Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 28 de abril de 2000 Páx. 6.849

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 14 de abril de 2000 pola que se convoca o I Día da Música Xove.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h. que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico, e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en virtude do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica é o órgano competente da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, o apoio ó desenvolvemento da actividade xuvenil, que leva a cabo a través da Dirección Xeral de Xuventude. Por outra banda, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, ten, entre outras funcións, de acordo co disposto no Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 2000.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Co obxecto de promocionar e descubrir solistas e formacións musicais, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o I Día da Música Xove, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, distincións e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria está dotado cuns premios únicos para toda a Comunidade Autónoma galega e será tramitado a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuven

tude, será a encargada de organiza-lo certame ó que se fai mención no artigo 1º.

Artigo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo ás partidas orzamentarias 14.05.355B.640.1 e 14.01.211A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

ANEXO I

I Día a Música Xove

I. Participantes.

Poderán participar músicos galegos ou residentes en Galicia.

Os solistas ou compoñentes dos distintos grupos serán menores de 30 anos, permitíndose que pase desta idade unha persoa por cada cinco membros do grupo, ata un máximo de cinco. Enténdese que estas idades son cumpridas no ano 2000.

Os distintos epígrafes nos que se poderán inscribi-los solicitantes serán:

-Pop-rock.

-Folk.

-Bandas de música.

-Xoves concertistas.

-Coros polifónicos.

II. Condicións xerais.

Os solistas ou formacións que desexen participar deberán enviar unha cinta casete con tres obras de entre 2 e 5 minutos de duración, interpretadas polos seus integrantes (calquera outro formato non se considerará válido).

Os participantes deberán presentar:

A/s maqueta/s e o boletín de inscrición que se indica no anexo II nun sobre duro ou acolchado, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia dos DNI por ámbalas dúas caras de tódolos integrantes de cada formación.

-Declaración xurada conforme a persoa ou grupo participante non ten asinado contrato discográfico.

-Breve currículo.

-Letra das cancións mecanografadas.

III. Inscricións.

Os participantes deberán dirixi-lo boletín de inscrición ó Servicio de Xuventude da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller

e Xuventude da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en:

R/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

R/ Ronda da Muralla, 70, 27003 Lugo.

Av. da Habana, 81 baixo, 32004 Ourense.

R/ Mª. Berdiales, 20-entreplanta, 36203 Vigo.

R/ Benito Corbal, 47-2º, 36001 Pontevedra.

Todo isto, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 31 de maio de 2000.

IV. Desenvolvemento.

a) Responsables da organización poderán visita-las formacións que coiden oportuno, facilitando estas a posibilidade de seren vistas e oídas en directo.

Despois da audición das maquetas presentadas, e atendendo a criterios de creatividade e calidade artística, o xurado seleccionará os solistas e grupos para actuar na fase final.

Os participantes deberán dispoñer dun repertorio de polo menos 30 minutos por se chegaran á fase final.

b) A fase final levarase a cabo en Sada (A Coruña), a través de concertos en directo, o día 1 de xullo de 2000, e neles os finalistas deberán interpreta-las obras que previamente se solicitarán por escrito desde a organización, entre as que estarán as tres que enviaron na maqueta.

c) As notificacións das decisións do xurado, tanto favorables coma desfavorables, serán enviadas ós solicitantes nun prazo non superior a seis meses desde a publicación da presente orde no DOG.

En caso de non recibi-la notificación no antedito prazo poderá entenderse desestimada a solicitude presentada.

d) Pechará o certame un grupo de recoñecido prestixio, invitado para a ocasión.

e) A organización poñerase de acordo coas formacións seleccionadas para a fase final en cada epígrafe, co obxecto de fixar un backline (equipo de escenario).

Será por conta da organización a achega dos equipos técnicos de son e luces necesarios e suficientes para o desenvolvemento do dito acontecemento e serán manexados unicamente polos técnicos desta.

Os integrantes de cada formación finalista levarán os seus propios instrumentos, menos no caso dos baterías e dos que necesiten un piano.

f) Os participantes están obrigados a presentarse nos lugares e horas que se lles indiquen para as probas de son.

Tódolos seleccionados para a fase final aceptarán a orde de actuación que a organización estableza, así como as decisións que esta tome en relación coa realización deste evento.

g) Os informes dos seleccionados quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude durante o período das actividades que se desenvolvan con motivo da presente convocatoria e posteriormente co consentimento do/s autor/es.

A documentación dos participantes non seleccionados, que non sexa retirada por eles ou persoa autorizada no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da recepción da notificación coa decisión do xurado, arquivarase sen máis trámite.

h) Os participantes responsabilízanse directamente do plaxio ou calquera transgresión da lexislación vixente en materia de propiedade intelectual na que poidan incorrer na execución das correspondentes actuacións no desenvolvemento deste evento, das que, en todo caso, non se fai responsable a organización.

i) O feito de concorrer a esta convocatoria implica a aceptación íntegra das súas bases.

V. Distincións.

a) Os integrantes de tódalas formacións seleccionadas para a fase final percibirán unha dotación económica entre 10.000 e 50.000 pesetas en concepto de gastos de desprazamento, dependendo de onde proceda cada unha e o número de compoñentes que a integran.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ofrece como premio 4 concertos remunerados para realizar na Comunidade Autónoma de Galicia, para cada unha das dúas formacións que resulten seleccionadas nos distintos epígrafes, dotado cada un deles cun mínimo de 150.000 ptas. e un máximo de 200.000 ptas., tendo en conta os criterios fixados no parágrafo anterior.

b) Gravaranse dous mil CDs dobres en directo co resumo desta convocatoria, e cada formación da que se inclúan temas no CD poderá dispoñer de copias que se repartirán proporcionalmente, para distribuílas gratuitamente na forma que consideren oportuna.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude quedarase con cincocentas copias para a súa distribución.

En ningún caso as copias editadas poderán destinarse á venda.

Os autores das cancións (solistas ou grupos) cédenlle, en exclusiva, á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude os dereitos de autor dos temas que se inclúan na gravación dos discos compactos para a súa edición e distribución.

VI. Xurado.

O xurado será nomeado polos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Coruña, e estará composto por persoas cualificadas no campo musical, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña.

O xurado estará facultado para a interpretación destas bases nas eventualidades non previstas e poderá deixar deserto algún premio se así o considera oportuno.

O xurado designará os vencedores en cada un dos epígrafes e seleccionará os temas que se incluirán no dobre CD, tendo en conta a súa creatividade e calidade artística.

A decisión do xurado será inapelable.