Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 19 de abril de 2000 Páx. 6.502

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o persoal de limpeza da empresa Eurolimp, S.A. no Hospital da Costa de Burela.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa persoal de limpeza da empresa Eurolimp, S.A. no Hospital da Costa de Burela (código 2700710), da provincia de Lugo, asinado o día 7 de febreiro de 2000, pola representación da mencionada empresa

e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 puntos 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mencionado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 17 de marzo de 2000.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo do persoal de limpeza do Hospital da Costa de Burela

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

As estipulacións deste convenio serán de aplicación ó persoal de limpeza adscrito á empresa concesionaria do servicio, no centro de traballo Hospital da Costa de Burela.

Artigo 2º.-Ámbito temporal, vixencia, duración e denuncia.

Con independencia da súa publicación no BOP, este convenio iniciará a súa vixencia o 1-1-2000 ata o 31-12-2000, podendo ser denunciado, para os efectos da súa negociación e revisión, no derradeiro mes do ano natural, seguindo vixente en tódolos seus contidos e sendo de plena aplicación ata que sexa substituído por outro convenio negociado entre as partes.

Artigo 3º.-Xornada, descansos e quendas.

A xornada será continuada en quendas de mañá, tarde ou noite, con trinta minutos de descanso en cada unha delas, contados como xornada efectiva para tódolos efectos. A xornada establécese cun máximo de 40 horas semanais. O horario de traballo será establecido de común acordo entre a empresa e os/as representantes dos traballadores.

O tempo de traballo computarase de modo que tanto ó comezo como ó final da xornada diaria o traballador se atope no seu posto de traballo. Ó mesmo tempo entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte mediará un descanso de 12 horas.

As horas que en cómputo anual se traballen de máis serán retribuídas como extraordinarias. As horas de exceso de xornada dos domingos compensaranse con dous días que se collerán no ano 2000.

Artigo 4º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio terá dereito a un mes ininterrompido de vacacións retribuídas, no período comprendido entre o día 1-7-2000 e o 31-9-2000, sen que isto signifique que non se poida sacar fóra deste período sempre que exista previo acordo entre a empresa e o traballador que o solicite. Non suporá perda do dereito a vacacións os períodos de IT derivada de enfermidade ou accidente laboral, sempre que estes períodos non superen o ano natural de desfrute delas.

Artigo 5º.-Excedencias.

Todo traballador fixo, cunha antigüidade de polo menos un ano na empresa terá dereito a que se lle

recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non superior a cinco anos.

O traballador excedente terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante un período máximo de dous anos. A reincorporación na empresa terá que ser solicitada cun aviso previo de tres meses.

Artigo 6º.-Equiparación retributiva.

As retribucións do persoal de limpeza afectado por este convenio serán as mesmas que perciba o persoal do Sergas encadrado na categoría de pinche. As retribucións serán devengadas ó persoal polos mesmos conceptos e nas mesmas contías que o persoal do Sergas, a base de cotización á Seguridade Social será do 100% das retribucións. O incremento en tódolos conceptos retributivos será o establecido para a categoría de pinche do Sergas e aboándose os salarios atrasados con independencia da súa publicación no BOP no momento de asina-lo presente convenio.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Os novos trienios que devengue o persoal serán polo valor equivalente ó grupo E do persoal do Sergas. As cantidades resultantes do devengo dos trienios anteriores á data sinalada agregaranse ás que perciba por ditos conceptos cada traballador nesa data, segundo o criterio de devengo de antigüidade que existía con anterioridade ó asinamento do presente convenio.

Artigo 8º.-Enfermidade, accidente e maternidade.

En caso de enfermidade común, accidente ou maternidade, a empresa incrementará as prestacións da Seguridade Social ou mutua de accidentes de traballo ata o cento por cento das retribucións dos traballadores. Os períodos de IT non se terán en conta para os efectos de vacacións.

Artigo 9º.-Roupa de traballo.

Proverase ós traballadores de roupa de traballo adecuada e regulamentaria: fondas e batas unha vez ó ano, o mesmo que zocos ou zapatillas, criterio que se establecerán de mutuo acordo entre as partes, en función das preferencias do persoal ou da idoneidade dun tipo ou outro de calzado.

Artigo 10º.-Embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a que sexan cambiadas de posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando na obriga, en ningún caso, de desempeña-las súas funcións en lugares radioactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo. Durante este período as traballadoras terán dereito ó aboamento das prestacións económicas correspondentes, con cargo á Seguridade Social e complementadas ata o 100% do salario.

No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas amplia

bles por parto múltiple ata dezaoito semanas. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, podendo facer uso destas o pai para o coidado do fillo en caso de falecemento da nai.

Non obstante o anterior, no caso de que a nai e o pai traballen, aquela, ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o pai desfrute de ata catro das derradeiras semanas de suspensión, sempre que sexan ininterrompidas e ó final do citado período, salvo que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña risco para a súa saúde.

No suposto de adopción, se o fillo adoptado é menor de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de oito semanas contadas, á elección do traballador, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. Se o fillo adoptado é maior de nove meses e menor de cinco anos, a suspensión terá unha duración máxima de seis semanas. No caso de que o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Artigo 11º.-Nocturnidade.

O persoal que preste servicios en xornada nocturna percibirá un complemento salarial equivalente ó complemento de atención continuada modalidade A, que perciba o persoal do Sergas encadrado no grupo E.

Artigo 12º.-Festivos.

1. Durante a vixencia do presente convenio cada domingo ou festivo traballado será retribuído nas mesmas condicións que teña establecido o Sergas para o persoal do grupo E, atención continuada, modalidade B.

2. Como acordo deste convenio recoñécese a todo o persoal da empresa o dereito a cinco días de libre disposición retribuídos para tódolos efectos e na contía de tódolos pluses que figuren na táboa salarial anexa.

Para a aplicación destes permisos terase en conta o seguinte:

1. Pedilos coa antelación de 15 días.

2. A empresa está obrigada a responder á dita petición con 6 días de antelación á data de petición de desfrute, no caso de non recibir resposta o traballador con esa antelación, considerarase concedido o dito permiso.

3. Na concesión dos ditos días terase en conta a orde de petición, se coincidisen dous ou máis traballadores nos mesmos días.

4. Estes sete días pódense desfrutar dun en un ou os sete xuntos, durante o ano 2000.

Artigo 13º.-Recoñecemento médico.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá o dereito e a obriga de efectuar unha revisión médica a cargo da empresa, cunha periodicidade mínima anual.

Artigo 14º.-Permisos e licencias.

18 días naturais por matrimonio.

2 días naturais por cambio do domicilio habitual.

4 días naturais por nacemento de fillos.

4 días naturais por enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou asimilado (cando demostre convivencia), fillos, pais, e pais políticos, irmáns de calquera dos cónxuxes, se é fóra da provincia 2 días máis.

3 días naturais por enfermidade grave ou falecemento de avós de calquera dos cónxuxes ou asimilados (demostrando convivencia).

16 horas ó ano para consulta médica, que se poderán desfrutar por xornada completa ou as horas necesarias en cada consulta co límite de 16 horas.

Polo tempo necesario para consulta ou especialidade da Seguridade Social, sempre que sexan prescritas as ditas consultas polo médico de cabeceira o volante da dita consulta e o xustificante de asistencia ó dito especialista e non estean cubertas estas especialidades na zona.

Artigo 15º.-Dereitos sindicais.

A representación dos traballadores na empresa ou centro de traballo que teñan menos de 50 e máis de 10 traballadores corresponde ós delegados de persoal. Igualmente poderá haber un delegado de persoal en aquelas empresas ou centros que conten entre seis e dez traballadores, se así o decidiran estes por maioría.

Os traballadores elixirán, mediante sufraxio libre, persoal, secreto e directo os delegados de persoal na contía seguinte: ata 30 traballadores, un; de 31 a 49, tres.

Os delegados de persoal exercerán mancomunadamente ante o empresario a representación para a que foron elixidos, e terán as mesmas competencias establecidas para os comités de empresa.

Os delegados de persoal observarán as normas que sobre sixilo profesional están establecidas para os membros de comités de empresa no artigo 65 desta lei.

Artigo 16º.-Comisión paritaria.

Co obxecto de velar polo cumprimento do convenio nos termos pactados, créase a presente comisión paritaria composta por un representante da dirección da empresa e un representante da parte social.

O caso de desacordo na comisión e tratándose dun conflicto colectivo someterase ó procedemento regulado na AGA.

Táboas salariais

Salario baseCompl. destinoProductividade

fixa

Comp. Esp.P.R.D.Totais

Limpadora76.12332.56312.4535.789126.928

Peón76.12332.56312.4535.789126.928

Complemento por traballo en quendas:

Quenda fixa: 2.744 ptas.

Quenda rotatoria simple: 4.939 ptas.

Quenda complexa: 7.133 ptas.

Servicio nocturno 1ª e 2ª semana: 10.897 ptas.

Servicio nocturno 3ª e 4ª semana: 9.022 ptas.

Servicio domingos e festivos: 3.009 ptas.

Antigüidade: 1.862 ptas. por trienio.