Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2000 Páx. 6.783

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 96/2000, do 6 de abril, polo que se resolve o expediente de deslinde entre os termos municipais dos concellos de Meis e Vilanova de Arousa.

O concello de Meis, mediante acordo plenario do 27 de maio de 1996, iniciou expediente de deslinde para determina-la liña límite entre o seu termo municipal e o de Vilanova de Arousa, remitindo a documentación do expediente á Xunta de Galicia con data do 8 de xullo de 1996.

Tramitado o expediente de acordo cos principios contidos nas leis 7/1985, reguladora das bases do réxime local e 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia o Instituto Xeográfico Nacional emitiu informe con data do 26 de marzo de 1998.

Visto o disposto nos artigos 41.1º e 44.3º da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia,

segundo os cales os conflictos que poidan suscitarse entre municipios en relación co deslinde dos seus termos serán resoltos polo Consello da Xunta de Galicia, logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da deputación provincial e da Comisión Galega de Delimitación Territorial e logo de dictame do Consello Consultivo de Galicia.

Por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de abril de dous mil

DISPOÑO:

Artigo único.-Resolve-la cuestión suscitada entre os concellos de Meis e Vilanova de Arousa, ambos da provincia de Pontevedra, sobre o deslinde dos seus termos municipais, no sentido de considerar válida e vixente a liña límite xurisdiccional que se describe na acta de deslinde do 24 de marzo de 1890, que se reflicte na ortofoto a escala 1:5.000 do Instituto Xeográfico Nacional e que se representa na fotografía aérea que se recolle como anexo deste decreto.

Santiago de Compostela, seis de abril de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais