Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Martes, 18 de abril de 2000 Páx. 6.421

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 29 de marzo de 2000 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Cumulum.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Cumulum, con domicilio en Lugo, na rúa Armayá 7,1º Of. 6.

Supostos de feito.

1. Luz-María Darriba Magadan, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 15 de marzo de 2000 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo o día 14 de marzo de 2000, ante o notario Alfredo-Arturo Lorenzo Otero, baixo o número 644 de protocolo, por Alfredo Bongianni, José-Enrique Bonet Gago, Luz-María Darriba Magadan, Gerardo-Fernando Castedo Valbuena, María del Pilar Martínez Conde e Jenaro Lamas Saavedra.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é levar a cabo actividades de tipo cultural que axuden a promove-la imaxe de Galicia dentro e fóra do Estado. As ditas actividades serán de índole artístico-cultural con contidos solidarios, e potenciarán os valores da galeguidade.

4. O padroado da fundación estará constituído por Luz-María Darriba Magadan como presidenta, Jenaro Lamas Saavedra como vicepresidente, Gerardo-Fernando Castedo Valbuena como secretario, Alfredo Bongianni, José-Enrique Bonet Gago e María del Pilar Martínez Conde como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Cumulum, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia

exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 28 de marzo de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Cumulum e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública