Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Luns, 17 de abril de 2000 Páx. 6.380

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 11 de abril de 2000 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais referentes á folga convocada pola sección sindical de Comisións Obreiras no servicio de urxencias do Hospital do Meixoeiro de Vigo, que terá lugar a partir das 8 horas do día 17 de abril de 2000 e con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta os facultativos especialistas do servicio de urxencias do Hospital do Meixoeiro de Vigo, que se levará para efecto desde as 8 horas do día 17 de abril de 2000 e con carácter indefinido, logo da audiencia do comité de folga,

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada desde as 8 horas do día 17 de abril de 2000 e con carácter indefinido, que afecta os facultativos especialistas do servicio de urxencias do Hospital do Meixoeiro de Vigo, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos necesarios en adecuada correspondencia cos criterios rectores que se explicitan neste artigo.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura do servicio de urxencias do citado hospital, para evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos, polas características do servicio dispensado.

Establécense os seguintes servicios mínimos:

-Quenda de mañá: 3 facultativos.

-Quenda de tarde: 3 facultativos.

-Quenda de noite: 1 facultativo.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-lo servicio será determinada polo director-xerente, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significarán ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos centros sanitarios.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2000.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais