Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 02 de maio de 2000 Páx. 7.017

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2000, da División de Recursos Humanos, pola que se formaliza a convocatoria para a selección de aspirantes a vinculacións temporais de diversos postos de traballo de persoal funcionario da escala de saúde pública e Administración sanitaria con destino na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e no Servicio Galego de Saúde (médicos, biólogos, farmacéuticos, químicos e psicólogos).

Por resolución conxunta da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, con data do 17 de abril de 2000, ordenouse a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CIG, CC.OO, UGT, CSI-CSIF e CESM-SATSE, sobre selección temporal de diversos postos de traballo de persoal funcionario da escala de saúde pública e Administración sanitaria con destino na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e no Servicio Galego de Saúde.

A norma xeral 3ª do pacto do 17 de abril remítese ó Pacto de selección temporal de persoal estatutario do Sergas do 4 de febreiro de 2000 (DOG nº 39, do 25 de febreiro), en canto ó réxime de selección, ordenación e chamamentos. A norma xeral 1ª deste último pacto, no seu primeiro punto, dispón que se efectuará unha convocatoria para a selección dos aspirantes con carácter inmediato á publicación no Diario Oficial de Galicia do pacto, para tódalas categorías incluídas no seu ámbito de aplicación.

Consonte co anteriormente indicado, esta división

DISPÓN:

Primeiro.-Convoca-los aspirantes interesados en presenta-la súa solicitude de inscrición nas listas que se confeccionen en aplicación do pacto do 17 de abril de 2000, co fin de que no prazo máximo de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria o fagan no modelo correspondente á categoría solicitada (xúntase o modelo de solicitude como anexo), achegando con esta os xustificantes dos requisitos esixidos e méritos alegados.

A presentación das solicitudes resulta requisito imprescindible, en tódolos casos, para adquiri-la condición de aspirante inscrito nas novas listas.

As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros das direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde e das institucións sanitarias do Sergas, no rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e das súas delegacións provinciais no modelo normalizado que se xunta como anexo, dirixido ó director da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde.

Segundo.-Será preciso que os aspirantes acrediten con documentos orixinais ou copias fotoestáticas compulsadas os requisitos e méritos presentados, nos termos previstos nos correspondentes baremos do pacto.

Só se valorarán os méritos acreditados ata o día inmediatamente anterior á data de publicación no DOG desta convocatoria, de acordo co disposto na norma xeral 5ª do pacto de selección.

Será absolutamente imprescindible para a admisión e, se é o caso, valoración dos méritos dos aspirantes, que se acheguen as certificacións acredi

tativas destes dentro do prazo de presentación de solicitudes. Calquera certificación achegada fóra do indicado prazo será rexeitada e excluída da valoración.

Terceiro.-Tódolos aspirantes solicitarán a súa inclusión nunha única lista por clase e co ámbito de Comunidade Autónoma.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2000.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

do Servicio Galego de Saúde