Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 06 de abril de 2000 Páx. 4.789

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 29 de marzo de 2000 pola que se establecen axudas para viaxes colectivas de interese agrario.

A realización de viaxes de interese agrario contribúe á innovación empresarial e tecnolóxica e ó coñecemento de técnicas, equipos, instalacións, métodos de traballo e novas experiencias prácticas, que poden ser aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia co fin de mellora-la rendibilidade das explotacións agropecuarias e das industrias agroalimentarias galegas. Polo tanto, esta consellería considera necesario apoia-la realización deste tipo de viaxes, por proposta do sector, e sempre que cumpran as expectativas sinaladas anteriormente.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.1 e 3, do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer e regula-la concesión de axudas ás viaxes e visitas técnicas colectivas de interese agrario realizadas no ano 2000.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas:

-Cooperativas agrarias, organizacións profesionais, agrupacións de agricultores e asociacións relacionadas co sector agropecuario, sempre que estean legalmente constituídas.

-Asociacións empresariais e outras entidades de carácter representativo relacionadas co sector agroalimentario, sempre que estean legalmente constituídas.

Artigo 3º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Entre os gastos que ocasiona a viaxe, poderán subvencionarse os de desprazamento e os de aloxamento e manutención.

2. A subvención poderá chegar ata o 50% dos referidos gastos.

3. Esta consellería, se o considera oportuno e en función das características da viaxe, poderá establecer uns importes máximos auxiliables por persoa e día, para os capítulos de gastos citados anteriormente.

4. En calquera caso, a subvención total non poderá supera-las contías seguintes:

-10.000 ptas. por persoa e día de viaxe.

-60.000 ptas. por persoa que efectivamente realice a viaxe.

-1.200.000 ptas. por viaxe subvencionada.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, documentación e prazos.

1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo adxunto, debidamente cuberto e asinado polo presidente ou representante legal da organización, agru

pación ou asociación solicitante. Ademais, deberá acompañarse a seguinte documentación:

-Copia compulsada do CIF da entidade solicitante.

-Copia dos seus estatutos.

-Breve memoria, que conteña os obxectivos xerais da viaxe.

-Datas e programa da viaxe, incluíndo a relación de visitas e contactos técnicos que se van realizar, a descrición e a xustificación do seu interese.

-Nomeamento do coordinador da viaxe e copia do seu DNI.

-Relación de agricultores e/ou outras persoas relacionadas co sector agroalimentario que estea previsto que participen na viaxe. En calquera caso, o seu número non poderá ser superior a 50.

-Orzamento da viaxe desagregado por capítulos e o seu financiamento.

-Certificación bancaria do número de conta.

2. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería, nas súas delegacións provinciais ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Non se subvencionarán viaxes que se realicen con posterioridade ó 30 de setembro do presente ano, salvo que se sinale expresamente o contrario na resolución de concesión.

Artigo 5º.-Tramitación, criterios de valoración e concesión.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación procederá á súa revisión e tramitación. Se as solicitudes non estivesen debidamente cubertas ou non se acompañase a documentación esixida, requiriranse os interesados para que nun prazo máximo de dez días emenden os erros ou acheguen os documentos preceptivos, coa advertencia de que de non facelo terase por desistido da súa petición e arquivarase a solicitude, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Para aproba-las solicitudes de axuda consideraranse como criterios de preferencia:

-O interese das visitas e dos contactos técnicos programados.

-A relación existente entre o programa de visitas e a actividade productiva desenvolvida polos membros da entidade solicitante.

-O número de participantes, que deberá ser acorde co tipo de viaxe realizada.

-O menor número de solicitudes de subvención para viaxes que se lle concederon a cada entidade solicitante nos últimos 5 anos.

3. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, unha vez revisadas e valoradas as solicitudes presentadas, resolverá e comunicaralles ós beneficiarios a concesión da axuda e o seu importe previsto, en función das peticións presentadas e da dotación orzamentaria existente para esta liña de axudas. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

4. O prazo para resolver será de seis meses, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas unha vez transcorrido o devandito prazo sen recaer resolución expresa.

Artigo 6º.-Financiamento.

As axudas establecidas na presente orde imputaranse á aplicación orzamentaria 09.04.612-A.470.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, dotada cun importe inicial de nove millóns seiscentas mil pesetas (9.600.000 ptas.), así como con outros remanentes que puideran existir na mesma aplicación.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1. Previamente ó pagamento da axuda, os solicitantes deben presentar:

-Informe da viaxe efectuada, sinalando aquelas incidencias e aspectos técnicos máis interesantes. Debe asinalo o coordinador da viaxe e o presidente da entidade solicitante.

-Relación definitiva de tódolos participantes na viaxe, cos seus correspondentes datos persoais.

-Relación de facturas e recibos orixinais, ou as súas copias compulsadas. Nas facturas e recibos deberán consta-las datas da viaxe, cantas persoas a realizaron, os lugares visitados e o medio de transporte utilizado.

-Certificación sobre outras axudas concedidas ou solicitadas para o mesmo fin.

-Calquera outra documentación que expresamente se sinale na resolución de concesión desta axuda.

2. A documentación e xustificantes, tal e como se requiren neste artigo, deben presentarse nun prazo máximo de 15 días naturais a partir da data de finalización da viaxe. O non cumprimento deste prazo poderá implica-la perda da subvención aprobada.

3. O pagamento da axuda concedida queda condicionado á realización da viaxe de acordo co programa presentado pola entidade solicitante e aprobado pola consellería.

4. O importe definitivo da axuda determinarase en función da documentación presentada. No caso de que os gastos totais xustificados sexan inferiores ós orzados, practicarase a reducción proporcional correspondente. Igualmente se fará se o número de participantes é inferior en máis dun 10% ó previsto inicialmente.

5. A concesión e percepción desta axuda polos beneficiarios é incompatible con calquera outra concedida polas administracións públicas para a mesma finalidade.

Artigo 8º.-Seguimento e control.

1. Os beneficiarios deberán comunicarlle á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, con antelación suficiente, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente ó destino ou á correcta aplicación da subvención concedida.

2. Así mesmo, deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as comprobacións que considere oportunas para o seu seguimento e control. Tamén facilitarán a documentación complementaria que se puidese solicitar ó respecto.

3. En caso de que os beneficiarios desta axuda non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, aplicaráselle-lo establecido no artigo 7 da Lei 8/1999, da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

A Xunta de Galicia poderá interpoñe-las accións legais correspondentes para esixi-las responsabilidades a que houber lugar en dereito.

Artigo 9º.-Réxime de recursos.

A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las normas necesarias para a correcta aplicación e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria