Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 05 de maio de 2000 Páx. 7.197

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2000, da Dirección Xeral de Urbanismo, sobre aprobación definitiva do proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos necesarios para a ampliación da vía de conexión entre o SUNP B-14-R e o sistema xeral AC-173 no lugar de Liáns (concello de Oleiros).

Antecedentes

-O Concello de Oleiros remitiulle á Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda na Coruña o expediente de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos necesarios para a ampliación do viario de conexión entre o SUNP B-14-R e o sistema xeral AC-173 no lugar de Liáns, de conformidade co artigo 145 da Lei 1/1997, do 24 de marzo do solo de Galicia (LSG).

Fundamentos xurídicos

Primeiro.-O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta, de conformidade co disposto no artigo 145 da LSG.

Segundo.-O proxecto de expropiación forzosa acordouse iniciar por decreto da Alcaldía do Concello de Oleiros do 17 de setembro de 1999, e foi sometido a información pública polo prazo dun mes, anunciándose no diario La Voz de Galicia do 20 de outubro de 1999 e no BOP e DOG do 5 de outubro e 22 de outubro de 1999, respectivamente.

Terceiro.-A taxación foilles notificada individualmente ós que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, dándolles traslado literal da correspondente folla de valoración e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formularan alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación, tal e como sinala o artigo 145.4º da LSG.

Cuarto.-O Concello de Oleiros remitiu informe sobre as alegacións presentadas polos interesados e acordou, de conformidade co artigo 145.6º da LSG, remiti-lo proxecto de expropiación forzosa á Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda na Coruña por se-lo órgano competente para a súa aprobación definitiva (hoxe director xeral de Urbanismo da CPTOPV, en

virtude da Orde do 30 de decembro de 1999 pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo).

Quinto.-No Concello de Oleiros está vixente o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado o 29 de decembro de 1995.

A LSG, no seu artigo 54, en relación coa Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións (LRSV), establece que a aprobación dos instrumentos de ordenación urbanística e de delimitación de polígonos que se vaian desenvolver polo sistema de expropiación, implicará a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens afectados.

Con data do 9 de setembro de 1997 aprobouse o Plan parcial sobre o SUNP B-14-R Lóngora, o que dá lexitimidade á expropiación dado que o citado plan parcial no punto I.4.1, rede viaria, resolve o trazado e características da rede de comunicación do sector e o seu enlace co sistema xeral de comunicación previsto no plan xeral, garantindo un enlace axeitado das redes viarias e de servicios integrantes da estructura do municipio. Isto é así porque o esixe a Lei do solo de Galicia 1/1997, do 24 de marzo, no seu artigo 22 e g) e artigo 23 b), ó establecer que os plans parciais deberán conter entre outras determinacións o trazado e características da rede de comunicación propias do sector e do seu enlace co sistema xeral de comunicación previsto no plan xeral. Por outro lado, o plano nº 3 de información urbanística de rede viaria de documento de revisión e adaptación do plan xeral municipal, reflicte a existencia do citado enlace e a súa vocación de público con carácter previo á súa

inclusión no plan parcial.

Por todo isto conclúese que resulta acreditada a utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens afectados.

Sexto.-Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse, segundo informe do arquitecto municipal, ó contido do artigo 28, coas deduccións previstas no artigo 30, da LRSV.

Sétimo.-A Orde do 30 de decembro de 1999 do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (DOG do 10 de xaneiro de 2000) pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo, no seu artigo 1 delega no director xeral de Urbanismo a aprobación definitiva do expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta, previsto polo artigo 145 da LSG.

Á vista de canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a ampliación da vía de conexión entre o SUNP B-14-R e o sistema xeral AC-173 no lugar de Liáns, no concello de Oleiros, facendo constar que a aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta

implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 146.1º da LSG.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos núms. 6, 7 e 8 do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación de prezo xusto (artigo 146.2º, da LSG).

Segundo.-Notificárlle-la resolución aprobatoria do expediente a tódolos interesados titulares dos bens e dereitos que figuran nel, conferíndolles un termo de vinte días durante o cal poderán manifestar por escrito ante esta delegación provincial a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 145.7º da LSG, advertíndoos de que, transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, se entenderá aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade (artigo 145.8º da LSG).

Terceiro.-Publica-la presente resolución así como a relación dos seguintes bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos do concello:

ParcelaPropietariosSuperficie mValoración ptas.

1Antonio Lorenzo Pérez798,504.750.516

2Soledad Pita Garrido225,501.347.867

3Soledad Pita Garrido132785.307

4José Antonio Pita González 68404.552

5David Vázquez Martín 22130.884

Así mesmo, a publicación e exposición no taboleiro de edictos do concello, serviralles de notificación ós propietarios descoñecidos, dos que se ignore o lugar de notificación, ou ben, tramitada a notificación, non se puidese realizar. Todo isto de acordo co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución (artigos 116, 117 e 48 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) ou recurso contencioso-adminis

trativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación (artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa).

Para o caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta, non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo (artigo 116 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2000.

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo