Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Xoves, 13 de abril de 2000 Páx. 6.210

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 30 de marzo de 2000 pola que se declara de interese galego a Fundación Instituto Ferial de Vigo (Ifevi) e se ordena a súa inscrición na sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Industria e Comercio.

Con data do 20 de marzo de 2000 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 7 de marzo de 2000, pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación Instituto Ferial de Vigo (Ifevi), adscribíndose á Consellería de Industria e Comercio, que terá que exerce-lo protectorado plenamente sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 4 deos seus estatutos, ten por obxecto e finalidade a promoción de actividades comerciais, industriais, agroindustriais, sociais, educacionais, culturais e calquera outra que teña por obxecto a promoción destes sectores en Galicia, o nivel profesional de tódolos sectores da actividade económica, contribuíndo con isto á elevación do nivel de vida do medio urbano e rural, sen límite xeográfico ningún para estas actividades.

Por todo isto, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o réxime de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Instituto Ferial de Vigo (Ifevi) ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2 Ordena-la inscrición da Fundación Instituto Ferial de Vigo (Ifevi) na sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Industria e Comercio, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio