Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2000 Páx. 7.382

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 28 de abril de 2000 pola que se establecen as axudas para o desenvolvemento de programas de defensa sanitaria dos cultivos.

As pragas e enfermidades dos cultivos ocasionan anualmente importantes diminucións de producción, coa conseguinte reducción da renda do agricultor se este non utiliza os medios de loita adecuados.

O uso incorrecto dos productos químicos contra eses organismos nocivos incidirá negativamente no ecosistema, podendo afectar ás plantas, ós animais e mesmo ó home.

No aspecto da economía da explotación agraria, o incremento das doses por riba das recomendadas ocasiona un aumento dos gastos da explotación.

A defensa sanitaria dos cultivos esixe un coñecemento adecuado dos patóxenos e o emprego de labores culturais, medios de loita biolóxica e medios de loita química idóneos en cada momento.

O agricultor individual, en xeral, ten dificultades para facer un seguimento da evolución das poboacións de patóxenos e de organismos beneficiosos, buscando o momento óptimo do emprego dos medios de loita. Tamén carece, con frecuencia, da maquinaria adecuada para a realización de tratamentos fitosanitarios, e a economía da súa explotación, moitas veces, non lle permite a contratación dun técnico capacitado que o asesore nos aspectos fitosanitarios.

As cooperativas, sociedades agrarias de transformación e as agrupacións de agricultores, especialmente as de tratamentos integrados na agricultura (ATRIA), poden desenvolver un papel decisivo no establecemento, execución e seguimento de programas de defensa sanitaria dos cultivos, poñendo á disposición dos agricultores os medios necesarios para a loita, de forma que se mellore a renda das explotacións agrarias e se respecte o ambiente.

A presente convocatoria axustarase ó disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e, en concreto, no relativo a obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e ó establecido na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2000.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxectivo e finalidade.

Establécese un sistema de axudas para potencia-lo control fitopatolóxico dos cultivos agrícolas, a través de agrupacións de carácter agrario formalmente constituídas, mediante programas técnicos ben definidos, coas seguintes condicións:

1. Prioridade no uso de métodos de control de loita biolóxica.

2. Emprego racional de productos químicos, usándoos só naqueles casos en que sexa a única forma eficaz de erradicar ou mante-los axentes nocivos dentro dos límites tolerables, empregando métodos de control integrado de pragas.

3. Que conten cos servicios dun técnico contratado pola agrupación para o control fitosanitario. O técnico deberá estar en posesión do título de enxeñeiro agronómo ou enxeñeiro técnico agrícola. No caso de programas de cultivos forestais admitirase a titulación de enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal.

Artigo 2º.-Prioridades.

Terán prioridade para a concesión de axudas para os programas de actuación de control fitosanitario aquelas agrupacións que cumpran as seguintes condicións:

1. Que estean constituídas como agrupacións de tratamentos integrados en agricultura (ATRIA).

2. Que conten cos servicios dun técnico contratado para o control fitosanitario a tempo total.

3. Aquelas agrupacións que presenten un programa que se realice nunha área xeográfica na que as características técnicas dela favorezan a aplicación coherente daquel.

Artigo 3º.-Condicións.

Nas actuacións recollidas no programa deberán participar, como mínimo, o 80% dos socios afectados por el e que pertenzan á entidade solicitante.

Se un socio pertence a máis dunha entidade, non poderá beneficiarse máis que dun programa. Nese caso, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria solicitará ás entidades implicadas que presenten a conformidade, por escrito, do dito socio a participar no programa previsto. Se o socio dá a conformidade por escrito a máis dunha entidade, excluirase de tódolos programas deste tipo.

Na proposta de aprobación da subvención terase en conta o grao de cumprimento dos programas realizados pola agrupación en anos anteriores.

Artigo 4º.-Clase e contía das axudas.

Poderán ser obxecto de axuda as seguintes actuacións:

1. Contratación de servicios técnicos encargados da redacción e seguimento dun programa anual fitopatolóxico.

A contía da subvención poderá chegar ata 1.000.000 de pesetas por asociación para ambos servicios, dependendo das características técnicas do programa, duración, dificultades para o seu seguimento e grao de cumprimento.

2. Fomento dos medios culturais e biolóxicos de control dos organismos nocivos dos cultivos consistentes en:

2.1. Adquisición de trampas e feromonas para o seguimento e confección de curvas de voos de insectos que permitan preve-lo posible grao de ataque e o momento óptimo de control con productos fitosanitarios, se son necesarios.

Nos programas deberán indicarse os lugares de instalación das trampas para o seguimento por parte dos técnicos da Administración. Rematadas as actuacións, a agrupación presentará no Servicio Provincial de Sanidade e Producción Vexetal un informe completo dos resultados obtidos.

2.2. Adquisición de equipamento para a mellora de técnicas que favorezan a prevención da propagación dos axentes nocivos. No caso de maquinaria de aplicación de tratamentos, só será subvencionable cando vaia ser utilizada en común pola agrupación e supoña unha innovación tecnolóxica.

2.3. Adquisición de equipamento de protección humana para a realización de tratamentos fitosanitarios.

2.4. Adquisición de organismos vivos, dos seus subproductos e productos biorracionais para a aplicación de técnicas de control biotecnolóxico.

As actuacións reflectidas no número 2.1 poderán subvencionarse ata o 70% do investimento.

As actuacións reflectidas nos números 2.2, 2.3 y 2.4 poderán subvencionarse ata o 75% do investimento feito, agás para a maquinaria de tratamentos do número 2.2, que non excederá o 40% do seu custo. Estas subvencións limitaranse ó 30% do investimento nos programas desenvolvidos en zonas non desfavorecidas no sentido da Directiva 75/268/CEE.

3. Desenvolvemento de programas fitosanitarios experimentais de investigación en interese xeral do sector, para combate-los organismos nocivos. Os resultados remitiranse á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para poñelos a disposición dos operadores do sector.

Só se utilizarán os productos de categoría toxicolóxica nociva nos casos nos que sexan a única forma eficaz de controla-los patóxenos.

Admitirase a utilización de productos tóxicos ou moi tóxicos no caso de que non exista outra técnica de control e sempre precedendo autorización expresa e baixo a supervisión e seguimento da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e de acordo coa lexislación vixente.

A axuda correspondente á execución destes programas non poderá supera-lo 70% do custo adicional orixinado por eles en relación ós programas tradicionais de defensa sanitaria para combate-los mesmos patóxenos.

A contía da axuda por este concepto poderá chegar a un máximo de 15.000 ptas./ha que poderán incrementarse ata 30.000 ptas./ha no caso de cultivos baixo cuberta.

A Administración poderá establecer uns módulos máximos de axuda por cultivos e zonas segundo as condicións metereolóxicas, incidencia de axentes nocivos, custo de tratamentos e valoración das produccións tradicionais, por unha parte, e pola outra, o custo de tratamentos, seguimento deles e valoración das produccións nos programas experimentais de investigación. Así mesmo, poderá determina-la documentación complementaria que permita a avaliación dos programas en cada caso.

Artigo 5º.-Documentación.

Para teren acceso a esta liña de axudas, as agrupacións deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Solicitude de acordo co anexo I.

b) Un programa técnico, que conterá como mínimo:

1. Unha memoria na que se recollan os datos xerais da entidade agraria.

2. Un mapa de situación e ámbito de actuación do programa.

3. Cultivos ós que afecta o programa, hectáreas totais, superficie por socio e fitopatóxenos que inciden nos cultivos.

4. Tipos de actuacións que se van levar a cabo para o control dos organismos nocivos, dos cultivos do programa, indicando o equipo que se pretende adquirir para o seguimento e evolución dos fitopatóxenos.

5. Actividades que se van desenvolver, co obxectivo de capacitar e asesora-los asociados participantes no programa:

* Reunións de grupo e cursos que se impartirán: calendario e número de asistentes.

* Visitas de asesoramento a explotacións: número e calendario.

* Demostracións de novas técnicas e métodos: calendario.

* Programas fitosanitarios experimentais de investigación de interese xeral: obxectivos.

* Publicacións e material divulgativo: títulos e número.

* Actividades que se desenvolverán en colaboración coas estacións de avisos de detección de risco de pragas e enfermidades da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

* Outras actividades de interese: descrición e número.

6. Cando a orografía do terreo, extensión ou outra circunstancia así o aconsellen, dentro do programa deberán de facerse zonas de actuación independentes con subprogramas para elas.

c) Certificación do secretario da agrupación que recolla a totalidade de socios dela, o número de socios ós que poida afecta-lo programa, así como cantos deles van participar neste. A este certificado xuntaráselle unha relación nominal dos socios do programa fitosanitario.

d) Copia das normas de funcionamento da agrupación para os efectos de desenvolve-lo programa sanitario.

e) Contrato de servicio técnico para a redacción e o seguimento do programa.

f) Copia do CIF da agrupación e último recibo do imposto de actividades económicas.

g) Certificado de titularidade da conta bancaria da agrupación.

h) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

i) Outra documentación que a xuízo da Administración poida ser requirida para o cumprimento dos obxectivos desta orde.

O programa técnico, ó que fai referencia a alínea b deste artigo, presentarase en papel e soporte informático en aplicación Microsoft Word en disquete de 3 œ polgadas de alta densidade.

A relación nominal de socios da alínea c) deste artigo presentarase en papel e soporte informático nun ficheiro de base de datos coa estructura que se indica no anexo II.

O programa técnico e a relación de socios deberán presentarse, se é posible, no mesmo disquete.

Artigo 6º.-Obligacións dos técnicos.

O técnico encargado do desenvolvemento e seguimento do programa de defensa sanitaria cumprirá as seguintes condicións:

1. Deberá colaborar cos servicios da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, na recolla dos datos necesarios para a optimización da aplicación dos programas de detección do risco de pragas e enfermidades, a través da Rede de Avisos que a consellería puxo en funcionamento en toda Galicia para tal fin.

2. Poderá ser requirido pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para informar, visita-las explotacións participantes, com

probar actuacións ou resultados en calquera fase de execución do programa. O informe da visita será asinado conxuntamente polos técnicos da entidade agraria e do Servicio Provincial de Sanidade e Producción Vexetal ó remate dela.

3. Será responsable dun só programa. Excepcionalmente, e no caso de proximidade xeográfica das entidades solicitantes ou por operatividade, poderá levar máis dun programa, sempre que a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria estime que estes se poderán desenvolver integramente de acordo coas memorias presentadas. Nese caso, a suma das subvencións previstas nos programas redactados e dirixidos por un só técnico, relativas á contratación do servicio previsto no artigo 4, número 1, non poderá supera-la cantidade de 1.500.000 ptas.

4. A aceptación do seguimento do programa fitosanitario por parte do técnico, será incompatible co desenvolvemento doutras actividades económicas relacionadas directamente cos equipos ou medios subvencionables por esta orde.

5. Manterá informado o Servicio de Sanidade e Producción Vexetal das variacións do calendario de actividades que vaia desenvolver e doutras variacións que poidan xurdir respecto ó programa inicialmente aprobado.

Artigo 7º.-Tramitación.

A documentación presentarase, preferentemente, nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, podendo, non obstante, presentarse en calquera das formas establecidas no artigo 38, alínea 4ª da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Prazos.

O prazo de presentación de solicitudes rematará ós 30 días hábiles, contados desde o seguinte ó da publicación desta orde, que serán resoltas polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria, nun prazo máximo de 3 meses.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá recorrerse potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que a dictase nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo no prazo

establecido no artigo 46 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Outras obrigacións dos beneficiarios.

O beneficiario ou beneficiarios terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade de Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 10º.-Xustificación.

Os programas aprobados poderanse xustificar unha vez feitos e, en todo caso, antes do 31 de outubro de 2000. Nembargantes, a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, tendo en conta o programa e tipo de cultivo, poderá ampliar ese prazo.

Os beneficiarios deberán comunicar, antes do 31 de outubro de 2000, a realización do programa á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, xuntando a seguinte documentación:

1. Informe do técnico da agrupación responsable do seguimento do programa co visto e prace do seu presidente, no que se cuantificarán tódolos datos de interese: numéricos, datas, lugar, etc., para que por parte da administración poida facerse unha avaliación obxectiva do programa desenvolvido nas actividades que se relacionan.

* Reunións do grupo e cursos impartidos: calendario e número de asistentes.

* Visitas de asesoramento a explotacións: número e calendario.

* Demostracións de novas técnicas e métodos: calendario, número de participantes.

* Programas fitosanitarios experimentais de investigación de interese xeral: obxectivos e resultados obtidos.

* Publicacións e material divulgativo: títulos e número.

* Actividades en colaboración coas estacións de avisos, detección de risco de pragas e enfermidades da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

* Outras actividades de interese: descrición e número.

2. Certificados de estar ó día das obrigas fiscais e da Seguridade Social.

3. Certificación do organismo oficial responsable de que a agrupación non ten pendente de pagamento

ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4. Facturas orixinais ou fotocopias compulsadas xustificativas dos investimentos. No caso de productos fitosanitarios subvencionables, só se admitirán os adquiridos en establecementos dados de alta no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas.

5. Factura definitiva do servicio técnico contratado para o desenvolvemento do programa.

6. Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para este mesmo programa, das distintas administracións públicas.

O informe técnico ó que fai referencia o número 1 do artigo 10 presentarase en papel e soporte informático en aplicación Microsoft Word en disquete de 3 œ pulgadas de alta densidade.

Artigo 11º.-Financiamento.

Este programa financiarase con cargo ó concepto orzamentario 09-03-614.A-778.0 «Programas de defensa dos vexetais», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, dotado con 50.000.000 de ptas. para esta finalidade.

As solicitudes formuladas ó abeiro da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 5 de febreiro de 1999, na que se establecen as axudas para o desenvolvemento de programas de defensa sanitaria dos cultivos para 1999, ás que lles foi aprobada a subvención solicitada e que non puideron ser efectivas por causas alleas ó solicitante, poderán ser tidas en conta na presente convocatoria, agás indicación do interesado en sentido contrario dirixida ós servicios provinciais de Sanidade e Producción Vexetal. A tramitación dos expedientes continuará desde o trámite no que se encontraban ó remate do exercicio anterior.

Disposición adicional

O incumprimento por parte do interesado dalgún dos requisitos especificados nesta orde suporá a perda total ou parcial da axuda aprobada, sen prexuízo das accións xudiciais que poidan devengar.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las normas precisas para a aplicación da presente orde.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria