Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 28 de abril de 2000 Páx. 6.846

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 14 de abril de 2000 pola que se convoca un concurso de debuxos entre alumnos de educación primaria e secundaria para a conmemoración do Día da Seguridade e Saúde no Traballo do 28 de abril do ano 2000.

Un dos obxectivos prioritarios da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, é o de velar

pola seguridade e a saúde no traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para desenvolver este obxectivo aprobouse o Plan de acción sobre a sinistralidade laboral para os anos 1999-2000, que prevé a realización dunha serie de actuacións tendentes a previ-los riscos laborais, como son a información e divulgación ós axentes sociais e demais colectivos integrantes do eido da seguridade e saúde laboral dos riscos laborais, co xeito de previr na maior medida posible os accidentes de traballo e enfermidades profesionais e introducir progresivamente unha cultura de prevención no eido de toda a sociedade, mellora-la formación e, en consecuencia, a eficacia da prevención en Galicia.

Con motivo da conmemoración do día 28 de abril do ano 2000, declarado por orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 30 de marzo de 1999, como Día da Seguridade e Saúde no Traballo, esta consellería, consciente da importancia de impulsa-la introducción de actitudes preventivas desde a infancia, convoca un concurso de debuxos entre as/os alumnas/os de educación primaria e secundaria aludindo á seguridade e saúde no traballo.

DISPOÑO:

Convocar un concurso de debuxos para a conmemoración do Día da Seguridade e Saúde no Traballo do ano 2000, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Convócase un concurso de debuxos conmemorativo do Día da Seguridade e Saúde no Traballo, no que se concederán dous premios por cada provincia.

Segunda.-Destinatarios.

Poderán participar neste concurso as/os alumnas/os de educación primaria e secundaria matriculados nos centros de educación da Comunidade Autónoma de Galicia, ben individualmente ou de forma colectiva.

Terceira.-Premios.

Concederanse dous premios en cada provincia na seguinte contía, que se entregarán en material didáctico:

Un primeiro premio dotado de 50.000 ptas.

Un segundo premio dotado de 25.000 ptas.

Os traballos premiados poderán ser difundidos pola Dirección Xeral de Relacións Laborais, mediante a edición dun libro no que se recollerán tódolos debuxos premiados, asumindo en exclusiva os dereitos de difusión e publicación e tódolos demais dereitos de explotación sobre a obra.

O pagamento farase efectivo con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.214B.227.09, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, na que existe crédito suficiente.

Cuarta.-Prazos.

O prazo para a presentación dos debuxos finalizará o día 15 de xuño do ano 2000.

Os traballos deberán presentarse xunto co anexo I desta orde, en sobre pechado, e dirixiranse ós rexistros xerais das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto co DNI e un certificado de matriculación no centro onde a alumna/o efectúe a súa escolarización, ou copia compulsada do xustificante da matrícula.

Quinta.-Requisitos.

Os debuxos que concorran ó premio deben ser orixinais e non estar premiados con anterioridade; poderanse presentar en todo tipo de soporte e tamaño, preferentemente de medidas 0,30x0,22 e presentarse en cor aludindo á seguridade e sáude no traballo.

Sexta.-Criterios de valoración.

Nos debuxos presentados valorarase a alusión á seguridade e saúde no traballo, a creatividade e o impacto da idea proposta, así como a súa execución e o lema que a apoie.

Sétima.-Comisión de valoración.

Os traballos que concursen o se axusten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por unha comisión de valoración provincial, composta polos seguintes membros:

-O delegado/a provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que actuará como presidente/a.

-O delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-O xefe da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social.

-O xefe/a da Área de Seguridade e Hixiene no Traballo, que actuará como secretario.

A resolución do concurso, unha vez emitido o informe-proposta pola comisión de valoración, e fiscalizado pola intervención delegada da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

A dita resolución será publicada no DOG, será inapelable e poderán declararse desertos os premios anunciados ou, se é o caso, compartidos.

Oitava.

A participación na convocatoria supón a aceptación de tódalas súas bases.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2000.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais