Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 07 de abril de 2000 Páx. 4.844

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 24 de marzo de 2000 pola que se establecen axudas para o desenvolvemento de cursos e seminarios de formación e capacitación de agricultores e das súas familias.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ten como un dos seus fins promover e orienta-las accións dos agricultores e as súas familias para a mellor utilización dos seus recursos, actuando permanentemente sobre os membros das familias rurais para activar neles cambios de actitude, melloras no seu medio social e a difusión de coñecementos e técnicas que contribúan ó logro deste obxectivo; así mesmo, e dentro do plan de emprego da Xunta de Galicia, considérase conveniente promover accións encamiñadas á introducción de novas tecnoloxías para o fomento da producción agraria integrada.

O cumprimento deste fin esixe unha permanente atención ós agricultores, ós mozos, colaboradores familiares e agricultores asalariados que superen a idade de escolarización, co obxecto de mellora-la súa cualificación profesional, de forma que lles permita dispoñer dunha ocupación continua e rendible dentro das súas explotacións.

Para acadar este fin é necesario instituír axudas que permitan realizar cursos de formación agraria dirixidos a aquelas persoas que desexen capacitarse e mellora-las técnicas que van aplicar nas súas explotacións, por un importe de setenta e sete millóns setecentas trinta e cinco mil (77.735.000) pesetas, con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.322 S.480.0.

Por todo isto, e en virtude das competencias que me outorga a lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Tipos de cursos: obxectivos e duración.

1. Cursos de actualización profesional, dirixidos a agricultores, mozos colaboradores na explotación familiar ou traballadores asalariados que superen a idade de escolarización obrigatoria. A duración mínima destes cursos será de 10 días e 30 horas lectivas.

2. Cursos de formación agraria, dirixidos a mozos de 18 a 40 anos que desexen adquiri-lo nivel profesional adecuado para accederen ás responsabilidades de dirección e xestión da empresa agraria e ás esixencias da súa primeira instalación como agricultores. A duración mínima destes cursos será de 200 horas lectivas, ben realizadas en réxime continuo ou en 5 módulos de 40 horas, en réxime descontinuo.

3. Cursos monográficos de actualización, perfeccionamento profesional e introducción de novas tecnoloxías orientados ó fomento da producción agraria integral e dirixidos a agricultores e mozos xa esta

blecidos en explotacións agrarias e membros das comunidades rurais. A duración mínima será de 15 días e 40 horas lectivas.

4. Cursos de formación dirixidos a agricultores ou mozos establecidos en empresas agrarias (pertencentes a grupos de xestión ou grupos con tarefas de empresa), para o seu adestramento na realización de prácticas de contabilidade, toma de decisións e aqueloutras cuestións que poidan contribuír a mellora-la capacidade de xestión das súas empresas. A duración mínima destes cursos será de 60 horas lectivas, impartidas en réxime descontinuo ó longo dun exercicio económico e seguindo un programa aprobado polo xefe provincial de Extensión e Capacitación Agraria, no que se indicarán os contidos e o calendario de desenvolvemento das actividades.

Artigo 2º

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural coordinará, a través dos servicios provinciais de Extensión e Capacitación Agraria, a planificación, organización, desenvolvemento e xustificación das actividades formativas ás que van destinadas as axudas.

Artigo 3º.-Réxime das axudas.

As axudas establecidas nesta orde irán destinadas a cubri-los gastos que se indican:

a) Gastos de aloxamento e manutención dos alumnos durante o período de duración do curso.

b) Gastos de organización e desenvolvemento dos cursos: material didáctico, material de prácticas, viaxes educativas e pagamento de profesorado.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. Os cursos de 30 horas a que se refire o punto 1 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda de ata seis mil pesetas como máximo por alumno e curso, e serán impartidos polos centros de Capacitación Agraria e axencias de Extensión Agraria en réxime de externado e de xeito continuado.

2. Os cursos de 200 horas a que se refire o punto 2 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda de ata cincuenta mil pesetas como máximo por alumno e curso completo ou de ata dez mil pesetas por módulo. Estes cursos serán impartidos nos centros de Capacitación Agraria en réxime de internado e polas áreas de Extensión Agraria nas que non exista un centro de Capacitación Agraria.

3. Os cursos ós que se refire o punto 3 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda de ata dez mil pesetas como máximo por alumno e curso. Estes cursos soamente poderán ser impartidos nos centros de Capacitación Agraria e nas axencias comarcais de Extensión Agraria autorizadas polo xefe de área correspondente.

4. Os cursos a que se refire o punto 4 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda de ata doce mil pesetas como máximo por alumno e curso completo. Estes cursos soamente poderán ser impartidos nas axencias comarcais de Extensión Agraria e en réxime descontinuo.

Artigo 5º.-Solicitude de cursos. Aprobación. Publicidade. Presentación de solicitudes e prazos e criterios para a selección de alumnos.

1. As axencias de Extensión Agraria e os centros de Capacitación Agraria, ó faceren as programacións anuais de actividades presentarán, na Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria, unha proposta de cursos que se realizarán en cada comarca, de acordo coas necesidades detectadas e a demanda da poboación rural.

A adxudicación de cursos a cada unidade será aprobada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural por proposta da Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria, unha vez estudiados estes, o seu custo e as dispoñibilidades orzamentarias.

2. Autorizados os cursos, as unidades encargadas de impartilos farán pública a súa convocatoria atendendo ás condicións, criterios e requisitos marcados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural. O prazo mínimo para a convocatoria dos cursos será de 30 días antes da súa iniciación e para a presentación de solicitudes de asistencia o día anterior ó seu comezo.

No caso de cursos de 200 horas, desenvolvidos de forma modular, a instancia de solicitude será única para a asistencia a tódolos módulos.

De acordo co artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolverá a aprobación dos cursos, e os solicitantes que, unha vez transcorrido o prazo de corenta días desde a convocatoria dos cursos, non foron admitidos, entenderán desestimadas as súas solicitudes. Contra as resolucións que se dicten poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no prazo dun mes se o acto fose expreso, ou de tres meses se non o fose, ou ben impugnar directamente o acto ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa.

3. Os criterios de selección polos que se rexerá a admisión de solicitantes a cada curso serán os seguintes:

a) Estar ligado a unha explotación agraria como titular cultivador directo e persoal, ser cónxuxe ou colaborador da empresa como man de obra familiar ou membro residente nunha comunidade rural.

b) Agricultores novos que solicitaron axudas oficiais para a súa instalación ou modernización das súas explotacións e adquiriron o compromiso de obte-lo diploma de aptitude empresarial no prazo de execución das melloras.

c) Antigüidade na incorporación á empresa agraria.

d) Solicitudes de asistencia a ciclos completos de formación.

Artigo 6º.-Pagamento e xustificación de subvencións.

1. O libramento da subvención para o pagamento do curso realizarase mediante a presentación da relación nominal dos alumnos que participaron nel, debidamente conformada polo xefe provincial de Extensión e Capacitación Agraria. Nela indicaranse: tipo de curso, duración, domicilio, DNI dos asistentes, así como a axuda por alumno e o total do curso. A relación irá xunto coa certificación correspondente expedida polo xefe do Servicio de Capacitación Agraria.

2. A xustificación das axudas realizarase, unha vez efectuado o pagamento dos gastos derivados da realización do curso, mediante a presentación da nómina asinada polos asistentes, debidamente dilixenciada polo xefe da unidade que impartiu o curso e o xefe do Servicio de Capacitación Agraria.

3. As axudas para a asistencia ós cursos establecidos nesta orde serán incompatibles con calquera outra destinada ós mesmos fins.

4. Os beneficiarios están obrigados a facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 7º

As axudas económicas recollidas no artigo 4º desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.322-S.480.0, dotada para 2000 cun importe de 77.735.000 pesetas.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Rural para dictar cantas normas complementarias se consideren de interese para a correcta interpretación e aplicación das que aquí se sinalan. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria