Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 19 de abril de 2000 Páx. 6.513

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 12 de abril de 2000 pola que se establecen axudas para a xestión e conservación da biodiversidade para o ano 2000.

O artigo 149.1º.23 da Constitución, así como o artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia facultan a nosa Comunidade Autónoma para establecer normas adicionais sobre protección do medio e da paisaxe.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a obriga de fomenta-la conciencia de que o medio natural galego é un patrimonio e un ben no que tódolos estamentos sociais deben estar implicados.

O Decreto 482/1997, do 26 de decembro, establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente correspondéndolle o exercicio das competencias e funcións en materia de medio ambiente e conservación da natureza.

O medio natural constitúe un aspecto positivo do contorno do home, exposto a alteracións polo uso abusivo e indiscriminado. En Galicia a protección e conservación do solo, da flora, dos seus hábitats e dos espacios naturais require unha acción ampla

e aberta de tódolos sectores sociais e económicos tanto públicos como privados.

O Real decreto 225/1993 aproba o regulamento estatal de subvencións, establecendo como criterio xeral o réxime de concorrencia competitiva entre os solicitantes, de acordo cos criterios de outorgamento que figuren na convocatoria das axudas, ata que se extinga o crédito orzamentario.

Polo acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de novembro de 1999, establécese un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario e autorízase a Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento.

A Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 recolle nos seus artigos 36º e 37º o réxime da concesión directa de axudas e subvencións e dos anticipos ou pagamentos parciais delas.

Por outra banda, a Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, regula no seu artigo 6 o réxime das axudas e subvencións públicas e modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 11/1999, do 7 de outubro. No seu artigo 7, a mencionada lei regula o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, modificando o establecido no artigo 79 do mencionado decreto lexislativo.

Por todo isto, a Consellería de Medio Ambiente promove un réxime de axudas destinadas a:

A xestión e conservación da biodiversidade naqueles lugares onde a súa dispoñibilidade non fai viable o investimento directo, e, nembargantes, o interese xeral e a utilidade pública das actuacións emprendidas fai preciso estimular iniciativas a prol da conservación do noso patrimonio natural, así como facilita-lo acceso ó seu coñecemento.

En virtude do anterior e no uso das atribucións que me confire o artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Coa finalidade de favorece-las accións de xestión e conservación da flora ou fauna silvestre, así como o coñecemento dos espacios naturais protexidos da Comunidade Autónoma de Galicia, establécese un sistema de axudas en réxime de concorrencia competitiva para as persoas físicas e asociacións ou entidades non lucrativas como subvención sobre investimentos feitos en proxectos, estudios, obras, traballos e actividades que teñan estas finalidades.

Artigo 2º.-Requisitos que deben reuni-los beneficiarios:

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde:

A) As persoas físicas con titulación académica universitaria ou equipos de investigación dirixidos por

persoas coa mencionada titulación que pretendan realizar proxectos, estudios ou traballos sobre xestión ou coñecemento dos espacios naturais protexidos, así como conservación da flora ou fauna silvestre, sempre que estas persoas esten avaliadas por un centro de carácter público que desenvolva actividades de investigación relacionadas co medio natural.

B) As asociacións e entidades non lucrativas que emprendan accións de recuperación de especies de flora ou fauna silvestre, que dispoñan da capacidade necesaria e suficiente para levalas a cabo e que se atopen inseridas no Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

C) Os titulares e propietarios de terreos onde existan especies de flora ou fauna silvestre de alto valor ambiental.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

As actuacións susceptibles de seren subvencionadas serán:

-Aqueles estudios, proxectos ou actuacións que teñan aplicación inmediata no ámbito da xestión e conservación da biodiversidade.

-Accións de recuperación de especies de flora ou fauna silvestre.

Artigo 4º.-Porcentaxes, importe máximo das axudas e baremación.

A Consellería de Medio Ambiente subvencionará os investimentos que leven a cabo accións relacionadas no artigo anterior 2 as seguintes contías máximas para cada actuación:

1. Estudios aplicados a actuacións para a xestión do medio natural e os seus elementos, ata o 50% do orzamento aprobado.

2. Accións de recuperación de especies de flora ou fauna silvestres, ata o 90% do orzamento aprobado.

En todo caso, o importe máximo da subvención para cada actuación non superará o importe de 1.000.000 de pesetas.

Os expedientes baremaranse consonte os seguintes criterios de avaliación entre tódolos expedientes presentados e coa documentación completada.

1. Investimentos totais que se van realizar nas actuacións, de acordo co orzamento aprobado: 0-10 puntos.

2. Alcance das accións que se van desenvolver tendo en conta a memoria presentada: 0-10 puntos.

3. Medios humanos e materiais que se van utilizar no desenvolvemento das actuacións: 0-10 puntos.

4. Calendario de actuacións, de acordo coas actuacións que se van desenvolver: 0-10 puntos.

Non serán subvencionadas as peticións que non acaden unha puntuación mínima que será fixada pola Consellería de Medio Ambiente, unha vez valoradas tódalas solicitudes.

As dispoñibilidades orzamentarias serán limitativas da contía que se concederá ós beneficiarios.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes para acollerse ás axudas citadas deberán dirixirse ó conselleiro de Medio Ambiente, e conterán a documentación que se requira debidamente cuberta e asinada.

1. Tódolos solicitantes, ou, se é o caso, representantes debidamente acreditados, consonte o establecido no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, presentarán a seguinte documentación:

-Solicitude segundo o modelo do anexo I.

-Certificación bancaria segundo anexo II.

-Fotocopia do DNI e NIF do solicitante, debidamente compulsada.

-Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas. En caso de ter subvención, reflectir claramente importe do investimento e da subvención.

Deberán xuntar copias compulsadas das solicitudes e resolucións correspondentes.

-Memoria explicativa ou proxecto técnico de actuacións.

-Orzamento detallado que se precisa.

-Medios humanos e materiais que se van utilizar.

-Calendario de actuacións e remate previsto das actuacións, que deberá ser anterior ó 2 de outubro de 2000, agás se a natureza da actividade xustifica a concesión dunha prórroga por parte da Consellería de Medio Ambiente, consonte o artigo 10 da presente orde.

-E, se é o caso, solicitude das autorizacións administrativas que se requiran para a realización das obras ou actuacións.

2. Segundo as características dos beneficiarios, accións que se van desenvolver, terán que acompañar ademais, a seguinte documentación complementaria:

-No caso de proxectos, estudios ou traballos realizados por persoas físicas con titulación académica universitaria ou equipos dirixidos por persoal con igual titulación, deberán acredita-las citadas titulacións e presenta-lo documento de conformidade do centro público correspondente.

-No caso de titulares e propietarios de terreos terán que acredita-la titularidade sobre terreos onde se vai desenvolve-la actividade, debendo presentar un proxecto de regulación de acceso de terceiras per

soas que será aprobado ou correxido pola Administración na resolución da subvención.

-No caso de asociacións ou entidades sen ánimo de lucro, certificación, debidamente compulsada, de estar inscritas no Rexistro de Asociacións protectoras do Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación.

A documentación deberá presentarse na Consellería de Medio Ambiente, directamente ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Tramitación e concesión.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, no caso de que a solicitude de subvención non reunise os requisitos establecidos na orde requirirase o interesado para que emende as faltas ou presente a documentación preceptiva, no prazo de 10 días hábiles, con indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, logo da resolución dictada de acordo co establecido no artigo 42 da mencionada lei.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural comunicaralles ós interesados a aprobación ou denegación da súa solicitude no prazo máximo de noventa días a partir da publicación da presente convocatoria.

Transcorrido o prazo máximo para emitir resolución sen que a Administración a adoptase, os interesados poderán entender denegada a súa solicitude por silencio administrativo.

Contra a resolución pola que se aprobe ou denegue a concesión da axuda, poderá interporse o recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes a contar desde o día seguinte ó do vencemento do prazo para resolver se o acto non fose expreso. Tamén poderá interporse directamente un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da notificación.

Con carácter xeral, recibida a comunicación de aprobación, o solicitante deberá notificar nun prazo de 10 días hábiles á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural a aceptación das condicións da subvención; no caso de non formula-la mencionada aceptación expresa entenderase desistida da súa petición, procedendo a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, a dicta-la resolución que corresponda.

E, se é o caso, deberán presenta-las autorizacións administrativas que se requiran para a realización das obras ou actuacións, condicionándose a eficacia da resolución de aprobación á súa presentación.

Se o solicitante fose unha asociación, ou entidade non lucrativa, presentará o acordo de conformidade na realización dos traballos do órgano competente desta.

O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable.

O beneficiario da axuda está obrigado tamén a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Ata que se reciba a aprobación definitiva, a Consellería de Medio Ambiente non se responsabilizará de actividades iniciadas ou desenvolvidas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 8º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

Os beneficiarios de axudas, antes de proceder ó seu cobramento, terán que acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Asemade, deberán presentar declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para unha mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Para o pagamento das axudas será preciso xustifica-la execución das accións aprobadas mediante proba documental correspondente, é dicir, facturas, contratos, convenios, ou se fose necesario, certificación por parte da Administración, da realización das accións subvencionadas unha vez efectuada a inspección final na que se reflicta fidedignamente a adaptación das accións realizadas ó proxecto presentado, de acordo ó orzamento aprobado previamente pola administración.

En canto ás actividades subvencionadas farase constar, no lugar correspondente, que estas se realizan en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, empregando os logotipos de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 9º.-Estudios.

No caso de estudios os beneficiarios terán que presentar cinco exemplares do traballo subvencionado na Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 10.-Prazo de finalización das actuación.

Os investimentos obxecto da subvención deberán estar rematados e xustificados antes do 2 de outubro de 2000, agás que a natureza das accións subvencionadas leven á Consellería á concesión dunha prórroga, máxima de seis meses, logo da solicitude do beneficiario, unicamente para aqueles nas que o prazo de execución das actuacións sexa de carácter plurianual, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 11.-Disposicións comúns.

1. A Consellería de Medio Ambiente resérvase para si a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, para verifica-lo cumprimento da finalidade da axuda.

2. En caso de incumprimento das súas obrigas, procederase ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública recibida e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de acordo co artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario.

3. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

4. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposición adicional

Primeira.-O financiamento das axudas realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342A.780.3, proxecto de investimento, 15.00.706 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galica para 2000 (axudas para a conservación da biodiversidade) cunha dotación inicial de 20.000.000 de pesetas.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, para dicta-las disposicións necesarias con obxecto de desenvolve-la presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2000.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente