Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2000 Páx. 7.375

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de abril de 2000 pola que se dictan normas para a elección de órganos unipersoais de goberno nos centros públicos de ensino non universitario.

En uso da autorización outorgada pola disposición derradeira primeira do Decreto 92/1988, do 28 de abril (Diario Oficial de Galicia do 29 de abril), parcialmente modificado polo Decreto 279/1990, do 27 de abril, polo que se regularon os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario e polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 9 de agosto), polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, tendo en conta o Decreto 374/1996, do 17 de outubro (Diario Oficial de Galicia do 21), polo que se aproba o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria e o Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensino non universitaria (Diario Oficial de Galicia do 26 de xaneiro), e co obxecto de regula-la elección e nomeamento do director e restantes órganos unipersoais de goberno naqueles centros en que proceda, e tendo en conta

o establecido na Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, de participación, avaliación e goberno dos centros docentes, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Centros nos que se deberá proceder á elección do director.

Procederá abri-lo proceso electoral para o nomeamento de director nos centros públicos de ensino non universitario nos que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Finalización do mandato do director.

b) Naqueles centros nos que exista un director nomeado con carácter accidental ata o 30 de xuño, por terse producido o cesamento do director con anterioridade ó remate do seu mandato, de acordo co disposto no artigo 18 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, e no artigo 25 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro, e no artigo 6 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro.

c) Naqueles centros nos que cese o director ó producirse algunha das causas sinaladas no artigo 16 do citado Decreto 324/1996, e no artigo 23 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro, e no artigo 6 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro.

Artigo 2º.-Requisitos dos candidatos.

1. En aplicación do establecido no artigo 9 do Decreto 324/1996, e no artigo 16 do decreto 374/1996, e no artigo 6 do mesmo decreto, poderá ser candidato a director calquera profesor do centro, funcionario de carreira, que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter, cando menos, unha antigüidade de cinco anos no corpo da función pública docente desde o que se opta.

b) Exercer como profesor ou profesora durante cinco cursos en centros nos que se impartan ensinanzas do mesmo nivel e réxime.

c) Ter destino definitivo no centro, cunha antigüidade nel, cando menos, dun curso completo. Para estes efectos é computable o presente curso escolar, téndose en conta que a duración do presente curso será, para a educación primaria, ata o 31 de agosto e para ensinanzas secundarias ata o 30 de setembro.

d) Estar acreditado pola Administración educativa para o exercicio da función directiva.

2. Non poderán presentarse como candidatos os profesores que, por calquera causa, non vaian prestar servicios no centro no curso académico inmediatamente seguinte ó da súa toma de posesión como director.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no caso de que non existan profesores que reúnan os requisitos do punto anterior, poderá eximi-los candidatos de cumprir algún deles de acordo co disposto no artigo 9.2º do Decreto 324/1996, no artigo 16.2º do Decreto 374/1996 e no artigo 6 do Decreto 7/1999 do 7 de xaneiro, nos seguintes casos:

Nos centros de educación secundaria con oito unidades, ou menos; nos de zonas rurais de especial dificultade; nos que impartan ensinanzas de réxime especial ou ensinanzas dirixidas a persoas adultas, con oito profesores, ou menos, e en situacións excepcionais.

Nos centros incompletos de educación infantil e/ou educación primaria, nos de zonas rurais de especial dificultade, nos colexios rurais agrupados, nos que se impartan ensinanzas dirixidas a persoas adultas, nos de educación especial, así como en centros de características especiais.

Nos centros públicos integrados de menos de oito unidades e nos de zonas rurais de especial dificultade.

4. Nos centros de menos de tres unidades asumirá tódalas funcións encomendadas ós órganos de goberno unipersoais un dos profesores, designado logo de acordo entre eles. De non existir acordo, desempeñará estas funcións o máis antigo no centro, e en caso de igualdade, o máis antigo no corpo.

Artigo 3º.-Procedemento para a elección do director.

1. Os candidatos ó cargo de director deberán presentar, por escrito ante o consello escolar, con quince días naturais de anticipación á data da elección, a súa candidatura, que incluirá:

a) Programa de dirección no que se preverán os obxectivos que pretende alcanzar, análise do funcionamento, problemas e necesidades do centro, as liñas fundamentais de actuación e a proposta dos órganos de goberno unipersoais da candidatura.

b) Acreditación para o exercicio da función directiva e condicións que permitiron esta acreditación.

c) Méritos académicos e profesionais non considerados para a acreditación.

2. O director do centro deberá arbitra-las medidas de publicidade e accesibilidade que coide oportunas para garantir que tódolos membros do consello escolar

e do claustro de profesores coñezan a existencia e teñan fácil acceso ós programas dos distintos candidatos para a súa análise.

3. O director será elixido polo consello escolar. A tal fin constituirase unha mesa electoral integrada por dous profesores e un pai ou nai ou titor legal dos alumnos. Ademais, no caso de centros de secundaria, de ensinanzas de réxime especial ou centros públicos integrados, tamén formará parte da mesa un alumno, que non estea matriculado no primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria.

4. Os membros da mesa electoral serán elixidos por sorteo público de entre os membros do consello escolar. No sorteo terase en conta a designación de membros titulares e suplentes. Non poderán incluírse no sorteo os candidatos á dirección.

5. Actuarán como presidente e secretario da mesa electoral os profesores de maior e menor idade respectivamente.

6. A votación celebrarase antes do día 18 de xuño en tódolos centros incluídos nalgún dos supostos do artigo 1º desta orde.

7. A votación efectuarase diante da mesa electoral mediante sufraxio directo, secreto e non delegable. Resultará elixido director o candidato que obteña o voto favorable da maioría absoluta dos membros do consello escolar, é dicir, a metade máis un, dos membros que no seu momento o constituíron, estean ou non presentes. Para estes efectos non se computarán os membros do consello escolar sen dereito a voto.

8. Cando, concorrendo máis dun candidato, ningún deles obtivese a maioría absoluta na primeira votación, procederase no prazo de corenta e oito horas a realizar unha segunda votación na que figurará unicamente o candidato máis votado na primeira. Para ser elixido na segunda votación tamén é necesario obte-lo voto favorable da maioría absoluta dos membros do consello escolar.

9. De existir empate na votación, no prazo de corenta e oito horas, realizarase unha segunda votación individualizada entre os aspirantes que igualaron no número máis elevado de votos. Decidirase por sorteo a orde na que serán votados os aspirantes. Tódolos electores poderán participar na votación individualizada de cada aspirante.

10. De seren varios os aspirantes que concorren en segunda votación, resultará elixido o que, obtendo a maioría absoluta, logre máis votos.

11. No caso de que varios aspirantes obtivesen a maioría absoluta e persistira o empate en votos, aplicaranse como criterios de desempate para designar director, e pola orde que se indica, os seguintes:

a) Maior antigüidade no centro.

b) Maior antigüidade como funcionario de carreira.

c) Maior idade.

12. A mesa electoral remitiralle a acta da elección ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo de corenta e oito horas despois de celebra-la primeira votación ou inmediatamente despois da celebración da segunda votación, podendo facelo por fax ou telegrama, expresando, segundo proceda:

a) O nome do candidato que obtivo a maioría absoluta.

b) Que ningún candidato alcanzou a maioría absoluta.

Artigo 4º.-Centros nos que non se presente ningunha candidatura.

1. No suposto de que non se presentase ningunha candidatura á dirección, o presidente do consello escolar comunicaralle inmediatamente despois de remata-lo prazo de presentación de candidaturas tal extremo ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, podendo facelo por fax ou por telegrama.

2. Cando non existan candidaturas á dirección ou cando, aínda existindo, non obtivesen a maioría absoluta, a inspección educativa proporalle ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un candidato á dirección que reúna os requisitos a), b) e d), sinalados no artigo 2º desta orde, sen prexuízo do establecido no punto 3 do citado artigo 2º.

A duración do mandato do director así designado será de catro anos.

Artigo 5º.-Nomeamento do director e dos outros órganos unipersoais de goberno.

1. O director electo proporalle o nomeamento dos restantes órganos unipersoais de goberno, incluídos no seu programa, ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. O delegado provincial, unha vez verificado que os candidatos propostos reúnen os requisitos establecidos, procederá ó nomeamento do director e dos restantes órganos unipersoais de goberno con efectividade do 1 de xullo de 2000, por un período de catro anos.

3. Nos centros de nova creación, o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nomeará director por un período de tres anos un profesor que, de ser posible, reúna algúns dos requisitos establecidos no artigo 2.1º desta orde.

Artigo 6º.-Entrada en vigor.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria

Mentres que non sexa totalmente efectivo o proceso de adscrición dos funcionarios do corpo de mestres, afectados pola implantación da educación infantil, educación primaria, e educación infantil e primaria, e do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, regulado pola Orde do 15 de maio de 1996 (Diario Oficial de Galicia do 29), teranse en conta, no procedemento de elección de directores regulado nesta orde, as seguintes circunstancias:

a) Os actuais directores dos centros de educación infantil, educación primaria e de educación infantil e primaria, que estean adscritos a institutos de educación secundaria e que queden adscritos funcionalmente ó seu centro de orixe, continuarán no seu cargo ata que se produza a súa incorporación efectiva ó centro de destino ou se esgote o seu período de nomeamento.

b) O establecido no punto anterior será de aplicación ós actuais xefes de estudios e secretarios dos centros de educación infantil, educación primaria, e de educación infantil e primaria.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria