Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 19 de abril de 2000 Páx. 6.481

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 6 de abril de 2000 pola que se regula a xornada de traballo da Inspección do Turismo.

A creación pola Lei 9/1997, do 21 de agosto, da escala técnica da inspección turística e a aprobación

polo Decreto 315/1998, do 12 de novembro, do seu regulamento, veu dar un pulo cuantitativo e cualitativo a esta inspección e, na súa consecuencia, ó sector turístico en xeral, que debe consumarse cunha ordenación racional da súa xornada de traballo, máis axustada ás esixencias e necesidades do propio sector.

A actual xornada de traballo dos inspectores de Turismo, responda á ordinaria do persoal da Xunta de Galicia de trinta e sete horas e trinta minutos semanais, cun horario entre as 7.45 e as 15.15 horas, de luns a venres, segundo acordo de Consello da Xunta de Galicia do 6 de febreiro de 1990.

A natureza das funcións que esta inspección ten encomendadas e as peculiaridades propias dos establecementos e empresas sobre os que aquela se proxecta respecto ó seu horario de actividade, que en moitos casos se inicia e desenvolve alén do remate da xornada de traballo dos inspectores, evidencian as limitacións do seu actual horario. Por isto, dentro da actual xornada ordinaria, precísase do establecemento dun horario especial de traballo a quendas para os inspectores de Turismo, que abranga, amais do actual, outros períodos que van coincidir cos de maior incidencia e conflictividade dun bo número de establecementos turísticos, previsión que xa vén recollida para estes postos na modificación da Relación de Postos de Traballo desta consellería, do 10 de maio de 1999, e que se mostra unha necesidade que, dentro das potestades autoorganizativas e de consenso social, precisa da resposta axeitada co obxecto de acada-la adecuada ordenación dos servicios desta inspección.

Así, pola presente orde establécese para inspección turística, un horario especial de traballo a quendas rotatorias de mañá e tarde. A quenda de mañá abrangue o horario establecido con carácter xeral para os funcionarios da Xunta de Galicia, incluíndo un sábado en cada un dos meses de maior incidencia no sector. A quenda de tarde, que se levará a cabo cada dous meses, conta coa reducción dunha hora diaria sobre a xornada ordinaria, en compensación polo especial horario na que se desenvolve.

Na súa consecuencia, logo de informe da Comisión de Persoal e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e a disposición derradeira primeira do Decreto 315/1998, do 12 de novembro, que aproba o Regulamento da inspección turística,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Pola presente orde apróbase a xornada de traballo do persoal da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, incluído no ámbito de aplicación do Decreto 315/1998, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento da inspección turística.

Artigo 2º

1. A xornada de traballo deste persoal realizarase mediante un réxime de traballo rotatorio a quendas de mañá e tarde.

2. Cada dous meses realizarase unha quenda de tarde de sete días, de xoves a venres da semana seguinte, agás sábados, domingos e festivos.

3. O resto do período realizarase en quenda de mañá, distribuíndose o traballo de luns a venres, agás nos meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro, nos que unha semana cada mes se prolongará ó sabado, polo que o luns seguinte será de descanso.

4. A quenda de tarde terá unha adscrición de dous efectivos que poderá ampliarse a tres por esixencias de organización e adaptación das quendas ó disposto nos números anteriores.

5. O horario de traballo das quendas será o seguinte:

a) Quenda de mañá: das 7.45 ás 15.15 horas, agás sábados que será das 9 ás 15.30 horas.

b) Quenda de tarde: das 18.30 ás 1 horas.

Artigo 3º

Dentro do seu respectivo ámbito, corresponderalle ó xefe/a do Servicio de Inspección de Turismo, e os xefes/as dos servicios de Turismo das delegacións provinciais, baixo a supervisión do/a subdirector/a xeral de Ordenación do Turismo e dos delegados/as provinciais, respectivamente, a adscrición de efectivos de cada quenda, así como o control sobre o cumprimento das quendas e horarios, sen prexuízo das competencias que en materia de control horario corresponden ás respectivas unidades de persoal.

Artigo 4º

1. Ocasionalmente e por causas urxentes ou excepcionais o director xeral de Turismo, o subdirector xeral de Ordenación do Turismo ou os delegados provinciais dentro do seu ámbito, poderán establecer quendas extraordinarias. En tal suposto, sempre que as circunstancias o permitan, procurarase avisar con antelación suficiente o persoal afectado.

2. Cando por necesidade da continuidade do servicio que se estea prestando sexa necesario continualo ata o seu remate, poderá prolongarse a xornada polo tempo necesario, ata un máximo de tres horas.

3. O persoal da Inspección Turística, afectado polas peculiaridades establecidas no presente artigo, terá dereito por razón da actividade extraordinaria realizada, a unha compensación horaria de 1.45 horas por cada hora que exceda da súa xornada ordinaria de traballo.

Estas horas libres desfrutaranse nos dous meses seguintes á realización dos servicios que deron dereito a elas.

Disposición transitoria

Única.-Esta orde non é de aplicación ó persoal da Xunta de Galicia que ó abeiro das disposicións

transitorias primeira ou segunda do Decreto 315/1998, do 12 de novembro, desempeñe funcións de inspector de turismo ou optaran pola integración na escala técnica da inspección turística.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o un de xuño de dous mil.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2000.

Jesús Peréz Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo