Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2000 Páx. 6.702

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de abril de 2000 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Neurológica Compostelana.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Neurológica Compostelana, con domicilio en Santiago de Compostela, Vidán, Hospital Clínico Universitario, Servicio de Neuroloxía.

Supostos de feito.

1. Manuel Noya García, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 30 de marzo de 2000, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 22 de marzo de 2000, ante o notario Manuel Julio Reigada Montoto, co número novecentos cincuenta do seu protocolo por José Castillo Sánchez, Alfonso Castro García, Dolores Dapena Bolaño, Rogelio Leira Muiño, Manuel Lema Bouzas, Manuel Noya García, Julio Pardo Fernández, José María Prieto González, Alfredo Robles Bayón, Javier Vadillo Olmo e Ángel Maciñeiras Argerey, interveñen todos no seu propio nome.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é o desenvolvemento das ciencias neurolóxicas e a súa proxección social.

4. O padroado da fundación estará constituído por Manuel Noya García como presidente, Manuel Lema Bouzas como vicepresidente, Alfonso Castro García como secretario, Javier Vadillo Olmo como tesoureiro e José Castillo Sánchez, Dolores Dapena Bolaño, Rogelio Leira Muiño, Julio Pardo Fernández, José María Prieto González e Alfredo Robles Bayón como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Neurológica Compostelana, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 11 de abril de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación Neurológica Compostelana e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública