Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2000 Páx. 7.377

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 3 de maio de 2000 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Federico Maciñeira.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Federico Maciñeira, con domicilio en Santa Marta de Ortigueira.

Supostos de feito.

1. Antonio Campo Fernández, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do vintesete de abril de 2000, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 24 de abril de 2000, ante o notario Fernando Alba Puente, co número mil trescentos dez do seu protocolo, por Antonio Campos Fernández, José Luis Torres Colomer, José Cuíña Crespo, Jesús Pérez Varela, Rafael Catalá Polo, Emilio Rey Berguer, Amador de Castro Pérez e Rodrigo Maciñeira Lage; Antonio Campo Fernández concorre como alcalde-presidente de Ortigueira, José Luis Torres Colomer intervén como presidente, en representación da Deputación Provincial da Coruña, José Cuíña Crespo concorre en concepto de presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Jesús Pérez Varela concorre como conselleiro, en representación da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia, Rafael Catalá Polo concorre como director xeral de Persoal e Servicios dependente do Ministerio de Educación e Cultura, en representación do Ministerio de Educación e Cultura, Emilio Rey Berguer concorre como secretario

do padroado, en representación da Fundación Fernández Latorre, Amador de Castro Pérez concorre como administrador único, en representación da compañía Logística Integral y Servicios, S.A. e Rodrigo Maciñeira Lage concorre polo seu dereito propio.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é:

a) Promove-la protección e recuperación do patrimonio histórico, monumental e cultural.

b) Desenvolver programas de valorización do patrimonio arqueolóxico moble, inmoble e paisaxístico.

c) Fomentar traballos de recuperación e posta en valor do patrimonio etnográfico galego e dos sistemas sociais tradicionais.

d) Promover programas de desenvolvemento rural baseados na valorización dos recursos culturais e naturais a través do desenvolvemento do turismo cultural e de calidade.

e) Contribuír á recuperación de edificios históricos singulares dotándoos dun novo uso social (museos, centros de documentación, centros de interpretación, etc...) que posibilite o seu mantemento futuro.

f) Fomentar, subvencionar ou custear programas de recuperación de vivendas e edificios privados de interese etnográfico, artístico e/ou histórico.

g) Promover actividades para a recuperación da artesanía e oficios tradicionais como fonte permanente de emprego e riqueza.

h) Fomenta-la recuperación e posta en valor de camiños históricos e prehistóricos como infraestructura do turismo cultural e natural.

i) Promove-la recuperación e restauración de bens de interese patrimonial en risco de desaparición ou deterioración.

j) Incentiva-lo estudio, a investigación e a innovación no ámbito do patrimonio cultural.

k) Concertar con entidades públicas e privadas a realización de programas de investigación, cursos, seminarios e conferencias que sexan de interese para o fomento do patrimonio cultural.

l) Fomenta-lo desenvolvemento do tecido productivo arredor do patrimonio cultural.

m) Contribuír á difusión do patrimonio cultural mediante a presencia nos medios de comunicación e a edición de publicacións de todo tipo.

n) En xeral, calquera tipo de actuación orientada á promoción da cultura en tódolos aspectos e manifestacións.

4. O padroado da fundación estará constituído polos membros sinalados no artigo 17 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Federico Maciñeira, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 2 de maio de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Federico Maciñeira e adscribila á Consellería de Cul

tura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia

e Administración Pública