Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 06 de abril de 2000 Páx. 4.792

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 4 de abril de 2000 pola que se modifica o Regulamento da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

Por Orde do 3 de novembro de 1994 (DOG nº 224, do 21 de novembro), a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes aprobou o Regulamento da denominación específica Ternera Gallega e do seu consello regulador, que foi ratificado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación mediante Orde do 18 de abril de 1995 (BOE nº 99, do 26 de abril), e posteriormente rexistrada como Indicación Xeográfica Protexida mediante a publicación do Regulamento (CE) 2400/1996, do 17 de decembro (DOCE L 327, do 18 de decembro).

Por Orde do 15 de marzo de 2000 da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria (DOG nº 53, do 16 de marzo), o presidente deste consello regulador cesou, por petición propia, nas súas funcións, creándose unha situación de vacante na representación do dito consello ó non existir nomeado ningún vicepresidente.

Con carácter xeral, o Regulamento da IXP establece, no seu artigo 36.2º, o mecanismo para a designación do presidente e vicepresidente. Por outra parte, no artigo 38.4º fíxase un procedemento para a designación do presidente que non coincide co disposto no artigo 36.2º. Ademais, a Orde do 3 de novembro da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no seu artigo 36.2º presenta unha redacción non concordante co mesmo artigo 36.2º da correspondente orde de ratificación polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Orde do 18 de abril de 1995).

Ademais, o regulamento non establece as normas que rexen no funcionamento do consello regulador nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal que afecte ó presidente, nin recolle a posibilidade de adoptar acordos cando non estean presentes a metade máis un dos seus membros.

Polo tanto, co obxecto de dotar dunha maior homoxeneidade ó procedemento de designación dos cargos de presidente e vicepresidente, así como para regula-las situacións recollidas no parágrafo anterior, faise necesaria a modificación do Regulamento da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e do seu consello regulador.

En consecuencia, e de conformidade co artigo 30.I.3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 36.2º, 38.4º e 39.4º do Regulamento da IXP. Ternera Gallega, aprobado pola orde da Consellería de Agricultura,

Gandería e Montes, do 3 de novembro de 1994, e ratificado pola orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 18 de abril de 1995, que quedan redactados como se expresa a continuación:

«Artigo 36.2.-O presidente e vicepresidente serán designados polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria de entre os candidatos propostos polos vocais do consello regulador.

Artigo 38.4 a).-Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente será substituído polo vicepresidente e, na súa ausencia, polo vocal de maior antigüidade e idade, por esta orde, ata a designación do novo presidente.

4 b).-No caso de demisión, cesamento, abandono ou falecemento do presidente ou do vicepresidente, os vocais do consello regulador realizaranlle unha proposta no prazo dun mes á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para a designación do(s) seu(s) substituto(s), nos termos establecidos no artigo 36.2º deste regulamento.

Artigo 39.4.-Os acordos do consello regulador adoptaranse por maioría dos membros presentes, e para que estes sexan válidos, será necesario que concorran, en primeira convocatoria, máis da metade dos seus membros, sendo en segunda convocatoria suficiente con que concorran máis dun tercio destes. O presidente terá voto de calidade».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria