Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 07 de abril de 2000 Páx. 4.847

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 69/2000, do 23 de marzo, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia.

Por Lei 4/1998, do 30 de xuño, constituíuse o Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia.

O devandito colexio, reunido en asemblea constituínte, celebrada o 23 de xaneiro de 1999, procedeu á aprobación dos seus estatutos, solicitando da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal, tras introducir melloras técnicas e de redacción neles, coa conformidade do colexio, informou favorablemente sobre a súa adecuación á legalidade.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais e profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de marzo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia.

Disposición adicional

Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia dos indicados estatutos, que figuran como anexo ó presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de marzo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

TÍTULO I

Do colexio

Capítulo I

Conceptos xerais

Artigo 1º

O Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia é a organización profesional dos/as protésicos/as dentais que exercen en Galicia.

É unha corporación de dereito público de carácter representativo e con personalidade xurídica propia independente da Administración pública, que goza de plena capacidade de obrar. A representación legal do colexio, tanto en xuízo como fóra, corresponderalle ó/á presidente/a ou a quen legalmente o/a substitúa.

Artigo 2º

O Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia queda amparado pola Lei de colexios profesionais e por calquera outra lexislación comunitaria, estatal ou autonómica que o afecte.

Artigo 3º

O colexio exercerá en todo caso a representación colectiva e oficial dos/as protésicos/as dentais no ámbito territorial de Galicia.

Artigo 4º

O galego é a lingua propia do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia. Calquera persoa ten o dereito de obte-la traducción para o castelán dos documentos colexiais que a afecten e, se o demanda, a ser atendida nesa lingua.

Capítulo II

Relacións coa Administración

Artigo 5º

O colexio relacionarase con tódalas administracións e, singularmente, coa Administración autonómica, a través da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no referente ós aspectos institucionais, e a través da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais no referente ós contidos da profesión.

Capítulo III

Das relacións co Consejo General de Colegios de Protésicos Dentales de España

Artigo 6º

De acordo coa lexislación vixente, o Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia integrarase, se procede, na organización de protésicos dentais do Estado na forma que estatutariamente lle corresponda.

Capítulo IV

Denominación. Domicilio. Ámbito territorial

Artigo 7º

A denominación é Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia. O ámbito é o de todo o territorio galego e o domicilio oficial radica na rúa Gran Vía 166, 7º A, 36211 Vigo.

Capítulo V

Finalidades e funcións

Artigo 8º

Correspóndelle ó colexio exerce-las funcións e os fins que lle asigna, de maneira xeral, a lexislación vixente relativa ós colexios profesionais, especialmente os seguintes:

1. Exerce-la representación legal do colectivo de profesionais colexiados/as e a de calquer/a colexiado/a individual cando sexa requirido expresamente ante calquera organismo oficial ou particular, relativo ó exercicio da profesión.

2. Mante-la disciplina social e profesional dos/as colexiados/as sobre os principios de unidade e de cooperación indispensables salvagardando e facendo observa-los principios deontolóxicos e ético-sociais da profesión, da súa dignidade e do seu prestixio. Con esta finalidade poderá elabora-los códigos correspondentes de obrigado cumprimento.

3. Amparar e defende-los dereitos e o prestixio profesional e social dos/as colexiados/as en xeral ou de calquera dos seus grupos ou dun individuo en particular, se fosen obxecto de vexación, de menoscabo ou de desmerecemento.

4. Perfecciona-los aspectos técnicos e científicos da profesión e dos/as profesionais, elevando os seus niveis moral, material, cultural e científico.

5. Crear, soster e fomentar obras ou institucións de previsión, de crédito, de consumo e seguridade, nos diversos aspectos de carácter obrigatorio ou voluntario. Promover mecanismos ou institucións de protección social dos/as colexiados/as xubilados/as, enfermos/as, inválidos/as, viúvos/as e orfos/as de colexiados/as.

6. Asesora-lo proceso de formación dos plans de estudio relativos á prótese dental e asesora-las autoridades académicas en todo o relativo á docencia das disciplinas propias da prótese dental.

7. Manter unha relación constante cos centros docentes para proporcionarlles orientacións actuais e eficaces para o coñecemento das características desexables para os/as futuros/as profesionais.

8. Intervir nos problemas de intrusismo profesional. Con esta finalidade poderá requirirse o soporte das autoridades gobernativas, xudiciais e sanitarias, e terá que perseguir aquelas persoas que exerzan actos propios da profesión de protésico dental sen selo.

9. Emiti-los informes técnicos e profesionais nos asuntos ou materias que lles sexan sometidos por entidades ou institucións públicas ou privadas.

10. Informa-las industrias do ramo das condicións desexables para o desenvolvemento de novos productos e establecer, se as condicións técnicas o permiten, un control de calidade sobre os materiais ofrecidos.

11. Organizar servicios de asesoramento xurídico, económico, administrativo, técnico ou de calquera outra clase en favor dos/as colexiados/as.

12. Colaborar cos organismos correspondentes para establece-las condicións de exercicio profesional nas diversas modalidades ou especialidades; regular e impoñe-las condicións de prestación de servicios, que serán de obrigado acatamento e garanti-lo respecto e a observación das normas reguladoras do traballo en tódolos aspectos.

13. Propor á Xunta ou á Administración do Estado as normas precisas para garantir e mellora-las condicións técnicas e hixiénicas da prótese dental.

14. Establece-las normas que regulen o réxime económico do colexio e dos organismos afíns e dependentes deste.

15. Leva-lo censo dos/as profesionais e o rexistro dos títulos de colexiados/as.

16. Exerce-la xurisdicción disciplinaria respecto dos/as colexiados/as, para o que a xunta de goberno estará revestida da máxima autoridade, con esixencia correlativa da maior responsabilidade, e poderá impo-las sancións especificadas nestes estatutos, e cos recursos que se establecen.

17. Resolver tódalas misións que lles correspondan en virtude das disposicións legais vixentes e do que establezan estes estatutos ou do que lle encomenden as autoridades.

18. Edita-los boletíns necesarios que sirvan de información xeral e científica a tódolos/as colexiados/as, así como as circulares e as publicacións de calquera clase que as xuntas de goberno ou as asembleas de colexiados/as crean convenientes.

19. Determina-las condicións para a contratación, disciplina e despedimento do persoal ó servicio do colexio.

20. Fomenta-los actos de carácter cultural e científico. Con esta finalidade poderán ser creadas seccións científicas.

21. Exercer, en substitución do/a colexiado/a e logo de petición formal deste/a, as accións legais necesarias para a reclamación e cobro de honorarios.

22. Actuar como tribunal arbitral institucional nos conflictos derivados da actividade profesional, entre colexiados/as, ou entre colexiados/as e os/as seus/súas clientes, ó abeiro da Lei de arbitraxes privados.

TÍTULO II

Dos/as colexiados/as e dos/as membros

Capítulo I

Artigo 9º

O/a protésico/a dental é aquel/a profesional que, inscrito/a no Colexio de Protésicos/as Dentais, exerce a profesión de protésico/a dental de acordo co que dispón a Lei 10/1986, do 17 de marzo.

Os/as protésicos/as dentais teñen plena capacidade e responsabilidade respecto ás próteses dentais que elaboran ou subministran e dos centros, instalacións e laboratorios correspondentes.

Artigo 10º

1. Para ingresar no Colexio de Protésicos/as Dentais de Galicia son necesarios os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título de protésico/a dental ou da habilitación profesional correspondente.

b) Ser maior de idade.

c) Non estar incluído/a en causa de incapacidade legal para o exercicio da profesión.

d) Satisface-las cotas de ingreso e cumpri-los requisitos documentais que se establecen nestes estatutos.

2. Será requisito para exerce-la profesión de protésico dental no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a incorporación ó colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia cando o domicilio profesional único ou principal radique nesta comunidade.

Artigo 11º

Entre os membros do Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia distínguense:

a) Membros de honra. Poderán ser membros de honra as persoas ou entidades que polos seus servicios, traballos, escritos, etc., teñan contribuído ó perfeccionamento e desenvolvemento do colexio ou da prótese dental en Galicia. Para ser membro de honra non será necesario estar colexiado/a nin pertencer ó colectivo de protésicos/as dentais. Non aboarán cota nin terán dereito a voto. As propostas serán feitas pola xunta directiva e aprobadas pola asemblea xeral.

b) Membros eméritos. Serán os/as colexiados/as que cesen no exercicio da profesión despois de estar, cando menos, 5 anos colexiados/as. Non aboarán cota nin terán dereito a voto.

c) Membros fundadores. Son todos/as aqueles/as que interviñeron na fundación do colexio. Non aboarán cota nin terán dereito a voto.

d) Membros numerarios. Serán todos/as aqueles/as protésicos/as dentais que cumpran tódolos requisitos, soliciten a colexiación e acepten os estatutos.

Capítulo II

Dereitos e deberes dos/as colexiados/as

Artigo 12º

Son dereitos dos/as colexiados/as:

a) Exerce-la profesión e usa-lo título de protésico/a dental.

b) Utilizar e acceder ós servicios e medios colexiais en igualdade de condicións con calquera outro/a colexiado/a.

c) Participar na xestión do colexio a través dos órganos colexiados e exerce-lo sufraxio activo e pasivo nas condicións que prevén estes estatutos.

d) Recibir información sobre a actividade corporativa e profesional.

e) Presentar ós órganos de goberno aquelas solicitudes que crean xustas.

f) Recibi-la asistencia do colexio en calquera conflicto de orixe profesional.

Artigo 13º

Son obrigas dos/as colexiados/as:

a) Cumprir e acata-los presentes estatutos e os acordos dos órganos de goberno do colexio.

b) Designar un domicilio. Os cambios de domicilio serán comunicados nun prazo non superior a trinta días.

c) Satisface-las cotas colexiais ordinarias e extraordinarias e as dos servicios que a xunta de goberno declare obrigatorios.

d) Cumprir co máximo celo e eficacia as encargas profesionais e trata-los pacientes e os cidadáns con corrección.

e) Absterse de calquera práctica que supoña competencia desleal ou que poña en perigo a saúde dental do/a usuario/a das próteses.

f) Facilita-la documentación que se refira á súa actividade profesional que lle sexa requirida polo colexio.

TÍTULO III

Dos órganos de goberno do colexio

Capítulo I

Estructuras e funcións

Artigo 14º

Os órganos de goberno e representación do colexio serán os seguintes:

a) O/a presidente/a.

b) A xunta de goberno.

c) A asemblea xeral.

Capítulo II

A asemblea xeral

Artigo 15º

Tódolos membros do colexio con plenitude de dereitos forman parte da asemblea xeral. O voto é indelegable.

A asemblea xeral é órgano supremo de decisión do colexio e reúnese como mínimo unha vez ó ano en sesión ordinaria, convocándose dentro do primeiro trimestre do ano.

Artigo 16º

A asemblea xeral ordinaria ten as funcións seguintes:

a) Exame e aprobación dos orzamentos do colexio.

b) Análise e aprobación da xestión da xunta de goberno.

c) Aprobación das contas do anterior exercicio.

d) Aqueles asuntos que a xunta de goberno acorde incluír na orde do día.

Artigo 17º

A asemblea xeral extraordinaria ten as funcións seguintes:

a) Aprobación e modificación dos estatutos do colexio e dos regulamentos de réxime interno e de réxime e relacións profesionais.

b) Autorización á xunta de goberno para allear ou gravar bens inmobles do patrimonio corporativo.

c) Aprobación de cotas extraordinarias.

d) Aqueles asuntos que sexan sometidos á súa consideración por acordo da xunta ou a petición dos/as colexiados/as.

Artigo 18º

A asemblea xeral será convocada polo presidente tralo acordo da xunta de goberno adoptado por iniciativa propia ou a petición dun número non inferior ó 20% dos/as colexiados/as. A convocatoria enviarase a tódolos/as colexiados/as cunha antelación de polo menos 15 días da data da celebración.

Cando a convocatoria se realice a petición dos/as colexiados/as non se poderá demora-la celebración da xunta máis de 45 días desde a presentación da petición.

Desde o momento do envío da convocatoria, toda a documentación e antecedentes dos temas que se vaian debater estarán na secretaría á disposición dos/as colexiados/as.

Artigo 19º

As asembleas xerais quedarán constituídas sempre que asistan alomenos o 20% dos/as colexiados/as en primeira convocatoria, e cos/coas asistentes na segunda.

O/a presidente/a moderará os debates, concederá e retirará a palabra e procurará que o debate transcorra segundo as regras da liberdade e respecto cara a tódalas persoas.

Ata un mes antes da celebración da asemblea xeral, poderanse presentar emendas e alternativas ás propostas da orde do día, que terán que ir asinadas por un mínimo de 25 colexiados/as ou un 10% do censo.

Artigo 20º

As votacións serán ordinarias, nominais ou secretas. A votación será secreta cando se traten asuntos que afecten a intimidade, a honra ou os sentimentos das persoas e na elección de cargos.

Tódolos/as colexiados/as terán dereito a un voto.

Os acordos adóptanse por maioría dos asistentes e obrigan a tódolos/as colexiados/as, presentes e ausentes.

Capítulo III

Da xunta de goberno

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 21º

1. A xunta de goberno do colexio exercerá as funcións corporativas propias con tódolos dereitos e obrigas que derivan da lei, do que dispoñan estes estatutos e dos acordos emanados da asemblea xeral, quedando facultada para adoptar tódalas medidas legais e regulamentarias que crea pertinentes para asegura-lo cumprimento daquelas funcións.

2. Os membros da xunta de goberno non poderán delega-las competencias e atribucións que lles son propias, pero poderán auxiliarse nas súas tarefas mediante a creación de comisións formadas por colexiados/as e presididas por un/unha membro da xunta.

3. Os membros da xunta de goberno serán elixidos/as de acordo coas disposicións establecidas nestes estatutos, e polo seu carácter representativo serán inamobibles excepto por resolución xudicial ou pola apreciación pola xunta dunha causa de inelixibilidade ou de incompatibilidade.

Sección segunda

Duración do mandato e causas de cesamento

Artigo 22º

Os cargos da xunta de goberno terán unha duración de catro anos. Os membros da xunta poden ser reelixidos/as.

Os membros da xunta de goberno cesarán polas causas seguintes:

a) Expiración do prazo para o que foron elixidos/as.

b) Renuncia do/da interesado/a.

c) Nomeamento para un cargo de goberno ou da Administración pública, estatal, autonómica, local ou institucional que supoña incompatibilidade.

d) Condena por sentencia firme que supoña inhabilitación para cargos públicos.

e) Sanción disciplinaria firme por falta grave ou moi grave.

f) Perda da condición de elixibilidade de acordo con estes estatutos.

Artigo 23º

Entenderase que o/a interesado/a renuncia ó cargo cando deixe de asistir sen causa xustificada a tres sesións seguidas ou cinco alternas da xunta de goberno nun mesmo ano.

Sección terceira

Do Pleno da xunta de goberno

Artigo 24º

Os membros de dereito da xunta de goberno serán: o/a presidente/a, o/a secretario, o/a vicepresidente/a, o/a tesoureiro/a, o/a interventor/ora, o/a ponente de cultura e dous ou dúas vocais por cada provincia.

Cando o número de postos vacantes da xunta de goberno supoñan a maioría dos/as membros de dereito, será convocadas novas eleccións xerais para elixir nova xunta de goberno.

Artigo 25º

1. O Pleno da xunta de goberno terase que reunir obrigatoriamente dúas veces ó ano e de forma extraordinaria cando alomenos o solicite un tercio dos/as membros, e sempre que as circunstancias así o aconsellen, a xuízo da comisión permanente ou do/a presidente/a.

2. Para que o pleno da xunta de goberno poida ter sesión será precisa a asistencia, en primeira convocatoria, a metade máis un dos/as membros que a forman; se non hai o número suficiente, reunirase media hora despois da indicada para a primeira convocatoria, coas persoas presentes, independentemente do número, e serán válidas as súas resolucións e acordos.

3. O/a secretario/a realizará as convocatorias, por escrito, con mandato previo da presidencia, e indicarán a data, o lugar de reunión, a hora da primeira e da segunda convocatoria e a orde do día. Terán que ser enviadas alomenos con oito días de antelación, excepto que, por razóns importantes ou urxentes, a criterio do presidente, se acorde convocalas con carácter de urxencia, nun prazo que nunca poderá ser inferior a 24 horas.

4. Na reunión do pleno non se poderá tratar de ningún asunto ademais dos indicados na orde do día, excepto aqueles que a presidencia considere de verdadeiro interese e que sexan autorizados polo pleno.

Os acordos adoptaranse pola maioría de votos dos/as asistentes e, no caso de empate, decidirá a presidencia.

5. A asistencia ás reunións será obrigatoria. A falta non xustificada a tres reunións consecutivas ou cinco alternas será considerada como renuncia ó cargo, equivalente ó cesamento para tódolos efectos.

Capítulo IV

Facultades da xunta de goberno

Artigo 26º

Serán facultades da xunta de goberno:

a) Prestar colaboración ás autoridades universitarias, académicas ou administrativas en xeral para a mellor ordenación do ensino e para o maior perfeccionamento e a defensa eficaz dos intereses buco-sanitarios do país.

b) Impor ós/ás colexiados/as as correccións disciplinarias que establecen estes estatutos e denunciar, se procede, ás autoridades, as conductas que sexan constitutivas de delicto ou que signifiquen un perigo para a saúde dental.

c) Inspeccionar, de acordo co que dispoñen estes estatutos, os laboratorios dos/as colexiados/as.

d) Propor ás autoridades pertinentes a promulgación de normas tendentes ó perfeccionamento do exercicio da profesión en beneficio e garantía da saúde pública.

e) Persegui-lo intrusismo profesional, en calquera das súas formas, e exercer con esta finalidade as accións legais correspondentes.

f) Confeccionar tarifas recomendadas de honorarios.

g) Dirimir, en procedemento arbitral, as controversias que se produzan entre colexiados/as ou entre os/as colexiados/as e os/as seus/súas clientes.

h) Redacta-los orzamentos e rende-las contas anuais. Recadar, distribuír e administra-los fondos do colexio, así como o seu patrimonio, e outros recursos que se lle atribúan.

i) Dictar e aproba-las normas, os regulamentos e os códigos de orde interna ou de carácter xeral que se crea conveniente para garantir e mellora-lo correcto funcionamento das estructuras e os servicios colexiais.

j) Constituí-las seccións e comisións que se consideren necesarias para a xestión ou resolución de asuntos concretos, de carácter xeral, que incumban ó colexio.

k) Acorda-la convocatoria das asembleas xerais ordinarias ou extraordinarias dos/as colexiados/as, segundo conveña.

l) Resolver sobre a admisión dos/as profesionais que soliciten incorporarse ó colexio.

m) Interpretar estes estatutos e resolver, por analoxía de preceptos ou de feito, as situacións que non aparezan resoltas dunha maneira expresa e concreta.

Capítulo V

Sección primeira

Da comisión permanente

Artigo 27º

A comisión permanente estará integrada polo/a presidente/a, o/a vicepresidente/a, o/a secretario/a, o tesoureiro/a, o/a interventor/a e o/a ponente de cultura.

Artigo 28º

1. A comisión permanente terase que reunir, de xeito ordinario, unha vez ó mes e cada vez que o/a presidente/a ou dous/dúas membros da comisión o consideren conveniente.

2. A criterio do/a presidente/a poderán ser citados/as ás reunións da comisión permanente outros/as membros da xunta de goberno, con dereito a voz pero sen voto.

3. A reunión será convocada por escrito da secretaría, con mandato previo da presidencia, que fixará a orde do día cunha antelación de 24 horas.

Non será necesaria a convocatoria por escrito cando asistan á reunión tódolos membros da comisión permanente; neste caso continuará a ser precisa a adopción da orde do día.

4. Os acordos serán adoptados na mesma forma que a establecida para o Pleno.

Sección segunda

Facultades da comisión permanente

Artigo 29º

A comisión permanente poderá exercer tódalas funcións de trámite e administración voluntaria propias da xunta de goberno e calquera outra que, por significado e contido, non transcenda sobre toda a clase profesional.

Tódolos acordos da comisión permanente terán que ser comunicados ó pleno da xunta de goberno durante a primeira reunión que se realice.

Sección terceira

Libros de actas

Artigo 30º

De cada reunión que teña o Pleno da xunta de goberno e da comisión permanente levantarase acta, que será transcrita nun libro que existirá con esta finalidade, que será cuberto debidamente polo/a secretario/a.

Capítulo VI

Dos cargos da xunta de goberno

Sección primeira

Do/a presidente/a

Artigo 31º

O/a presidente/a é o/a representante legal do colexio e preside, se unha disposición específica non dispón outra cousa, tódolos órganos colexiados/as que se designen no seo do colexio.

Velará polo cumprimento da lexislación vixente e das disposicións e acordos que dicten a xunta de goberno, a asemblea de colexiados/as e os outros órganos de goberno, e exercerá ademais as funcións seguintes:

a) Fará cumpri-los preceptos destes estatutos e os acordos que tome a xunta de goberno.

b) Terá, para tódolos efectos, a representación legal do colexio, e poderá asinar e autorizar tódolos contratos, convenios, actas, oficios ou documentos públicos e privados nos que o colexio sexa parte.

c) Convocará, abrirá, presidirá, e levantará as sesións da comisión permanente da xunta de goberno e da asemblea xeral.

d) Asinará as actas correspondentes.

e) Autorizará os libramentos ou as ordes de pagamento ou ingreso.

f) Validará tódalas certificacións e os escritos que expida o/a secretario/a do colexio.

Artigo 32º

Os cargos de presidente/a e membro da xunta de goberno serán gratuítos e honoríficos. Sen embargo, nos orzamentos colexiais figurarán as partidas necesarias para atende-los gastos de representación do colexio.

Sección segunda

Do/a vicepresidente/a

Artigo 33º

O/a vicepresidente/a substituirá o/a presidente/a nos casos de ausencia, enfermidade ou morte, e exercerá, en todo momento tódalas funcións que lle confira a presidencia, dentro da orde colexial.

Sección terceira

Do/a secretario/a

Artigo 34º

Correspóndelle ó/á secretario/a:

a) Exerce-la fe pública de tódolos actos, documentos e antecedentes operantes no colexio, así como redactar e asina-las actas das sesións dos órganos de goberno.

b) Formar, organizar e custodia-lo arquivo da documentación colexial.

c) É o/a xefe/a superior do persoal e da administración do colexio, sen prexuízo das facultades executivas que se poidan encomendar a un/unha xerente.

Sección cuarta

Do/a interventor/ora das contas

Artigo 35º

Son funcións do/a interventor/ora das contas o control interno das finanzas e das contas do colexio. Controlará os cobros e os pagamentos e intervirá en tódalas operacións de ingreso e gasto. Conxuntamente co/coa tesoureiro/a, formará o proxecto de orzamentos e elaborará as contas xerais para a súa aprobación na xunta xeral.

Sección quinta

Do/a tesoureiro/a

Artigo 36º

O/a tesoureiro/a terá ó seu cargo a custodia e disposición inmediata dos fondos do colexio, e formará xunto co/a interventor/a os orzamentos e contas xerais.

Sección sexta

Do/a ponente de cultura

Artigo 37º

O/a ponente de cultura será o/a encargado/a de coordenar e supervisar tódolos actos, iniciativas e

promocións culturais e científicas do colexio. Con este fin, poderase formar unha comisión de cultura formada por todas aquelas seccións científicas ou culturais que, a petición dos/as colexiados/as e por acordo da xunta de goberno, se constitúan.

Capítulo VII

Das delegacións

Artigo 38º

Por acordo da xunta de goberno poderanse constituí-las delegacións territoriais que sexan convenientes.

As delegacións territoriais teñen as súas facultades delegadas da xunta de goberno e poderán ter un ámbito de actuación que corresponda a unha ou varias demarcacións comarcais.

Artigo 39º

As delegacións terán por funcións:

a) Organizar actividades e servicios de acordo coas liñas xerais da actividade colexial.

b) Administra-los fondos destinados á delegación.

c) Velar polos intereses dos/as profesionais da demarcación e garanti-los dereitos dos cidadáns que usan os seus servicios.

d) Facilita-los trámites administrativos internos en beneficio da simplificación e inmediatez dos servicios colexiais.

e) Aqueloutras que lles delegue a xunta de goberno.

Artigo 40º

As delegacións estarán administradas por un/unha delegado/a e un/unha secretario/a.

A designación do/a delegado/a e do/a secretario/a correspóndelle á xunta de goberno de entre os/as colexiados/as residentes na demarcación que presenten a súa candidatura avalada pola sinatura da septima parte dos/as residentes que exerzan.

O mandato dos/as delegados/as e dos/as secretarios/as da delegación coincidirá no tempo co do/a presidente/a do colexio.

Capítulo VIII

Eleccións de cargos da xunta de goberno

Sección primeira

Condicións para ser elixible

Artigo 41º

Serán condicións comúns a tódolos cargos ser colexiado/a en exercicio, estar ó día de tódalas obrigas corporativas e non atoparse afectado por prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria.

Ademais das condicións comúns, para cada un dos cargos, en especial, serán esixidas as seguintes:

a) Para os cargos da xunta de goberno, excepto os vocais: ter cumprido como mínimo cinco anos de afiliación ó colexio.

b) Para ser vocal da xunta de goberno: ter un ano de afiliación ó colexio.

Sección segunda

Presentación de candidaturas

Artigo 42º

As candidaturas presentaranse desde a publicación do acordo da convocatoria ata un mes antes da celebración das eleccións.

Sección terceira

Forma de elección

Artigo 43º

Tódolos cargos da xunta de goberno serán elixidos por elección universal, directa e secreta mediante a votación dos/as colexiados/as inscritos/as no colexio.

Sección cuarta

Convocatoria

Artigo 44º

A xunta de goberno acordará a convocatoria de eleccións cunha antelación mínima de tres meses ó día da celebración. O anuncio da convocatoria publicarase no DOG e nos xornais de maior difusión en Galicia, no prazo de un mes a partir da adopción do acordo.

A xunta comunicará a convocatoria mediante envío de circular a tódolos/as colexiados/as e publicará a convocatoria no boletín do colexio.

Sección quinta

Organización

Artigo 45º

A xunta de goberno fará en todo momento as funcións de xunta electoral.

As mesas electorais terán como misión levar a termo todo o proceso electoral e vixia-lo cumprimento exacto dos termos previstos, resolve-los recursos que se presenten e asina-las actas.

A presentación de candidatura para os cargos de membro da xunta de goberno terá que ir apoiada polas sinaturas de alomenos cincuenta colexiados/as en exercicio ou do 20% dos colexiados.

Os membros da xunta que queiran presentarse á reelección terán que presenta-la dimisión antes da publicación do anuncio da convocatoria.

As mesas electorais constituiranse o día e hora da data da convocatoria, e estarán constituídas por un/unha presidente/a e un/unha vocal.

O/a presidente/a terá que ser necesariamente membro da xunta de goberno. Cada membro terá dous/dúas suplentes, que poderán actuar indistintamente durante o transcurso da xornada, pero en ningún momento poderá haber menos de dous membros.

Se o número de colexiados/as o aconsella poderanse establecer mesas electorais nas sedes das delegacións territoriais.

O seu réxime de funcionamento será o mesmo que o das mesas da sede central.

Sección sexta

Candidatos/as

Artigo 46º

Os/as candidatos/as deberán cumpri-los requisitos que indica o artigo 41º e solicitarán esa condición, por escrito, á xunta de goberno do colexio. A solicitude farase como mínimo cos membros da comisión permanente.

Sección sétima

Aprobación das candidaturas

Artigo 47º

1. Ó día seguinte de expira-lo prazo para a presentación de candidaturas, a xunta de goberno do colexio reunirase en sesión extraordinaria e proclamará a lista dos/as candidatos/as que cumpran as condicións de elixibilidade; levantarase, así mesmo, acta e farase constar motivadamente, se procede, os fundamentos de exclusión das candidaturas non admitidas. As listas definitivas serán comunicadas por carta ou publicadas no boletín do colexio.

2. Durante o mesmo día ou ó día seguinte da inserción das candidaturas no taboleiro de anuncios, as que non foran aceptadas poderán presentar recurso de reposición no prazo de 48 horas. A mesa electoral resolverá os recursos no prazo dos dous días seguintes, no caso de non ter adoptado ningún acordo, o recurso será desestimado. No caso de resolvelo favorablemente, inserirase unha nova candidatura no taboleiro de anuncios. A resolución que recaia agota a vía administrativa e a interposición de recurso non significará a interrupción do proceso electoral, excepto que así o dispoña o tribunal.

3. Unha vez aprobadas tódalas candidaturas, cada unha poderá designar, por escrito, ante a mesa electoral, un/unha ou máis interventores/as. Os/as interventores/as terán dereito a interviren en tódolos actos electorais e a presentaren reclamacións e os recursos que crean pertinentes.

Sección oitava

Procedemento electivo

Artigo 48º

1. A elección dos/das membros da xunta de goberno farase por votación na que poderán tomar parte tódolos/as colexiados/as. O acto electoral farase o día indicado na convocatoria desde as 10 ata as 18 horas, en presencia da mesa electoral.

2. O voto persoal anulará o emitido por correo, sempre que o votante o manifeste antes da apertura do sobre.

3. Á hora e no lugar previstos para a elección instalarase unha urna a cargo da mesa electoral, na que cada votante depositará unha papeleta na que inscribirá claramente o nome, os apelidos e o cargo do/a candidato/a ou candidatos/as que elixa. As papeletas serán de cor branca e, para facilita-la súa uniformidad serán facilitadas polo colexio ó seu cargo. Nas papeletas onde haxa diversos/as candidatos/as, poderanse suprimir algúns, substituír ou engadir outros/as, sempre coa máxima claridade e indicando o nome, os apelidos e o cargo.

4. Serán nulos tódolos votos recaídos en persoas que non consten nas candidaturas aprobadas e as papeletas que conteñan frases ou expresións diferentes do nome e o cargo do/a candidato/a proposto/a. Tamén serán nulos os votos emitidos por colexiados/as que non estean capacitados/as para votar.

5. Unha vez rematada a votación, procederase seguidamente á introducción nas urnas dos votos por correo, logo de comprobación dos datos de cada votante. Acabada esta operación, os/as presidentes/as de cada mesa declararán o peche da votación e iniciarán o escrutinio dos votos emitidos.

Serán declaradas nulas as papeletas que conteñan expresións estrañas á votación, riscadas ou corrixidas, ou que indiquen persoas non candidatas. Do desenvolvemento da votación e do resultado do escrutinio redactarase acta que será asinada polos/as membros da mesa. Unha copia desta acta inserirase no taboleiro de anuncios dos colexios respectivos.

6. Durante os dous días seguintes calquera candidato/a pode impugnar, por escrito, todo o acto electivo, ou pedi-la corrección dos erros que se cometeran. A xunta electoral resolverao dentro dos dous días seguintes e concederá ou denegará o que se lle pedira. No primeiro caso, se considerase a circunstancia de defectos invalidantes, poderá convocar un novo acto electoral en 30 días. No segundo caso, o/a candidato/a impugnado/a quedará en liberdade de facer uso dos recursos previstos polo título IX destes estatutos.

7. Unha vez pasados os prazos previstos para o número anterior, a xunta de goberno saínte, coa sinatura do/a presidente/a e o/a secretario/a, expedirá en 15 días os nomeamentos correspondentes ós que obtivesen maioría absoluta.

8. No caso de que só se presente un/unha candidato/a para un cargo concreto, non será preciso celebrar votacións para este cargo; polo tanto quedará proclamado/a directamente como consecuencia de non se presentaren máis candidatos/as.

9. As vacantes nos cargos da xunta de goberno por unha causa diferente á renovación estatutaria deberán ser cubertas no prazo de dous meses desde que se produciron. A xunta proporá unha persoa para o cargo, que será ratificada na primeira asemblea ordinaria que teña lugar. A duración destes cargos coincidirá co período que quede de mandato á persoa que fose substituída.

10. Os nomeamentos serán comunicados ó departamento correspondente da Xunta de Galicia e ás instancias que correspondan.

Sección novena

Do voto por correo

Artigo 49º

Os/as colexiados/as que o día da elección non poidan ir ás urnas poderán votar por correo de acordo co seguinte procedemento:

a) Ata dez días antes da data da elección, o/a interesado/a dirixirase persoalmente, ou por correo certificado xuntando un recoñecemento bancario da súa sinatura e unha fotocopia do cartón de colexiado, ou mediante unha persoa provista de poder notarial, á secretaría do colexio e solicitará o certificado de inclusión no censo electoral e demais documentación electoral.

b) No prazo de 24 horas a secretaría do colexio enviará por correo certificado ó domicilio que designe o/a colexiado/a o certificado de inscrición no censo e as papeletas e sobres necesarios para a votación.

c) O/a colexiado/a introducirá a papeleta da votación nun sobre sen ningunha inscrición.

Seguidamente, introducirá o sobre coa papeleta, o certificado de inclusión no censo e unha fotocopia do DNI ou do cartón de colexiado, noutro sobre, que enviará por correo certificado ó colexio coa seguinte mención: «Para as eleccións do Colexio de Protésicos/as Dentais de Galicia do día...».

d) O colexio, antes de que se efectúen as votacións, protocolizará ante notario a relación nominal dos/as colexiados/as que optasen por realiza-lo voto por correo.

Artigo 50º

As mesas electorais admitirán tódolos votos por correo que cheguen ó colexio antes do peche da votación.

TÍTULO VII

Do exercicio da profesión

Capítulo I

Código deontolóxico

Artigo 51º

As normas do código deontolóxico que se atopan vixentes, unha vez aprobadas pola asemblea ou polo consello xeral, se procede, serán de cumprimento obrigatorio no exercicio da profesión, sen prexuízo das outras normas contidas nos estatutos, especialmente neste título.

Capítulo II

Normas xerais

Artigo 52º

O/a profesional colexiado/a é a única persoa autorizada para realiza-las tarefas definidas no artigo 9º.

Artigo 53º

O persoal auxiliar do laboratorio poderá realizar funcións auxiliares e complementarias ás do protésico/a.

Estas funcións auxiliares faranse sempre baixo a dirección do colexiado/a

Artigo 54º

O/a usuario/a da prótese ten o dereito de coñecer e aboar directamente ó protésico dental o importe dos seus honorarios sen prexuízo da relación que poida ter co/a odontólogo/a ou estomatólogo/a

Capítulo III

Da inspección dos laboratorios

Artigo 55º

A xunta de goberno poderá formular inspeccións dos laboratorios a requirimento das autoridades xudiciais ou administrativas que correspondan.

Artigo 56º

O/a titular do laboratorio será para tódolos efectos o/a responsable das faltas que se poidan cometer derivadas do exercicio profesional ou do incumprimento das obrigas establecidas por estes estatutos, sen prexuízo das responsabilidades directas e persoais dos/as seus/súas empregados/as ou de terceiras persoas.

Capítulo IV

Réxime económico

Artigo 57º

O colexio ten plena capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial para o cumprimento das súas finalidades.

Artigo 58º

Son recursos económicos ordinarios do colexio:

1. As cotas de incorporación dos/as colexiados/as ou de habilitación.

2. As cotas ordinarias dos/as colexiados/as.

3. Os ingresos procedentes de publicacións, impresos, servicios, certificacións, arbitraxes, dictames ou informes, e outras cantidades acreditadas por outros servicios.

4. Os rendementos financeiros derivados dos fondos alleos que teña en depósito ou administre.

5. Os dereitos para os servicios de intervención colexial, dos traballos e contratos profesionais aboados contractualmente polas partes.

6. Os rendementos dos bens e dereitos que integran o patrimonio do colexio.

Artigo 59º

A xunta de goberno fixará a contía da cota de incorporación e das cotas periódicas e ordinarias da colexiación e dos dereitos de utilización dos servicios colexiais.

A xunta xeral fixará a contía e forma de aboamento das cotas extraordinarias que eventualmente se requiran para atende-las necesidades do colexio.

Artigo 60º

Os recursos económicos extraordinarios procederán de:

1. As cotas extraordinarias que aprobe a xunta xeral.

2. As subvencións, donativos ou calquera tipo de axuda económica que as persoas ou institucións públicas ou privadas outorguen ó colexio.

Artigo 61º

O orzamento elabórase con carácter anual, por anos naturais, de acordo con principios de economía e eficacia, e incluirá a totalidade dos ingresos e gastos colexiais.

Se se producise a necesidade inaprazable de facer un gasto non previsto no orzamento, a xunta poderá face-la habilitación necesaria con cargo á transferencia de créditos ou ingresos non previstos. Se o gasto non previsto consiste nun investimento en bens inmobles ou a súa cantidade excede do cinco por cento dos recursos ordinarios, o acordo terá que someterse á ratificación da asemblea xeral no termo dun mes.

Artigo 62º

No caso de que a asemblea xeral non aprobase o orzamento ordinario dun exercicio, e sen prexuízo da súa revisión ou posterior aprobación, o colexio funcionará provisoriamente co do ano anterior, o que se entenderá prorrogado para eses efectos.

Artigo 63º

No caso de disolución do colexio por algunha das causas que establecen as disposicións legais vixentes, a xunta de goberno actuará como comisión liquidadora. Se existisen bens remanentes, adxudicaranse ó organismo que o substitúa ou ás entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro relacionadas coa saúde dental.

Capítulo V

Réxime xurídico

Artigo 64º

Contra os actos, as resolucións e os acordos da asemblea xeral e da xunta de goberno, que estean suxeitos ó dereito administrativo, pódese recorrer en reposición ante o mesmo órgano que dictou o acordo, no prazo dun mes. A resolución deste recurso esgotará a vía corporativa e poderase recorrer ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 65º

Os acordos e resolucións do colexio son executivos de inmediato, pero de acordo coa Lei do procedemento administrativo, a xunta de goberno poderá acordar, a petición do recorrente ou de oficio, a suspensión da execución mentres non sexa firme o acto impugnado.

Artigo 66º

Para a reforma dos presentes estatutos será preciso o acordo da asemblea xeral convocada con ese fin e con caracter extraordinario, adoptado pola maioría dos/as presentes con dereito a voto.

Artigo 67º

En virtude da colexiación, os/as colexiados/as aceptan o réxime disciplinario do colexio, destinado a prever e a corrixi-las infraccións dos deberes colexiais e das normas de deontoloxía profesional que se establezan con carácter xeral.

Artigo 68º

As faltas cometidas clasificaranse en leves, graves e moi graves.

Artigo 69º

Son faltas leves:

-Non atender ós requirimentos do colexio.

-As incorreccións de escasa transcendencia na realización dos traballos profesionais.

-A desconsideración cara ós/ás compañeiros/as colexiados/as.

-As actuacións que signifiquen neglixencia profesional e os actos leves de indisciplina colexial e, en xeral, outros casos de incumprimento dos deberes profesionais ou colexiais como consecuencia de descoido escusable e circunstancial.

Artigo 70º

Son faltas graves:

-A acumulación de tres ou máis faltas leves.

-A infracción das normas deontolóxicas.

-As ofensas graves a outros/as colexiados/as.

-A emisión de informes ou certificados faltando á verdade ou a falsidade en calquera dos documentos que deban tramitarse por medio do colexio.

-As actuacións que significan competencia desleal.

Artigo 71º

Son faltas moi graves:

-A reincidencia na comisión de faltas graves.

-As consideradas como faltas graves sempre que concorran circunstancias de especial malicia ou mala fe.

Artigo 72º

As faltas leves serán sancionadas coa conminación por escrito ou a reprensión privada. As graves, coa suspensión do exercicio profesional, de un a seis meses. As moi graves, coa suspensión no exercicio profesional entre seis meses e un día e ata cinco anos. En caso de reincidencia na comisión de faltas moi graves poderase acorda-la expulsión do colexio.

Artigo 73º

As faltas prescribirán despois de seis meses da súa realización se son leves, dun ano se son graves e de dous anos se son moi graves.

Artigo 74º

O/a sancionado/a poderá solicitar á xunta de goberno a súa rehabilitación coa conseguinte cancelación da nota no seu expediente. No relativo a esta cancelación os prazos establecidos serán de tres meses se a falta fose leve, dun ano se fora grave, de dous anos se é moi grave, e se fora expulsado/a de sete anos desde a data de inicio do cumprimento da sanción.

Artigo 75º

A imposición de sancións ós/ás colexiados/as é competencia da xunta de goberno, coa instrucción previa de expediente na que será escoitado/a o/a colexiado/a. No caso de que o/a afectado/a polo expediente disciplinario sexa membro da xunta de goberno, non poderá tomar parte nas discusións nin votar na xunta.

Artigo 76º

O procedemento iniciarase de oficio a consecuencia de denuncia ou comunicación asinada, a xunta de goberno nomeará un/unha instructor/ora de entre os/as seus membros. Se a xunta de goberno estima que a actuación do/a colexiado/a obxecto do expediente é gravemente prexudicial, poderá acorda-la suspensión de novos visados mentres se tramite e resolve o expediente sancionador.

O/a instructor/ora despois de escoita-lo/-la interesado/a para que formule as alegacións que considere oportunas sobre os feitos imputados, e que propoña as probas que desexe, procederá a practicar de oficio aquelas probas que considere oportunas, rexeitando as outras de xeito razoado. Practicadas as probas, redactará unha proposta de resolución que notificará ó/á colexiado/a para que, nun prazo de 10 días naturais, despois de examinado o expediente, formule as alegacións definitivas. Superado este trámite, o/a instructor/ora redactará a proposta de resolución definitiva, dándolle traslado á xunta de goberno. A xunta de goberno dictará acordo sancionador ou exculpatorio. O/a colexiado/a poderá recorrer na forma prevista nestes estatutos.

Expediente disciplinario en rebeldía: o/a instructor/ora debe escoita-la persoa interesada e notificarlle por carta certificada a apertura do expediente sancionador. No caso de que se descoñeza o enderezo ou que se rexeite a entrega da carta, a notificación deberá facerse mediante a publicación de anuncios no taboleiro de edictos do concello que corresponda co seu último domicilio, así como no DOG. Unha vez completado este trámite, o expediente deberá continuar ata a súa conclusión. A resolución que se dicte debe notificarse á persoa interesada do mesmo xeito descrito anteriormente.

Artigo 77º

A falta de pagamento das cotas colexiais durante 12 meses alternos ou consecutivos implica a baixa

da entidade do/a colexiado/a que non pague as cotas ó seu vencemento, sen prexuízo da reclamación xudicial das cantidades debidas.

O procedemento de exclusión tramitarase mediante o expediente disciplinario oportuno, segundo o previsto polo artigo 76º

Disposicións transitorias

Primeira.-Dentro do mes seguinte ó remate do período dun ano da publicación dos presentes estatutos, a xunta de goberno provisoria convocará eleccións para constituír a xunta de goberno definitiva.

Segunda.-Poderanse integrar no Colexio de Protésicos/as Dentais de Galicia os/as profesionais que, sen teren a titulación requirida, acrediten de maneira concluínte cumpri-los requisitos de habilitación a teor do disposto no R.D. 1954/1994.

Terceira.-A integración dos/as profesionais que desexen ingresar no colexio de acordo co disposto na disposición anterior farase do seguinte xeito:

a) O/A interesado/a terá que presenta-la súa solicitude na secretaría do colexio no prazo dun ano contado desde a publicación no DOG dos presentes estatutos.

b) Esta solicitude irá acompañada dos xustificantes acreditados dos servicios ou traballos que servirán de base para a apreciación da experiencia profesional mencionada.

c) Poderase formar unha comisión de selección designada pola xunta de goberno.

d) A comisión examinará as solicitudes e, se o considera oportuno, practicará as comprobacións precisas para o establecemento indubidable da natureza e veracidade dos servicios alegados.

e) Unha vez resolto cada expediente, a comisión someterao á xunta de goberno, que acordará sobre a procedencia ou non da admisión.

f) A denegación terá que ser motivada.

Cuarta.-O disposto no artigo 41º será de aplicación a partir do 1 de xaneiro do ano 2004. Ata ese momento, os candidatos a cargos da xunta de goberno deberán cumprir, ademais das condicións comúns, o requisito de estaren colexiados na data de publicación destes estatutos.