Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 06 de abril de 2000 Páx. 4.784

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 29 de marzo de 2000 pola que se establecen bolsas de prácticas para titulados en especialidades agrarias.

Coa finalidade de que os recentemente titulados en especialidades agrarias adquiran maiores coñecementos prácticos nas materias propias dos seus estudios, que lles permitan unha mellor preparación para o seu futuro profesional, esta consellería considera interesante establecer unha liña de axudas en forma de bolsas de prácticas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Establécense axudas económicas, que no sucesivo denominaremos bolsas, para realizar prácticas en temas agrarios, conforme as bases contidas na presente orde.

Artigo 2º.-Finalidade.

As bolsas concederanse para o desenvolvemento de estudios e prácticas formativas en materia agraria. As prácticas realizaranse en empresas e entidades relacionadas co sector agrario, así como en unidades da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Artigo 3º.-Carácter das bolsas.

As bolsas teñen carácter formativo e non implican relación laboral nin administrativa dos beneficiarios coas empresas e entidades, nin coa Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, aínda que si a necesaria dependencia administrativa en relación co horario, normas de réxime interno e disciplinas da empresa, entidade ou unidade administrativa onde se realicen as prácticas.

As bolsas tampouco darán lugar á súa inclusión na seguridade social. Nembargantes, suscribiráselles a tódolos bolseiros unha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o tempo de duración das prácticas.

Artigo 4º.-Destinatarios e número de bolsas.

Establécense un total de ata 40 bolsas de prácticas, destinadas ós titulados recentemente como enxeñeiros agrónomos, enxeñeiros técnicos agrícolas ou veterinarios.

Artigo 5º.-Duración e contía económica.

Tódalas bolsas terán unha duración mínima de 3 meses e realizaranse prioritariamente en xullo, agosto e setembro do presente ano. Neste período o seu importe económico total será de 300.000 pesetas, a razón de 100.000 ptas./mes.

Poderán prorrogarse ata 10 bolsas, por proposta da comisión de valoración, por un período de 3 meses, preferentemente outubro, novembro e decembro deste ano. O seu importe económico tamén será de 300.000 pesetas, a razón de 100.000 ptas./mes.

Artigo 6º.-Empresas interesadas. Documentación.

1. As cooperativas agrarias, industrias agroalimentarias, consellos reguladores e demais empresas e entidades relacionadas co sector agrario interesadas en acoller algún bolseiro en período de prácticas, das titulacións que se relacionan no artigo 4º desta orde, durante un período de 3 ou de 6 meses, sen custo ningún para elas, solicitarano ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2. As solicitudes presentaranse segundo o modelo adxunto, debidamente cuberto e asinado polo presidente ou representante legal da empresa ou entidade peticionaria, acompañadas da seguinte documentación:

-Breve memoria, xustificando a petición e especificando o tipo de prácticas que se van realizar, duración, horario, etc, así como a titulación do bolseiro que demandan, que se trataría de satisfacer na medida en que sexa posible.

-Fotocopia do CIF da empresa ou entidade.

-Fotocopia dos TC1 e 2 do último mes, para acredita-lo seu cadro de persoal.

Artigo 7º.-Bolseiros. Requisitos.

1. Poderán solicitar estas bolsas aquelas persoas que:

-Teñan a condición de galegos ou que alomenos residan actualmente en Galicia.

-Obtivesen o título de enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou veterinario, con posterioridade ó 30 de xuño de 1997.

-Non se beneficiasen xa anteriormente desta bolsa como titulados.

2. Estas bolsas son incompatibles con calquera outra e co traballo remunerado de carácter fixo ou temporal durante o seu período de duración.

Artigo 8º.-Bolseiros. Documentación.

As solicitudes presentaranse segundo o modelo adxunto, debidamente cuberto e asinado polo interesado, acompañadas da seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Declaración xurada do interesado, na que faga constar que cumpre os requisitos sinalados no artigo 7º desta convocatoria e que non realiza ningún traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa á vez.

-Copia compulsada do título ou xustificante de similar valía, expedido polo centro onde cursou os seus estudios.

-Copia compulsada da certificación sobre a cualificación media global que obtivo na súa carreira, a poder ser expresada numericamente.

-Acreditación, en orixinal ou copia compulsada, do coñecemento da lingua galega.

Artigo 9º.-Presentación de solicitudes e prazo.

As solicitudes irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería, nas súas delegacións provinciais ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Tanto as empresas como os titulados en especialidades agrarias interesados en solicitar estas bolsas de prácticas deberán presenta-las respectivas solicitudes no prazo de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Tramitación.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación procederá á súa revisión e tramitación. Se as solicitudes non estivesen debidamente cubertas ou non se acompañase a documentación esixida, requiriranse os interesados para que nun prazo máximo de dez días emenden os erros ou acheguen os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o faceren, teranse por desistidos da súa petición e arquivarase a solicitude, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Selección das empresas.

Terán preferencia aquelas empresas e entidades que:

-Teñan previsto amplia-lo seu cadro de persoal nos 6 meses seguintes á petición do bolseiro, sempre que o xustifiquen na memoria de solicitude.

-Ofrezan para o bolseiro un posto en prácticas acorde coa súa titulación.

Artigo 12º.-Selección dos bolseiros.

1. A selección dos bolseiros faraa unha comisión de valoración presidida polo director xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e da que tamén forman parte, como secretario, un funcionario do Servicio de Fomento Asociativo, e como vocais o subdirector xeral de Industrias Agroalimentarias e o xefe de Servicio de Fomento Asociativo.

2. A selección realizarase tendo en conta:

* A cualificación media global da carreira, expresada numericamente. Se a nota da carreira non se

detallase en número, para efectos de efectua-la selección dos bolseiros tomaranse como referencia os seguintes valores: aprobado-1, notable-2, sobresaínte-3 e matrícula de honra-4.

* Os coñecementos de galego. Valoraranse a razón de 0,2 puntos polo nivel de iniciación e de 0,4 puntos polo nivel de perfeccionamento, sen que sexan acumulables ámbalas dúas puntuacións.

* No caso de que varios solicitantes teñan a mesma puntuación, usaranse como criterios de desempate: en primeiro lugar, a maior antigüidade na data de obtención do título; e en segundo lugar, a maior idade dos solicitantes.

3. Unha vez rematado o proceso de selección, a comisión de valoración confeccionará a lista de posibles bolseiros, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. Esta lista exporase no taboleiro de anuncios da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, nos servicios centrais, en San Caetano, Santiago de Compostela. Tamén estará á disposición dos interesados no Servicio de Fomento Asociativo da devandita consellería para calquera consulta, tanto persoal como telefonicamente. O prazo de exposición e consultas terá lugar previsiblemente entre o 1 e o 10 de xuño próximo.

4. De igual forma exporase a relación de bolsas de prácticas que se ofertarán, especificando a empresa, entidade ou unidade desta consellería onde se van realizar, en qué localidade, a titulación preferente requirida e cáles son as bolsas susceptibles de prorrogarse ata unha duración máxima de 6 meses.

Artigo 13º.-Proceso de elección das bolsas de prácticas.

1. O día 15 de xuño, ás 12 horas da mañá, no salón de actos da Consellería da Presidencia e Administración Pública, en San Caetano, Santiago de Compostela, convócase a tódolos posibles bolseiros para que cada un elixa a bolsa de prácticas que máis lle interese.

2. O proceso de elección farase pola orde de puntuación, de maior a menor. Primeiro elixirán os enxeñeiros agrónomos, despois os licenciados en veterinaria e finalmente os enxeñeiros técnicos agrícolas. O número de bolsas a escoller será dun tercio para cada unha das titulacións citadas, salvo que nalgunha delas quedasen vacantes, que entón poderán acumularse ás outras, segundo criterio da comisión de valoración.

3. Aqueles bolseiros que o día 15 de xuño non se presenten ou non estean representados mediante suficiente acreditación no proceso de elección entenderase que renuncian á bolsa de prácticas que lles puidese corresponder.

4. Con todos aqueles candidatos que non obtiveron bolsa de prácticas, sempre que cumpran os requisitos esixidos nesta orde e que estivesen presentes o devandito 15 de xuño no proceso de elección, conformarase unha lista de suplentes, ordenada de maior a menor segundo a súa puntuación, para cubrir posi

bles baixas que se produzan durante o período de duración das bolsas de prácticas concedidas.

5. Calquera modificación significativa que puidese ter lugar en relación coa elección das bolsas comunicaríaselle previamente a tódolos candidatos.

Artigo 14º.-Resolución e aceptación das bolsas de prácticas.

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria resolverá a concesión destas bolsas, segundo proposta da comisión de valoración, unha vez rematados os procesos de selección e elección.

2. O prazo total para resolver será de seis meses, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas cando transcorra o devandito prazo sen que recaese resolución expresa.

3. No prazo dos 5 días naturais seguintes á data de elección, os bolseiros deberán comunicar ó Servicio de Fomento Asociativo, mediante escrito asinado polo interesado, a aceptación da bolsa de prácticas concedida, de acordo co establecido nesta orde.

Artigo 15º.-Xustificación e pagamento.

1. Se se produce calquera incidencia no desenvolvemento dalgunha das bolsas de prácticas que poida afecta-lo seu pagamento, o responsable correspondente da empresa, entidade ou unidade desta consellería, ten a obriga de comunicala rapidamente ó Servicio de Fomento Asociativo. Se antes de rematar cada mes non se comunicou ningunha incidencia, entenderase, baixo a súa responsabilidade, que o bolseiro cumpriu correctamente co labor encomendado.

2. Nos 15 días seguintes á finalización do período de prácticas, os bolseiros remitirán ó antedito servicio un informe final de aproximadamente 5 páxinas, no que resuman a totalidade do traballo e actividades realizadas. Xunto co informe deberán presentar declaración sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin.

3. Ó finaliza-la bolsa de prácticas, o responsable da empresa, entidade ou unidade desta consellería, tamén deberá remitir un breve informe sobre o traballo desempeñado polo bolseiro.

4. O pagamento farase a mes vencido, con excepción do establecido no punto 1º deste artigo. No caso do último mes, o pagamento estará condicionado a que previamente se reciban os informes e a declaración citados nos puntos 2 e 3.

5. Se durante o período de prácticas o bolseiro causa baixa ou perde a condición como tal, poderáselle paga-lo importe correspondente ós meses vencidos que estean pendentes, pero en ningún caso se lle pagarán fraccións mensuais.

Artigo 16º.-Financiamento.

O importe destas bolsas de prácticas sufragarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.611A.481.1

Axudas a estudios e traballos sobre temas agrarios, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, dotada cun importe inicial de seis millóns de pesetas (6.000.000 de ptas.), así como con outros remanentes que puideran existir na mesma aplicación.

Artigo 17º.-Perda da condición de bolseiro.

1. O bolseiro perderá a condición como tal:

-No momento en que incumpra calquera dos requisitos que se establecen nesta orde.

-Se non se presenta ou deixa de asistir ó posto onde realiza as prácticas.

-Cando o responsable da unidade, empresa ou entidade emita informe negativo sobre a actitude do bolseiro no desempeño do labor encomendado.

2. Ó perde-la condición de bolseiro tamén deixará de percibi-lo importe correspondente, aplicándose esta condición con carácter retroactivo desde o primeiro día do mes en curso.

3. Os bolseiros que causen baixa serán substituídos, se é posible, polos candidatos incluídos na lista de suplentes, que se convocarán persoal ou telefonicamente de forma correlativa.

4. Tamén se lles poderá anula-la concesión do bolseiro a aquelas empresas ou entidades en que o traballo de prácticas desenvolvido non garde relación co descrito na solicitude. Ó bolseiro afectado poderáselle habilitar outra bolsa de prácticas alternativa, sempre que sexa posible.

Artigo 18º.-Seguro.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria contratará unha póliza colectiva de seguro de accidentes para tódolos bolseiros durante o período de prácticas.

Artigo 19º.-Réxime de recursos.

A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación desta consellería para dicta-las normas necesarias para a correcta aplicación e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria