Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 02 de maio de 2000 Páx. 6.961

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 24 de abril de 2000 pola que se establecen axudas para dotacións e adquisicións de equipos para a defensa contra incendios forestais durante o ano 2000.

A Consellería de Medio Ambiente, coa colaboración de tódolos sectores e axentes socioeconómicos implicados, e co fin de minorar ó máximo as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais provocan sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e producción dos nosos montes, así como sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia, considera necesario continua-la súa política de defensa contra os incendios forestais.

Por todo isto, e de acordo co establecido no Art. 30.1º 3 do Estatuto de autonomía para Galicia e no Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, polo que se transfiren á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios en materia de conservación da natureza, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 12/1989, do 4 de outubro,

DISPOÑO:

Obxecto, órgano competente e conxunto de axudas

Artigo 1º

Establécense as axudas que os distintos axentes sociais poderán percibir para a defensa contra os incendios forestais, de acordo coa seguinte acción para subvencionar: contratación de persoal para cuadrillas de extinción de incendios. Dotación de equipos de persoal e de medios complementarios.

As subvencións acollidas a esta orde tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva, de conformidade co que dispón o Real decreto 2225/1993, que aproba o Regulamento estatal de subvencións.

Artigo 2º.-Condicións xerais.

Para o conxunto de axudas, os interesados solicitarán a súa concesión baixo as seguintes condicións:

1ª Deberán presenta-la solicitude antes de comeza-lo servicio ou de merca-los equipos.

2ª Caso de ser concedida a subvención, o seu pagamento farase unha vez realizado o servicio e/ou a compra de equipos, sen prexuízo dos anticipos que para cada caso se establecen nos artigos que seguen.

3ª Cando as axudas consistan nunha porcentaxe do orzamento do servicio ou subministración, o total da axuda calcularase segundo o orzamento apreciado e aprobado pola Consellería de Medio Ambiente.

4ª O persoal e medios incluídos nas actividades para subvencionar, deberán estar en perfecto funcionamento na data que se estableza pola Consellería de Medio Ambiente no escrito de aprobación que se remita.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

1. As actividades, accións ou materiais que se subvencionarán corresponden á contratación de persoal para cuadrillas de extinción de incendios, á dotación de equipos de persoal e de medios complementarios e a operatividade do tractor con cisterna. Os importes das axudas sobre orzamento aprobado serán as seguintes:

-Contratación de persoal para cuadrillas, incluída Seguridade Social. Subvención: ata o 70%.

-Aluguer de vehículo todoterreo de transporte ou operatividade de vehículo todoterreo propio. Subvención: ata o 70%.

-Compra de ferramenta e material de equipo. Subvención: ata o 50%.

-Batelumes. Subvención: ata o 100%.

-Vestiario ignífugo e equipo de seguridade persoal. Subvención: ata o 50%.

-Caixa de urxencias de primeiros auxilios. Subvención: ata o 50%.

-Operatividade do tractor con cisterna cunha capacidade mínima de 2.000 l de auga e 100 m de mangueira. Subvención: ata o 100%.

2. Homoxeneidade e integración.

As características do material obxecto da subvención supeditaranse ás directivas comunitarias sobre EPIs de acordo co Real decreto 1407, do 20 de novembro de 1992 (BOE nº 311, do 28 de decembro).

Artigo 4º.-Anticipos.

Segundo o artigo 37, punto 2.3 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, poderase librar un anticipo do 50% do importe total da subvención aprobada logo de resolución motivada do conselleiro e petición dos solicitantes. Así mesmo, o beneficiario da subvención deberá acreditar, nun prazo máximo de quince días contados a partir da data de operatividade que se determina na carta de aprobación remitida pola Consellería de Medio Ambiente, que se atopa ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendentes de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 5º.-Colaboración e ámbito de actuación.

1. As cuadrillas de extinción que se formen ó abeiro desta orde quedarán á disposición do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais (SDCIF) da Consellería de Medio Ambiente, integraranse no seu despregue e deberán estar dotadas dos medios de comunicación precisos para esta integración.

Así mesmo, estarán obrigadas a colaborar na extinción en calquera ámbito territorial cando sexan requiridas polo SDCIF e disporán dun coche todoterreo (alugado ou propio) para o seu transporte que permanecerá en perfectas condicións mecánicas e de dotación e estará ó corrente en toda a documentación del cumprindo coas obrigas administrativas que leva aparelladas en materia de inspección técnica (ITV), pólizas de aseguramento, impostos,etc.

O incumprimento desta esixencia será motivo de revogación parcial ou total da subvención, mediante resolución razoada do mesmo órgano que a concedeu, dando lugar ó reintegro total ou parcial da axuda recibida.

2. A concesión de axudas para cuadrillas de extinción estará condicionada por unha distribución territorial adecuada ós recursos, sexan do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais, ou sexan de terceiros.

3. Así mesmo o beneficiario estará suxeito ás indicacións do SDCIF en canto ó horario e punto de traballo, onde estarán realizando os labores de prevención de incendios forestais (rozas, limpeza de mato, etc.) mentres non sexan requiridas para acudir á extinción.

4. A actividade subvencionada comezará e rematará na data que determine a Consellería de Medio Ambiente ó aproba-la subvención, debéndose incluír como días de traballo os domingos, festivos e festas locais para as axudas que recollan a contratación de persoal: cuadrillas de extinción.

5. Calquera modificación na localización ou composición do persoal contratado deberá ser comunicada ó Servicio de Defensa contra Incendios Forestais para o seu coñecemento.

Artigo 6º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

1. Comunidades de veciños (CV), comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), sociedades agrarias de transformación (SAT), cooperativas, asociacións forestais (AF) legalmente constituídas, agrupacións de defensa forestal (ADF), persoas físicas e empresas con personalidade xurídica; nestes dous últimos casos os interesados deberán acreditar documentalmente a súa participación na actividade forestal e a súa personalidade xurídica. A subvención, nestes casos, virá condicionada pola existencia de, polo menos, unha superficie de monte a defender de 250 ha. En todo caso os solicitantes deberán acreditar documentalmente a representación que teñen.

Cando os citados beneficiarios non alcancen, por si mesmos, a superficie mínima esixida poderán solicita-la subvención en agrupación.

2. No caso de que os beneficiarios estean legalmente constituídos en agrupacións, asociacións, xuntas, etc., deberán achegar certificado do acordo, tomado en asemblea, no que soliciten as axudas económicas para executa-las accións propostas.

Primas, prezos, solicitudes, prazos e obrigas

dos solicitantes

Artigo 7º

Cando o solicitante teña aprobado pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural un plan anual de defensa contra incendios forestais, a axuda incrementarase nun 10%.

A porcentaxe final da subvención total con cargo a esta ou outra normativa non poderá supera-lo 100% do orzamento aprobado para as axudas que se recollan na presente orde. En caso contrario, procederase ó reintegro do importe que exceda do orzamento aprobado.

No anexo desta orde figura unha relación de prezos que se aplicará para valora-las accións, equipos ou subministracións. Estes prezos son indicativos para o titular da solicitude e obrigatorio como tope máximo na aplicación polos servicios de defensa contra incendios forestais para a aprobación dos orzamentos.

Artigo 8º

As solicitudes deberán presentarse en impreso normalizado que facilitarán os servicios de defensa contra incendios forestais nas súas oficinas provinciais ou comarcais, utilizando o modelo adxunto a esta orde. A presentación das solicitudes poderá realizarse en calquera lugar dos previstos pola Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente.

Artigo 9º

O prazo de presentación de solicitudes para a concesión das axudas comenzará ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e finalizará transcorrido un mes desde a entrada en vigor da presente orde.

Mediante orde da Consellería de Medio Ambiente, da que se dará publicidade no DOG, poderán ser ampliados os citados prazos.

Artigo 10º

A Consellería de Medio Ambiente realizará a aprobación, se é o caso, do orzamento e do importe da

correspondente subvención e comunicaralle ó peticionario a oportuna resolución. A aprobación deberá realizarse, se é o caso, nun prazo máximo de tres meses a partir da data límite para a presentación das solicitudes.

O beneficiario, unha vez recibida a resolución de aprobación citada no anterior parágrafo, e trala realización ou execución das accións, dos traballos ou das adquisicións correspondentes, acreditará ante o servicio provincial de defensa contra incendios forestais que corresponda, a finalización da subvención debidamente xustificado o gasto (segundo o artigo 14º desta orde).

Realizadas as comprobacións oportunas polos citados servicios, a Consellería de Medio Ambiente procederá ó pagamento do importe da subvención executada. Con independencia da súa contía, e antes de proceder ó seu cobramento, os beneficiarios das subvencións terán que acreditar, se non o fixeron para percibi-lo anticipo (artigo 4º), que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

O incumprimento total ou parcial das accións previstas nesta orde, así como a inadecuada calidade do material destinado a esta finalidade estipulado no Real decreto 1407, do 20 de novembro de 1992, dará lugar ó reintegro total ou parcial da axuda percibida.

Artigo 11º

No caso de non recaer resolución expresa nun prazo máximo de tres meses a partir da data límite para a presentación das solicitudes, o interesado poderá entender desestimada a solicitude, aplicándose o réxime do artigo 44 da Lei 30/1992.

Artigo 12º

A aprobación da subvención implicará o compromiso dos solicitantes de executa-las accións indicadas nas condicións propostas. A execución das actividades obxecto de axuda deberán realizarse na extensión e co orzamento indicado no impreso de solicitude. Unha realización da acción subvencionada un 50% inferior á proposta, excepto por causa de forza maior, suporá a revogación da subvención concedida, logo da valoración dos técnicos dos servicios de defensa contra incendios forestais.

Artigo 13º

A organización e materialización das actividades subvencionadas será responsabilidade exclusiva do beneficiario.

Artigo 14º

Os gastos de execución das accións subvencionadas serán debidamente xustificados polo beneficiario, mediante a presentación de facturas, documentos TC da Seguridade Social, contratos e demais documentos acreditativos da xustificación do investimento. O prazo para a achega de xustificantes das accións realizadas, obxecto da subvención, rematará o 31 de outubro.

Artigo 15º

O beneficiario comprométese a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente ou, se é o caso, a colaboradora e ás de control finaceiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 16º

O financiamento das axudas que recolle esta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.422-C.770.0, código de proxecto 15.00.707, «Subvención para investimentos en materia de prevención de incendios» dotada con 164.000.000 de pesetas, na Lei 7/1999, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, podéndose incrementar este orzamento mediante as oportunas modificacións orzamentarias, no caso de que se considere oportuno pola elevada demanda de peticións.

Artigo 17º

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas contidas nesta orde son compatibles con outras subvencións de calquera Administración pública para as mesmas finalidades, agás as concedidas ó amparo do Real decreto 1887/1991, modificado polo Real decreto 62/1994, do 21 de xaneiro, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total do orzamento aprobado.

A concesión doutra subvención compatible, distinta da regulada pola presente orde, obriga o beneficiario a facer declaración dela perante a Consellería de Medio Ambiente, independentemente da fase na que se atopa o trámite da solicitude presentada á citada consellería.

Segunda.-Sempre que exista crédito suficiente, e se debido a inclemencias climáticas, a Consellería de Medio Ambiente o considera necesario, poderá aprobar ampliacións nas subvencións que estean en curso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar tódalas disposicións complementarias, co obxecto de desenvolve-la presente orde.

Segunda.-A entrada en vigor da presente orde será o día seguinte do da súa publicación.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2000.

Carlos de Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO

Prezos máximos que se aplicarán para valorar

orzamentos de persoal e equipos

Unidade

Descrición

Prezo máximo

aplicable en

pesetas

XornalContratación por xornada de 8 horas e con dedicación plena durante elas para cuadrillas de extinción, incluído seguros: réxime xeral5.300

DíaAluguer de vehículo todoterreo ou operatividade do propio de 9 prazas para cuadrillas de extinción ó día4.000

UnidadeBatelumes de caucho con mango2.625

UnidadeFerramenta forestal3.150

UnidadeEquipamento de protección individual completo (funda, botas, casco, cinto, máscara, lentes, luvas e lanterna)24.250

UnidadeCaixa de urxencias de primeiros auxilios4.510

DíaOperatividade tractor con cisterna con capacidade mínima de 2.000 l e 100 m de mangueira1.700