Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 06 de abril de 2000 Páx. 4.781

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de marzo de 2000 pola que se anuncia a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, a empresas xornalísticas e de radiodifusión.

En cumprimento do disposto no Decreto 37/2000, do 18 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión e, en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O obxecto da presente orde é a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, a empresas xornalísticas e de radiodifusión, que realicen publicacións ou emisións diarias, ou transmitan a súa actividade informativa diaria a través de Internet.

Artigo 2º

Poderán solicita-las axudas obxecto da presente orde as empresas xornalísticas e de radiodifusión que, reunindo os requisitos establecidos no Decreto 37/2000, do 18 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 71/1999, do 18 de marzo, publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas á observancia das finalidades previstas no artigo 2 do devandito decreto.

Artigo 3º

Quedan excluídos da concesión de axudas:

a) Os boletíns interiores de institucións.

b) As publicacións de partidos políticos, asociacións relixiosas ou entidades públicas.

c) As de distribución gratuíta.

d) As publicacións ou emisións que reciban axudas doutros organismos da Xunta de Galicia por conceptos similares ós previstos no decreto citado anteriormente.

Artigo 4º

A contía global das axudas non poderá exceder de cento cincuenta millóns (150.000.000) de pesetas, e serán concedidas con cargo á aplicación orzamentaria 04.08.353E 470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Cada subvención individualizada non superará o 50% do importe total do orzamento das axudas.

Artigo 5º

As solicitudes, axustadas ó modelo oficial que se publica como anexo desta orde, dirixiranse ó secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

A) Empresas xornalísticas:

1. Memoria na que se faga consta-los números publicados desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 1999, número de traballos ou artigos escritos en lingua galega durante o mesmo período e porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e difusión da identidade e cultura de Galicia.

2. Testemuño auténtico da escritura de poder cando o solicitante actúe en representación da persoa física ou xurídica titular do medio.

3. Certificación da inscrición no Rexistro Mercantil, ou no do órgano correspondente.

4. Copia do documento nacional de identidade do solicitante ou representante.

5. Copia do pagamento do imposto sobre actividades económicas (IAE).

6. Xustificación de estar ó día nos pagamentos das obrigas tributarias e á Seguridade Social.

7. Certificación de non ter contraída ningunha débeda coa Comunidade Autónoma.

8. Declaración do número de exemplares difundidos da publicación de que se trate durante o período do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 1999, acompañada da documentación que o acredite. No caso de empresas que emitan a través de internet, presentarán declaración do número de visitas ou consultas efectuadas no período citado anteriormente. Incidirá especialmente na valoración a certificación expedida pola Oficina da Xustificación da Difusión (OXD), coa difusión no período do 1 de xaneiro o 31 de decembro de 1999.

9. Declaración xurada do representante da empresa responsabilizándose de que continuará realizando as publicacións en galego ata o 31 de decembro de 2000 no caso de ser beneficiaria da axuda.

10. Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

B) Empresas de radiodifusión:

1. Memoria na que se faga consta-la programación, especificando qué parte dela se realiza en lingua galega. Este último extremo acreditarase mediante declaración xurada.

2. A que se establece nos números 2, 3, 4, 5, 6, 7 e 10 da letra A do presente artigo.

3. Informe do Estudio Xeral de Medios relativo á audiencia acumulada da emisora solicitante durante o período do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 1999.

4. Declaración xurada do representante da empresa responsabilizándose de que continuará realizando as emisións en galego ata o 31 de decembro de 2000 no caso de ser beneficiaria da axuda.

Artigo 6º

As solicitudes poderán presentarse no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, sito no edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, directamente ou a través dos procedementos establecidos nos artigos 38.4º e 38.5º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais a partir do 31 de maio de 2000.

Artigo 7º

As solicitudes presentadas serán tramitadas polo servicio competente da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos. As ditas solicitudes serán avaliadas por unha comisión integrada polos seguintes membros:

Presidente: o secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

Vocais:

-O director xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou persoa en quen delegue.

-Un funcionario da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos con categoría non inferior á de xefe de servicio.

-O director do Gabinete de Comunicación.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos con categoría non inferior á de xefe de negociado.

Artigo 8º

A valoración das solicitudes presentadas basearase nos seguintes criterios:

a) Uso da lingua galega.

b) Tiraxe de exemplares.

c) Número de lectores ou oíntes.

d) Número de visitas ou consultas.

e) Porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e difusión da identidade e cultura de Galicia.

Artigo 9º

A comisión poderá solicitar tódolos informes que considere necesarios elevando proposta ó conselleiro

da Presidencia e Administración Pública, para que adopte a resolución que proceda. A dita resolución pon fin á vía administrativa, e contra esta poderase interpoñer, no prazo de dous meses desde a súa notificación, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 10º

A concesión ou denegación da presente liña de subvencións, axustarase ós artigos 42 e 43.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Polo tanto no prazo de seis meses desde a data de publicación desta convocatoria, dictarase resolución expresa, e notificarase a cada unha das empresas ou entidades solicitantes.

Artigo 11º

Con independencia da súa contía, e antes de proceder ó seu aboamento, os beneficiarios da subvención deberán aceptala expresamente e terán que acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias e sociais, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e en calquera caso antes de efectua-lo pagamento da axuda, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O pagamento farase efectivo na súa totalidade unha vez adoptada a resolución á que se refire o artigo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos na presente orde, aplicarase ademais do Decreto 37/2000, do 18 de febreiro, os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como a Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Segunda.-Facúltase o secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública