Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2000 Páx. 6.782

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 18 de abril de 2000 pola que se establecen as contías das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de gando nos programas de erradicación de enfermidades animais para 2000.

Os animais reaccionantes positivos ás probas diagnósticas establecidas nos programas de erradicación de tuberculose, brucelose, leucose e perineumonía contaxiosa no gando vacún e brucelose no gando ovino e cabrún para os que se ordenou o sacrificio obrigatorio pola imposibilidade de establecer un tratamento terapéutico, implica que os gandeiros, de acordo co establecido no artigo 154 do Regulamento de epizootias do 4 de febreiro de 1955 e demais lexislación concordante poderán recibir unha indemnización de acordo co baremo oficialmente aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3, en relación co artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A contía das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e peripneumonía contaxiosa no gando vacún e brucelose no gando ovino e cabrún, así como daqueloutros animais que convivindo cos animais enfermos sexan

considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes, durante as campañas de saneamento de 2000, serán as que correspondan en cada momento segundo o baremo oficialmente aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Artigo 2º

Para poder ter dereito á indemnización por sacrificio é imprescindible o cumprimento estricto da normativa en vigor sobre epizootias e programas de erradicación de enfermidades animais.

Artigo 3º

As indemnizacións establecidas nesta orde, así como as correspondentes ós animais sacrificados que non puideron ser tidos en conta por presenta-lo certificado de sacrificio con posterioridade ó peche do exercicio orzamentario anterior, aboaranse con cargo ó programa 613-A, concepto 770.0 «Programas Sanitarios Especiais» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, dotado con douscentos sesenta millóns de pesetas.

Artigo 4º

1. Para cumprimento do artigo 17 do Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais e dos artigos 21 e 22 da Orde do 4 de abril de 1997, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes pola que se establecen as normas para o desenvolvemento das campañas de saneamento gandeiro das especies bovina, ovina e cabrúa, o trámite de indemnización farase de oficio pola Administración ó recibi-los documentos xustificantes do sacrificio das reses no matadoiro e unha vez comprobados os requisitos esixidos no artigo 5 desta orde. Emitirase resolución da aprobación ou denegación da indemnización na que se especificarán os recursos que procedan.

2. A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que transcorridos tres meses desde o sacrificio dos animais afectados non se dictase resolución expresa, entenderase denegada a indemnización.

Artigo 5º

Os beneficiarios das indemnizacións presentarán, antes do pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Ademais deberán presentar certificación de encontrarse ó día das obrigas tributarias e sociais e que non teñen débeda ningunha coa Administración da Comunidade Autónoma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria