marcadas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, á que deberá presentar, a través do presidente da agrupación, un informe anual dos traballos efectuados e dos resultados técnicos conseguidos.

Artigo 3º.-Clase e contía das axudas.

As subvencións e auxilios a que poden accede-las ATRIA son as seguintes:

a) Subvención que se destinará ó pagamento dos soldos dos técnicos contratados polas agrupacións para elaborar e dirixi-lo programa de control integrado dos cultivos, e que se fixará anualmente como dispón o artigo 7 da Orde do 17 de novembro de 1989, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Esta axuda na actualidade de ata 1.800.000 ptas. por ATRIA poderá complementarse ata un total de 2.200.000 ptas. por ATRIA naqueles casos nos que estea xustificado, xa sexa pola pequena superficie da explotación individual, ou o excesivo número de parcelas dos propietarios, ou ben pola escasez de recursos das agrupacións consecuencia da estructura productiva do sector.

b) Subvención daquelas técnicas de control que poidan fornecer unha innovación e mellora nas técnicas de loita integrada contra os organismos nocivos dos cultivos do programa. Esta axuda poderá alcanzar un máximo de 125.000 pesetas por agrupación.

Artigo 4º.-Prioridades.

1. Dentro das ATRIA en funcionamiento ou as entidades solicitantes terán prioridade na aprobación das subvencións aquelas que teñan contratado un técnico que reúna algún dos seguintes requisitos:

a) Maior de 25 anos de idade e que leve máis de 12 meses de paro.

b) Menor de 25 anos de idade.

2. Así mesmo, terán preferencia aquelas asociacións que teñan desenvolvido programas de defensa sanitaria dos cultivos, aprobados pola consellería durante un ano como mínimo.

Artigo 5º.-Presentación.

As solicitudes, segundo modelo do anexo I, e dos documentos que xustifiquen que se cumpren os requisitos esixidos no artigo 2º e, se é o caso, do artigo 4º desta orde, presentaranse, preferentemente nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, podendo, non obstante, presentarse en calquera das formas establecidas no artigo 38, apartado 4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

O programa técnico que se desenvolverá presentarase en aplicación Microsoft Word, soporte informático (disquetes de 3 œ polgadas de alta densidade) e en papel.

As solicitudes deberán renovarse anualmente acompañándoas das incidencias que se producisen, respecto ós requisitos esixidos no artigo 2º desta orde.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación das solicitudes rematará, ós 30 días hábiles, contados desde o seguinte á publicación desta orde.

Artigo 7º.-Aprobación.

A aprobación da subvención farase seguindo os criterios técnicos e de interese do programa presentado, atendendo á maior repercusión deste e ó número de agricultores integrantes da ATRIA.

A resolución do expediente correpóndelle ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria, nun prazo de 90 días.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición perante o mesmo órgano que a dictase nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo establecido no artigo 46 da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Outras obrigas dos beneficiarios.

O beneficiario ou beneficiarios terá a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ó Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 9º.-Xustificación.

A entidade beneficiaria deberá comunicar á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, antes do 31 de outubro do 2000, a realización do programa xuntando coa mesma a seguinte documentación:

1. Informe do técnico da agrupación, responsable do seguimento do programa, co visto e prace do presidente dela, no que se cuantificarán tódolos datos de interese: numéricos, datas, lugares, etc. para que, por parte da administración, poida facerse unha avaliación do programa desenvolvido nas actividades inicialmente previstas.

O informe presentarase en papel e soporte informático en aplicación Microsoft Word en disquetes de 3 œ polgadas de alta densidade.

2. Certificación de estar ó día das obrigas fiscais e da Seguridade Social.

3. Certificación do organismo oficial responsable de que a agrupación non teña pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4. Facturas orixinais ou fotocopias compulsadas xustificativas dos productos fitosanitarios subvencionables utilizados. Só se admitiran os productos adquiridos en establecementos dados de alta no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas.

5. Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para este mesmo programa, das distintas administracións públicas.

Artigo 10º.-Compatibilidade.

As agrupacións acollidas a esta liña de axudas poderán acollerse ás previstas na orde para o desenvolvemento de programas de defensa sanitaria dos cultivos do ano 2000, agás a correspondente para a contratación de técnicos.

Artigo 11º.-Financiamento.

Esta orde financiarase con cargo ó concepto orzamentario 09-03-613.A-772.0 «Axudas ATRIA» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 dotados con 27.000.000 de ptas., para esta finalidade.

Disposicions derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las normas precisas para a aplicación da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria