Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2000 Páx. 7.379

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 28 de abril de 2000 pola que se establece unha axuda complementaria ó programa de leite escolar.

Co obxecto de mellora-la alimentación dos rapaces en idade escolar, ó mesmo tempo que se fomenta o consumo de productos lácteos, dentro da política agrícola común existe un programa a través do que se financia, con fondos FEOGA-Garantía, o consumo de

leite e outros productos derivados deste en centros escolares, programa previsto actualmente no artigo 14.10 do Regulamento (CE) 1255/1999, do Consello, do 17 de maio, polo que se establece a organización común de mercados no sector do leite e dos productos lácteos. De acordo co dito programa, nesta Comunidade Autónoma véñense concedendo, anualmente, subvencións para o consumo de leite e productos lácteos nos centros escolares.

Ó mesmo tempo, prevese, no devandito artigo do Regulamento comunitario outra axuda para o consumo de leite e productos lácteos nos centros escolares, como complementaria da anterior, sendo a última convocatoria a efectuada pola orde desta consellería, do 3 de setembro de 1999, polo que, para poder tramita-las solicitudes que se presenten neste exercicio, cómpre publica-la respectiva orde de convocatoria.

De acordo co disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se creou o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), compételle a este organismo autónomo a execución das actuacións derivadas da aplicación da reforma da Política Agraria Común (PAC), o que tamén se establece no artigo 5 do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que desenvolve a citada lei, así como no artigo 14 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria así como do propio Ilgga.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e natureza.

1. Pola presente orde establécese unha liña de axuda para cesión, a prezo reducido, de leite pasteurizado a centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia, para o curso escolar 1999-2000.

2. Esta axuda terá carácter complementario á que se concede, tamén anualmente, para o consumo de leite e outros productos lácteos en centros escolares, de acordo co artigo 14 do Regulamento (CE) 1255/1999, do Consello, do 17 de maio, e a orde desta consellería, do 13 de abril de 2000.

Artigo 2º.-Contía.

1. Concederase unha axuda económica de ata dez pesetas, como máximo, para o consumo de leite en centros escolares, por cada envase de 250 ml de leite pasteurizado. Co envase debe xuntarse un utensilio axeitado para facilita-lo consumo de leite.

2. Como máximo, poderase subvencionar un envase de 250 ml de leite pasteurizado por alumno e día lectivo.

Artigo 3º.-Condicións da subministración.

1. O leite pasteurizado deberáselle subministrar ós alumnos pola mañá, a poder ser en horario de recreo e, en ningún caso, ó medio día co xantar.

2. No envase, ademais de figura-las mencións esixidas pola normativa que regula a axuda comunitaria e outras normas en vigor, deberá consta-la mención «Programa de leite escolar CE-Xunta de Galicia». Para a expresión «Xunta de Galicia» empregarase o logotipo oficial.

3. Na subministración do leite pasteurizado deberase cumpri-la norma xeral sobre calidade e conservacións establecidas para tal efecto na normativa estatal.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Esta axuda terá que solicitarse, por escrito, segundo modelo que figura como anexo I á presente orde, solicitude que se deberá presentar no respectivo Servicio Provincial do Ilgga. Así mesmo poderá presentarse nas oficinas e rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación rematará o último día do cuarto mes seguinte ó mes de subministración dos productos. Non obstante, admitiranse as solicitudes presentadas no quinto e sexto mes seguintes, reducíndose, nestes casos, o importe da axuda nun 5 e 10%, respectivamente.

3. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación do centro escolar das cantidades efectivamente subministradas, segundo modelo que se xunta como anexo II a esta orde.

b) Orixinal ou fotocopia compulsada, das facturas de adquisición do leite, que reflectirán, por separado, o custo total subvencionado (base impoñible máis IVE) e o importe da axuda, así como unha proba do seu pagamento.

Artigo 5º.-Tramitación e resolución das solicitudes.

1. Os respectivos servicios provinciais do Ilgga efectuarán a tramitación administrativa das solicitudes recibidas, comprobando que cumpren os requisitos esixidos.

2. O xefe do antedito servicio, co visto e prace do respectivo delegado provincial do Instituto, elevará proposta de resolución e, se é o caso, pagamento, ó director do Ilgga.

3. Con base na antedita proposta, o director do Ilgga dictará a resolución oportuna, ordenando, se é o caso o aboamento da axuda concedida, o que se lle notificará ó solicitante.

4. O prazo máximo de resolución e pagamento da axuda será de tres meses desde que a solicitude de axuda tivo entrada no servicio provincial do Ilgga. Na falta de resolución expresa no dito prazo, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 6º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 7º.-Reintegro da axuda.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda prevista na presente orde, cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 8º.-Recursos administrativos.

As resolucións que, en aplicación da presente orde, dicte o director do Ilgga, non esgotarán a vía administrativa e, contra elas, poderase interpor recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos correspondentes do Ilgga, os beneficiarios da axuda complementaria ó programa de leite escolar teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio da súas funciones de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control.

Disposicións adicionais

Primeira.-1. Para a concesión das axudas previstas nesta orde existe crédito axeitado e dabondo con cargo ós orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para o ano 2000, na aplicación orzamentaria 09.50.614A.774, do orzamento de gastos do Ilgga, por importe de 11.670.728 pesetas.

2. As solicitudes presentadas ó abeiro da orde desta consellería, do 3 de setembro de 1999, e non resoltas expresamente, aboaranse, se é o caso, con cargo ó presente exercicio orzamentario.

Segunda.-Seralles de aplicación ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para dicta-las instruccións axeitadas para o desenvolvemento e execución desta orde, así como para modificar, por medio de resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os prazos de presentación de solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos nesta orde, cando teñan a súa orixe nas modificacións producidas na normativa reguladora das axudas complementarias ó programa de leite escolar.

Segunda.-A presente orden entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria