Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 02 de maio de 2000 Páx. 6.958

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 18 de abril de 2000 pola que se establecen axudas para a educación ambiental para o ano 2000.

O artigo 149.1º.23 da Constitución, así como o artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia facultan a nosa Comunidade Autónoma para establecer normas adicionais sobre protección do medio e a paisaxe.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a obriga de fomenta-la conciencia de que o ambiente galego é un patrimonio e un ben no que tódolos estamentos sociais deben estar implicados.

O Decreto 482/1997, do 26 de decembro, establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente correspondéndolle o exercicio das competencias e funcións en materia de información, formación e educación ambiental.

A estratexia galega de educación ambiental recomenda o apoio e fomento das iniciativas de educación ambiental promovidas por asociacións e outras entidades de carácter social que atendan os principios rectores nela establecidos e que son conducentes cara a unha cultura ambiental da sostibilidade.

Por todo isto, a Consellería de Medio Ambiente promove un réxime de axudas destinadas á formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno e a educación ambiental. Estas accións desenvólvense, mediante diversos plans, entre os que destaca o plan de difusión ambiental.

En virtude do anterior e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

A presente orde ten por obxecto a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de cursos, publicacións, exposicións, conferencias, congresos e outras actividades divulgativas relacionadas coa educación ambiental.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde:

a) As persoas físicas con titulación académica universitaria ou equipos de investigación dirixidos por persoas coa mencionada titulación que pretendan realizar proxectos, estudios ou traballos sobre educación e divulgación ambiental, sempre que estas personas estean avaladas por un centro de carácter público que desenvolva actividades de investigación relacionadas co medio natural ou a educación ambiental.

b) As institucións sen fins de lucro (como asociacións, fundacións, entidades benéficas, etc.) que dispoñan de capacidade necesaria e suficiente para levar a cabo accións de educación e divulgación ambiental. Cando os solicitantes sexan asociacións, deberán estar inscritas no Rexistro de Asociacións Protectoras do Ambiente da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Os centros docentes públicos ou concertados que queiran promociona-la educación ambiental mediante a programación e realización de actividades que contribúan a este labor.

Artigo 3º.-Porcentaxes e importe máximo das axudas.

A Consellería de Medio Ambiente subvencionará os investimentos que leven a cabo accións relacionadas

no artigo 1 co 75% do orzamento aprobado. En todo caso, o importe máximo da subvención para cada actuación non superará o importe de 1.000.000 pesetas.

Artigo 4º.-Condicións da concesión.

1. En toda a documentación pública relacionada coas actividades subvencionadas, farase constar que estas se realizan en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, empregando os logotipos de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

2. No caso de subvencións concedidas a publicacións deberá reservarse un 5% dos exemplares editados para a súa distribución gratuíta pola Consellería de Medio Ambiente.

No caso de estudios, os beneficiarios terán que presentar cinco exemplares do traballo subvencionado na Consellería de Medio Ambiente.

3. O incumprimiento das condicións establecidas para a súa concesión determinará a obriga de reintegro total ou parcial da axuda percibida.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta na concesión da axuda, e en todo caso a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación ou anulación da concesión.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para acollerse ás axudas citadas deberán dirixirse ó conselleiro de Medio Ambiente, e conterán a documentación que se requira debidamente cuberta e asinada.

2. Tódolos solicitantes presentarán a seguinte documentación:

1) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

2) Certificación bancaria segundo anexo II.

3) Fotocopia do NIF do solicitante, se é o caso, debidamente compulsada, ou acreditación da representación do solicitante por calquera medio válido en dereito de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4) Memoria explicativa das accións concretas que se queiran emprender, que deberá conter, alomenos, os seguintes extremos:

Programación que conteña unha descrición detallada do programa de actividades, lugar, temas que se van tratar, relatores e títulos dos relatorios, medios materiais e humanos cos que se conta, e calquera outro aspecto que se considere de interese.

Persoas ás que vai dirixido e número de participantes previstos.

Breve memoria dos actos celebrados no último ano pola entidade organizadora e certificado dos que foran recoñecidos de interese ambiental.

5) Orzamento detallado que se precisa.

6) Calendario de actuacións e remate previsto das actuacións, que deberá ser anterior ó día 1 de outubro de 2000.

7) Se é o caso, as autorizacións administrativas que se requiran para a realización das actuacións previstas.

8) Unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

3. Segundo as características dos beneficiarios, terán que acompañar, ademais, a seguinte documentación complementaria:

a) No caso de proxectos, estudios ou traballos realizados por persoas físicas con titulación académica universitaria ou equipos dirixidos por persoal con igual titulación, deberán acredita-las citadas titulacións e presentar declaración dun centro de investigación de carácter público na que se recoñeza a súa capacidade técnica.

b) Os centros docentes públicos ou concertados deberán presenta-lo acordo do órgano competente para solicita-la subvención.

c) No caso de publicacións, terá que presentarse un avance da súa maqueta.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación.

1. A documentación deberá presentarse na Consellería de Medio Ambiente, directamente ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992 do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no DOG.

Artigo 7º.-Tramitación e concesión.

1. Unha vez recibidas as solicitudes, a Consellería de Medio Ambiente poderá solicita-la ampliación de datos ou informes que considere necesarios. A seguir, o Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental (CITA), que se encargará da tramitación das axudas, proporalle ó conselleiro de Medio Ambiente a súa aprobación ou denegación. O CITA comunicaralles ós solicitantes a aprobación ou denegación dela, así como a contía da subvención, no prazo máximo de tres meses a partir da publicación da presente convocatoria.

2. Transcorrido o prazo máximo para notifica-la resolución sen que a Administración a adoptase, entenderase denegada a solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga da Administración de resolvela expresamente en todo caso.

3. A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra esta poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fora expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

4. As solicitudes baremaranse conforme os seguintes criterios:

1) Relación entre a calidade técnica e o custo da actividade que se vai realizar: 0-10 puntos.

2) Alcance das accións que se van desenvolver: 0-10 puntos.

3) Medios humanos e materiais que se van utilizar: 0-10 puntos.

5. Recibida a comunicación de aprobación, o solicitante deberá notificar nun prazo de 10 días hábiles ó CITA a aceptación das condicións da subvención. Se o solicitante fose unha asociación, centro docente ou entidade non lucrativa, presentará o acordo do órgano competente desta.

Artigo 8º.-Procedimiento de pagamento e xustificación.

1. Para o pagamento das axudas será preciso xustifica-la execución das accións aprobadas mediante a proba documental correspondente, como facturas, xustificantes bancarios dos pagamentos realizados ou outros xustificantes do investimento solicitado que deberán estar debidamente acreditados ante a Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental.

2. O peticionario presentará, no momento da xustificación da execución total do proxecto, e en calquera caso, antes do último pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. Así mesmo, o beneficiario debe acreditar con anterioridade ó cobramento da axuda que se encontra ó corrente das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Desta obriga están exceptuados os centros docentes de titularidade pública, de acordo co disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

4. A Consellería de Medio Ambiente resérvase a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, para verifica-lo cumprimento da finalidade da axuda.

5. O beneficiario estará obrigado en todo caso a facilitar toda a información que lle sexa requirida poa Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, en exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 9.-Prazo de finalización das actuacións.

1. As actuacións obxecto da subvención deberán estar terminadas e xustificadas antes do 1 de outubro de 2000.

2. O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da subvención.

3. Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda percibida e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, nos supostos previstos no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de xaneiro, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa. Igualmente pola comisión das infraccións recollidas no artigo 79 do mesmo texto legal imporanse as sancións correspondentes, logo de expediente administrativo instruído para o efecto.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.342A780.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, cunha dotación inicial de 20.000.000 de pesetas, que poderá ser incrementada a través das necesarias modificacións orzamentarias da partida.

Segunda.-A percepción desta subvención será incompatible coa doutras procedentes das diferentes administracións para os mesmos fins.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental para dicta-las disposicións

necesarias con obxecto de desenvolve-la presente orde, que entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2000.

José Carlos Del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente