Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2000 Páx. 6.756

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DA CORUÑA

ANUNCIO (8/2000).

A Alcaldía Presidencia, con data 21 de marzo de 2000, dictou a seguinte resolución:

«Primeiro.-Incoar expediente para a aprobación das bases e estatutos da xunta de compensación que se vai constituír para a execución do polígono F8.01 (Parque de Vioño) do Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente.

Segundo.-Aprobar inicialmente o proxecto de bases e estatutos presentado por Francisco Núñez Mateo en nome e representación da comisión xestora constituída para estes efectos.

Terceiro.-Ordena-la citación persoal no expediente a aqueles que aparezan como interesados na súa calidade de titulares de bens e dereitos afectados, así como a publicación on Diario Oficial de Galicia do anuncio correspondente segundo modelo oficial que se xunta, facultando a comisión xestora e, no seu nome, a Francisco Núñez Mateo como secretario dela para a súa presentación e dilixenciamento ante o órgano correspondente».

O que se fai público de conformidade co disposto no artigo 133.4º en relación co 102, ambos da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (BOE nº 103, do 30 de abril), advertindo os interesados de que o expediente se encontra ó seu dispor nas oficinas de xestión do Servicio de Urbanismo, sitas na Avda. da Marina nº 18, entre as 12 e as 14 horas, de luns a venres durante o prazo de 20 días a partir da publicación ou notificación do acordo que se traslada, onde poderán consultalo e presentar cantas alegacións teñan por conveniente na defensa dos seus dereitos.

Esta publicación producirá tamén os efectos previstos no artigo 59.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aqueles supostos de interesados ós que non poida serlles practicada a notificación persoal.

A Coruña, 22 de marzo de 2000.

O alcalde

P.D.

Salvador Fernández Moreda

Bases de actuación da xunta de compensación do polígono F8.01 Parque de Vioño do PXOM da Coruña

Base 1ª.-Finalidade.

Estas bases conteñen aquelas determinacións que, previstas no artigo 167 do Regulamento de xestión urbanística (RX), serven de regras á xunta e ós afectados pola execución da ordenación urbanística do polígono F8.01 Parque de Vioño do PXOM da Coruña, co fin de realiza-las operacións de reparto de beneficios e cargas, cesións obrigatorias e urbanización dos terreos. Ó seu teor, formularase o proxecto de compensación, conforme o artigo 133.6º da Lei 1/1997 do solo de Galicia (LSG) e Art. 172 do RX, onde se concretará a operación reparcelatoria.

Base 2ª.-Orzamentos da actuación.

Os datos básicos que caracterizan esta actuación reflectidos na ficha do PXOM correspondentes a este polígono son:

-Denominación: Parque de Vioño.

-Superficie total: 79.333 m.

-Aproveitamento lucrativo: 75.755 m.

-Incluído en área de reparto: ARP-F8.01.

-Aproveitamento tipo do ARP-F8.01: 1.040.448 m eluc/ms.

Base 3ª.-Definición e valoración de achegas.

1. A participación na xunta dos propietarios incorporados depende exclusivamente dos predios achegados, sen prexuízo das indemnizacións que lles correspondan por supresión de elementos e das compensacións por gastos especialmente realizados.

2. O dereito dos propietarios será proporcional á superficie de cada parcela.

3. A distribución no reparto de cargas, beneficios e perdas realizarase en proporción á cota participativa que corresponda a cada un dos membros que formen a xunta segundo as previsións dos estatutos.

4. As achegas dos membros da xunta para atende-los gastos que a esta corresponden realizaranse e exaccionaranse ata a súa disolución na forma determinada nos artigos 34 e 35 dos estatutos.

Base 4ª.-Elementos e dereitos sobre os predios. Réxime. Definición e valoración.

1. A ordenación e urbanización previstas resultan incompatibles coas instalacións preexistentes procedendo, en consecuencia, a súa supresión e indemnización. Os propietarios están obrigados a relacionar todos aqueles elementos que consideren indemnizables, que comprobará a xunta e levantándose, se é o caso, acta contradictoria. Para a súa valoración, teranse en conta as regras establecidas nos puntos seguintes:

a) As edificacións valoraranse, de acordo coa normativa catastral, en función do seu custo de reposición corrixido en atención a criterios de antigüidade, conservación e funcionalidade.

2. As cargas e dereitos reais que graven os predios e sexan compatibles coa ordenación manteranse sobre o predio resultante do mesmo propietario por aplicación do principio de subrogación real. Nos demais casos procede a súa extinción, valorándose segundo a natureza conforme as regras da lexislación expropiatoria e tributaria e indemnizándose con cargo ó propietario liberado, agás que se trate de servidume predial, que terá o carácter de gasto de urbanización.

3. O necesario derrubamento dos edificios e da execución da urbanización implican a extinción dos alugueres rústicos e urbanos. As indemnizacións terán o carácter de gasto de urbanización, e para a súa valoración teranse en conta os criterios reflectidos no Art. 137.3º RX.

Base 5ª.-Supostos de ocupación ou expropiación de terreos.

1. En caso de propietarios non incorporados á xunta, esta poderá solicitar da Administración actuante a expropiación dos ditos predios, tendo a xunta a condición de beneficiaria, ou ben a ocupación delas co fin de posibilita-la execución das obras de urbanización previstas, recoñecéndoselles ós seus titulares o dereito da adxudicación de terreos edificables en proporción á superficie do predio, coa reducción axeitada para compensa-los gastos de urbanización correspondentes.

2. O incumprimento polos membros da xunta de compensación das súas obrigas e cargas habilitará a Administración actuante para expropia-los seus respectivos dereitos en favor da xunta de compensación, que terá a condición xurídica de beneficiaria, ou, alternativamente, aplicarse os efectos previstos para a ocupación forzosa no Art. 134 LSG.

3. Para a valoración e procedemento haberá que aterse á normativa legal de aplicación.

Base 6ª.-Urbanización e edificación.

1. A execución das obras de urbanización poderá realizarse mediante empresa urbanizadora incorporada á xunta ou por contrato de obra para o efecto, con aboamento en metálico, soares ou edificacións resultantes, todo isto consignado nos oportunos convenios en que se terán en conta as equivalencias de valores, prezos e custos da urbanización segundo o oportuno proxecto, o seu carácter fixo ou revisable, e a forma de determina-la contraprestación; incluirase no contrato de obra, ademais das cláusulas típicas, as indicadas no Art. 176.3º RX.

2. O órgano competente da xunta poderá contrata-la obra empregando indistintamente calquera dos procedementos e formas legalmente admitidos, segundo o acordo que para o efecto adopte conforme o previsto nos estatutos.

3. Se é o caso, poderá ter lugar a edificación e urbanización simultáneas conforme o Art. 41 RX.

Base 7ª.-Predios resultantes. Definición. Adxudicación e compensación en metálico.

1. Os predios resultantes definiranse no proxecto de compensación tendo en conta as características da ordenación para efectos da fixación da parcela mínima apta para edificar.

2. Os predios resultantes adxudicaranse en proporción á cota de participación, tendo en conta os criterios establecidos para o efecto na LSG e no RX, en especial o criterio de proximidade do predio resultante adxudicado por subrogación real do/s antigo/s achegado/s.

3. As compensacións económicas substitutivas ou complementarias por diferencias de adxudicación que, se é o caso, procedan, fixaranse atendendo o prezo medio en venda das parcelas resultantes, sen incluí-los custos de urbanización.

4. Cando a escasa contía dos dereitos dalgúns propietarios non permitan que se adxudiquen predios independentes a todos eles, os soares resultantes adxudicaranse en pro indiviso a estes propietarios. Non obstante, se a contía deses dereitos non acadase o 15 por cento da parcela mínima edificable, a adxudicación poderase substituír por unha indemnización en metálico.

5. Para efectos de valoración dos predios resultantes considerarase que tódolos usos previstos no plan teñen o mesmo valor.

Base 8ª.-Cesións e dereitos da Administración actuante.

As cesións previstas no plan relativas a superficies de vías, zonas verdes e dotacións entregaranse xunto ás obras e servicios da urbanización previstos totalmente urbanizadas conforme o proxecto aprobado, no tempo e forma establecidos legalmente.

Base 9ª.-Disposición derradeira.

1. As presentes bases completan reciprocamente os estatutos que acompañan, aplicándose tamén no previsto nelas a normativa alí citada, especialmente a LSG, LRSVU e RX sobre compensación, reparcelación e valoracións, así como a lexislación expropiatoria, tributaria e hipotecaria.

2. A obrigatoriedade das bases non impide a súa modificación por igual canle que para a súa aprobación. Non obstante, a modificación por unanimidade, afectando só as relacións entre os membros non require máis trámite cá súa comunicación á Administración actuante.

Estatutos da xunta de compensación do polígono F8.01 Parque de Vioño do PXOM da Coruña

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Denominación.

Esta entidade constitúese co nome xunta de compensación do Parque de Vioño (en diante, a xunta).

Artigo 2º.-Ámbito territorial e obxecto.

A xunta ten por obxecto a xestión e execución, polo sistema de compensación, do polígono F8.01 Parque de Vioño, delimitado no PXOM da Coruña, e aprobado definitivamente por acordo do Pleno Municipal o día 19 de outubro de 1998.

Artigo 3º.-Normativa.

1. A xunta constitúese en aplicación do disposto no artigo 133 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (LSG) por instancia da comisión xestora constituída por propietarios que representan máis do 50 por cento do polígono.

2. A xunta réxese por estes estatutos e polas bases de actuación que os acompañan, complementándose ámbolos dous reciprocamente, así como pola LSG, en especial os seus artigos 133 al 138, a Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións (LRSV), e os preceptos vixentes do Real decreto lexislativo 1/1992 (LS/92), o R.D. 1346/1976 (LS/76) e

o Regulamento de xestión urbanística (RX) aprobado por R.D. 3288/1978, en especial os seus artigos 24 e 30 e 157 a 185, a lexislación hipotecaria, especialmente o R.D. 1093/1997, e pola demais lexislación administrativa, civil e mercantil que con carácter directo ou supletorio lle sexa en cada caso de aplicación.

Artigo 4º.-Natureza, personalidade xurídica e capacidade.

1. A xunta é unha entidade urbanística colaboradora, que ten natureza administrativa, personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento das súas finalidades.

2. A xunta poderá desempeñar todo tipo de titularidades, realizar todos aqueles actos e negocios xurídico-patrimoniais ou de calquera outra orde lle sexan necesarios e permitidos polas leis, e exercer ante calquera autoridade ou organismo público, tribunais e particulares, todas aquelas accións e dereitos, solicitudes e beneficios que lle correspondan na xestión e defensa dos intereses comúns dos seus membros.

Artigo 5º.-Enderezo.

O domicilio da xunta establécese na Coruña, rúa Manuel Piñeiro Pose, 3ª Torre de San Diego 1º-A. Este domicilio poderá trasladarse a outro lugar por acordo do consello rector.

Artigo 6º.-Finalidades.

Son finalidades da xunta, para o cumprimento do obxectivo proposto:

1. Asocia-las persoas físicas e xurídicas que a integran para a xestión e execución do polígono, con solidariedade de beneficios e cargas.

2. Solicita-la inscrición da xunta no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras e no Mercantil, se é o caso.

3. Redactar e tramitar ante as administracións competentes toda clase de instrumentos de desenvolvemento e execución do plano, proxectos de expropiación ou ocupación directa, se é o caso, de compensación, de urbanización, de edificación, se é o caso, e a contratación e execución das obras necesarias para levalas a cabo. Se é o caso, promove-la modificación do PXOM no ámbito de actuación.

4. Cederlle á Administración actuante os terreos de uso público e as obras de urbanización.

5. Solicitar da Administración actuante o exercicio da potestade expropiatoria en beneficio da xunta, que terá a condición de beneficiaria da expropiación, ou a ocupación directa dos terreos, respecto dos propietarios que non se incorporen en tempo oportuno a ela como daqueles que incumpran coas súas obrigas.

6. Solicitar da Administración actuante o exercicio da vía de constrinximento para o cobro das cantidades debidas polos membros da xunta.

7. Formalizar operacións de crédito, con garantía hipotecaria, se é o caso, para financia-las obras de urbanización.

8. A xestión e defensa dos intereses comúns dos membros da xunta, diante de calquera autoridade ou organismo público, xulgados, tribunais e particulares.

9. O cumprimento das obrigas tributarias e a xestión dos beneficios fiscais establecidos nas leis.

10. O exercicio do dereito a esixir das empresas que presten os seus servicios urbanísticos o reembolso correspondente dos gastos de instalación deles.

11. A adxudicación das parcelas resultantes entre os membros da xunta.

12. O exercicio de todos aqueles dereitos e actividades lle correspondan de acordo coas leis.

Artigo 7º.-Duración.

A xunta está habilitada para comeza-las súas funcións desde a súa inscrición no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras e durará ata que sexa cumprido totalmente o seu obxectivo, agás que se produza a disolución nos termos sinalados nestes estatutos.

Artigo 8º.-Administración actuante.

1. A xunta actúa baixo o control do Concello da Coruña.

2. Como Administración actuante, e no exercicio da súa función, correspóndelle:

a) Dar audiencia dos estatutos e bases de actuación ós propietarios non promotores da xunta, para a formulación de observacións e para a súa incorporación a ela; e dar audiencia das alegacións destes os promotores para a súa contestación.

b) A aprobación dos estatutos e das bases e mais das súas modificacións.

c) A designación dun representante na xunta.

d) A aprobación da constitución da xunta e a remisión do acordo e da escritura de constitución ó Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras para a súa inscrición.

e) O exercicio da expropiación forzosa ou da ocupación directa, en beneficio da xunta, respecto dos terreos dos propietarios non incorporados a ela ou que incumpran a súas obrigas.

f) A utilización da vía de constrinximento para o cobramento das cantidades debidas por calquera dos membros da xunta.

g) A resolución dos recursos contra os acordos da xunta.

h) Todas aquelas outras atribucións resulten da lexislación urbanística e local.

Artigo 9º.-Proxecto de compensación.

En desenvolvemento dos criterios resultantes das bases redactarase o proxecto de compensación en que se reflectirán os predios achegados e os resultantes, con cadanseu adxudicatario, os terreos que lle hai que ceder ó concello e o importe das indemnizacións e compensacións en metálico, se foran procedentes. Aprobado o proxecto pola xunta e polo Concello, servirá de título para a adxudicación dos terreos.

TÍTULO II

Membros e constitución da xunta

Artigo 10º.-Membros da xunta. Incorporación. Efectos.

1. Serán membros propios da xunta os propietarios dos terreos incluídos no seu ámbito territorial que, cumprindo os requisitos esixidos, se incorporen a ela en tempo e forma. Neste concepto formarán parte dela:

a) Aqueles que promoven a súa constitución, en calidade de membros da comisión xestora.

b) Os demais propietarios que soliciten a súa incorporación, conforme o artigo 134 da LSG, dentro do prazo dun mes a partir da notificación do acordo de aprobación definitiva destes estatutos e bases de actuación. Transcorrido o prazo indicado, a incorporación só será posible se non entorpece o desenvolvemento do proceso e o aproba a xunta de compensación. Na solicitude de incorporación, realizada por escrito ó concello, farase constar expresamente a aceptación do sistema, dos estatutos e bases, xuntaranse os títulos xustificativos da propiedade, con expresión da súa situación, superficie e lindeiros, declarando así mesmo as situacións xurídicas, cargas, gravames e arrendamentos que afecten os seus respectivos predios, indicando, se é o caso, os datos identificativos dos titulares dos devanditos dereitos.

2. A efectiva incorporación requirirá o outorgamento da escritura pública de constitución ou da adhesión, se é o caso, de conformidade co Art. 163 RX.

3. A incorporación supón a ocupación e posesión dos terreos pola xunta, quen actuará como fiduciaria deles con pleno poder dispositivo.

4. Os propietarios do polígono que non se incorporen na forma indicada quedan suxeitos á expropiación forzosa en beneficio da xunta, podendo esta, así mesmo, solicitar no seu favor a ocupación dos devanditos predios, de conformidade co previsto no Art. 134 LSX.

5. Tamén poderá ser membro da xunta a empresa urbanizadora que achegue total ou parcialmente os fondos ou medios necesarios para levar a cabo as obras de urbanización. A súa incorporación poderá realizarse inicialmente, logo de acordo da comisión xestora, ou posteriormente mediante acordo co órgano competente da xunta. Os propietarios desconformes con esta incorporación que se comprometan expresamente a sufraga-los gastos de urbanización que lles corresponda, non serán afectados por ela na súa cota participativa.

6. O Concello da Coruña, na súa calidade de Administración actuante, designará un representante na xunta, que actuará no consello rector con voz e sen voto, agás o que lle corresponde, se é o caso, na asemblea como titular do aproveitamento conforme a súa cota participativa.

Artigo 11º.-Transmisión de predios.

1. A incorporación dos propietarios non supón a transmisión á xunta da propiedade dos inmobles, mais a xunta actuará como fiduciaria con pleno poder dispositivo.

2. Unha vez constituída a xunta, a transmisión dos predios polos seus membros deberá serlle notificada ó consello rector, acompañada de copia do documento, e producirá os seguintes efectos:

a) Se a transmisión se realiza sobre os predios iniciais, considerarase que o novo propietario se subroga para tódolos efectos como membro da xunta.

b) Se a transmisión se realiza sobre os predios adxudicados no proxecto de compensación fóra dun pacto expreso en contrario, seguirá posuíndo o propietario primitivo a condición de membro da xunta e seguirá respondendo persoalmente fronte á xunta das obrigacións que desta calidade se deriven.

Artigo 12º.-Dereitos.

Son dereitos dos membros:

a) Asistir por si mesmo ou por representante ás sesións da asemblea xeral emitindo o seu voto en proporción á súa cota participativa, e presentar proposicións ou suxestións.

b) Elixi-los membros dos órganos de goberno e seren elixidos para o desempeño de cargos.

c) Obte-la xusta compensación no reparto de beneficios e cargas mediante a adxudicación de parcelas resultantes ou compensación en metálico segundo proceda, en proporción coa súa cota.

Artigo 13º.-Obrigas.

É obriga básica dos membros participar en proporción a cadansúa cota nos gastos que xere a actuación, satisfacendo puntualmente as cantidades necesarias que o órgano competente da xunta determine xustificadamente.

Son tamén obrigas específicas dos membros:

a) Acreditar e facilitarlle á xunta todos aqueles documentos e datos que se refiran á súa propiedade e ós dereitos de terceiros que a limiten, e regularizar, no necesario, as devanditas titularidades ou situacións.

b) Sinalar, no momento da incorporación, un domicilio para efectos de notificacións no termo municipal onde o teña a xunta ou onde radiquen os terreos afectados e, se é o caso, a persoa que representa o membro. No caso de cotitularidade dun predio ou dereito, haberán de designar unha soa persoa para o exercicio das súas facultades como membro da xunta, e, se non o designaren, nomearao o órgano actuante.

c) Outorgar todos aqueles documentos ou autorizacións que sexan necesarios para cumprir coas súas obrigas e co obxecto e as finalidades da xunta.

O incumprimento das súas obrigas por un membro que supoña obstáculo ou prexuízo á actuación física, xurídica ou económica da xunta, lexitima a esta para promover no seu beneficio a expropiación forzosa do seu predio, a utilización da vía de constrinximento ou a aplicación dos efectos previstos para a ocupación forzosa no artigo 134 LSG.

TÍTULO III

Órganos de goberno e administración

Artigo 14º.-Enumeración.

Os órganos de goberno e administración da xunta serán:

1. A asemblea xeral.

2. O consello rector.

3. O presidente.

4. O vicepresidente.

5. O secretario.

6. O xerente, se é o caso.

Capítulo I

Da asemblea xeral

Artigo 15º.-Composición e clases.

1. A asemblea estará constituída polos membros da xunta que estean ó día das súas obrigas e polo representante da Administración actuante. Terá carácter deliberante e reunirase de forma ordinaria

alomenos unha vez ó ano para aproba-lo orzamento e a memoria e mailas contas do exercicio.

2. Serán o seu presidente e o seu secretario aqueles que o sexan do consello rector.

3. A asemblea xeral poderá reunirse con carácter extraordinario cando o acorde o presidente, o consello rector ou o soliciten os membros da xunta que representen alomenos o 30 por cento das participacións. Neste suposto ha de se convoca-la asemblea no mes seguinte á solicitude e realizarse antes doutro mes.

4. Estando tódolos membros presentes poderá ter lugar a asemblea, sen necesidade de convocatoria previa, se así se acorda por unanimidade.

Artigo 16º.-Atribucións.

Son atribucións da asemblea:

a) A designación e cesamento dos membros do consello rector.

b) A aprobación das contas e dos orzamentos e mais da imposición de derramas para atende-los gastos non previstos no orzamento.

c) A modificación dos estatutos e das bases de actuación.

d) Autoriza-la formalización de actos dispositivos sobre os bens e dereitos pertencentes en pleno dominio á xunta, incorporando, se é o caso, os adquirintes e reaxustando as cotas de participación.

e) Acorda-la formalización de créditos ou empréstitos para realiza-las obras de urbanización, mesmo con garantía hipotecaria dos terreos afectados.

f) Resolver sobre a incorporación de empresas urbanizadoras ou de propietarios de terreos cando non o fixeran no título constitutivo.

g) Acorda-la constitución de sociedades con fins de urbanización, edificación ou explotación de servicios.

h) Aproba-los proxectos de compensación e de urbanización.

i) Autoriza-la contratación das obras de urbanización, cando estas non fosen realizadas por unha empresa urbanizadora incorporada á xunta, e decidir sobre a edificación de todos ou calquera dos soares resultantes adxudicados á xunta.

j) Acorda-la disolución da xunta.

k) As demais que expresamente lle atribúan as leis ou os presentes estatutos e bases de actuación, e as que o consello rector someta á súa consideración.

Artigo 17º.-Convocatoria.

1. As reunións da asemblea xeral ordinaria e extraordinaria serán convocadas polo presidente do consello rector mediante carta certificada remitida ós membros da xunta con cinco días de antelación cando menos á data en que teña que ter lugar.

2. A convocatoria sinalará o lugar, día e hora da reunión, así como os asuntos que han de se someter a coñecemento e resolución da asemblea sen que poidan ser obxecto de exame outros asuntos non recollidos na convocatoria, a non ser que sexa declarada a urxencia pola maioría das cotas de asistencia.

3. Na convocatoria das asembleas xerais ordinarias indicarase que no domicilio social están á disposición dos membros a memoria e as contas do exercicio e/ou o orzamento que sexa obxecto da reunión.

Artigo 18º.-Constitución.

1. A asemblea xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela, por si mesmos ou por representación, membros que representen o 60 por cento das cotas. Entenderase validamente constituída en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asistentes, transcorrida unha hora desde a primeira.

2. Os membros poderán designar por escrito e para cada reunión a persoa que os represente.

Artigo 19º.- Adopción de acordos.

1. O presidente do consello rector, ou quen estatutariamente o substitúa, presidirá a asemblea e dirixirá os debates.

2. Actuará como secretario aquel que o sexa do consello rector ou o seu substituto.

3. Os acordos adoptaranse por maioría simple de cotas presentes ou representadas.

4. Os acordos de aprobación do proxecto de compensación e de modificación dos estatutos e bases requirirán o voto favorable da maioría absoluta de cotas.

5. Os acordos da asemblea serán inmediatamente executivos, sen prexuízo dos recursos e accións procedentes.

Artigo 20º.-Actas.

1. De cada reunión da asemblea xeral levantará acta o secretario, facéndose constar nela, de forma clara e sucinta, os acordos adoptados e o resultado das votacións realizadas. A acta será redactada e aprobada ó final da reunión e será autorizada coas sinaturas do secretario e mailo presidente, e transcrita ó libro correspondente. Non obstante, a asemblea poderá determinar que a redacción e aprobación da acta a leve a efecto o presidente, secretario e dous interventores designados na propia sesión.

2. Por requirimento dos membros da xunta ou da Administración actuante, deberá o secretario, co visto e prace do presidente, expedir certificacións do contido das actas.

Capítulo II

Do consello rector

Artigo 21º.-Composición do consello rector.

O consello rector estará constituído por seis conselleiros, elixidos pola asemblea. Os membros mino

ritarios poderán exerce-lo dereito a elixir un dos vocais do consello.

O consello elixirá de entre os seus membros o presidente, vicepresidente e secretario, que así mesmo o serán da entidade.

Ás reunións do consello asistirá o representante da Administración actuante, con voz e sen voto; e así mesmo as demais persoas invitadas polo presidente.

Artigo 22º.-Duración de cargos.

O cargo de conselleiro terá unha duración indefinida sen prexuízo do seu cesamento; poderá ser removido pola asemblea en calquera momento. No caso de falecemento ou renuncia, o consello designará un substituto provisional ata a primeira reunión da asemblea.

Artigo 23º.-Atribucións.

O consello rector ten as máis amplas facultades, representativas, deliberantes e executivas, sobre tódolos asuntos competencia da xunta sen máis limitacións cás dos acordos expresamente atribuídos á asemblea xeral. Especificamente correspóndenlle:

a) Representación, goberno e administración da xunta.

b) Proposta e execución dos acordos da asemblea xeral.

c) Contratación dos traballos e servicios necesarios para a xestión e desenvolvemento da xunta.

d) Exercicio das accións e recursos de interese da xunta, conferindo os poderes que fosen necesarios para isto, e presentación de solicitudes ou reclamacións.

e) Formulación do proxecto de compensación, dándolle o trámite de audiencia e sometemento á asemblea para a súa aprobación inicial, con posterior presentación ó concello para a súa tramitación e aprobación definitiva.

f) Encargo do proxecto de urbanización e presentación á asemblea para a súa aprobación, con posterior presentación ó concello para a súa tramitación e aprobación definitiva.

g) Presentación á asemblea da proposta para a contratación, se é o caso, das obras de urbanización.

h) Elaboración das contas e orzamentos.

i) Determina-las cantidades que, consonte ós orzamentos e derramas acordados, lles corresponde satisfacer ós membros e proceder á súa recadación.

j) Desenvolvemento da xestión xurídica, administrativa, económica, contable e fiscal da xunta, coas facultades de representación e contratación precisas para a súa execución.

k) Exerce-lo resto das facultades de goberno e administración non reservadas expresamente á asemblea xeral e as que esta lle delegue.

Artigo 24º.-Sesións e acordos.

1. O consello rector reunirase as veces que sexan necesarias para adopta-los acordos que requiran a súa intervención, por iniciativa do presidente ou de tres dos seus membros. Neste suposto o presidente deberá convoca-lo consello dentro dos quince días seguintes ó da data en que reciba a petición.

2. A convocatoria, con indicación da orde do día e do lugar, día e hora e data da reunión, será cursada polo presidente cunha antelación de tres días, quedando validamente reunido o consello cando concorran tres conselleiros. Sen necesidade de convocatoria poderá realizarse reunión cando estean presentes tódolos membros e así o acorden por unanimidade.

3. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos, recoñecéndose, en caso de empate, a calidade de voto dirimente do presidente, e serán inmediatamente executivos.

Artigo 25º.-Actas.

1. De cada reunión do consello o secretario levantará acta sucinta na que se farán consta-los acordos adoptados e mailo resultado das votacións, sendo aprobada na mesma sesión, ou na seguinte, e autorizada coas sinaturas do presidente e do secretario, transcribíndose ó libro correspondente.

2. Por requirimento dos membros ou da Administración actuante, deberá o secretario, co visto e prace do presidente, expedir certificacións do contido das actas.

Capítulo III

Do presidente

Artigo 26º.-Nomeamento.

O presidente será designado pola asemblea xeral e o seu nomeamento terá a duración prevista no artigo 22º.

Artigo 27º.-Atribucións.

a) Convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións da asemblea xeral e do consello rector, dirixi-las deliberacións e executar e facer cumpri-los acordos.

b) Te-la representación xudicial e extraxudicial da xunta de compensación e dos seus órganos, para a formalización de actos e contratos, podendo outorgar poderes a terceiras persoas para o exercicio da devandita representación.

c) Autoriza-las actas da asemblea xeral e do consello rector, as certificacións que se expidan e todos aqueles documentos que o requiran.

d) Exerce-las actividades bancarias e mercantís que esixa o funcionamento da xunta, con suxeición ó que, se é o caso, determine o consello rector.

e) Todas aquelas funcións que sexan inherentes ó seu cargo ou lle sexan delegadas pola asemblea xeral ou polo consello rector.

Capítulo IV

O vicepresidente

Artigo 28º.-Nomeamento.

O vicepresidente será nomeado en igual forma e polo mesmo período que o presidente.

Artigo 29º.-Atribucións.

a) Exerce-las facultades que corresponden ó presidente nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade deste.

b) Substituí-lo presidente nos casos en que este lle delegue as súas funcións.

Capítulo V

Do secretario

Artigo 30º.-Atribucións.

a) Asistir ás reunións da asemblea xeral e do consello xestor.

b) Levanta-las actas das reunións, autorizalas coa súa asinatura e transcribilas ós libros correspondentes.

c) Levar un libro rexistro en que se relacionarán os membros integrantes da xunta de compensación, con expresión das súas circunstancias persoais, domicilio, data de incorporación, cota de participación e número de votos e todos aqueles datos complementarios que se consideren procedentes.

d) Notificar a tódolos membros da xunta, cando pola súa natureza ou entidade proceda, e, se é o caso, á Administración actuante, os acordos da asemblea xeral e mais do consello rector.

Artigo 31º.-Substitución.

No caso de vacante, ausencia ou enfermidade, o cargo de secretario será desempeñado polo membro do consello rector designado polo presidente.

Capítulo VI

Do xerente

Artigo 32º.-Nomeamento e funcións.

O xerente será designado polo consello rector e o seu nomeamento terá unha duración indefinida sen prexuízo de poder ser removido do cargo en calquera momento por acordo do propio consello e terá as funcións que o consello determine.

TÍTULO IV

Réxime xurídico e económico

Artigo 34º.-Cotas de participación.

A participación na xunta e no reparto de beneficios e cargas vén determinada pola superficie dos predios aportados, expresándose nunha cota ou porcentaxe sobre o total de participacións. Esta cota define o valor do voto, así como determina o importe da participación nos gastos. No caso de incorporación de empresa urbanizadora, procederase ó reaxuste de cotas, asignándolle a esta a que lle corresponda en contrapartida á súa achega, agás a dos desconformes.

Artigo 35º.-Gastos e contribución.

1. Son gastos da xunta os necesarios e requiridos pola execución da actuación, abranguendo estes concretamente os de:

a) Constitución, funcionamento, disolución e liquidación da xunta, inclusive os producidos con anterioridade para acadar estes fins.

b) Honorarios e prezos polos traballos e servicios contratados a terceiros, e en especial os derivados de estudios e asesoramentos técnicos, redacción de documentos urbanísticos, proxectos de obras e servicios e xestión xurídica, administrativa e económica.

c) Os custos de urbanización conforme o artigo 132 LSG e os artigos 59, 60 e 61 do RX e o correspondente proxecto.

d) Indemnizacións por expropiación ou supresión de bens e dereitos que afecten ós membros da xunta ou a terceiros.

e) Pagamento de tributos, dereitos e cargas de calquera tipo derivados da actuación e do outorgamento de todos aqueles actos, convenios ou documentos que sexan necesarios.

2. Salvo acordo en contra, o pagamento das cotas de contribución ós gastos, realizarase no prazo de quince días desde que sexa practicada a notificación e requirimento polo consello rector. De non se teren realizado trancorrido o prazo, incorrerase, nunha recarga do 10 por cento e nun xuro moratorio ó tipo legal incrementado en dous puntos. Pasado outro mes, instarase da Administración a utilización da vía executiva ou a expropiación forzosa, se en anterior ocasión foi necesario acudir a esta vía, aínda que estivese aínda en curso.

Artigo 36º.-Obrigatoriedade e executividade dos acordos.

Os acordos dos órganos da xunta obrigan a tódolos seus membros, son inmediatamente executivos e non se suspenderán pola súa impugnación ou recurso. Contra os devanditos acordos pode interpoñerse recurso ante a Administración actuante no prazo dun mes desde a súa notificación ou coñecemento.

TÍTULO V

Disolución e liquidación

Artigo 36º.-Disolución.

1. A xunta disolverase pola seguintes causas:

a) Por mandato xudicial, administrativo ou prescrición legal.

b) Polo cumprimento total dos seus obxectivos e finalidades.

c) Voluntariamente, por ausencia de pluralidade dos membros ou pola súa transformación en sociedade civil ou mercantil.

Artigo 37º.-Liquidación.

Constatada a causa de disolución, procederase, se é o caso, á liquidación do seu patrimonio con aboamento, garantía ou subrogación do seu pasivo esixible e adxudicación do activo en terreos, dereitos ou metálico ós membros en proporción ás súas cotas.