Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 25 de abril de 2000 Páx. 6.680

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 95/2000, do 6 de abril, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dunha parcela de 5.102 m, propiedade do Concello da Coruña, que se vai segregar da parcela número 32 do proxecto de compensación do polígono de Mato Grande, con destino á construcción dun centro de saúde.

O Pleno do Concello da Coruña, en sesión do 18 de outubro de 1999, acordou segregar unha parcela de 5.102 m de extensión superficial, procedente da parcela número 32 do proxecto de compensación do polígono de Mato Grande e cedela ó Servicio Galego de Saúde, logo da depuración da situación física e xurídica do predio que se segregará para a construcción dun centro de saúde.

Conforme o artigo 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, requírese decreto do Consello da Xunta de Galicia para a adquisición de bens a título gratuíto. Por outra banda, o artigo 23.1º da mesma lei establece que non poderán adquirirse bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor global dos gravames, cargas e afeccións impostas sobre os mesmos supera o seu valor intrínseco. Non se considerarán carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente.

En cumprimento do disposto na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, de conformidade coa proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Servicio Galego de Saúde logo de deliberación do Con

sello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de abril de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Acéptase a cesión a título gratuíto dun predio feito polo Concello da Coruña a favor do Servicio Galego de Saúde con destino á construcción dun centro de saúde.

2. O predio cedido, que forma parte da parcela número 32 do proxecto de compensación do polígono de Mato Grande, mide 5.102 m de extensión superficial e ten os seguintes lindes:

-Norte: estrada de circunvalación que separa do Barrio das Flores e, nunha porción, co predio da que se segrega.

-Sur: rúa do polígono de Mato Grande.

-Leste: resto do predio matriz.

Oeste: parcelas M.6 e M.5 (rúa no medio) tamén do polígono de Mato Grande.

Artigo 2º

O inmoble acéptase segundo o establecido nos artigos 23.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma e 38 do seu Regulamento e destinarase ó fin para o que se cede.

Artigo 3º

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, procederá á formalización da aceptación no correspondente documento público, logo da segregación da parcela cedida do predio matriz do que forma parte, e á inscrición do inmoble no Rexistro da Propiedade ó seu nome, integrándose no seu patrimonio propio.

Disposición derradeira

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, levará a cabo os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, seis de abril de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais