Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 06 de abril de 2000 Páx. 4.800

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 23 de marzo de 2000 pola que se regula a oferta de prazas xuvenís dentro do programa Campaña Verán-2000.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, leva a cabo a promoción e organización de actividades de animación sociocultural destinadas á xuventude no ámbito do ocio e o tempo libre.

Asumidas as competencias neste eido polo Decreto 146/1982, do 1 de decembro, e consciente esta consellería da importancia que ten facilitar canles polas que a xuventude poida participar neste tipo de actividades, é polo que este ano, igual que en anos anteriores, se convoca a Campaña Verán-2000.

A oferta da Campaña Verán-2000 comprende, ademais daquelas que se desenvolven na Comunidade Autónoma galega, actividades de ámbito nacional, tendo lugar a súa celebración noutras comunidades autónomas de España.

A Dirección Xeral de Xuventude pretende desta forma atende-la demanda individual, cada día máis crecente, de mozos e mozas no eido do ocio e o tempo libre. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Co obxectivo de facilitarlle á xuventude a participación en actividades de tempo libre, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, oferta un plan xeral de actividades que se detalla no anexo I da presente orde.

As diferentes actividades que integran esta oferta xeral desenvolveranse tanto en Galicia como nas comunidades autónomas de España, en diferentas quendas de entre unha semana e quince días de duración durante os meses de xullo e agosto.

Nos servicios e oficinas locais de xuventude das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nas oficinas e puntos de información xuvenil da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, na oficina TIVE-Santiago e nas oficinas de información administrativa e atención ó cidadán, os interesados poden solicitar folletos informativos da convocatoria da presente campaña, onde se detalla unha información ampla sobre cada actividade e da instalación xuvenil onde se vai levar a cabo.

Artigo 2º

A Dirección Xeral de Xuventude organiza e coordina tódalas actividades que se realizan fóra da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Oficina de Turismo e Intercambios de Mozos/as e Estudiantes de Galicia (TIVE-Galicia).

Artigo 3º.-Servicios ofertados.

A oferta da Campaña Verán Galicia-2000 supón a inscrición individual, permitíndolle ós participantes dispoñer dos seguintes servicios:

1. Un programa de actividades de carácter socio-cultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación do mozo.

2. Aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.

3. Manutención en réxime de pensión completa.

4. O material necesario para a actividade.

5. Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre.

6. Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.

7. O transporte ata onde se van desenvolve-las actividades que se realicen fóra da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 4º.-Participantes.

Poden solicita-la súa participación nas actividades ofertadas na presente convocatoria os mozos con idades comprendidas no rango de idades que se especifica para cada actividade no anexo I.

En canto á marxe de idade mínima e máxima que se especifica para cada actividade, deberase ter en conta:

1. As idades mínimas que se especifican para cada actividade entenderanse cumpridas durante o ano 2000, agás nos casos en que a idade mínima sexa os 18 anos, en que se entenderán cumpridos antes do comezo da actividade.

2. En relación ó tope máximo de idade establecido para cada actividade, os solicitantes cunha idade que coincida coa establecida como idade máxima para participar na actividade solicitada, deberán tela

o 1-7-2000 para aquelas que se desenvolvan en xullo e o 1-8-2000 para as que se desenvolvan en agosto.

Non se admitirán aquelas solicitudes nas que o solicitante non cumpra os ditos requisitos de idade para a actividade solicitada.

Artigo 5º.-Solicitude.

1. As solicitudes deberán formularse no impreso que se indica no anexo II desta orde. Cada mozo unicamente poderá cubrir unha solicitude e un máximo de cinco quendas ou actividades por solicitude. (Cada quenda ou actividade vai identificada cun código no anexo I desta orde).

2. As solicitudes dirixiranse á directora xeral de Xuventude e poderán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Así mesmo, admitiranse aquelas solicitudes que se reciban a través da rede Internet na páxina con enderezo (u.r.l.) http://www.xunta.es/adm/campalbe.htm.

O interesado será responsable da seguridade dos datos incluídos na solicitude ata que non se almacenen na base de datos da Xunta de Galicia.

O interesado poderá comproba-la recepción da súa solicitude a partir do 5 de maio no teléfono xove: 902 15 25 35.

Artigo 6º.-Prazo.

O prazo de solicitude iniciarase o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 26 de abril de 2000.

Artigo 7º.-Adxudicación de prazas.

A adxudicación realizarase da seguinte forma:

1. Por adxudicación directa, no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles.

2. Por sorteo, por medios informáticos, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles.

O sorteo realizarase o día 10 de maio de 2000 nas dependencias da Secretaría Xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en Santiago de Compostela.

A Dirección Xeral de Xuventude fará público o resultado do sorteo e confeccionará a correspondente lista de admitidos para cada quenda e actividade. As ditas listas serán expostas o día 12 de maio na Dirección Xeral de Xuventude, no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos rexistros e servicios de Xuventude das súas delegacións provinciais, e no Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán de Santiago de Compostela.

Artigo 8º.-Documentación.

Os participantes seleccionados deberán presentar na delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde se vaia desenvolve-la actividade, ou na Dirección Xeral de Xuventude, no caso das actividades pluriprovinciais (que se desenvolven en dúas ou tres instalacións de diferentes provincias) ou actividades que se realicen fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dez días contados desde o día seguinte ó da data de exposición das listas, a seguinte documentación:

-Xustificación de pagamento (impreso oficial).

-Fotocopia do DNI ou da folla correspondente do libro de familia.

-Fotocopia de documento de afiliación á Seguridade Social ou seguro médico.

-Cuestionario médico-sanitario (anexo III).

-Certificado médico de non padecer ningunha enfermidade e de ser apto para participar na actividade.

-Declaración xurada de que sabe nadar, só para os participantes en actividades de náutica.

En caso de non presenta-la antedita documentación no prazo indicado a praza pasará á oferta pública, aplicándose o procedemento disposto no artigo 9º desta orde.

Artigo 9º.-Adxudicación das prazas de resultas.

1. As prazas que non se cubrisen polo procedemento de adxudicación establecido no artigo 7º, así como as vacantes que se produzan, xa sexa por renuncia do interesado ou por non presenta-la documentación referida no artigo 8º desta orde en prazo, concederanse por adxudicación directa segundo se vaian solicitando.

Para estes efectos, durante os días 2, 5 e 6 de xuño poderán solicita-las prazas vacantes todos aqueles solicitantes ós que non se lles adxudicou praza no sorteo.

Transcorrido o dito período, as prazas vacantes poderán ser solicitadas por calquera persoa interesada, sempre e cando cumpra as limitacións de idade a que fai mención o artigo 4º desta orde.

2. Para solicita-las prazas de resultas, o interesado poderá efectua-la oportuna reserva da praza, no caso de que existan vacantes, persoalmente ou por teléfono a través de calquera servicio de Xuventude das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ou da Dirección Xeral de Xuventude.

Unha mesma persoa non poderá reservar máis dunha praza. A reserva de prazas poderase efectuar en horario de 9 a 14 horas, en días laborables, agás sábados.

3. Unha vez efectuada a reserva de praza, o interesado disporá dun prazo de 48 horas para presenta-lo impreso que se indica no anexo II desta orde debidamente cuberto, e a documentación relacionada no artigo 8º. Os solicitantes ós que non se lles adxudicou praza no sorteo, non terán que presenta-lo anexo II. Esta documentación poderá presentala en calquera das oficinas anteriormente relacionadas. En caso contrario, perderá o dereito á praza reservada.

4. No anexo IV indícanse os enderezos, os teléfonos e fax das oficinas administrativas a través das que poderá efectuarse a oportuna reserva de praza, para os efectos do disposto neste artigo.

Artigo 10º.-Prezos.

Os prezos de aplicación para cada actividade e quenda aparecen detallados no anexo I desta orde, de acordo co sinalado na Orde do 3 de xaneiro de 2000 (Diario Oficial de Galicia do 21 de xaneiro de 2000).

Artigo 11º.-Devolucións de cota.

1. Se, unha vez obtida a praza e aboado o prezo correspondente, o interesado non puidese asistir á actividade, só terá dereito á devolución deste no caso de que comunique a renuncia á praza por escrito e solicite a devolución da cantidade aboada polo menos vinte días antes do inicio da actividade, salvo causa de forza maior que impida a participación na actividade. Esta última circunstancia deberá acreditarse documentalmente e será valorada polo órgano encargado de resolve-la solicitude.

2. Para estes efectos haberá á disposición dos interesados un modelo normalizado de solicitude de devolución de cota de participación na Dirección Xeral de Xuventude e nos servicios de Xuventude das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

3. A solicitude deberá dirixirse ó delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde se vai desenvolve-la actividade, ou á directora xeral de Xuventude no caso das actividades que se desenvolvan en máis dunha provincia ou fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, que serán os órganos encargados de resolver en cada caso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleria de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

-Dirección Xeral de Xuventude:

Enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 3, 1 - 15771 Santiago de Compostela.

Teléfono: 981 54 48 67. Fax: 981 54 58 43.

-Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude - Servicio de Xuventude da Coruña:

Enderezo: r/ Durán Loriga, 9. 15003 A Coruña.

Teléfono: 981 22 65 50. Fax: 981 22 13 36.

-Oficina Local de Ferrol:

Enderezo: r/ Magdalena, 123-1º. 15402 Ferrol.

Teléfono: 981 35 03 00.

-Oficina TIVE Santiago:

Enderezo: Praza do Matadoiro, s/n. 15703 Santiago de Compostela.

Teléfono: 981 58 39 00/57 24 26.

-Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude - Servicio de Xuventude:

Enderezo: Ronda da Muralla, 70. 27071 Lugo.

Teléfono: 982 29 43 52. Fax: 982 29 43 39.

-Delegación Provincial de Ourense da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude - Servicio de Xuventude Ourense:

Enderezo: Avda. La Habana, 81 baixo. 32004 Ourense.

Teléfono: 988 38 61 20. Fax: 988 38 61 19.

-Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.- Servicio de Xuventude:

Enderezo: r/ María Berdiales, 20. 36203 Vigo.

Teléfono: 986 81 70 78. Fax: 986 81 70 82.

-Oficina Local de Pontevedra:

Enderezo: Benito Corbal, 47-2º. 36001 Pontevedra.

Teléfono: 986 80 55 32/31. Fax: 986 80 55 54.