Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 12 de abril de 2000 Páx. 5.131

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Vitivinícola do Ribeiro, S.C.L. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Vitivinícola do Ribeiro, S.C.L. de Ourense (código convenio 3200772), con entrada nesta delegación provincial o día 24-2-2000, subscrito en representación da parte económica empresa, e, da parte social, delegados de persoal, o día 2-2-2000, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 10 de marzo de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio de Vitivinícola do Ribeiro, S.C.L. (Do 1-9-1999 ó 31-8-2001)

Capítulo I

Ámbito e vixencia

Artigo 1º.-Ámbito territorial, funcional e persoal.

1. Afecta todo o persoal, tanto fixo como eventual ou interino, de Vitivinícola do Ribeiro, S.C.L. que preste os seus servicios nos centros de traballo de Valdepereira-Ribadavia e Leiro.

2. No sucesivo, ó menciona-la empresa estarémonos a referir precisamente a Vitivinícola do Ribeiro, S.C.L.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

1. Entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, aínda que os seus efectos económicos se retrotraen ó 1 de setembro de 1999.

A súa vixencia é bianual e, polo tanto, estenderase ata o 31 de agosto do ano 2001.

2. Entenderase prorrogado polo mesmo período de tempo, dous anos, mentres non sexa denunciado por calquera das partes cunha antelación mínima de tres meses ó prazo de duración pactado, ou de calquera das súas prórrogas. A denuncia deberá facerse mediante comunicación escrita dunha parte á outra, na que se fará consta-la representación que se posúe e as materias obxecto de negociación.

3. No caso de non ser denunciado, tal e como se sinala no punto anterior, a revisión salarial anual farase co criterio que se establece no artigo 3º punto 1.

Artigo 3º.-Revisión.

1. Para o segundo ano de vixencia, é dicir, para o período comprendido entre o 1-9-2000 e o 1-9-2001, e para as súas posibles prórrogas, a táboa de salarios será revisada á alza en función da variación que experimentase o IPC oficial que publica o Instituto Nacional de Estatística, nos últimos doce meses inmediatamente anteriores á dita revisión. En todo caso, se do dito cálculo resultase negativo o IPC, a táboa de salarios non se vería afectada polo decrecemento correspondente.

2. Faise constar expresamente que para as categorías de oficial de terceira, oficial de segunda, administrativos de segunda e comercial autovenda, o incremento para o segundo ano de vixencia será de dous puntos porcentuais máis.

Capítulo II

Contratos de traballo

Artigo 4º.-Contratos de obra ou servicio.

1. Serán tarefas ou traballos con substantividade propia dentro da actividade da empresa, e que se poderán cubrir con contratos de obra ou servicio determinado, os seguintes:

a) As contratacións efectuadas en período de vendima, e no inmediatamente posterior para a elaboración do viño.

b) As contratacións efectuadas para destilación de augardentes e embotellado de viño en períodos punta de producción.

2. A empresa poñerá á disposición dos traballadores contratados baixo esta modalidade a roupa de traballo axeitada para o desempeño do seu labor.

3. Ás contratacións baixo esta modalidade efectuadas en períodos de vendima, e cun máximo de duración de 1 mes, período que establecerá a empresa, seranlles satisfeitas as horas extraordinarias incluídas as correspondentes a sábados, domingos e festivos, polo mesmo importe que corresponde á hora normal, salvo as horas traballadas entre as 0 horas e as 6 horas da mañá que se incrementarán nun 75% sobre o valor da hora normal.

Capítulo III

Clasificación profesional

Artigo 5º.-Clasificación profesional.

1. A clasificación do persoal afectado por este convenio é simplemente enunciativa e non supón a obriga de ter cubertas tódalas prazas enumeradas, se as necesidades da empresa non o requiren.

Artigo 6º.-Clasificación por grupos e niveis.

GrupoÁreaFunción

BComercial

Administración

Producción

Xefe de vendas

Xefe de administración

Enólogo

Xefe de producción

CComercial

Administración

Producción

Inspector de vendas

Xefe de contabilidade

Encargado da adega

Encargado de embotellado

Encargado de almacén

Encargado de mantemento

Encargado de producción

DComercial

Administración

Producción

Comercial promotor

Administrativo de 1ª

Oficial de 1ª

EComercial

Administración

Producción

Autovenda

Administrativo de 2ª

Oficial de 2ª

FComercial

Administración

Producción

Axudante de reparto

Auxiliar administrativo

Oficial de 3ª

GProducciónPeón

Persoal de limpeza

Auxiliar de vendima

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 7º.-Xornada laboral.

1. Durante a vixencia deste convenio establécese unha xornada laboral de 40 horas semanais de media en cómputo anual, de tal forma que, respectando esta xornada anual, a empresa poderá acorda-la súa distribución irregular.

2. Cando a empresa determine a distribución irregular, que en ningún caso afectará o período de vendima, a xornada poderá exceder de 9 horas, sempre respectando o descanso entre xornadas, e un máximo de dúas horas diarias. O exceso de horas traballadas compensarse con descanso en igual número de horas nos períodos de menor producción que determine a empresa, aínda que en ningún caso con vacacións.

A distribución irregular será de obrigado cumprimento para tódolos traballadores.

3. A empresa comunicará, mediante comunicación no taboleiro de anuncios, e cunha antelación mínima de sete días, a xornada irregular tendo en conta que o número máximo de horas que poderá afectar durante o ano será de 75 por cada traballador.

Se transcorrido o exercicio económico non se necesitaron as 75 horas previstas, estas non se acumularán en ningún caso ás correspondentes ó exercicio seguinte.

4. Non será de aplicación a xornada irregular de traballo aquí pactada, en períodos de vendima, sen prexuízo de que se durante esta se traballasen máis horas que as normais, estas horas pagaranse como horas extras, non sendo compensables con descansos ou vacacións.

5. Trimestralmente efectuarase a conseguinte regularización das horas que se efectuasen nos períodos de xornada irregular.

6. Establécese un día libre de convenio, que se desfrutará dividido en 4 horas das tardes dos días 24 e 31 de decembro. Se os ditos días cadrasen en sábado ou domingo, o desfrute pasaría ó día laborable inmediatamente anterior.

7. Establécese que os meses de xuño, xullo e agosto se traballará en xornada partida, pero a diferencia do resto do ano, os traballadores de producción e adega traballarán unha hora máis (9 horas) de luns a xoves, e desfrutarán de descanso na tarde do venres. Do mesmo descanso desfrutarán os traballadores de administración e demais departamentos, aínda que as horas desfrutadas terán que as compensar ó longo do exercicio en que se desfrutan.

Artigo 8º.-Vacacións.

1. As vacacións terán unha duración de vintedous días hábiles, excluídos os sábados, para tódolos grupos.

2. Os días anuais de vacacións, para efectos de desfrute, distribuiranse da maneira seguinte:

a) A metade, ininterrompidos para desfrutar preferentemente no verán (xuño, xullo e agosto).

b) O resto dos días, para desfrutar de acordo entre o traballador e maila empresa, atendendo preferentemente ás necesidades do traballo determinadas pola empresa.

3. A metade dos días serán á elección do traballador, e a outra metade fixaraa a empresa.

4. A empresa comunicará, no taboleiro de anuncios, con polo menos dous meses de antelación, o período de vacacións que corresponde a cada traballador.

Artigo 9º.-Permisos e licencias.

1. A empresa concederalles permiso retribuído ós traballadores que, trala xustificación previa, o soliciten nos casos seguintes:

a) Por casamento: 15 días naturais.

b) Por parto da esposa: 2 días naturais.

c) Por doenza grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais, salvo que o traballador teña que se desprazar fóra de Galicia, caso no que se incrementará o permiso un día máis.

d) En caso de asistencia ó médico: o tempo necesario con xustificante, limitándose a dúas horas como máximo no caso de médicos de cabeceira ou medicina xeral. (Desaparece o límite de especialistas).

Capítulo V

Retribucións

Artigo 10º.-Táboa salarial.

1. Establécese unha táboa de percepcións económicas que será, para cada traballador, a que lle corresponda ó seu grupo conforme a súa función, e que está relacionada no anexo I deste convenio.

Artigo 11º.-Antigüidade.

1. Os traballadores da empresa desfrutarán como complemento persoal de antigüidade dun aumento periódico, por cada 5 anos de servicios prestados ininterrompidamente, do 8% do salario base do seu grupo, por cada un deses períodos.

2. O dito complemento de antigüidade será, así mesmo, de aplicación na percepción das pagas extraordinarias e nas vacacións.

3. A contía máxima polo complemento persoal de antigüidade será do 40% do salario base do grupo conforme a súa función.

4. Para o cómputo dos quinquenios, que neste convenio nos servirán de base para o cálculo do complemento persoal de antigüidade, considerarase a data de ingreso na empresa, incluíndo o período efectuado de proba, e excluíndo os períodos de contratación temporal.

Artigo 12º.-Adaptación da antigüidade.

1. Afecta este artigo todo o persoal fixo que no momento de entrada en vigor deste convenio perciba complemento persoal por antigüidade, sen alcanza-lo 60% do seu salario base.

2. Quedan, pois, expresamente excluídos deste artigo aqueles traballadores que perciban na entrada en vigor deste convenio o complemento por antigüidade do 60%.

3. Os traballadores que reúnan os requisitos fixados no punto 1 deste artigo percibirán individualmente, e en compensación pola aplicación do novo sistema de antigüidade que se recolle no artigo anterior deste convenio, as cantidades que resulten de acordo co seguinte criterio:

a) Os traballadores que conten ou cheguen a contar cunha antigüidade na empresa maior de 5 anos percibirán un 2% do salario base que figure na súa nómina, incrementando así a súa percepción en concepto de antigüidade.

Os traballadores que conten ou cheguen a contar cunha antigüidade na empresa maior de 10 anos percibirán un 2,5% do salario base que figure na súa nómina, incrementando así a súa percepción en concepto de antigüidade.

Os traballadores que conten ou cheguen a contar cunha antigüidade na empresa maior de 15 anos percibirán un 3% do salario base que figura na súa nómina, incrementando así a súa percepción en concepto de antigüidade.

Os traballadores que conten ou cheguen a contar cunha antigüidade na empresa maior de 20 anos percibirán un 3,5% do salario base que figure na súa nómina, incrementando así a súa percepción en concepto de antigüidade.

Os traballadores que conten ou cheguen a contar cunha antigüidade na empresa maior de 25 anos percibirán un 4% do salario base que figure na súa nómina, incrementando así a súa percepción en concepto de antigüidade.

b) En todo caso, as porcentaxes descritas no punto a) non son acumulativas, senón que cada cinco años se percibirá un 4% segundo as condicións antes explicadas, sendo así que a aplicación da porcentaxe superior exclúe as anteriores.

4. Pola súa vez, os traballadores que reúnan os requisitos recollidos no punto 1 deste artigo terán consolidada a antigüidade que perciban no momento da entrada en vigor deste convenio, e os anos transcorridos para alcanza-la seguinte porcentaxe segundo o criterio anterior regulado na Ordenanza laboral do 11 de xullo de 1971 computarán para alcanza-lo quinquenio do 8% seguinte ou o límite máximo do 40%, se é o caso.

5. Ós traballadores que perciban á entrada en vigor deste convenio en concepto de antigüidade máis do 40% e menos do 60% do seu salario base, quedaralles conxelada a dita antigüidade, sen prexuízo dos beneficios pactados no punto 3 deste artigo.

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

1. Independentemente do exposto no artigo 7º deste convenio sobre distribución irregular da xornada de traballo, poderanse realizar, aínda que de xeito voluntario, horas extraordinarias en períodos de vendima e aqueloutras motivadas por causas de forza maior e estructurais, entendéndose estas últimas como as necesarias en períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de carácter estructural derivados da natureza do traballo de que se trate, ou para conservación e mantemento e limpeza das instalacións.

2. A realización das horas extraordinarias de vendima e as estructurais terá limitado o seu número ós límites máximos legais.

3. O valor da hora extraordinaria normal será o equivalente de aplicarlle á hora ordinaria diaria un incremento do 75%.

4. O valor da hora extraordinaria nocturna, que é aquela que se realiza entre as 22 horas e as 6 horas, será o equivalente de lle aplicar á hora ordinaria diaria un incremento do 150%.

5. As horas extraordinarias realizadas en sábados, domingos e festivos pagaranse como horas extras normais, agás as que se realicen entre as 22 horas e as 6 horas, que se pagarán como horas extras nocturnas.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

1. Consistirán en tres pagas:

a) Unha en xullo, por un importe de 30 días de salario base máis antigüidade, que se deberá facer efectiva o 15 de xullo.

b) Unha en setembro, por un importe de 15 días de salario base máis antigüidade, que se deberá facer efectiva o 15 de setembro.

c) Unha en decembro, por un importe de 30 días de salario base máis antigüidade, que se deberá facer efectiva o 15 de decembro.

2. A empresa poderá ratea-lo importe das gratificacións extraordinarias ó longo dos meses do ano.

3. Os traballadores que ingresen ou cesen durante o ano terán dereito a percibi-la parte proporcional das gratificacións extraordinarias, considerándose que, para efectos da dita retribución, a paga de xullo corresponde ó período agosto-xullo, que a paga de setembro corresponde ó período outubro-setembro e a paga de decembro corresponde ó período xaneiro-decembro.

Artigo 15º.-Axuda de custos.

1. A empresa poderá despraza-lo seu personal a outros centros de traballo distintos a aquel en que presta os seus servicios durante calquera prazo de tempo e co límite establecido no Estatuto dos traballadores para ser considerado traslado, coa correspondente axuda de custos.

2. A contía das axudas de custos será pagada pola empresa, posteriormente á xustificación dos gastos ocasionados, e sempre que se realicen nos lugares sinalados así mesmo pola empresa.

3. Para o persoal que non sexa do departamento comercial, a empresa adiantará a estimación dos custos derivados do desprazamento, sempre que o mesmo fose superior a tres días.

Artigo 16º.-Indemnización no caso de accidente laboral.

1. O traballador que estea de baixa como consecuencia dun accidente de traballo ocorrido na empresa durante as horas de traballo percibirá un complemento equivalente á diferencia entre o aboado pola Seguridade Social e o seu salario base máis a antigüidade correspondente, por un período máximo de dezaoito meses, e sempre que a antigüidade na empresa sexa superior a seis meses.

2. O traballador que estea de baixa como consecuencia dun accidente ocorrido por desprazamento efectuado por necesidades da empresa percibirá un complemento equivalente á diferencia entre o aboado pola Seguridade Social e o seu salario base máis a antigüidade correspondente, por un período máximo de dezaoito meses, e sempre que a antigüidade na empresa sexa superior a seis meses.

3. O traballador que estea de baixa, e precise hospitalización, por enfermidade común, percibirá un

complemento equivalente á diferencia entre o aboado pola Seguridade Social e o seu salario base máis a antigüidade correspondente, durante un período máximo de seis meses, computando os días de hospitalización e os de convalecencia no domicilio motivada pola dita hospitalización, e sempre que a antigüidade na empresa sexa superior a seis meses.

4. Nos casos de accidente non laboral, ocorrido fóra da empresa, esta non aboará complemento ningún nin no caso de baixa nin no de hospitalización.

En caso de enfermidade común que non implique hospitalización, e durante os tres primeiros días da baixa correspondente ó exercicio económico, a empresa satisfará o 60% correspondente á súa base de cotización, non existindo o dito beneficio na segunda e posteriores baixas pola dita causa no mesmo exercicio económico.

Artigo 17º.-Pagamento de salarios.

1. A empresa queda obrigada a paga-los salarios dentro dos cinco primeiros días hábiles do mes seguinte ó mes vencido en que se produza o devengo.

2. O pagamento efectuarase por ingreso en conta bancaria que o traballador designa, admitíndose excepcionalmente e por causa xustificada outro modo de pagamento.

Capítulo VI

Compensación e absorción

Artigo 18º.-Compensación e absorción.

1. As melloras resultantes deste convenio serán compensadas e absorbidas, ata onde alcance o cómputo anual, con aqueloutras melloras que estean establecidas pola empresa ou que sexan de aplicación por disposición legal.

Capítulo VII

Roupa de traballo

1. A empresa dotará o persoal feminino de dúas batas e o masculino de dúas fundas, anualmente, sen prexuízo de roupas especiais para traballos que así o requiran.

2. As roupas serán en todo momento propiedade da empresa e o traballador está obrigado á súa boa conservación e uso.

3. O uso das roupas de traballo entregadas será de obrigado cumprimento para o traballador.

4. A empresa poderá facer constar nas roupas de traballo o anagrama desta.

Artigo 20º.-Póliza de seguros.

1. A empresa concertará, con primas íntegras ó seu cargo, unha póliza de seguros que cubra as seguintes continxencias:

a) Para o persoal de comercial, como consecuencia de accidente laboral ou común, con resultado de:

-Morte: 10.000.000 de pesetas.

-Invalidez permanente: 10.000.000 de pesetas.

b) Para o persoal de administración, como consecuencia de accidente laboral ou común, con resultado de:

-Morte: 8.000.000 de pesetas.

-Invalidez permanente: 8.000.000 de pesetas.

c) Para o persoal de producción, como consecuencia de accidente laboral ou común, con resultado de:

-Morte: 5.000.000 de pesetas.

-Invalidez permanente: 5.000.000 de pesetas.

2. Para o persoal de nova incorporación a póliza de seguros deberá concertarse no prazo dun mes a partir da data de contratación. Os traballadores con contrato temporal de obra terán dereito á cobertura da póliza descrita na alínea c.

3. Para os efectos deste artigo, a cualificación de accidente e o grao de invalidez será o que no seu día determinen os organismos da Seguridade Social.

4. Estas compensacións son compatibles coas pensións ou indemnizacións que lle poidan corresponder ó traballador da Seguridade Social ou mutualidade correspondente.

5. As indemnizacións que, a teor das condicións particulares e xerais da póliza de seguro sexan percibidas polos traballadores, ou os seus herdeiros, con cargo ó contrato de seguro que voluntariamente ten este convenio, consideraranse como entregadas á conta das indemnizacións que, se así é o caso, puidesen declarar con cargo á empresa os tribunais de xustiza, e compensarse ata onde aquelas alcancen.

Artigo 21º.-Revisión médica.

1. Unha vez ó ano efectuarase unha revisión médica para tódolos traballadores.

2. Estas revisións correrán a cargo da Seguridade Social ou mutualidade correspondente.

Capítulo VIII

Faltas e sancións

Artigo 22º.-Faltas e sancións.

1. As faltas cometidas por un traballador da empresa atendendo a súa importancia, transcendencia, malicia ou reincidencia clasificaranse en:

a) Leve.

b) Grave.

c) Moi grave.

Artigo 23º.-Faltas leves.

Son faltas leves as seguintes:

1. A falta de puntualidade na asistencia ó traballo, con atraso sobre o horario de entrada superior a 5 minutos e inferior a 30.

As tres primeiras faltas cometidas no período de 1 mes serán consideradas leves.

2. Non estar ó inicio ou ó remate da xornada no posto de traballo correspondente, e coa roupa de traballo facilitada pola empresa posta.

3. Abandonar sen causa xustificada o traballo que se lle encomendou, aínda que sexa por breve tempo.

Se como consecuencia do dito abandono se lles causase algún prexuízo á empresa, ou ós seus compañeiros de traballo, poderá ser considerada grave ou moi grave.

4. Non atende-lo público ou os socios coa atención e corrección debidas.

5. As discusións sobre asuntos estraños ó traballo dentro das dependencias da empresa ou durante actos de servicio.

Se tales discusións producisen escándalos notorios, poderán ser consideradas como faltas graves ou moi graves.

6. Faltar ó traballo, sen causa xustificada, un día ó mes.

Artigo 24º.-Faltas graves.

1. Máis de tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo durante un período de trinta días.

Cando teña que ser relevado por un compañeiro, abondará cunha soa falta de puntualidade para ser considerada como grave.

2. Máis de tres faltas cometidas no punto 2 do artigo anterior.

3. Faltar dous días ó traballo, sen causa xustificada, durante un período de trinta días.

4. Non comunicar de inmediato as variacións da situación familiar que poidan afectar a responsabilidades fiscais ou coa Seguridade Social.

5. A reincidencia no abandono do posto de traballo, ou o servicio encomendado, por breve tempo.

6. Entregarse a xogos ou distraccións, calquera que sexan.

7. A simulación de doenza ou accidente.

8. A negativa a efectua-la xornada irregular establecida neste convenio.

9. A simple desobediencia ós seus superiores en calquera materia de servicio. Se implicase quebranto manifesto da disciplina ou dela se derivase prexuízo para a empresa, poderá considerarse como falta moi grave.

10. Simula-la presencia doutro productor, fichando por el.

11. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha do servicio.

12. A imprudencia en actos de servicio. Se implicase risco de accidente para si ou para os seus compañeiros, ou da dita imprudencia se derivase prexuízo para a empresa, considerarase falta moi grave.

13. Realizar sen o oportuno permiso traballos particulares durante a xornada, ou empregar ferramentas ou instalacións da empresa para uso propio aínda fóra do horario de traballo.

14. A reincidencia en falta leve, salvo naquelas en que se precisan tres faltas leves nun período de trinta días, aínda que sexan de distinta natureza nun período de 90 días.

Artigo 25º.-Faltas moi graves.

1. Máis de 10 faltas nos puntos 1 e 2 do artigo 2º, nun período de 180 días.

2. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas.

3. Facer desaparecer, inutilizar, desfacer o causar estragos en materiais, útiles, ferramentas, instalacións, edificios e demais trebellos e documentos da empresa ou do persoal desta.

4. Viola-lo segredo de correspondencia ou documentos e informacións reservados á empresa.

5. Revelar a elementos estraños á empresa, ou da propia empresa, datos de reserva obrigada.

6. Dedicarse a actividades que sexan competitivas coas propias actividades da empresa.

7. Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta de respecto e consideración ós xefes e encargados, membros da xunta rectora, ós socios, así como os compañeiros e subordinados.

8. Causar accidentes graves, para si, para cos compañeiros ou para os bens da empresa, por neglixencia ou imprudencia inescusable.

9. Abandona-lo traballo en posto de responsabilidade.

10. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal de traballo.

11. Orixinar frecuentes leas e discusións cos compañeiros de traballo.

12. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, nun período de 180 días.

Artigo 26º.-Clasificación das faltas.

1. A enumeración das faltas en leves, graves e moi graves feitas nos artigos anteriores é simplemente enunciativa e non implica que poidan existir outras, as cales serán clasificadas segundo a analoxía coas aquí definidas.

2. A clasificación das faltas en leves, graves e moi graves faraa sempre a empresa.

Artigo 27º.-Sancións.

1. As sancións máximas que poderá poñe-la empresa ós que incorran en faltas serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación escrita.

-Suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

b) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de tres a quince días.

-Traslado forzoso de servicio a distinta localidade, sen dereito a indemnización ningunha.

-Despedimento, con perda de tódolos seus dereitos na empresa.

Capítulo IX

Normas e procedemento

Artigo 28º.-Competencia.

1. Correspóndelle á dirección da empresa a facultade de impoñer sancións de acordo coas normas establecidas neste capítulo.

2. As sancións serán comunicadas por escrito ó interesado, expresando as causas que a motivaron, debendo este asina-lo duplicado e entregarllo á dirección ou xerencia.

3. En tódolos casos de sancións graves ou moi graves, o interesado, dentro dos vinte días hábiles seguintes a aquel en que se lle comunique a sanción, poderá recorrer perante os xulgados do Social.

Artigo 29º.-Caducidade.

1. As faltas leves prescribirán ós dez días naturais, as graves ós vinte días e as moi graves ós sesenta días a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de se cometer.

2. A empresa anotará nos expedientes persoais dos seus productores as sancións que lle sexan impostas, e serán anuladas destes, sempre que non haxa reincidencias:

a) As faltas leves: ó ano.

b) As faltas graves: ós tres anos.

c) As faltas moi graves: ós cinco anos.

Disposición adicional

Primeira.-Comisión mixta paritaria.

1. Créase unha comisión mixta paritaria, composta polo representante da empresa que esta designe e polos representantes dos seus traballadores; as súas funcións serán as seguintes:

a) Interpretación das cláusulas do convenio.

b) Arbitraxe das cuestións que se deriven da aplicación do convenio.

c) Vixilancia e cumprimento do pactado.

2. Esta comisión poderá ser asistida dos asesores que estimen convenientes calquera das partes representadas nesta.

3. As funcións e actividades da comisión mixta non obstruirán en ningún caso as accións laborais correspondentes.

4. Control dos días que os traballadores estean de baixa durante un, dous ou tres días por enfermidade común sen hospitalización para efectos de avalia-la incidencia das ditas baixas, eliminándose o complemento pactado no punto 4 do artigo 16º, para o segundo ano de vixencia deste convenio, se

o cómputo dos días de baixa sinalados, sumando os de tódolos traballadores, é superior ó 25% de días respecto á media dos dous últimos exercicios.

Segunda.-No non previsto neste convenio, estarase conforme o disposto no Estatuto dos traballadores.

Disposición derradeira

Lingua galega e dereitos lingüísticos.

Seguindo as recomendacións formuladas polo Consello Galego de Relacións Laborais, este convenio redáctase en lingua galega.

Así mesmo, os traballadores desta empresa teñen dereito a desenvolve-la súa actividade laboral e profesional en lingua galega e a recibir formación lingüística para mellora-lo servicio ó público no seu posto de traballo.

No seo da empresa, a dirección e os representantes dos traballadores fomentarán o uso da lingua galega nas actividades internas e nas súas relacións cos consumidores e administracións públicas en Galicia.

ANEXO I

Táboa salarial

Artigo 1º.-Salarios.

GrupoÁreaFunciónSalario/mes

BComercial

Administración

Xefe de vendas

Xefe de administración

Atención ó socio

191.348 ptas.

191.348 ptas.

191.348 ptas.

ProducciónEnólogo

Xefe de producción

191.348 ptas.

191.348 ptas.

CComercial

Administración

Producción

Inspector de vendas

Xefe de contabilidade

Encargado da adega

Encargado de embotellado

Encargado de almacén

Encargado de mantemento

Encargado de producción

131.111 ptas.

148.831 ptas.

131.111 ptas.

131.111 ptas.

131.111 ptas.

131.111 ptas.

131.111 ptas.

148.851 ptas.

DComercial

Administración

Producción

Comercial promotor

Administrativo de 1ª

Oficial de 1ª

106.305 ptas.

110.558 ptas.

105.041 ptas.

EComercial

Administración

Producción

Autovenda

Administrativo de 2ª

Oficial de 2ª

98.511 ptas.

104.048 ptas.

99.224 ptas.

FComercial

Administración

Producción

Axudante de reparto

Auxiliar administrativo

Oficial de 3ª

96.299 ptas.

96.806 ptas.

96.299 ptas.

GProducciónPeón

Persoal de limpeza

Auxiliar de vendima

90.426 ptas.

90.426 ptas.

90.426 ptas.

Artigo 2º.-Incremento compensatorio de oficiais de 3ª e de 2ª.

No segundo ano de convenio incrementarase co IPC interanual correspondente, para tódalas categorías nesta táboa. Co fin de incluí-la iniciada con anterioridade progresiva equiparación dos grupos de salarios de inferiores categorías, páctase, sen prexuízo do incremento do IPC para os oficiais de segunda e terceira, administrativos de segunda e comerciais autovenda, un incremento especial do 2%. O dito incremento xa está incluído na táboa antes indicada para o primeiro ano.